Run Baby Run será un dos pratos fortes da tempada 23-24 do teatro madrileño, onde se poderá ver, na Sala Margarita Xirgú, do 22 de febreiro ao 24 de marzo

Antes, a estrea absoluta da obra terá lugar no Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela os días 6, 7 e 8 de outubro de 2023

Fátima Delgado asina un texto sobre a discriminación de xénero no deporte, unha reflexión sobre canto é posible loitar sen traizoar os principios nin a propia identidade

Dirixido por Jana Pacheco, o elenco de Run Baby Run conta coas e cos intérpretes  Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez

Trátase dun espectáculo co-producido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia e da Comunidad de Madrid

Terías disposición para renunciar a ti mesma/o por cumprir un soño? Run Baby Run, escrito por Fátima Delgado e dirixido por Jana Pacheco, xuntas por primera vez sobre as táboas, aborda a discriminación de xénero dentro do deporte. O espectáculo será unha das propostas máis innovadoras que nos depara a vindeira tempada teatral 2023 – 2024. A súa estrea abstoluta terá lugar os días 6, 7 e 8 de outubro en Santiago de Compostela, no Salón Teatro del Centro Dramático Galego. Posteriormente, a peza, que contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española, viaxará ao Teatro Español de Madrid, onde se poderá ver do 22 de febreiro ao 24 de marzo de 2024 na Sala Margarita Xirgú. O elenco de Run Baby Run confórmano as e os intérpretes Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez.    

Alba é unha atleta de éxito que loita por conseguir a vitoria e adestra duro para iso. É a favorita ao podio, pero a súa carreira verase truncada por un feito inesperado. A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, momento no que a deportista é apartada da competición oficial. Para Alba, nese momento, derrúbase o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser. Para a dramaturga Fátima Delgado, “Run Baby Run é unha historia de ficción que trata sobre unha atleta profesional que, no mellor momento da súa carreira, é apartada da competición debido a unha acusación inesperada”. 

“Para escribir esta obra teatral, durante estes últimos anos investiguei sobre varias mulleres deportistas que sufriran discriminación de xénero no ámbito deportivo. Esta situación está totalmente de actualidade, xa que, a menos dun ano dos Xogos Olímpicos de París, algunha delas non sabe se lle permitirán participar. Non é común ver deporte feminino en escena e por iso pareceume necesario penetrarme nel desde unha perspectiva de xénero. Ademais, este tipo de inxustizas afecta maioritariamente ás mulleres e non aos deportistas homes”, apunta a artista. E conclúe: “un dos motores que me impulsan a escribir é poder plasmar historias de mulleres que, desde as súas accións, ás veces aparentemente sinxelas, contribuíron a romper estereotipos na nosa sociedade”.

En palabras da directora Jana Pacheco, “para min, o feminismo é unha clave fundamental de transformación social. E intento que todo o meu traballo, sexa pedagóxico, de mediación ou nas miñas postas en escena, se impregne dese feminismo situado. Run Baby Run é unha obra que aposta por visibilizar a situación das mulleres no deporte. Con ela reflexionamos sobre como as mulleres que non teñen un corpo normativo son dobremente discriminadas”. E continúa: “Run Baby Run é un espectáculo contextualizado no Entroido, o cal fai que podamos investigar toda esa maxia telúrica, toda esa fantasía que vén do entroido, da carnalidade e dun mundo onírico que nos permite levar o realismo máxico a escena, desenvolvendo unha dramaturxia visual a partir de elementos plásticos deseñados cun equipo artístico excepcional”.

Jana Pacheco é directora escénica, dramaturga visual, historiadora da arte e feminista. Fátima Delgado é actriz, dramaturga, poeta e feminista. Ambas son profesionais acreditadas das artes escénicas, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, especializadas xenealoxía de mulleres, accesibilidade e educación. A posta en escena de Run Baby Run supón a súa primeira colaboración conxunta.

No equipo artístico do proxecto destacan tamén figuras como o deseñador Pier Paolo Álvaro, recente gañador do Premio Max 2023 a mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG; Fernando Epelde, responsable da música e o espazo sonoro da peza; o escenógrafo Alessio Meloni, tamén galardoado este 2023 co Premio Max a mellor deseño de espazo escénico por La cabeza del dragón; o iluminador Juan Gómez Cornejo, Premio Nacional de Teatro en 2011; ou a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Irmás Gestring, entre outras. Run Baby Run é un espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consejería de Cultura da Comunidad de Madrid.

2023.06.22.NP-Run-Baby-Run_GAL