Na historia do grupo FALTRIQUEIRA, o club vigués A Fábrica de Chocolate marca unha etapa na que as mozas de Pontedeume estaban dentro da familia de management que hoxe é Esmerarte.
Con eles coñeceron as entrañas da cidade da man de Xurxo Fernández e afianzaron amizades como as de Xoel López, Kim Martínez, Eladio Santos ou o propio director da sala de concertos Marcos Vázquez.
A roda xira que xira e nós con ela sen final, así que, a visita do grupo de cantareiras removerá lazos de complicidade e brindará a oportunidade de gozar na noite do 2 de xuño dunha reunión de afectos na que se escoitarán, ademais, a voz de Eladio, as percusións de David Outomuro e os enxeños de Marcos Vázquez.
Faltriqueira acode á cita cunha formación que consolida o seu estilo puro e transgresor con catro voces, percusións e o acordeón de Jorge Juncal.
No repertorio ofrece un avance do novo traballo que está xestando, “Nacenza“, temas que se sumarán aos clásicos da súa listaxe artística que superan xa os 20 anos.
De Abadín chega este próximo sábado, á Casa-Museo Manuel María, a narradora oral Ángeles Goás que levará a cabo unha contada dirixida para as crianzas, a partir de 5 anos, e as súas familias. Traerá, xunto con ela, un enorme saco máxico cheo de historias que trocará por rimas, refráns, trabalinguas…
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), dentro dos actos programados co gallo das Letras Galegas’ 2023, organiza a conferencia que leva por título “FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. UN LOITADOR POLA IDEA DE GALICIA”, que será impartida por MALORES VILLANUEVA, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), profesora, tradutora, editora e crítica literaria. É autora do libro co mesmo nome, editado por Galaxia.
O acto terá lugar o venres 26 de maio de 2023, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
O sábado 27 de maio de 2023, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración con Concello de Vilalba, organiza unha nova proxección de cine galego coa longametraxe MATRIA, do director ÁLVARO GAGO. Estará presente na proxección a actriz protagonista da película, MARÍA VÁZQUEZ.
Nesta ocasión, para poder presenciar a película haberá que facer a reserva online na páxina https://entradasvilalba.es e, ademais, de xeito excepcional, aboar a cantidade de 3,50 € (cantidade que vai destinada á distribuidora do film). Así mesmo, pódese facer esta xestión na Casa da Cultura ou, o mesmo día da proxección, na billeteira do Auditorio.
Exeria, o grupo de grunge/rock 90´s en galego de Ponteareas actuará o vindeiro sábado 20 ás 21h. en Allariz no Ciclo “Rock & Beer nights” que tera lugar en “O xardin da ledicia”.