Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

FRECHAZO

Tería uns dezasete ou dezaoito anos cando, atopándome na Mariña lucense, decidín ir cuns amigos á festa de San Pedro de Benquerencia. Os que me coñecen ben saben que iso do baile nunca me entusiasmou, nin agora tampouco, polo que decidín arrimarme a un chiringuito e tomar algo.

Nada máis chegar, xa a vin. Estaba alí, soa, con porte altivo, de aquí estou eu, como se fose a dona do lugar. Non lle prestei máis atención e pedín unha cervexa. Tras un trago, volvín a vista cara a ela que, con ollos grandes e curiosos, fixamente me observaba. Ao momento fun consciente de que algo especial acababa de acontecer. Ela, sen dicir nada, comezou a rozarse contra min. Eu non ía ser menos e, en resposta, comecei a acariñala. 

Cando estabamos no mellor do noso tímido encontro, unha voz desafiante interrompeu o idilio:

—Claudia! Condenada, pero onde te metiches? Sempre igual, vaia susto. Que sexa a última vez que me fas isto!

E ela, sumisa e obediente, pero cun último ollar cómplice cara a min, arrincou miañando cara a quen debía ser a súa dona e deixoume só coa San Miguel na man, pensando naquela conexión máxica que só unha gata pode provocar.