XIV Lúas de Outono no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

A Casa-Museo Manuel María organiza para o martes, terza feira, día 19 de setembro, ás 20.30h, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña celebraremos unha nova edición, a décimo cuarta, de Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María.

A edición deste ano preséntase so o título Música, humor e poesía  e poderemos gozar coas historias do dramaturgo, director, actor e narrador,  Quico Cadaval, coa poesía de Manuel María declamada pola actriz María Barcala e coa proposta musical, que parte do canto tradicional galego, que realiza Paraíso Canto.

A entrada é gratuíta mais é necesario reservar os billetes en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621 (prazo até o día 18 de setembro incluído). No caso de sobrar billetes, poranse unha hora antes do inicio do espectáculo na billeteira do teatro Rosalía.

Proxección do documental MARÍA CASARES, A MULLER QUE VIVIU MIL VIDAS, de Xavier Villaverde, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección do documental MARÍA CASARES, A MULLER QUE VIVIU MIL VIDAS, de Xavier Villaverde, continuando así coa programación do CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2023 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XXI PREMIOS MESTRE MATEO. 

Esta terceira proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o DOMINGO 10 DE SETEMBRO DE 2023, ás 20:00H.

 

NOTA_INFORMATIVA_MARIA-CASARES

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: LIBRO DE ALICIA

Autora: Olalla Cociña Lozano

Editorial: Espiral Maior

Ano de publicación: 2008

Rematou agosto, que non o verán, mais unha sente que deixou xa atrás un tempo de lecturas dilatadas ao sol, ás que ir e volver con toda a calma do mundo. Así a todo, algunhas conseguen traspasar esta fronteira e coarse entre as rutinas aceleradas de setembro. Tal é o caso do Libro de Alicia. Lembro e volvo a un dos poemas finais:

“rematando o verán

amósanos as cicatrices, a boca desdentada

coma unha experta actriz

preséntaste ante nós rota

e ensinas sen pudor o teu catálogo de remendos”

Alicia revélasenos de múltiples formas, prevalecendo ao longo destas páxinas unha delicada tenrura que acompaña á extinción dun modo de vida: o rural. Memoria e identidade, mais tamén fantasía, son algúns dos elementos cos que a autora, Olalla Cociña, vai artellando este marabilloso libro, galardoado co VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. 

Certamente, pareceume asistir a unha poética dos sentidos, na que converxe o telúrico co tacto. A punto estiven de facer unha cunca coas mans, con tal de apañar unhas poucas migallas para os días de outono. 

Mondra publica este venres 1, con AIDA, ‘RUANDO’, un novo avance de ARDĒN

O tema, unha peza que enlaza os coidados e o amor propio, chega ás 00.00 horas ás principais plataformas dixitais acompañada dun videoclip, o segundo capítulo das Crónicas d’ ARDĒN, cuxo teaser xa está dispoñible en Youtube

RUANDO, o novo sinxelo de Mondra con AIDA, verá a luz este venres, 1 de setembro, ás 00.00 horas, nas principais plataformas dixitais. O tema, creado polo propio Mondra con Berto, é un tema moi íntimo, ateigado de tenrura, que enlaza os coidados e o amor propio.

RUANDO é o último avance que se fará público antes do lanzamento de ARDĒN, o álbum debut de Mondra, o vindeiro mércores 20 de setembro. “Pensamos este tema como un cantar de berce. Cantámosllo a esa persoa que precisa descansar. Que precisa un espazo para aceptarse e convivir consigo mesma. Remata dun xeito moi alegre, moi arriba, celebrando a autoaceptación”, explica Mondra, quen salienta a colaboración de Aida Tarrío (Tanxugueiras), “unha das mellores vocalistas do país”, e con quen comparte amizade desde o seu traballo conxunto no espectáculo Demente, (2020) de Fran Sieira Compañía de Danza.

O novo sinxelo de Mondra acompáñase dun videoclip, dirixido por Xaime Miranda, que supón o segundo capítulo das Crónicas d’ARDĒN, continuando a serie iniciada o pasado mes de marzo con PUNHETA. Nesta creación, vese á resistencia ARDENTE, cuxo símbolo apareceu esta semana nas rúas de Santiago de Compostela, coma protagonista. Unha resistencia (encarnada por artistas coma Sabela Domínguez, Julia Laport, Maruxa Montero, Loaira Lázare ou Diana Kurich, entre outras) que loita contra a opresión exercida, neste vídeo, por intérpretes como Paula Cereixo, Monti Castiñeiras e Julio Cores. Así, a peza audiovisual encarna unha das máximas do manifesto escrito por Mondra: “EN ARDĒN, hónranos o resistir na terra. Hónrannos o orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario”.

ARDĒN, o álbum debut de Mondra, é un traballo conceptual no que o cantareiro abre a porta a unha terra diversa. Así, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. É na FOLĪA onde xorde a máxima expresión das súas músicas. E este mesmo espazo libertario, esta FOLĪA das ARDENTES, é a que chegará o 29 de setembro á Sala Capitol de Santiago na presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. Unha experiencia musical, visual e performativa na que, sobre o escenario, estará acompañado de convidadas especiais, todas e cada unha das ARDENTES partícipes no primeiro álbum de Mondra. As entradas están dispoñibles en www.salacapitol.com.


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra) e RUMBAMBĀ.

20230831-NP-Mondra-publica-RUANDO

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: VICEVERSA

Miguel Díaz, VICEVERSA

En achega, o teu corpo. Que non rendido. E o meu, en entrega, que non submiso. En efémero encontro de seres fugaces, que se saben perecedoiros. Que se eternizan nun amor inexacto, que medra coas espiñas que fican nos dedos despois dunha tarde na breña. Sabemos, por tanto, que toxos e silvas forman parte da historia que no solpor talvez calamos, que na noite talvez contamos. Ou viceversa.