EL ARTE DE CAMINAR Y EL PLACER DE SENTIR.
UN PASEO POR EL LITORAL DEL TEIDE
Din que ler é un xeito de viaxar sen saír do teu cuarto, ou baixo a sombra da figueira ou do carballo, onde adoitas refuxiarte nos días calorosos de verán. Foi o que eu fixen coa lectura do libro do meu amigo José Manuel Espiño Meilán, “El arte de caminar y el placer de sentir. Un paseo por el litoral del Teide”.
Durante uns días seguín os pasos de José Manuel e do espíritu do seu amigo e compañeiro por este litoral canario, sentindo como a brisa do Atlántico —ese mar que nos une— atravesando montañas e vales chegaba ata min. Unha viaxe compartida na que descubrín novas paisaxes, tamén emocións, que xa me pertencen.
O libro é máis ca un paseo: é unha cartografía detallada desta parte do leste da costa de Gran Canaria, onde o autor mestura percepcións sensoriais, lembranzas do pasado, referencias culturais, reflexións… Unha mirada respectuosa cara ao entorno cun claro compromiso ecoloxista. Non todo no camiño resulta grato. O relato móstranos como nas últimas décadas este litoral se viu degradado pola intervención humana, especialmente pola urbanización desmedida. Mais tamén hai espazos que experimentaron melloras: algúns recunchos e praias, antes lugares moi contaminados, agora gozan de moi boa saúde, mesmo orgullosos exhiben bandeira azul. Algo que demostra que cando as administracións teñen vontade de compromiso é posible tomar medidas eficaces para minimizar ou mesmo erradicar os impactos negativos provocados pola acción humana.
O caso de Melenara, exemplo de recuperación e dignificación do espazo público, pode servirnos de guía e esperanza. Onde hoxe hai paseo, árbores, esculturas no mar, hai corenta anos estaba saturado de chabolas, casetas precarias, construccións sobre a area que chegaban ao mesmo borde do mar; unha auténtica desfeita ecolóxica.
Acantilados, roques, covas, praias, lagoas… Todo isto percorrín da man de José Manuel, onde a súa mirada e a súa voz me foron guiando por sendeiros descoñecidos. Non camiñei só; fun acompañado por sentimentos e emocións que afloraban ante a presenza dalgún barranco, dalgunha fumarola, dalgunha especie vexetal ou animal autóctonas, transformando o meu camiñar en meditación, en pensamento e en reflexión.
A arte de camiñar e o pracer de sentir son universais e Espiño é quen de escribilos escoitando á terra antes de falar dela. O litoral do Teide pode estar moi afastado en quilómetros de Galicia, mais o que nos transmite este libro é todo o contrario. O camiñar por esta volcánica costa traspasa coordenadas porque no fondo fálanos dunha paisaxe interior que todos levamos pero poucas veces somos conscientes e non nos detemos a observala.
Ao rematar a lectura e polo tanto a viaxe, sentín unha conciencia máis nidia da beleza que nos ofrece a nosa nai natureza, tamén da súa fraxilidade. Fíxenme máis consciente, se cabe, da necesidade de protexer a terra, se queremos que os nosos netos poidan vivir nun mundo saudable, onde poidan camiñar non só por pracer, senón tamén por gratitude.