SonDeSeu leva a Narón este domingo, 2 de xuño, o seu novo directo ‘Entreterras’, no que tamén participan SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira
‘Entreterras’ é un proxecto semiacústico no que as músicas de raíz das artistas de Galicia, Canarias e Portugal transforman por completo o repertorio da orquestra
A cita no Pazo da Cultura de Narón é ás 19.00 horas do día 2 e as entradas pódense adquirir a partir de 12 euros na web do Padroado de Cultura do Concello de Narón
A Orquestra Folk de Galicia Sondeseu presentará na Ferrolterra este domingo, 2 de xuño, Entreterras, o novo proxecto do colectivo. Trátase dun directo especial, en formato semiacústico, que unirá músicas de raíz, de Galicia, Portugal e Canarias. A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira Cristo e o canario Hirahi Afonso, todos eles artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios, compartirán escenario no Pazo da Cultura de Narón co medio cento de intérpretes que conforman a orquestra. As entradas están dispoñibles a través da páxina web do Padroado de Cultura de Narón.
Entreterras, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e coa colaboración do Concello de Narón a través do Padroado de Cultura, é un espectáculo que aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas. Preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da orquestra”.
Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través dun concerto semiacústico, con arranxos e adaptacións que nacen dascreacións de artistas de referencia no eido da música tradicional nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.
Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos.
A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto. Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.
A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove este novo certame, pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado pola artista Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023)
O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 27 de maio ao 16 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24
Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante
A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán de 2024 do Festival Autobán
A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove o I Premio Autobán ao mellor fanzine galego 2023-2024, un novo certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado pola artista Aisha Rey (gañadora da última edición do Combate de Debuxantes de Autobán). O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 27 de maio ao 16 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24.
Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán 2024 do Festival Autobán. As bases do I Premio Autobán poden consultarse na seguinte ligazón:
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
O IESCHA organiza a conferencia O PATRIMONIO INVISIBLE, impartida por CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ COTO, presidente de APATRIGAL, que terá lugar o venres 31 de maio de 2024, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.
Tería uns dezasete ou dezaoito anos cando, atopándome na Mariña lucense, decidín ir cuns amigos á festa de San Pedro de Benquerencia. Os que me coñecen ben saben que iso do baile nunca me entusiasmou, nin agora tampouco, polo que decidín arrimarme a un chiringuito e tomar algo.
Nada máis chegar, xa a vin. Estaba alí, soa, con porte altivo, de aquí estou eu, como se fose a dona do lugar. Non lle prestei máis atención e pedín unha cervexa. Tras un trago, volvín a vista cara a ela que, con ollos grandes e curiosos, fixamente me observaba. Ao momento fun consciente de que algo especial acababa de acontecer. Ela, sen dicir nada, comezou a rozarse contra min. Eu non ía ser menos e, en resposta, comecei a acariñala.
Cando estabamos no mellor do noso tímido encontro, unha voz desafiante interrompeu o idilio:
—Claudia! Condenada, pero onde te metiches? Sempre igual, vaia susto. Que sexa a última vez que me fas isto!
E ela, sumisa e obediente, pero cun último ollar cómplice cara a min, arrincou miañando cara a quen debía ser a súa dona e deixoume só coa San Miguel na man, pensando naquela conexión máxica que só unha gata pode provocar.
No marco da oitava edición das Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora galega está a traballar en Lugo, desde o pasado 13 de maio, na súa proposta Sinte, un proxecto que ten a música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación
Tras finalizar a estadía da súa residencia artística, Cris Balboa presenta este venres, 24 de maio, ás 20.00h, con acceso libre, unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar no Vello Cércere de Lugo
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O pasado 13 de maio, Cris Balboa iniciaba a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía no Vello Cárcere de Lugo, en torno á súa proposta artística titulada Sinte. Sinte é un proxecto que ten a música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Agora, este venres, 24 de maio, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala, a creadora galega ofrecerá -tamén no Vello Cárcere- unha mostra aberta do seu traballo en proceso.
SOBRE O PROXECTO
Sinte é un proxecto coa música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Unha viaxe desde a fraxilidade para desarmar as corazas coas que nos movemos polo mundo e celebrar que todas somos seres sensibles vibrando en frecuencias diversas. Cris Balboa relata con paixón o seu conflito co mundo que nos rodea desde un punto de vista singular e persoal, buscando influír nos estados de ánimo colectivos a través da música electrónica. Sinte proponse como un lugar de expresión nunha sociedade cada vez máis afeita á frialdade das transaccións económicas, desbordada pola velocidade terminal que nos fai menos conscientes da nosa realidade.
SOBRE A ARTISTA
Cris Balboa é unha creadora galega que ten como motor a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde investiga a posibilidade de transformación social e persoal que ten a arte. O seu traballo artístico mestura palabra, acción, danza, audiovisuais e música, cruzando a súa obra con elementos narrativos que oscilan entre a ironía, o humor, o hedonismo ou mesmo a desesperación. Os seus textos, que parten do autorretrato e a autoficción como formas comunicativas, buscan xerar un sentimento de identificación co espectador para reflexionar sobre a vida dende o cotián, situando o seu corpo e a súa experiencia como centro da dúbida sobre o que somos.
En 2011 forma a súa compañía Funboa Escénica e desenvolve proxectos en colaboración con artistas como Lúa Gándara, Manuel Parra, Félix Fernández, Estevo González e Paulina Funes, entre os que se encontran as obras O que segue, Technocracia, Sushi gratis e Masa madre + sal marina, presentadas en diversos festivais e eventos estatais.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia -cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.
Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.
O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais. Máis información:https://www.colectivorpm.gal/.
O eixo vertebrador deste encontro é a tradución como vía de internacionalización literaria: como a conversa entre literaturas escritas en diferentes linguas pode contribuír á superación das fronteiras administrativas e culturais, á vez que fomentar a promoción e a difusión das literaturas galega, vasca e catalá nun contexto global.
Terá lugar o 29 de maio de 2024 en Ca n’Alcover (Carrer de Sat Alonso, 27, Palma de Mallorca), con entrada libre.
12:30 h. – Lectura da Declaración de Palma. Rolda de prensa aberta ao público xeral. Con Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Joxemari Carrere, representante da Euskal Idazleen Elkartea (EIE), e Sebastià Portell, presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). 18:00 h. – Diálogo entre tradutoras/es: «A tradución como unha ferramenta de internacionalización de literaturas minorizadas». Con Garazi Arrula, María Reimóndez e Lluïsa Soaz. 19:30 h. – «De ida e volta»: recital poético-musical en catalán, éuscaro e galego. Coa voz poética de Sebastià Alzamora, Castillo Suarez e Marga do Val, e co acompañamento musical de Clara Fiol Dols.
Esta actividade conta co apoio de CEDRO e a Institució de les Lletres Catalanes, xunto coa colaboración da Obra Cultural Balear e Ca n’Alcover