Día de Rosalía 2024 na Biblioteca Rural San Martiño de Pino [Galería de imaxes]

Este pasado venres 23 de febreiro celebrouse na Biblioteca Rural San Martiño de Pino o DÍA DE ROSALÍA 2024, ao tempo que se realizou a entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que vén convocando a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ.

O acto comezou co saúdo de Inés Lozano Carral, presidenta da Asociación Cultural de Pino.

A continuación, Martiño Maseda realizou a lectura do Manifesto da AELG polo Día de Rosalía, cuxa autoría nesta edición correspondeu ao escritor Carlos Callón.

Deseguido tivo lugar a entrega de premios ás autoras galardoadas no III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO:

Laura Sánchez Castro, gañadora do segundo premio pola obra Engrañaxes, non puido asistir ao acto, mais si achegou un vídeo onde, ademais de ofrecer a súa gratitude polo premio, contou brevemente o seu caligrama.

A que si estivo presente en Pino para recoller o galardón foi Patricia Torrado Queiruga, gañadora do primeiro premio pola obra súa Última noite en Caldaloba, quen tamén ofreceu unha breve explicación do seu caligrama, ao tempo que salientaba a súa gratitude porque Pino, e a Terra Chá, xa formaba para da súa memoria do corpo (emulando palabras do escritor de nacenza chairega, Xesús Rábade Paredes).

Rematada a cerimonia de entrega de premios, varias mulleres presentes participaron na actividade Enmarcando a Rosalía, na que realizaron a lectura de textos rosalianos e deixándoos adheridos nun cadro coa imaxe de Rosalía de Castro.

En varios momentos do evento contouse coa interpretación de pezas musicais a cargo de Avelino Roca acompañado polo grupo de música de nenas e nenos de Pino.

GALERÍA VIDEOGRÁFICA

*Autoría das imaxes: José Manuel Pena Regueiro e Martiño Maseda

Entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO e Actos conmemorativos do Día de Rosalía 2024

Coincidindo coa conmemoración do DÍA DE ROSALÍA 2024, o vindeiro venres 23 de febreiro, ás 19 h. na Biblioteca Rural San Martiño de Pino, celebrarase o acto de entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ.

No acto de entrega estarán presentes as persoas gañadoras da edición de 2023 do citado certame:

Patricia Torrado Queiruga, que acadou o primeiro premio pola obra Última noite en Caldaloba

Laura Sánchez Castro, gañadora do segundo premio coa obra Engrañaxes

Como xa apuntamos antes, esta entrega de premios enmarcarase dentro dos Actos conmemorativos do Día de Rosalía co seguinte programa:

  • Saúda da presidenta da Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino
  • Lectura do Manifesto polo Día de Rosalía, autoría de Carlos Callón, en representación da AELG
  • Presentación dos caligramas gañadores e entrega de premio ás persoas autoras dos mesmos
  • Lectura de textos por parte dos asistentes ao evento
  • Interpretación dunha peza musical sobre un texto rosaliano

Fallo do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO

O xurado do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ, e co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Cospeito, acordou o seguinte fallo:

1º Premio para a obra ÚLTIMA NOITE EN CALDALOBA, da cal resultou ser autora Patricia Torrado Queiruga, de Porto do Son.

2º Premio para a obra ENGRANAXES, cuxa autoría correspondeu a Laura Sánchez Castro, de Santiago de Compostela.

A entrega dos galardóns levarase a cabo no local da Biblioteca Rural San Martiño de Pino, nunha data que será anunciada proximamente.

Convocatoria do III Certame de Caligramas “Constanza de Castro” e do III Certame de Debuxo Infantil “A túa Caldaloba”

A Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ, e o apoio da área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Cospeito, convoca a terceira edición do Certame de Caligramas “Constanza de Castro” e do Certame de Debuxo Infantil “A túa Caldaloba”.

Os certames rexeranse de acordo ás seguintes BASES de participación

Descargar BASES III CERTAME DE CALIGRAMAS CONSTANZA DE CASTRO

Descargar BASES III CERTAME DE DEBUXO INFANTIL A TÚA CALDALOBA