Conferencia sobre Ramón Otero Pedrayo, a cargo de Victorino Pérez Prieto, na Casa da Cultura de Vilalba

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá o vindeiro xoves 29 de outubro, ás 20:00 horas, a conferencia Otero Pedrayo e a Xeración NÓS, que será impartida por Victorino Pérez Prieto. A actividade está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración co Concello de Vilalba, e con entrada libre ata completar a capacidade.

A charla estará dedicada á figura de Ramón Otero Pedrayo, unha das personalidades máis destacadas da cultura galega do século XX e membro fundamental da Xeración NÓS, o grupo de intelectuais que desempeñou un papel decisivo na renovación cultural, literaria e política de Galicia nas primeiras décadas do pasado século.

NOTA-INFORMATIVA-VICTORINO-PEREZ-PREITO

Exposición «O Herbario de Agustín» na Casa da Cultura de Vilalba

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá do 23 de outubro ao 10 de novembro a exposición «O Herbario de Agustín», un proxecto que nace dun coidado proceso de lectura e investigación arredor das obras de Agustín Fernández Paz e que busca poñer en valor a riqueza do patrimonio literario e natural a través  das especies vexetais que aparecen nos seus textos.

O herbario é froito do traballo colaborativo do alumnado do Club de Lectura, do equipo da Biblioteca e do Club de Ciencia do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, que se mergullaron nos libros do autor cunha mirada atenta para identificar e documentar cada referencia ás plantas. Unha lectura que foi moito máis alá da interpretación literaria para converterse nunha auténtica exploración botánica, na que cada páxina podía agochar unha nova especie por descubrir.

NOTA-INFORMATIVA-O-HERBARIO-AGUSTIN

O TRANVÍA LEONARDO, de Fantoches Baj, este sábado, ás 17hrs, na Casa-Museo Manuel María

O TRANVÍA LEONARDO, DE FANTOCHES BAJ, ESTE SÁBADO, ÁS 17 HRS, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, PARA PÚBLICO INFANTIL E FAMILIAR

NARRACIÓN ORAL, MONICREQUES E MÚSICA FAN PARTE DESTE ESPECTÁCULO DE INACIO VILARIÑO

O tranvía Leonardo é un espectáculo de narración oral para a infancia (de catro anos en diante) con marionetas e música en que se conta a historia do primeiro tranvía a vapor de Galiza, que, como era lento, suxo, pequeno, estreito e descarrilaba a miúdo, foi motivo de mofa e protagonista de innumerábeis cancións e anécdotas. A música é o fío condutor deste espectáculo en que se cantan acompañados de caixa de música e reque reque as seguintes cancións: Caramba!, O trole do tranvía, Chucurruchú, O miudiño, Tango do billete, Romance de Guillermo, A Maturragaina e O trabalinguas das trisílabas.

Pepe Tafall, xefe do tranvía de Marín a Pontevedra e ademais cómico amador e dramaturgo, conta a historia do tranvía Leonardo desde o seu nacemento en Bruxelas até a súa vellez, coa intención de que o propietario, o Marques de Riestra, o xubile e lle dea o seu merecido retiro. Alén das historias do tranvía Leonardo, Tafall, conta algunhas das anécdotas máis simpáticas dos seus tripulantes: Moncho o maquinista e Ramón o do fogón; e dalgúns dos seus pasaxeiros mais famosos: Xosé Echegaray, o médico Guillermo, a cega Morcega, a mestra Trini Trapa e o loro Ravachol.
Para asistir, este sábado, ás 17 hrs, a este espectáculo é necesario reservar (billete 2 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

A Deputación da Coruña explora como a prescrición cultural está a contribuír á saúde e ao benestar

  • Experiencias de Galicia, Euskadi e Portugal amosaron como a cultura contribúe ao fortalecemento dos vínculos comunitarios, á saúde mental e á prevención da soidade.
  • As participantes destacaron a necesidade de superar os proxectos piloto e avanzar cara a iniciativas con financiamento estable e coordinación sanitaria.
  • A xornada propuxo acompañar iniciativas culturais impulsadas desde as propias comunidades, atendendo ás súas necesidades e favorecendo a súa continuidade.

Como pasar de experiencias puntuais de prescrición cultural a iniciativas estables que formen parte das políticas públicas de saúde? Este foi un dos principais retos abordados na xornada Cultura e saúde comunitaria, celebrada hoxe pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, que reuniu profesionais de Galicia, Euskadi e Portugal para analizar como a participación cultural pode contribuír á saúde mental, á prevención da soidade non desexada e ao benestar comunitario.

O encontro abordou a prescrición cultural, unha práctica que conecta os recursos culturais cos servizos sanitarios para favorecer o benestar das persoas, e analizou as condicións necesarias para consolidar estas iniciativas, desde a coordinación entre profesionais ata o financiamento e a avaliación de resultados.

Experiencias de Portugal, Euskadi e Galicia

Fátima Vieira, profesora catedrática da Universidade do Porto, presentou o traballo do Consórcio de Prescrição Cultural de Portugal e abordou as evidencias sobre os beneficios da participación cultural para a saúde mental, especialmente en persoas con ansiedade ou estrés. Subliñou que a prescrición cultural debe partir dos profesionais sanitarios e complementar, nunca substituír, os tratamentos médicos. Tamén destacou a necesidade de superar a temporalidade dos proxectos piloto e avanzar cara a políticas públicas con financiamento estable e mecanismos de avaliación.

Pola súa banda, Marta Font Cifré, directora de Estratexia, Consultoría e Innovación Social de K6 Gestión Cultural e directora de Gertu Kultura, compartiu a experiencia desta rede de Euskadi, que conecta equipamentos culturais, entidades sociais e servizos sanitarios. Entre as iniciativas presentadas destacou Kulturatik ekin. Osasun Komunitarioa, desenvolvido con Osakidetza –Servizo Vasco de Saúde– e seis concellos vascos, que promove a participación cultural de persoas maiores para previr a soidade non desexada.

Font incidiu na importancia de ir máis alá da oferta de actividades e crear espazos nos que as persoas establezan vínculos, participen nas decisións e se sintan parte da comunidade. A proximidade, a accesibilidade, a mediación e a continuidade son elementos fundamentais deste enfoque.

A perspectiva galega chegou da man de Mercedes Seoane Bouzas, terapeuta ocupacional, psicóloga e profesora da Universidade da Coruña, que abordou o papel da cultura na saúde mental desde os dereitos, a autonomía e a inclusión social. Seoane defendeu a necesidade de combater o estigma e crear espazos culturais inclusivos nos que as persoas poidan participar sen quedar definidas polo seu diagnóstico.

“As persoas non poden quedar reducidas a un diagnóstico. Necesitan espazos nos que participar, relacionarse e desenvolver os seus intereses, como calquera outra persoa. A cultura pode contribuír a crear esas oportunidades e a que cada quen sexa recoñecido polo que é e polo que pode achegar á comunidade”, sinalou Seoane.

Propostas para integrar cultura e saúde nas comunidades

As intervencións deron paso a unha dinámica de traballo colectivo arredor de dous retos: integrar cultura e saúde en contornas próximas e garantir a continuidade e a sustentabilidade dos proxectos.

Entre as propostas destacou impulsar creacións artísticas desde as propias comunidades, mediante convocatorias a artistas e iniciativas de cinema, teatro ou circo, inclusivas para a veciñanza e acompañadas por profesionais sanitarios, que poidan servir de modelo para outras localidades.

Para garantir a continuidade, as persoas participantes propuxeron identificar as necesidades reais das comunidades e promover liderados locais capaces de manter vivos os proxectos. Tamén se destacou a importancia de dar visibilidade ás experiencias en festivais e outros espazos culturais, favorecendo que inspiren novas iniciativas e xeren unha demanda de participación desde a propia cidadanía.

Con este encontro, a Deputación da Coruña pecha as xornadas de outubro dedicadas á relación entre cultura, acción social e saúde comunitaria, dous espazos de intercambio para explorar novas formas de colaboración e avanzar cara a unha cultura entendida como dereito e conectada coa vida das persoas.

Máis imaxes dispoñibles aquí.

Sobre A Cultura é un Dereito

A acción cultural da Deputación da Coruña

Cultura, cooperación e territorio. A política cultural da Deputación da Coruña desenvólvese ao redor destes elementos, a partir dos cales procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.

Cremos na cultura como ferramenta para a mellora social. E apostamos por traballar, para a conseguir, cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade. Cooperamos cos concellos, as entidades e as e os artistas desde o local, desde a proximidade.

Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito. Que alimenta, que nos fai o que somos. O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas.

aculturaeundereito.gal

NP_ACEUD_Xornada17O_CulturaESaudeComunitaria

Gala de entrega do IX PREMIO AGSUTÍN FERNÁNDEZ PAZ no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade ao escritor gañador, FRAN FERNÁNDEZ DAVILA, polo seu libro “QUERO SER COMA VERO BOQUETE”, que terá lugar o sábado 24 de outubro de 2026, ás 20:00 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA. 

O referido acto, enmarcado nesta ocasión na Iniciativa Agustín Fernández Paz 2026-2027 “MIRADAS SOBRE AGUSTÍN”,  será presentado por CARMEN HERMIDA e contará coas intervencións de MARISA BARRERO, presidenta do Iescha; MARTA ROUCO alcaldesa de Vilalba; FRAN ALONSO, director de Edicións Xerais de Galicia; MANUEL BRAGADO, membro do Xurado, e FRAN FERNÁNDEZ DAVILA, gañador do IX Premio Agustín Fernández Paz, que irán intercalándose entre as actuacións previstas.

Durante o acto, irán producíndose distintas actuacións relacionadas coa música, co teatro, coa poesía, coa palabra, coa imaxe…

Para elo, contaremos coa participación de:

* GRUPO DO CENTRO OCUPACIONAL TERRA CHÁ DE VILALBA

* CARLOS GÓMEZ OSA

*  MINICORO DE ESMUVI 

*  ALUMNADO DA BIBLIOTECA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DO IES BASANTA SILVA

NOTA-INFORMATIVA-gala-de-entrega