Paula Carballeira, Jaime Santos e Iseo Agilda son os artistas que actuarán este martes en Santiago
O Teatro Principal acolle ‘Blancanieves’, de La Chana Teatro, gañador do premio Max 2023 ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar
Mentres, en Portugal, está programado un paseo histórico e unha sesión de contos a cargo de Estefânia Surreira
A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal
Os máis cativos serán os protagonistas da segunda xornada do Festival Atlántica este martes, 2 de xullo, que desenvolverá actividades en Santiago e Portugal. Así, ás 12 horas, os pequechos terán que decidir entre escoitar as historias de Iseo Agilda en A grandeza do pequeno (12 h, CSC Santa Marta) ou os Contos de sapos, bruxas e curuxas de Paula Carballeira (12 h, CSC Maruxa e Coralia). Xa pola tardiña e no Teatro Principal, ás 17 horas, será a representación de Blancanieves de La Chana Teatro, con entrada gratuíta pero para asistir cómpre retirar previamente o convite na Zona C.
Blancanieves foi a obra gañadora do premio Max ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar no 2023. Trátase dun espectáculo luminoso celebrado pola crítica e o público no que a historia de Blancanieves cóntase desde o verso e desde o humor que nace das situacións máis desgraciadas. Blancanieves, a luz máis refulxente, é odiada e envexada pola súa madrasta, unha fermosa lámpada cuxa beleza está baleira, pois nin sequera emite luz. E alí onde habita a luz, atópase a beleza que encandea de verdade ás almas nobres. E é que a beleza é invisible aos ollos.
Alén disto, os maiores tamén poderán gozar das historias de Paula Carballeira con Camiños de mar, terra e vento, pero algo máis tarde, ás 21 horas, e tamén no CSC Maruxa e Coralia. Completa la programación de Compostela unha andaina nocturna pola Portela de Villestro que será guiada polo Colectivo A Rula. Consistirá nunha visita aos principais petróglifos da área arqueolóxica da zona, conformada por unhas 15 estacións de arte rupestre nos enclaves do Agro do Campo, Os Valados, O Rexío, A Devesa da Rula e Os Cortellos.
Actividade en Portugal Atlántica tamén seguirá a se celebrar en Portugal este martes con dúas propostas: un paseo histórico a cargo de Jorge Leal e unha sesión de contos con Estefânia Surreira. Ao longo desta semana, outras sedes espalladas por Galicia iranse engadindo ao festival ata completar as máis de 90 funcións previstas nesta edición.
O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.
Festival Atlántica Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O festival bota a andar este luns con actividades en Santiago de Compostela e en Portugal e proseguirá ata o domingo 7
A función inaugural será ‘Pisando el llano’ de Jaime Santos, de La Chana Teatro, no CSC Maruxa e Coralia de Santiago ás 21 horas
A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal
O Festival Atlántica inaugura este luns, 1 de xullo, a súa duodécima edición con actividades en Santiago e Portugal. En Compostela a actividade da mañá estará dirixida aos máis cativos, que poderán gozar dos espectáculos Prende no colo de Luís Prego e Samuel Soto (11.00 horas) e A maleta da avoa de Raquel Queizás (12.00 horas), ambos os dous no CSC Maruxa e Coralia.
Alí mesmo, pero pola noite, ás 21 horas, terá lugar a función inaugural Pisando el llano, un espectáculo unipersoal de Jaime Santos, de La Chana Teatro, baseado na colección de contos El llano en llamas de Juan Rulfo. O actor salmantino consegue preservar nesta proposta escénica a calidade literaria das obras de Rulfo e ofrecer unha representación teatral que se axusta o máximo posible ao imaxinario descrito polo escritor mexicano.
Dun xeito honesto e sen artificios, Jaime Santos transmite a crueza e desolación que preside El llano en llamas e faino sen máis acompañamento ca unha cadeira. O único actor en escena tratará de reflectir a “escrita total” de Rulfo nestas historias ambientadas en paraxes áridas do México pre e postrevolucionario que narran as vivencias de campesiños solitarios en constante loita por sobrevivir ante os procesos de industrialización do país azteca.
Santos, grande admirador do escritor mexicano, quixo preservar a esencia dun dos principais representantes do realismo máxico, así que, amais de realizar a representación completa con acento mexicano, emprega a mesma linguaxe popular que caracteriza esta obra, considerada un clásico da literatura hispanoamericana.
Tamén Portugal
Atlántica tamén comezará este luns 1 de xullo a súa actividade en Portugal, onde programa un total de trece funcións en cinco sedes diferentes e durante sete días. Ao longo desta semana, outras sedes espalladas por Galicia iranse engadindo ao festival ata completar as máis de 90 funcións previstas nesta edición. O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
24 planes diferentes gratuítos que inclúen contos, música, andainas, unha ruta en bicicleta, un documental e un obradoiro
A función inaugural será ‘Pisando el llano’ de La Chana Teatro que tamén representará ‘Blancanieves’, premio Max 2023 ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar
Xunto á portuguesa Ana Sofia Paiva e o xaponés Yoshi Hioki estarán ‘clásicos’ de Atlántica como Paula Carballeira, Vero Rilo, Cris de Caldas, Paco Nogueiras ou Raquel Queizás, entre outros
Protagonismo de la fusión de música e contos cos espectáculos ‘Contos de revolución: entre Brassens e Neira Vilas’, de Dani Blanco e Zé Pumar, e ‘Patios de luz’de Su Garrido Pombo
A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal
O Festival Atlántica ultima os preparativos para desembarcar en Santiago de Compostela e a súa bisbarra cun intenso programa que desenvolverá 24 actividades gratuítas entre os días 1 e 6 de xullo. A descentralización é unha das marcas do veterano encontro en Compostela, con funcións urbanas que conviven coa aposta decidida por barrios, lugares e parroquias do extenso rural do concello. Boa parte das propostas son de narración oral, pero haberá tamén espectáculos que mesturen contos e música, e actividades mais diversas como andainas e mesmo a proxección dun documental e un obradoiro de memoria.
O espectáculo inaugural da edición deste ano vai ser o unipersoal Pisando el llano da compañía salmantina La Chana Teatro que tamén levará ata ao Teatro Principal Blancanieves, unha obra multipremiada que no 2023 acadou o Max ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar. Tamén de fóra de Galicia serán as historias da portuguesa Ana Sofia Paiva e do xaponés Yoshi Hioki, ambos os dous con propostas para público familiar e adulto.
Mais a gran maioría do programa recae sobre artistas da narración galega: Paula Carballeira, Raquel Queizás, Inacio Vilariño, Vero Rilo, Inma Soto, Iseo Agilda e Pablísimo. Haberá tamén funcións con música que chegarán da man de Luís Prego e Samuel Soto, Cris de Caldas e Xabi do Camiño e Paco Nogueiras. Mención aparte merecen a estrea o venres 5 de Contos de revolución: entre Brassens e Neira Vilas, de Dani Blanco e Zé Pumar, e a clausura en Compostela con Su Garrido Pombo e Patios de luz na explanada da Colexiata de Sar o sábado 6.
Propostas diversas O público máis activo terá este ano a posibilidade de gozar de dúas andainas, unha nocturna polos petróglifos da Devesa da Rula guiada polo Colectivo A Rula e que xa esgotou as súas prazas, e outra diúrna polo románico do rural da igrexa de Santa María de Figueiras. Outra proposta é coñecer os castros da bisbarra nunha ruta en bicicleta na que colabora a Gentalha do Pichel. Pechan o apartado de actividades diversas o obradoiro Memoria e relato dos obxectos a cargo de Alba Grande e a proxección do documental Caneliñas, de Paula Castiñeiras e María González, no Museo do Pobo Galego
No tocante ao veciño concello de Teo, poderá gozar tamén de Atlántica entre os días 3 e 6 de xullo cunha variada programación para a cativada con funcións de Yoshi Hioki e Vero Rilo. Ademais o público adulto terá a sorte de presenciar a estrea de Contar para vivilo de Cándido Pazó e os Contos e cantos da Baleanorte de Lidia Luna acompañada de Ugía Pedreira.
Toda Galicia… e Portugal Ademais, o 3 de xullo marcará o inicio do festival en boa parte das 25 sedes espalladas por toda Galicia. Este ano participan en Atlántica, alén de Santiago e Teo, os concellos de Ferrol, A Coruña, A Estrada, A Pobra do Caramiñal, Alfoz, Betanzos, Brión, Caldas de Reis, Chantada, Cuntis, Dodro, Lobios, Meaus, Mugardos, Ourense, Outes, Palas de Rei, Pazos de Borbén, Ribeira, Rois, Sanxenxo, Vigo e Vilalba. A esta extensa actividade cómpre engadir a programación de Portugal que levará trece propostas a cinco sedes diferentes, reafirmando o carácter transfronteirizo do encontro.
O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.
Festival Atlántica Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
A nova creación de Mondra, un tema proLGBTIQA+ no que reivindica a creación cuir en galego e feita no país, quere dar voz á disidencia e á diversidade
O tema acompáñase dun videoclip no que o artista e o seu equipo bailan rodeados de froita de orixe galega, á vez que signan e visibilizan termos como “trans”, “lesbiana”, “cuir” ou “marica”
Mondra leva por bandeira “ser galego e maricón”. Por iso, no Día do Orgullo LGBTIQA+, o artista multidisciplinar lanza o seu novo sinxelo, MARIMONDRA, un canto á disidencia e no que reivindica a creación cuir en galego e desde Galicia. O tema está dispoñible desde hoxe nas principais plataformas dixitais.
“Ei, son MARIMONDRA / un ser ben dramático / Sempre di meu pai / que nacín fóra do armario” canta Mondra nunha peza na que tamén participa a intérprete Mónica de Nut, unha colaboración que xoga coa dualidade, tanto a nivel musical coma gráfico. “Enfrontamos a sofisticación, neste caso a través do canto lírico, co desenfado”, explica o creador, quen tamén apunta ao vídeo que acompaña o tema (e que codirixe con Adela Otero), un traballo ambientado nunha froitaría algo inusual e na súa diversidade de cores e formas.
Deste xeito, MARIMONDRA preséntase como un canto proLGBTIQA+ que reivindica, con orgullo, a creación cuir galega, disidente, diversa e inclusiva; feita no país e implicada no territorio. O tema abrangue un discurso tanto lúdico e festivo coma comprometido. En atención ás diversas realidades presentes no colectivo, Mondra e o seu equipo (Jandros Rodríguez e Sabela Domínguez) visibilizan múltiples identidades con orgullo. Así, coa coreografía de Daniel Rodríguez e co asesoramento do proxecto ‘En Lingua de Signos’, signan termos como “trans”, “lesbiana”, “cuir” ou “marica”.
“Queremos que MARIMONDRA sexa un canto de celebración, de liberación e de orgullo, que poida representar a calquera persoa do colectivo”, asevera Mondra, quen avanza que o tema se poderá escoitar nas súas vindeiras citas en directo.
MONDRA Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. O pasado outono publicou ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico, unha proposta que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa; e pola que foi recoñecido recentemente co Premio Martín Códax na categoría de Electrónica.
Desde a estrea de ARDĒN na Sala Capitol (setembro de 2023), Mondra ten participado coa súa FOLĪA das ARDENTES en numerosas citas musicais. Este verán será parte do cartel de festivais imprescindibles do noroeste peninsular. É o caso Portamérica, Atlantic Pride, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas ou Osa do Mar, entre outros moitos.
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia presenta as actividades paralelas enmarcadas na Escola Sinsal, que afondarán na historia do rexistro sonoro en Galicia
Unha exposición didáctica na que se integra a linguaxe do cómic ou sesións musicais no novo escenario Malmequeres que recuperan arquivos sonoros domésticos son algunhas das propostas que se integran nesta liña de programación
O investigador e experto Aleks Kolkowski gravará novamente en cilindro fonográfico ás bandas e solistas do festival nas coñecidas ‘Sesións San Simón’, abertas ao público e que se realizarán en distintos puntos do arquipélago
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia comeza a desvelar a programación de actividades que terán lugar, de xeito paralelo aos concertos, durante o desenvolvemento do evento, que se celebrará na illa de San Simón do 26 ao 28 de xullo. A primeira das iniciativas que se dá a coñecer é a que corresponde á Escola Sinsal, a proposta que promove a difusión e coñecemento da historia do arquivo sonoro. Unha exposición didáctica que percorre a traxectoria de músiva gravada en Galicia, sesións musicais que recuperan arquivos sonoros domésticos e unha nova edición das Sesións San Simón, nas que as bandas e solistas realizan gravacións breves dos seus temas nun cilindro de cera, formarán parte desta liña de programación.
Se ben un dos elementos máis destacados do Sinsal SON Estrella Galicia é o seu cartel secreto, o festival propón descubrir con antelación as actividades paralelas, abertas a todos os públicos, que acontecerán á vez que os directos, de xeito que as e os asistentes ao evento poidan tamén ser parte dunha proposta que, alén de ofrecer unha ollada sobre a escena contemporánea, pon en valor o patrimonio cultural, natural e histórico tanto da illa de San Simón coma do universo musical. Neste sentido, a Escola Sinsal é un dos piares da programación paralela. Trátase dun proxecto de divulgación de Sinsalaudio que, desde hai 20 anos, e a través de diferentes iniciativas e visións, pretende difundir e poñer en valor o rexistro sonoro. Testemuñas e obxectos permiten coñecer, alén do valor material, a súa historia social.
Unha das principais actividades enmarcadas na Escola Sinsal é a exposición didáctica e experimental que o público poderá visitar xunto á cafetería de San Simón. Tras difundir o suco do vinilo e a súa evolución ao longo dos anos na edición de 2022, e poñer o foco no casete como o principal soporte sonoro do século XX o pasado 2024, este ano o Festival Sinsal SON Estrella Galicia convidará ao público a descubrir e, por que non, imaxinar, a historia da música gravada en Galicia a través de oito personalidades do país que tiveron relación coa mesma, desde o século XVII até o século XX. Será un percorrido singular que comezará en Ourense, da man de Domingo Martínez de Presa, e terá unha parada especial en Pontevedra no século XIX con Severino Pérez Vázquez, quen anticipou un precursor do sintetizador de voz, case un “autotune” primitivo.
Estas historias, así como outras vinculadas a Andrés Avelino Comerma i Batalla, Emilia Pardo Bazán, Enrique Labarta Pose, Maruja Boga, Pedro Ferrer ou Portela Seijo incorpóranse á Escola Sinsal da man, talento e imaxinación de oito artistas do mundo do cómic. Emma Roulette, Begoña García e Alén González, Marta Cartoon, Santi Zubizarreta, Pepa Prieto Puy, Andrés Magán, Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña) e Mar Masacró serán quen de contar, a través da imaxe, as aventuras que as oito personalidades mantiveron co son ou coa música ao longo dos séculos.
Malmequeres: rastrexando arquivos
Alen da exposición, a Escola Sinsal tamén terá especial protagonismo noutra das novidades desta edición, como é a apertura do escenario Malmequeres. O nome alude ao idioma portugués, “malmequer” e “bem-me-quer”, que identifica á familia das margaridas, e que como parte do imaxinario relativo aos sentimentos é, sen dúbida, unha das frores máis esfolladas da historia.
Neste quinto escenario do evento, e no marco das actividades paralelas, terán lugar as nomeadas Malmequeres: rastrexando arquivos, sesións con casetes e cintas magnetofónicas que permitirán recuperar e poñer en valor arquivos e documentos rexistrados neste formato durante a segunda metade do século XX. No festival escoitaranse e gravaranse tres sesións -cada día será diferente- que explorarán outras tantas coleccións que, aínda que a súa orixe sexa diferente, posúen un mesmo valor simbólico.
Sesións San Simón
Finlamente, a Escola Sinsal tamén contará con novas Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas polo experto Aleks Kolkowski. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente. Algunhas das gravacións realizadas na pasada edición do evento, pódense escoitar e visualizar a través da páxina web www.sinsalaudio.es.