por Suso De Lameliña | Ago 9, 2025 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
HOXE ESPERTEI OPTIMISTA
Espertei. Nada novo, pois é o que levo facendo desde o día en que a miña nai me pariu. Pero hoxe, espertei optimista. Non se me pasou pola cabeza pegarme un tiro ( entre outras cousas porque non teño armas), tirarme da ponte Pepe Blanco, colgarme nun cabanón calquera de Piugos… Non, non pasou nada diso pola miña cabeza, porque como dixen, espertei optimista, mesmo estiven a piques de acender a radio e escoitar as novas por ver se desde que me deitei, ocorrera unha milagre, e o mundo deixara de ser unha merda. Pero non, non fixen tal cousa, non fora que me deprimira, precisamente hoxe, que espertei optimista.
Pensei facer algo mellor, entregarme de novo aos brazos de Morfeo, pero o cabrón non quixo saber nada e literalmente mandoume á merda, como se xa non tivese abonda coa deste puto mundo. Lembreime entón de Juan Carlos Onetti. E porque non ficar na cama sen erguerme ata que a Parca veña a preguntar por min? Non estaría mal, pasar o resto da vida durmindo e lendo contos do Decamerón ou As mil e unha noites. O problema é que, claro, non teño criados para poder facer tal cousa, polo que tiven que desbotar tan magnifica idea. Mágoa! Pero, coma veño de dicir, hoxe espertei optimista polo que determino, e niso ando, poñer un CD de Bob Marley a todo volume, para comezar con bo pé o día. Resoan as paredes do piso que non vexas, os veciños deben estar encantados, ata de agora, toquemos madeira, ninguén baixou a chamarme a atención. Tamén é verdade que teño uns veciños que non os merezo. Creo que algún día xa vos falei deles, do máis variado que vos podades imaxinar a cal máis pintoresco, por dicir algo. Calquera día vos conto algo máis, porque historia, dígovos que hai.
Pero hoxe como me espertei optimista, vou seguir con Marley. Pode que me quede durmido, porque a min a música así alta aletárgame, ou poida que un veciño calquera me tire a porta embaixo. Tanto me ten porque hoxe espertei optimista e xa o mundo non me parece unha puta merda.
Bo día a todas e todos. Ala a vivir, sempre con optimismo, que son dous días.
P.D: Ah, por certo , para que ninguén se asuste por se aluga un piso neste edificio.( hai uns cantos de alugueiro, aquí a xente vai e vén) o de Marley, non o teño a todo volume, aínda que gañas me entran.
por Suso De Lameliña | Jul 26, 2025 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
DÚAS LENDAS DOS ANCARES
O MILAGRE DO SANTO GRAAL
A principios do catorce
nas montañas do Cebreiro
o crego deste lugar
non cría que pan e viño
en corpo e sangue divina
se puidesen converter.
Un día de cru inverno
por mor dunha gran tormenta
os veciños da contorna
as obrigacións sagradas
non puideron atender.
Estando a igrexa baleira
e o padre a misa dicindo,
no intre da consagración
pola porta asoma un home,
o frío nos ósos trae.
Era este Juan Santín,
veciño de Barxa Maior,
que nunca a misa faltaba,
tivese labor á vista,
fixese un tempo de raios.
O párroco sorprendido
para si isto marmexa:
-Pobre home, meu coitado,
poñerse en camiño hoxe
con este tempo de raios
exposto a morrer de frío
por un bocado de pan
e un gargalloto de viño!
Segundo o ía dicindo
un arrepío no corpo
de arriba a abaixo sentiu
e asustado viu cá hostia
mudaba en carne sanguenta,
o viño xa máis vermello
a sangue humana cheiraba.
Ao pé do altar de xeonllos
caeu repentinamente
ficando desvanecido,
alí mesmo sobre as gradas.
Cando Santín se achegou
ao intentalo incorporalo
comprobou que estaba morto.
Se algún día visitades
esta igrexa do Cebreiro
xunto ao altar veredes
cáliz e mais relicario
contendo o sangue e a carne
de Xesús, Noso Señor.
Proba esta, do milagre
que aquel día aconteceu.
A DONIÑA BRANCA
De Froilaz, señor de Doiras,
era Aldara, filla amada;
de salientable beleza
por todos era loada.
Quixo o azar que namorara
de aposto e honrado galán,
fillo doutro gran señor,
que na redonda moraba.
Conforme, seu padre amado,
consentimento outorgou,
data no calendario
ben subliñada ficou.
Mais unha aciaga tarde
mentres un paseo daba
polos bosques da contorna,
desapareceu, coitada.
Baldía foi a procura
polos montes de Cervantes;
ninguén deu noticia algunha
da desventurada amante.
Un día, seu irmán Egas,
mentres andaba de caza,
fermosa cerva albiscou,
como a mesma neve, branca.
E cunha certeira frecha
a vida lle arrebatou;
o inofensivo animal,
inerte no chan ficou.
Era tan grande o seu peso,
que non puido coa peza;
unha pata lle arrincou
para dar fe da proeza.
Cando ao castelo chegou,
perplexo a padre deixou;
man suave de muller
do vello zurrón sacou.
Desesperados correron
a xunto da cerva branca;
no seu canto atoparon
á linda doncela, manca.
A lenda asegura que foi
encanto de mouro ou fada,
e que ao morrer o veado
volveu ser, de novo, dama.
por Suso De Lameliña | Jul 12, 2025 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
EL ARTE DE CAMINAR Y EL PLACER DE SENTIR.
UN PASEO POR EL LITORAL DEL TEIDE
Din que ler é un xeito de viaxar sen saír do teu cuarto, ou baixo a sombra da figueira ou do carballo, onde adoitas refuxiarte nos días calorosos de verán. Foi o que eu fixen coa lectura do libro do meu amigo José Manuel Espiño Meilán, “El arte de caminar y el placer de sentir. Un paseo por el litoral del Teide”.
Durante uns días seguín os pasos de José Manuel e do espíritu do seu amigo e compañeiro por este litoral canario, sentindo como a brisa do Atlántico —ese mar que nos une— atravesando montañas e vales chegaba ata min. Unha viaxe compartida na que descubrín novas paisaxes, tamén emocións, que xa me pertencen.
O libro é máis ca un paseo: é unha cartografía detallada desta parte do leste da costa de Gran Canaria, onde o autor mestura percepcións sensoriais, lembranzas do pasado, referencias culturais, reflexións… Unha mirada respectuosa cara ao entorno cun claro compromiso ecoloxista. Non todo no camiño resulta grato. O relato móstranos como nas últimas décadas este litoral se viu degradado pola intervención humana, especialmente pola urbanización desmedida. Mais tamén hai espazos que experimentaron melloras: algúns recunchos e praias, antes lugares moi contaminados, agora gozan de moi boa saúde, mesmo orgullosos exhiben bandeira azul. Algo que demostra que cando as administracións teñen vontade de compromiso é posible tomar medidas eficaces para minimizar ou mesmo erradicar os impactos negativos provocados pola acción humana.
O caso de Melenara, exemplo de recuperación e dignificación do espazo público, pode servirnos de guía e esperanza. Onde hoxe hai paseo, árbores, esculturas no mar, hai corenta anos estaba saturado de chabolas, casetas precarias, construccións sobre a area que chegaban ao mesmo borde do mar; unha auténtica desfeita ecolóxica.
Acantilados, roques, covas, praias, lagoas… Todo isto percorrín da man de José Manuel, onde a súa mirada e a súa voz me foron guiando por sendeiros descoñecidos. Non camiñei só; fun acompañado por sentimentos e emocións que afloraban ante a presenza dalgún barranco, dalgunha fumarola, dalgunha especie vexetal ou animal autóctonas, transformando o meu camiñar en meditación, en pensamento e en reflexión.
A arte de camiñar e o pracer de sentir son universais e Espiño é quen de escribilos escoitando á terra antes de falar dela. O litoral do Teide pode estar moi afastado en quilómetros de Galicia, mais o que nos transmite este libro é todo o contrario. O camiñar por esta volcánica costa traspasa coordenadas porque no fondo fálanos dunha paisaxe interior que todos levamos pero poucas veces somos conscientes e non nos detemos a observala.
Ao rematar a lectura e polo tanto a viaxe, sentín unha conciencia máis nidia da beleza que nos ofrece a nosa nai natureza, tamén da súa fraxilidade. Fíxenme máis consciente, se cabe, da necesidade de protexer a terra, se queremos que os nosos netos poidan vivir nun mundo saudable, onde poidan camiñar non só por pracer, senón tamén por gratitude.
por Suso De Lameliña | Jun 30, 2025 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
CONVERSA BAIXO A FIGUEIRA
Erguinme cedo para dar un paseo pola fresca. O ceo, limpo coma un lenzo presto a ser pintado, anunciaba un día abafante, despois dunha semana de temperaturas máis suaves.
Acendín o móil para saber das novas. Chegoume con botar unha simple ollada e volver a metelo no bolso: Trump ameazando con máis aranceis se Sánchez non chega ao 5% de gasto militar; a lei de amnistia volvendo ao foco tras a decisión do Constitucional; a inflación que repunta… E se isto fose pouco, outra nova onda de calor que se achega este sábado, con temperaturas superiores aos 42º.
Tras dar a volta habitual—un percorrido circular de preto de tres quilómetros—, aproveitei para mercar unha bolsa de cubiños de xeo e o pan do día. Logo, cun libro baixo o brazo, “El arte de caminar y el placer de sentir” dun amigo de Gran Canaria, que convida a camiñar polo litoral do Telde, marchei para “A Cortiña” e , alí, baixo da miña figueira preferida, dispúxenme a ler.
Apenas comezara a ler o capítulo referente á costa urbanizada: “Nos encontramos a mitad del recorrido de los acantilados de Malpaso cuando un muro, construído hasta el borde del abismo, nos impide continuar nuestro periplo.”, un merlo pousou, xusto a meu carón, como se me coñecese de toda a vida.
—Bo día, amigo —dixo, botando unha ollada ao que lía—. Pódese saber que les?
Faleille do contido do libro, do camiñar pausado e contemplativo que propón. Confeseille de que xa que este verán non ía viaxar fisicamente o facía en espíritu. Así, mentres paseo polas páxinas, esquezo por un intre todas as calamidades deste mundo.
O merlo, abriu e pechou as ás, como un xesto de compadreo e seguiu
falando:
—Esas calamidades que contas, veñen xa de moi lonxe, non si? Os vosos problemas repítense desde que o mundo é mundo: guerras, pobreza, soidade, fame, incomunicación…
—Tes razón —respondinlle—. Agora a xente fala máis coas máquinas que coas persoas.
O merlo, inclinou a cabeza, como asentindo.
—Nós, sen embargo non queremos saber nada deses trebellos que nos distraen do noso canto, que é falar coa mañá, coas árbores, co campo, co vento…
Seguiu a acusarnos de como destruíamos a natureza, botabamos abaixo os bosques, envenenabamos os ríos… Eu non tiña máis que darlle a razón en todo o que me contaba.
—E se facedes todo iso. Por que te estrañas de que vos falte alegría? A natureza e o mundo están para ser compartidos, nunca dominados —continuou a dicir, ollando cara ao ceo e asomando aos seus ollos unha pinga de nostalxia.
Quedei calado sen saber que responder. Sentín que a conversa estaba tocando ao seu fin e que lle chegara o intre de alzar o voo e procurar outros horizontes lonxe da miña voz. Así que lle preguntei se non perdía a esperanza nun mundo mellor. Necesitaba coñecer a súa visión por ver se me levantaba a moral. Contestoume:
—E logo non me sintes cantar todos os días? Se canto é que teño esperanza. Todas as mañás me ergo e fago sempre o mesmo malia que cada vez teña menos que me escoiten.
O merlo bicou a terra, pillou unha miñoca e, antes de botarse a voar, despediuse cun consello:
—Se queredes que o mundo cambie, só tedes que calar un pouco… e escoitar.
Quedei pensativo mirando para as pólas da figueira, das que comezaban asomar os primeios froitos. Así estiven un bo anaco ata que decidín retomar o libro: “La pared protege un parking dentro dun área hospitalaria, pero impide el paso libre por el litoral marino al que todo ciudadano tiene derecho…”
[/et_pb_text][/et_pb_column]
[/et_pb_row]
[/et_pb_section]
por Suso De Lameliña | Jun 15, 2025 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
LA PALOMA
Finais dos setenta, tras décadas de ditadura, novos tempos de liberdades e esperanzas nun futuro mellor, abríanse paso. Barcelona, unha cidade de alma cosmopolita, debido ao seu carácter portuario e á súa proximidade con Francia —baste lembrar as peregrinacións en autobuses de barceloneses e barcelonesas que acudían a Perpignan ver “El último tango en París” de Bernardo Bertolucci—, comezaba a consolidarse como epicentro de contracultura e modernidade.
As Ramblas e o Barrio Gótico como grupo de encontro de artistas, escritores e músicos; a revista Ajoblanco; salas como Zeleste de ambiente nocturno; teatro experimental que desafiaba as normas establecidas…, son exemplos da vida cultural desta cidade nos derradeiros anos do réxime e primeiros da democracia.
Pero ao lado destas manifestacións culturais e lúdicas, había unha sala mítica,”La Paloma”, fundada a principios do S.XX; unha sala de baile que sobrevivira a monarquías, republicas e ditaduras e que aínda conservaba un aire canalla, unha elegancia gastada mesturada co cheiro a Ducados e a perfume barato.
María, emigrante aos dezaseis anos da zona dos Ancares lugueses era unha das asiduas todos os sábados e algún que outro domingo e festivo. Traballaba de criada no barrio de Pedralbes para un empresario do mundo do espéctaculo. A muller era alemana e tiña dúas fillas, das que se tiña que facer cargo; unha delas, que chegaría a triunfar nos medios de comunicación, acabaría casando co fillo dunha famosa aristócrata.
Unha noite de sábado de María en “La Paloma” desenvolveríase máis ou menos como a continuación detallo.
María entra na sala como quen pisa un escenario. Para ela a noite non eran só unhas horas de diversión e xolda, era unha especie de combate, onde tiña que demostrar que aos seus corenta e pico anos (poucos, segundo ela; bastantes, segundo os coñecidos), seguía a ser a excelente bailadora, que sempre foi, e que nas festas de agosto cando regresaba á súa aldea de Cervantes, facía gala ante os mozos, que atónitos ficaban ollando para ela e a súa parella, mentres agardaban a súa quenda.
Como todos os sábados o local atópase a reventar. Tras pedir unha copa de cava, achégase a escoitar a orquestra e observar como a pista comeza a encherse de bailadoras e bailadores. Apura o líquido espumoso, a súa bebida preferida, e regresa a pedir outra copa. É o ritual de sempre, dúas tomas para coller fórza e lanzarse ás fieras. Logo á medianoite, outras dúas copas serán as encargadas de proporcionarlle os folgos necesarios para rematar, esgotada, sobre ás tres da madrugada, camiño da súa casa de Hospitalet, no coche dalgún amigo ou na súa falta, nun taxi.
Xa temos a María na pista bailando un tango cunha parella imaxinaria. Cando remata a peza, un tipo de bigote e camisa aberta ata o embigo, exhibindo unha gran cadea de ouro da Virxe do Carme, tócalle lixeiramente no ombreiro e dille:
—Bailamos.
Mírao de arriba a abaixo. Era a primeira vez que ve esa cara. Crava os seus ollos nos del, ata facerlle baixar a vista. Un cheiro a “Varón Dandy” profana as súas pituitarias. Pero un baile non se lle rechaza a ninguén, así que acepta.
Mentres a orquestra interpreta o bolero “Bésame mucho”, comezan a xirar marcando o ritmo. Ben, marcando o ritmo é un dicir, porque o tipo de bigote, moi douto, moi douto no baile, non é. María, mentres tanto absorta nas súas cavilacións: que aquel home pisaba como se quixese plantar patacas na horta, que a cousa tiña traza de rematar co nocello tronzado, que Adolfo aínda non chegara — ese si que baila ben, arre demo!— e que se segue apretándoa así vai rematar por vomitar por el,
incluida a “escudella” que vén de cear.
Cando a música para, María despídese con elegancia e busca refuxio en Adolfo, que naquel intre —bendita salvación— está entrando pola porta. Agora si lle vai prestar o baile. Con Adolfo pode xactarse do seu depurado estilo á hora de danzar. A pista de baile empeza a encherse de historias: miradas furtivas, parellas que se bican bailando unha cumbia, promesas pasaxeiras que morrerán co encendido das luces. E María e Adolfo, tal Apolo e Artemisa inmersos nunha danza divina como se todo o Olimpo estivese a contemplalos.
Ao final “La Paloma” era iso, un baile ben botado, unhas copas de cava e un tipo de bigote disposto a amargar a noite se non fose pola oportuna chegada de Adolfo.