• A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de sábado 9 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as

Tras a aprobación da acta anterior, do informe económico e de actividades (anexo) do ano 2018 e do orzamento previsto para 2019, procedeuse a detallar o proxecto de actividades para 2019, que tamén foi aprobado:

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG propuxo ao Consello Directivo someter á consideración da Asemblea Xeral  recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubart e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.

Mestra da Memoria 2019
Dorothé Schubarth

Fotografía: Premios Martín Códax da Música/YouTube

Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. É directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comeza a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).
En 1978 visita Galicia para coñecer a nosa música popular mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.

Mestre da Memoria 2019
Pablo Quintana

 

Fotografía: Canela Producións

Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos…, arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandereteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo.
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en video industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira e Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Ma actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como pola súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.

Fotografía: European Institute for Gender Equality/YouTube

Estudou na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa. Dedicouse ao cine-clubismo, como dirixente do ABC Cine-Clube, ao xornalismo e o feminismo tendo feito parte do Movimento Feminista de Portugal com Maria Isabel Barreno e Maria Velho da Costa, as Três Marias. Em conxunto publicaron o libro Novas Cartas Portuguesas, que, na época, xerou forte impacto e contestación.
Teresa Horta tamém fixo parte do grupo Poesia 61.
Publicou diversos textos em xornais como Diário de Lisboa, A Capital, República, O Século, Diário de Notícias e Jornal de Letras e Artes, tendo sido também xefa de redacción da revista Mulheres, iniciativa persoal de Maria Teresa Horta que consistiu num proxecto feminista, de forte cuño esencialista.
Em 2004 foi feita Grande-Oficial da Ordem do Infante D. Henrique. Foi galardoada co Prémio D. Dinis  da Fundação Casa de Mateus pela súa obra As Luzes de Leonor.


Poesía

Espelho Inicial (1960)
Tatuagem (1961)
Cidadelas Submersas (1961)
Verão Coincidente (1962)
Amor Habitado (1963)
Candelabro (1964)
Jardim de Inverno (1966)
Cronista Não é Recado (1967)
Minha Senhora de Mim (1967)
Educação Sentimental (1975)
As Mulheres de Abril (1976)
Poesia Completa I e II (1960-1982) (1982)
Os Anjos (1983)
Minha Mãe, Meu Amor (1984)
Rosa Sangrenta (1987)
Antologia Poética (1994)
Destino (1998)
Só de Amor (1999)
Antologia Pessoal – 100 Poemas (2003)
Inquietude (2006)
Les Sorcières – Feiticeiras (2006) edição bilingue
Cem Poemas + 21 inéditos (2007)
Palavras Secretas (Antologia) (2007)
Poemas do Brasil (2009)
Poesia Reunida (1960-2006) (2009)
As Palavras do Corpo (Antologia de poesia erótica) (2012)
Poemas para Leonor (2012)
Poesis (2017)
Estranhezas (2018)

Ficción

Ambas as Mãos sobre o Corpo (1970)
Novas Cartas Portuguesas (1971) (obra conjunta))
Ana (1974)
O Transfer (1984)
Ema (1984)
A Paixão Segundo Constança H. (1994)
A Mãe na Literatura Portuguesa (1999)
As Luzes de Leonor (2011)
A Dama e o Unicórnio (2013)
Meninas (2014)

O Premio será entregado o día 11 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, convocada pola AELG, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.

Así mesmo, acordouse que Pilar Pallarés sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo quinta edición; será no mes de xuño no Concello da Coruña.

Fotografía: Distrito Xermar/Centro de Documentación da AELG

Estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela. Colaborou en diversas revistas, como Grial, Coordenadas, Dorna, Nordés ou Festa  da Palabra Silenciada. Tras a publicación do seu primeiro libro, Entre lusco e fusco (1980), converteuse nunha das voces poéticas máis importantes da poesía galega. Posteriormente publicaría as obras Sétima soidade (1984, Premio Esquío de poesía en 1983) e Livro das devoracións (1996). Ademais, ten colaborado en varias revistas con estudos de crítica literaria.

Poesía
Entre Lusco e Fusco, (1980). Ediciós do Castro.
Sétima soidade, (1984). Edicións da Sociedade de Cultura Valle-Inclán.
Livro das devoracións, (1996). Espiral Maior.
Poemas, (2000). Universidade das Illas Baleares. Servizo de Publicacións.
Leopardo son (2011, Espiral Maior).
Tempo fósil, (2018, Chan da Pólvora)

Ensaio
Rosas na sombra (a poesía de Luís Pimentel), (1991). Edicións do Cumio.
Carballo Calero. Caderno didáctico, (1994). Concello de Ferrol.

Obras colectivas
De amor e desamor. I. II, (1984 e 1985), Edicións do Castro.
Escolma de poesía galega (1976-1984), 1984, Sotelo Blanco.
Rosalía de Castro: unha obra non asumida, (1985), Xistral.
Desde a palabra, doce voces, (1986), Sotelo Blanco.
Literatura galega do século XX, (1988), Vía Láctea.
Concurso Nacional de Poesía O Facho (1978-1989), (1990), Edicións do Castro.
XIII Festival da Poesia no Condado, (1993), S. C. D. Condado.
XIV Festival da Poesia no Condado, (1994), S. C. D. Condado.
Los caminos de la voz: seis poetas gallegos de hoy, (1995). Diputación de Granada. Edición bilingüe galego-castelán, a cargo de Luciano Rodríguez Gómez.
Rafael Dieste. Caderno didáctico, (1995). AS-PG.
Construír a paz (1996), Xerais.
Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas, (1997), Fundación Rosalía de Castro.
Manuel Ponte Pedreira: a resistencia antifranquista na comarca de Ordes, (1997), Obradoiro de História.
Alguén agarda que volva alí, (1998).
Clásicos e modernos: tres leituras poéticas, (1999), Universidade da Coruña.
Galician generation of the eighties: three poets, (1999), Universidade da Coruña.
Poetas e narradores nas súas voces. I, (2001), Consello da Cultura Galega.
Horizontes poéticos, (2002, Xerais).
Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000, (2003), Tris Tram. Por Arturo Casas.
Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina, (2003), Fundación Araguaney.
Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, (2003), Espiral Maior.
Son de poesia (2005), Edições Fluviais, Lisboa.
Amor en feminino: antoloxía das poetas galegas de Rosalía á Xeración dos 80, (2006), Baía Edicións. Edición de Maximino Cacheiro Varela.
Cartafol poético para Alexandre Bóveda, (2006), Espiral Maior.
Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo, (2006), Difusora.
Dix-sept poètes galiciens 1975-2000. Dezasete poetas galegos 1975-2000, (2008), Universidade da Coruña.
Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación, (2009, Fundación Manuel María).
Lois Pereiro en 17 voces, (2011), La Voz de Galicia.
No tempo de Follas novas. Unha viaxe pola literatura universal (2015), Alvarellos.

Edicións
Fillo de Eva (88 poemas de Carvalho Calero), (1992), Sociedade de Cultura Valle-Inclán.
Premios
Gañadora do Premio de Poesía O Facho no 1979.
Premio Esquío de poesía no 1983, por Sétima soidade.
Premio de poesía da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 2012, por Leopardo son.

Alén de se incorporar Cilha LourençoDaniel Asorey e Xoán Carlos Domínguez Alberte ao Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próximas a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e o Parlamento de Escritoras/es (15 e 16 de marzo), un lugar para a reflexión, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos. Terá lugar na cidade de Pontevedra co apoio do seu Concello.

O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración da cuarta Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a duodécima, da Xornada de Literatura de Tradición Oral.

Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.

Velaquí o enlace ao arquivo que contén ditos acordos.

*Información achegada dende AELG.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Avda. Alfonso Molina, s/n, Edif. de Sindicatos, 8º
15008 - A Coruña
981 133 233 / 696 581 971
oficina@aelg.org
aelg.gal
/axendacultural.aelg.galfacebook.com/aelg.org
twitter.com/aelg

Horario
De luns a venres, de 9.00 a 14.30