26 bandas e solistas de 18 países diferentes actuarán no Sinsal SON Estrella Galicia, que comeza este venres 21

O festival contará este 2023 con catro escenarios situados no arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, nos que se ofrecerá unha programación musical diversa e estimulante con agrupacións chegadas de África, Asia, América e Europa

No marco da programación de actividades paralelas, o público poderá participar nas Sesións San Simón, nas que o experto en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski rexistrará intervencións das e dos artistas participantes no Sinsal 

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia prepárase para celebrar esta fin de semana a súa nova edición, que decorrerá do venres 21 ao domingo 23 na illa de San Simón.  Todas as entradas para asistir á cita, un dos encontros máis coidados e singulares do panorama musical estatal e cuxo cartel é secreto ata que o público desembarque na illa, están esgotadas.

Sinsal SON Estrella Galicia ofrecerá, ao longo de tres xornadas, unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Un total de 26 bandas e solistas procedentes de 18 países diferentes actuarán no festival. Angola, Arxentina, Bélxica, Burkina Faso, Colombia, Corea do Sur, Estados Unidos, Estonia, España, Francia, Holanda, Xapón, Marrocos, Nixeria, Portugal, Reino Unido, Sudán e Uganda son os lugares de orixe das e dos artistas que participarán no evento, das cales 9 se estrearán en España e 16 actuarán por vez primeira en Galicia. O festival afonda así na súa aposta pola diversidade cultural a través dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons máis populares e até a música experimental, pasando pola electrónica, a psicodelia ou mesmo as músicas urbanas. Ademais, tamén destaca unha relevante presenza feminina nas propostas que conforman o cartel secreto do Sinsal, ben sexa como líderes das mesmas ou porque o 100% das súas integrantes son mulleres. 

Neste 2023, Sinsal SON Estrella Galicia contará con catro escenarios nos que se desenvolverá a súa programación musical. En San Simón estarán os habituais Buxos FEST Galicia e San Simón SON Estrella Galicia; mentres que ao outro lado da ponte haberá dous palcos: Santo Antón, que acollerá concertos co público en cadeiras cada día -propostas intimistas co público sentado ás que se poderá acceder por orde de chegada ao recinto e até completar a capacidade do mesmo-, e o novo Santo Antón Clásico, que acollerá micro-concertos de música clásica de dúas agrupacións de talento novo o sábado 22 -cun repetorio centrado en compositores renacentistas-, e domingo 23 -que se centrará na celebración do 300 aniversario d’As catro estacións de Antonio Vivaldi-.  Estes recitais -cada día dun ensemble diferente- terán lugar ás 17:00, 17:30 e 18:00 horas e a duración de cada pase será de 15 minutos.


As Sesións San Simón completan a programación paralela da Escola Sinsal

Durante o festival Sinsal SON Estrella Galicia sucederanse as actividades divulgativas vinculadas á programación paralela e que se enmarcan no proxecto A Escola Sinsal, e que incluirán, entre outras accións, a exposición sobre a historia da casete Do cinema familiar ás casetes domésticas, e un obradoiro impartido pola artista Sarah Rashines no que o público aprenderá a xerar loops cunha cinta de casete e creará a súa propia caixa-libro da Escola Sinsal. 

Dentro desta liña, atópanse tamén as Sesións San Simón e as Audicións San Simón, dúas actividades que se levarán a cabo grazas á colaboración do experto en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski. A primeira delas, na que participarán artistas do festival, consiste no rexistro dunha canción de dous minutos nun ciclindro de cera. Estas Sesións San Simón -que fan referencia ao propio arquivo de vídeo do festival gravado ao longo destes anos-, ás que o público pode asistir, celebraranse en distintos espazos do arquipélago -concretamente, no mirador de cristal de Buxos e xunto ao escenario Santo Antón Clásico-, nos que se instalará un estudio de gravación cun fonógrafo do s. XIX. Os horarios e localizacións de cada sesión pódense consultar desde hoxe no apartado de Actividades paralelas do espazo web de Sinsal.

Tamén coa colaboración de Kolkowski celebraranse as escoitas das Audicións San Simón, nas que o público poderá rememorar a instalación no espazo público da primeira máquina de discos para a escoita colectiva –gramola ou jukebox-. Entre os rexistros que se poderán ouvir, están as respostas recibidas na convocatoria Que é a música para ti?, publicada por Sinsal no mes de maio. 

Outra das grandes novidades da programación paralela desta edición será a posibilidade de gozar dalgunhas das actuacións do Sinsal da última década grazas á realidade virtual. Así, o venres 21, a capela de San Simón acollerá a pre-estrea do documental Road to Meta-Stage: The Documentary,proxecto impulsado por Toño Cabanelas (Liveforevr!) da man do festival Sinsal SON Estrella Galicia, e que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo. A proxección realizarase no formato Theater VR, que permitirá que distintas persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos grazas á sincronización de varias lentes de realidade virtual. 

Tamén na mesma capela de San Simón, pero xa de cara ao sábado 22 e o domingo 23, celebrarase Illas Imaxinadas: Laboratorio de paisaxes visuais e sonoras, un obradoiro familiar para a creación, desde unha perspectiva lúdica, de ambientes visuais e sonoros a través de diferentes procesos, dispositivos e artefactos. Estableceranse diferentes quendas e en cada unha poderán participar -de xeito totalmente gratuíto- 20 persoas. 


Patrimonio natural, historico e cultural: Descubre San Simón

As e os asistentes tamén poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago a través das actividades agrupadas baixo a denominación Descubre San Simón. Como novidade, Sinsal SON Estrella Galicia 2023 propón ao público a posibilidade de realizar un roteiro polo arquipélago, sen guías, para coñecer a súa historia. A través de seis paradas, -sinalizadas e que incorporan un código QR para ampliar a documentación en galego, español e inglés- as e os asistentes ao festival coñecerán as transformacións do territorio ao longo do tempo: como fonte de inspiración da lírica medieval, como lazareto e campo de concentración, a creación do paseo dos Buxos, de cando estivo a piques de ser o primeiro aeroporto marítimo de Galicia ou mesmo da súa conexión de San Simón co Pórtico da Gloria. 

As actividades gratuítas de Descubre San Simón inclúen visitas en grupo pola illa, como é o caso do Paseo Islario Marabilloso, guiado polo investigador Xosé Lois Gutiérrez Faílde e do que se celebrarán dous pases o sábado 22; ou mesmo un percorrido con axentes sociais de proximidade, como o Paseo con AmarturmarMembros da asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes darán a coñecer ao público a diversidade mariñeira do lugar, o papel da economía circular e como o cambio climático está a transfromar os recursos naturais da zona. Para poder participar nestas andainas, será necesario realizar unha inscrición previa na propia illa, no Punto de Información e Administración. A saída de cada roteiro terá lugar desde a Casa da Cultura de San Simón. 

Finalmente, Sinsal ofrecerá a posibilidade de facer unha actividade de deporte náutico 100% sostible e segura como é o pedal surf, coa que se percorrerá o perímetro da illa desde a auga en rutas duns 30 minutos. Para participar nesta actividade aberta a todos os públicos, e para menores a partir de 5 anos acompañadas dunha persoa adulta- é necesario adquirir, previamente, os tickets a través do espazo web do festival

Toda a información das actividades paralelas, horarios, lugares de encontro dos paseos e outra información de interese sobre as inscricións ou reservas pódese consultar na páxina web de festival.sins.al, que se atopa sempre actualizada e na que se publicará, cada xornada, o programa musical do día unha vez desembarque o público na illa. 

20230717-NP-GAL-Sinsal-2023-Previa

Celebración do FESTIULLOA 2023

No mes de agosto celebrarase outro dos grandes festivais do verán da Ulloa, xunto con Agrocuir e Son d´aldea. Trátase de FESTIULLOAfestival de música clásica e actividades medioambientais organizado pola asociación Quercus Sonora.

FESTIULLOA celebrarase os días 3, 4 e 5 de agosto, con excursións, conferencias e dous concertos imprescindibles, un o venres 4 na igrexa de San Miguel de Monterroso, e outro o sábado 5 na casa-escola de Peibás (Antas de Ulla) que continuará cun concerto nocturno baixo o afamado carballo de Amoexa.

Andanzas do Suso de Lameliña. HORA DO CAFÉ

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

HORA DO CAFÉ

Hai persoas que son coma un libro aberto, tal é o caso de Gumersindo Pombeiro, un home que ten resposta para todo, fálese de agricultura, astroloxía, puericultura, gastronomía…, pero sobre todo de política.

Desde hai uns días decidín evitar no posible, tascas, cafeterías ou outros establecementos dese teor. O motivo non é outro que non atoparme, agora que o asunto politiqueiro está caldeado, con algún destes Gumersindos que non paran de amolar.

Gústame tomar un café tranquilo, asumindo que nun momento dado Antonio se poida cabrear con Manolín porque se deixou comer o tres de triunfo e bote uns berros que se escoiten no Cereixal: Me cago na cona que te pariu, sempre fas o mesmo! Eu que nese intre estou botando as pingas de augardente, pego un brinco, e aló vai media botella polo mostrador adiante. Serás pelandrán, agora tíñache que cobrar a botella enteira, dime a camareira. Estas cousas entran no cotián e xa estou afeito. Agora que alguén me solte un sermón sobre as bondades de Abascal ou do noso paisano Feijoo, non estou disposto a aturar.

Levaba días tomando o café tranquilamente na casa: Ben cargadiño, a metade dun vaso dos que uso para tomar viño, rebaixado cunhas xenerosas pingas de augardente. Pero hoxe decidín ir ao bar. Senteime nunha mesa da terraza e aínda ben non pedira, apareceu Gumersindo con outros tres colegas. Xa temos lea montada. Viñan falando de impostos, de que non había dereito a pagar tanto, que como non íamos defraudar, que se mellor en negro, bla, bla, bla… Ti que opinas?, me preguntaron. Eu? Pois que este café está moi bo; non hai bar en toda a vila que o prepare mellor. Non xa, non fai falta que digas nada, xa sabemos de que pé coxeas, sentenciou Gumersindo mentres os outros se botaban a rir.

Nisto que aparece Amparín e achegándose a Gumersindo, tras saudalo efusivamente, dille: A ver que pasa o 23. Temos que botar a esta tropa de mangantes que nos van levar á ruína. Tes razón muller tes. A este paso acabamos coma en Venezuela, respóndelle.

Estiven a piques de caer da cadeira do susto. Venezuela? Pero iso non estaba caducado? Mi madriña!, Venezuela, o que nos espera. Non puiden aguantar máis collín e levanteime e despedíndome deles díxenlles: E Venezuela non é o peor. ETA ETA que me dicides de ETA?

Alí os deixei murmurando de min. Haberá que seguir tomando o café na casa ata que pase a treboada. Promesa que xa me fixen aí atrás e hoxe acabo de incumprir. Non me estrañaría que dentro duns días ou se cadra mañá mesmo volva incumprila. Son un home débil de carácter e no fondo algo masoquista.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: AFASTADOS

Cómplices na risa, sosteñen a barbarie coa súa aquiescencia. Na ausencia de compromiso, bourean asemade, nunha estúpida sinfonía de compadreo. Tecidos nunha desmemoria escollida que os iguala na mesquindade. Os imparciais, que non toman partido ante situacións inxustas. Os indiferentes, os adaptados.

Son o que son, afastados do que cren ser, sentados na mesma mesa de iguais. Son o que son, afastados do que teiman en amosar, vendéndolle ao mundo a súa farsa. Tristes personaxes danzando na mediocridade, simples comparsas dun desvarío en medras. Son o que son, afastados de min, que os evito.

Conferencia sobre o patrimonio do Monte Farelo na igrexa de San Xoán de Antas de Ulla

O sábado 29 de xullo, organizada pola Comisión Monte Farelo do Instituto de Estudos Ulloáns, impartirase na igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla a conferencia Monte Farelo: patrimonio natural e cultural.

Coordinan o acto os historiadores Xulio Cuba e Sinda Vilameá, veciños de A Somoza (Monte Farelo, Antas de Ulla), e imparten a conferencia o antropólogo Manuel Vilar Álvarez, director do Museo do Pobo Galego, e o xeólogo Felipe Fernández Martínez. 

Con esta conferencia inícianse as actividades da Comisión Monte Farelo, coa finalidade da posta en valor e a protección do rico patrimonio, tanto natural como cultural, do Farelo.

Fillas de Cassandra publica ‘Tataravoa’, un sinxelo que rende tributo ás antepasadas

O tema, o primeiro que o dúo lanza após a publicación do seu álbum Acrópole, está producido por MaríaSOA e os djs Galician Army 

A relación entre o presente e o pasado atópase tanto a nivel textual coma no corpus formal da canción, na que se mestura música tradicional, electrónica e pop contemporáneo

Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, vén de publicar nas principais plataformas dixitais o seu novo sinxeloTataravoa. No tema, producido por MaríaSOA e os djs Galician Army (Sergio Vallejo e Alberto Prado), as creadoras renden tributo ás devanceiras e ás formas que elas atoparon á hora de poder rebelarse contra o establecido. A peza, cun retrouso pegadizo no que entoan a “tatara tatara tatara tatara avoa” a ritmo de muiñeira, xa se pode escoitar nos directos que Fillas de Cassandra está a ofrecer este verán no marco da xira de presentación do seu primeiro álbum, Acrópole

Tataravoa, composta e escrita por Fillas de Cassandra, nace da intención poñer en valor o papel e a importancia das avoas e das antepasadas nas nosas vidas, “desas pequenas loitas e conquistas que acadaron, que quedaron e que chegaron a día de hoxe”, segundo afirman as artistas. Precisamente, as voces das avoas de María Pérez e Sara Faro pechan un tema no que a relación entre pasado e presente é explícita. Atópase tanto a nivel textual, cando cantan “se nos visen no palco / coa forza dun vendavale / non sei ben se chorarían / ou ben subirían con nós a cantare”, así coma no corpus formal da canción, que aúna elementos chave da música tradicional co piano, a música electrónica ou o pop contemporáneo. 

Tataravoa é o primeiro tema que Fillas de Cassandra lanza, precisamente, logo da publicación de Acrópole o pasado mes de febreiro. A estrea en directo do mesmo, con voz e pandeireta, foi no marco do ciclo coruñés Vangal, no ateigado patio da Fundación Luis Seoane. Nese  momento, o dúo Galician Army -que publicou recentemente o seu primeiro álbum, Nós- interésase nunha colaboración para a produción do mesmo e, dous meses despois, ambas formacións interpretan ao vivo o sinxelo durante unha actuación no Arde Lucus. A pasada semana a súa actuación conxunta tamén foi moi celebrada no Atlantic Pride coruñés.

SOBRE FILLAS DE CASSANDRA

María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo de 2022. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.

O pasado mes de febreiro publicaron nas principais plataformas dixitais Acrópole, un álbum conceptual no que Fillas de Cassanda viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata.

20230712-NP-Tataravoa-novo-sinxelo-de-Fillas-de-Cassandra