A ARTISTA GALEGA ANUNCIA O SEU PRIMEIRO CONCERTO DE 2026 DENTRO DO FESTIVAL EMIGRASON, QUE TERÁ LUGAR O 27 E 28 DE FEBREIRO EN BRUXELAS
Sabela pon data ao comezo da xira Brillante Tour coa confirmación da súa participación no festival EmigraSon de Bélxica. A primeira data de 2026, despois do éxito do seu paso por BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Xurés Son, é o festival de músicas galegas de Bruxelas, que vén de anunciar o seu nome xunto co de The Rapants como primeiros confirmados da edición que terá lugar o 27 e 28 de febreiro de 2026. Sabela redondea así, co seu primeiro concerto no estranxeiro, un mes de outubro no que vén de publicar o seu novo EP, Bríllanche os olliños, así como a colaboración coa súa compañeira de edición en Operación Triunfo 2018, María Escarmiento, titulada Non cho podo dar.
O lanzamento do seu novo traballo está a ser unha nova revolución na carreira de Sabela. Con preto de medio millón de escoitas acumuladas nos seis temas que compoñen Bríllanche os olliños, así como xa máis de cincuenta mil visualizacións en tan só cinco días dende o lanzamento do videoclip de Non cho podo dar, a cantante encara os seguintes pasos do seu proxecto coa vista posta no comezo da súa nova xira no 2026. Bélxica será o punto de partida, ao que se irán sumando novas cidades e datas nos próximos meses.
Co inicio de xira haberá un directo remodelado no que terán peso os novos temas de Bríllanche os olliños, a súa particular aposta por poñer en valor o mundo e a vida rural, dende o máis cotiá ao popular. As lendas, os oficios, figuras como Maruja Mallo, os animais ou mesmo o desexo son temas nos que a artista afonda neste último traballo discográfico, e que trasladará a un directo no que o pop electrónico buscará novos rexistros cos que sorprender ao público. Temas que transitan este xénero dende vertentes máis eufóricas ata outras máis ambient, pasando por tons máis eclécticos ou intimistas e que algún será interpretados por primeira vez. Nos seus destacados concertos en festivais como BIGSOUND Pontevedra ou SonRías Baixas, o público xa puido disfrutar de temas como Hi, my love, Eu espero aquí ou Camponarai, aos que agora se lles unen Cerca de ti, A quen ignora e o recente Non cho podo dar, para dar forma a unha nova proposta sobre os escenarios da de Ourol.
Este novo EP de Sabela conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, Sabela presenta o seu novo EP, Bríllanche os olliños, no que Hi, My Love e Eu Espero Aquí, publicados a finais de 2024, e Camponarai, Cerca de ti, A quen ignora e Non cho podo dar, en colaboración con María Escarmiento, son os temas que o compoñen.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Bríllanche os olliños, último traballo discográfico de Sabela, vén de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e nominacións a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la Música, Premios Mestre Mateo, Festival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo.
20251029-NP-GAL-SABELA-COMEZO-DE-XIRA-EMIGRASON

