OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Agosto

Autora: Míriam Ferradáns

Editorial: Apiario

Ano de publicación: 2019

Aos poucos días de inaugurarse abril, a poeta catalá Anna Gual publicaba nas redes unha fotografía de tulipáns, que acompañaba cun breve texto, animando a mercar flores de tempada. Polo visto, estes turbantes vexetais nacen de maneira natural despois do frío invernal, xa que os bulbos soamente florecen nestas condicións. Inmediatamente pensei en Agosto de Míriam Ferradáns –saltando dunha poeta a outra- e volvín ás súas páxinas tras varios meses desde o primeiro contacto coa plaquette.

Achegueime ao pétalo da portada e ulino. Pareceume que o olor do papel perdera intensidade e pensei que, quizais, dalgunha maneira, o contido do seu interior non chegaría a afectarme tanto. Mais non foi así. De novo, a fenda íase abrindo coma flor, resistíndose á cicatrización. Porque a fenda está moi presente neste poemario tan breve coma delicadamente fermoso. Composto por unha ducia de poemas curtos, Agosto é violentamente cativador, igual que os tulipáns que atrapan a vida. “Os tulipáns obsérvanme, seguen os meus pasos”.

Así, entre a auga que os conserva e o aire que consomen, vai aflorando unha ausencia que manca. Ausencia que a autora constrúe habilmente a partir do que conta e, sobre todo, do que non conta, aquilo que imaxinamos nas amplas marxes en branco. E con todo, acompáñanos o afecto que compartimos coas cómplices que eliximos, as amizades. Aínda que non nos digamos nada. Aínda que falte unha.

A beleza non é inocente. Ás veces a levidade duns versos poden atravesar varias capas da pel. Por iso, este Agosto chega até límites impensábeis. Así, sen permiso, coma se nada. Flúe. Cómpre deixalo sangrar.