
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) consolida a súa aposta pola visibilización do talento arpístico a través de múltiples estilos da man da Asociación Española de Arpistas (AEDA). Un ano máis, ambas as dúas entidades revalidan o seu compromiso de programar a intérpretes sobranceiras de arpa para que teñan presenza no único evento cultural do noroeste peninsular dedicado exclusivamente a este instrumento. Nesta edición de 2026, o NHF e a AEDA manteñen a súa estreita colaboración para ofrecer dous directos o 1 de agosto que contarán con algunhas das figuras máis representativas da escena clásica, culta e antiga.
A primeira cita do día terá lugar ás 12:30 horas na Igrexa de San Francisco. O prestixioso arpista Manuel Vilas, recoñecido internacionalmente pola súa especialización en arpas históricas e a recuperación do patrimonio musical, actuará xunto ao grupo de música antiga Entrebescant, unha formación que destaca pola súa interpretación rigorosa de repertorios medievais.
O aspecto máis excepcional desta actuación será o uso dos instrumentos da Arquivolta da Igrexa de San Martiño, que forman parte da identidade cultural da vila. Estas pezas son copias fidedignas reconstruídas polo Noia Harp Fest e o Concello de Noia no ano 2018, baseándose na iconografía orixinal do pórtico. O proxecto permite escoitar de novo o son real das figuras pétreas da igrexa grazas a un minucioso traballo de luthiería e investigación histórica. Entrebescant e Vilas fusionan así a técnica interpretativa de vangarda coa sonoridade auténtica dos instrumentos do século XV, convertendo o patrimonio arquitectónico en música viva nun marco único.

Xa pola tarde, ás 20:00 horas, o Claustro de San Francisco acollerá o concerto da arpista Neleta Ortiz, unha das figuras máis activas na investigación de novos repertorios e na divulgación musical de prestixio. Coa súa proposta, que integra a arpa clásica cunha estética coidada, Ortiz presentará en Noia unha obra para arpa e violonchelo inédita do compositor italiano Enrico Mainardi, froito dunha fonda investigación sobre o seu legado.
Esta interpretación, que destaca pola súa relevancia académica, contará coa colaboración do recoñecido cellista Thomas Piel nunha proposta que recupera material histórico para o instrumento. O concerto, organizado de forma conxunta polo Noia Harp Fest e a AEDA, conta cunha consolidada infraestrutura loxística que garante a sonorización técnica necesaria para un espazo tan singular como o claustro.
Ambos os dous concertos serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos, convertendo esta xornada de colaboración nunha oportunidade única para achegar ao público propostas de alto nivel interpretativo e rigor académico.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebrará do 29 de xullo ao 2 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA), a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.
O anuncio das incorporacións de Manuel Vilas, Entrebescant e Neleta Ortiz amplía deste xeito o cartel da 13ª edición do Noia Harp Fest, que este ano presenta unha programación liderada polas arpistas internacionais Maeve Gilchrist, Siobhán Armstrong e Sona Jobarteh.
Avance de programación do XIII Noia Harp Fest
30.07, Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist
31.07, Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong
01.08, Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant
01.08, Claustro de San Francisco | Neleta Ortiz
01.08, Praza do Tapal | Sona Jobarteh
