Exeria, un grupo de grunge/rock 90´s en galego formado en 2021, paricipará este sábado 3 de xuño no concurso de bandas do Trece Roeis Fest en Ferreira de Pantón as 19:30h. E rematarán a festa en ORIGEN, O Porriño as 21:30h .
Esta banda xa lanzara o pasado 11 de marzo o seu primeiro sinxelo, Un novo nome acompañado dun videoclip dirixido polo artista multidisciplinar Wences Lamas.
Ti, que ao ancián Selenio, ás costas levaches, aquel que tivo a ben criar a Dionisio, deus do viño; que a Abrahan, Moisés e David, de igual xeito, carrexaches a lombo…
Ti, que por voz de Yaveh, fuches capaz de falar a Balaan, teu amo; que outro deus, Alá, ás che concedeu para que o profeta Muhammad ao ceo levaras…
Ti, que a Xesús salvaches de Herodes, lle deches calor e acougo, e logo con el entraches en Xerusalén…
Ti, noble e intelixente, asno de Apuleyo, Platero de Juan Ramón Jiménez, “rucio” de Sancho Panza …
Ti, que toleras inxustamente, humillacións e desprezos.
Ti, que por non soportar malos tratos, dinche, teimudo.
Ti, que desbordas sensibilidade…
Por que te chaman burro? Ou mellor, por que chaman “burro” a alguén que as túas cualidades non ten?
Porque non es dócil coma o cabalo, porque te plantas ante o abuso, porque non cedes, pola túa rebeldía…
É por iso, que en vinganza te transforman no que non es, é por iso que de ti se mofan…
De ti, por séculos, símbolo e emblema da nosa Galicia rural.
Por todo isto, louvado sexas, équido africano e por sempre vivas na nosa eterna nenez!
Achégome a Ultraluz con certa curiosidade. Teño lido varias obras de Ledicia Costas, destinadas tanto ao público infantil- xuvenil coma ao adulto, mais sempre desde a narrativa. Descoñecía a súa faceta poética. Que podería atopar tras da mirada fixa desa nena da portada, que nos evoca a unha Alicia no País das Marabillas, sostendo unha enorme cunca?
Efectivamente, seguindo os pasos desa intuición, descubro que as páxinas de Ultraluz están impregnadas pola maxia da infancia. A autora artella, desde ese fío da fantasía, que tan ben manexa, un cosmos de luces e sombras, convidándonos a entrar nel e a beber, coma o resto de criaturas, da apócema da beleza.
Sorpréndeme novamente Ledicia Costas, porque aínda recoñecendo algúns dos trazos da súa escrita, é quen de ofrecernos unha poesía diferente. Unha poesía que chama por nós, coma un personaxe misterioso, para mergullarnos nun universo tan real e onírico asemade .
“alá onde remata o mundo mordemos as costuras para ser libres”.
‘Que é a música para ti?’ é a pregunta que o festival lanza ao público, quen poderá responder até o 21 de xuño a través dunha nota de voz cunha duración máxima de 10 segundos
As respostas poderanse escoitar, en aberto, nunha instalación que revivirá a primeira máquina de discos de música gravada situada no espazo público a finais do século XIX
As entradas para asistir ao festival están practicamente esgotadas, agás para a tarde do venres 21, unicamente dispoñibles desde o embarcadoiro de Meirande
‘Que é a música para ti?’: esta é a consulta que o Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo, lanza ao seu público. O evento ábrese á participación e presenta deste xeito a primeira das actividades paralelas musicais que, ao abeiro de A Escola Sinsal, o proxecto didáctico e divulgativo do festival, ofrecerá ás e aos asistentes. As respostas do público, que poderán chegar a través dunha nota de voz, formarán parte das Audicións San Simón, unha proposta que revivirá a primeira máquina de discos con música gravada instalada no espazo público a finais do século XIX.
A gramola, tamén coñecida coma jukebox, rockola ou máquina de discos (en galegotocadiscos de moeda),deuse a coñecer no espazo público un 23 de novembro do 1889 en San Francisco e converteuse nunha sensación pública, ademais dunha importantísima fonte de ingresos que salvou o fonógrafo de Edison do fracaso industrial. Consiste nun fonógrafo automático que reproduce un cilindro fonográfico e sustitúe a campá acústica por unha instalación de auriculares por tubo. Este enxeño mecánico fixo posible o a acción colectiva da escoita de música con auriculares: entre 10 e 12 persoas podían escoitar un audio ao mesmo tempo.
Coa idea de revivir e poñer en valor o feito da escoita colectiva de música, o festival propón, no marco das actividades vinculadas ao proxecto divulgativo A Escola Sinsal, unha instalación nomeada Audicións San Simón. Durante os tres días do festival, programaranse na illa unha serie de sesións en aberto onde as persoas interesadas poderán recuperar ese momento. Ademais, os cilindros a reproducir durante estas sesións serán gravados cos arquivos de audio que envíe o público a través da convocatoria ‘Que é a música para ti?’. Para participar, as persoas interesadas -asistentes ou non ao festival- poderán enviar, até o 21 de xuño, unha nota de voz, dun máximo de dez segundos de duración, respondendo a pregunta que dá nome á iniciativa, a unha liña de Whatsapp (+34 647 485 137) aberta especificamente para recoller os audios desta convocatoria. As respostas poderanse escoitar, de xeito colectivo, un mes despois na illa de San Simón, concretamente, na exposición da Escola Sinsal vinculada ao rexistro sonoro e que nesta edición afondará na gravación magnética e nos seus diferentes soportes. Alén da exhibición, e no marco das actividades que se realizarán como parte do proxecto divulgativo, o festival programará un taller específico sobre a fixación de música en soportes, concretamente, con cintas de cassete.
SINSAL SON ESTRELLA GALICIA 2023
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Neste 2023, o festival celebrarase os días 21, 22 e 23 de xullo na Illa de San Simón. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e solistas que conformarán o cartel secreto: o público só coñece quen actúa cada día unha vez desembarque na illa.
Este ano o evento contará con tres escenarios diferentes. Neles ofrecerase unha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras. Artistas de África, Asia, América e Europa presentarán por vez primeira en Galicia ou en España as súas creacións. Os abonos, así como as entradas de día para asistir o sábado 22 e domingo 23 están esgotados. ao As últimas entradas dispoñibles que se poden adquirir en enterticket.es son as da tarde do venres 21 desde Meirande.
Durante o desenvolvemento do festival, ademais, as e os asistentes poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago conformado polas illas de San Simón e San Antón a través de diferentes actividades divulgativas gratuítas -como paseos con axentes sociais de proximidade, parladoiros ou mesmo talleres para público infantil- que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo das distintas xornadas, ao igual que as actividades enmarcadas no proxecto A Escola Sinsal.