O sábado un de xuño, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro en Begonte e a partir das seis e media da tarde daremos comezo ao maio de Castiñeiro Milenario. A actividade comezará cun paseo para apañar flores, fentos e xestas para facer un maio bonito e xeitoso. Dirixidos pola nosa querida meiga da Primavera, Branca Villares, faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus, por fin, a este eterno e gris inverno.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove e media, comezará a festa coa foliada que contará coa presenza dos grupos, Proxecto Consoante, Treitoira e Mestura de Nete, despois foliada aberta ata que o corpo aguante. Trae o teu instrumento e anímate a facer a festa da primavera de Begonte.

Queremos agradecer, como sempre, a Branca Villares, a súa total entrega nesta historia, os maios sen ela non serían o mesmo e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

AC Castiñeiro Milenario
Campo de Arriba, 25. Saavedra 27375 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/