O universo visual de Fillas de Cassandra triunfa nos Mestre Mateo: Hibernarse. O videofilme, mellor videoclip do ano

  • A peza, dirixida polas propias María SOA e Sara Faro canda Santi Iglesias e Sergio ‘Steel’, reivindica o traballo artesán nunha viaxe sonora e audiovisual que resume o universo ‘Hibernarse’
  • O vídeo recibe o seu segundo galardón tras gañar tamén na mesma categoría nos I Premios da Industria Musical de Galicia
  • Fillas de Cassandra lanzarán este venres 27  ‘déixate ver’, o terceiro avance do seu novo álbum Tertúlia, un tema no que colabora Ede e no que o grupo reivindica o espazo público como lugar de encontro entre amigas

Fillas de Cassandra alzáronse esta fin de semana co Premio Mestre Mateo ao mellor videoclip pola artesanía visual de Hibernarse. O videofilme, unha peza que tece plano a plano esencia do proxecto. O galardón outorgado pola Academia Galega do Audiovisual súmase ao xa recibido o pasado mes de novembro nos I Premios da Industria Musical de Galicia, que recoñeceron tamén a identidade visual de Hibernarse.

Hibernarse. O videofilme, é unha peza que transcende o formato musical para converterse nunha obra artística total. Nesta creación, as propias Sara Faro e María SOA asumen a dirección canda Santi Iglesias e Sergio ‘Steel’, dándolle forma a un relato que visualiza e expande o universo ‘Hibernarse’, conformado polas cancións do EP, pero que conta tamén cun fanzine, unha colección de xoias e outra de bolsos. 

A viaxe audiovisual proposta por Fillas de Cassandra bota a andar entre fíos e agullas nun taller de costura, un espazo simbólico onde se cose a identidade e a esencia deste proxecto —un concepto que tamén abraza a portada do vinilo—. É nese escenario -e nos sucesivos que comparten tamén con Caamaño&Ameixeiras ou os actores Pedro Galocha e Brais Ferpo- onde Fillas de Cassandra reivindican o valor do feito a man e o talento compartido.

Para este proxecto, Fillas de Cassandra contou cun equipo que coidou cada textura: desde a directora de arte e vestiario Lara Caeiro -coas prendas das deseñadoras Lidia Agra, Elísabet Millán, Tomás Álvarez (666Leira) e coconutscankill- até a creeadora de xoias de vidro Silvia Calvo, xunto ao traballo fundamental de Noemí Solla na perruquerría e Sandra Montero na maquillaxe. A peza tivo tamén o acompañamento na produción e comunicación de Tremendo Audiovisual. 

Este videofilme, que se pode desfrutar na canle oficial de YouTube do grupo, non é só o acompañamento visual dun disco; é unha invitación a entrar de cheo nun imaxinario onde a música, os coidados, a identidade cultural e o traballo artensán fúndense nunha mesma mensaxe de resistencia.

Novo avance de ‘Tertúlia’ o venres 27: ‘déixate ver’

‘Tertúlia’, o novo álbum do dúo vigués, producido en colaboración con Çantamarta verá a luz o próximo mes de abril. A posta de longo chegará o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra, cun espectacular concerto que marcará o inicio da xira.

O vindeiro venres 27 Fillas de Cassandra darán a coñecer ‘déixate ver’, o terceiro e último avance do álbum. Após lanzar ‘saír á fresca’ e ‘insolación’, Sara Faro e María SOA presentan unha nova peza na que colabora a cantante e compositora Ede, na que o dúo reivindica o espazo público para o encontro entre amigas.

Este ‘déixate ver’, que se poderá escoitar a partir das 00.00h do venres 27 en todas as plataformas dixitais, segue a dar boa conta do que será ‘Tertúlia’: unha proposta rabiosamente contemporánea, reflexiva, ambiciosa e vangardista, que expande a linguaxe creativa do dúo.


Videoclip ‘Hibernarse. O videofilme’
https://www.youtube.com/watch?v=QwcW4bgS1xw

Videoclip Hibernarse. O videofilme



Pregarda ‘déixate ver’, de Fillas de Cassandra con Ede
https://links.altafonte.com/deixatever

Entradas presentación ‘Tertúlia’
https://woutick.com/es/entradas/fillas-de-cassandra-presenta-tertulia

20260322-Hibernarse-Mellor-Videoclip-nos-Premios-Mestre-Mateo