O oitavo disco do compositor galego busca “descolocar de novo” ao seu público, dando importancia á mistura entre a percusión tradicional e a electrónica.

O novo traballo conta coas voces de Gaudi Galego, Leilía e De Vacas, así como con letras de Manuel Rivas e Antía Otero.


O músico e compositor Budiño publica Branca Vela, o seu oitavo álbum. Tras Fulgor (2018), onde destacou a súa faceta como cantante, busca “descolocar de novo” ao seu público cunha mistura entre a percusión tradicional e unha electrónica “orgánica”, todo isto combinado con algunhas das grandes voces do circuíto galego como son Guadi Galego, Leilía ou De Vacas. Tamén resalta neste traballo as propias letras das cancións, onde o moañés conta coa colaboración de dúas grandes figuras da literatura galega como son Manuel Rivas e Antía Otero.

Despois de dotar de protagonismo á súa voz no seu anterior traballo, o músico decide agora apostar por dar valor á parte percutida. Os múltiples elementos tradicionais de percusión conectan cos seus xa característicos sons electrónicos ó longo do disco, aínda que non deixa de lado unhas voces que sorprenderon en Fulgor. “Busco acadar, despois de moitos anos, que a xente nova esté bailando nos concertos. Quería facer un repertorio que incitara a bailar, pero que fora diferente, de composición propia e con letras interesantes” indica Budiño.

A pesar de que outros aspectos adquiran máis importancia neste traballo, a voz segue sendo fundamental para Budiño. O seu canto está presente en todos os temas exceptuando Move, última canción do álbum. Seguindo a dinámica adquirida en Fulgor, o músico e compositor outorga á voz o status dun instrumento máis, feito co que logra desmarcarse das ideas preconcebidas polo público sobre a súa figura.

A totalidade do disco está producido por el mesmo dende o seu home studio, nun traballo que destaca pola investigación previa a moitos grandes produtores. Os elementos que integran o álbum están integramente producidos por Budiño, dende a gravación de percusión, o tratamento das voces ou incluso a masterización dos temas. O creador de discos como Paralaia (1997) ou Zume de Terra (2004) resalta tamén que busca trascender cun son recoñecible, polo que leva décadas recopilando e tratando sons para crear o seu propio arquivo.


Budiño
Con 27 anos de carreira musical nas súas costas, Xosé Manuel Budiño é un dos grandes expoñentes da música galega. A súa traxectoria queda marcada polo seu paso pola Universidade Popular de Vigo, onde albisca a realidade de poder vivir de maneira profesional da música. É nese momento cando comeza a compoñer as súas propias cancións, sempre acompañado do seu instrumento principal, sobre o que xira a maior parte da súa carreira: a gaita.

A súa constante innovación, misturando os sons da música tradicional galega máis popular coa electrónica máis vangardista, levou ao músico e compositor a tocar en máis de 25 países, destacando a súa actuación diante de 50.000 persoas na Plaza del Zócalo en México, o teloneo a Van Morrison en Escocia ou a súa actuación no Teatro da Ópera de Damasco, agora derruido a causa da guerra en Siria.

Nota-de-Prensa-_Branca-Vela_