Camiño Escena Norte inunda o Gustavo Freire co espectáculo ‘El nadador de aguas abiertas’
CEN desembarca este xoves 17 na capital luguesa cunha obra de teatrosobre a amizade, a zona de confort e a superación protagonizada por Markos Marín e o televisivo Adolfo Fernández
As entradas para asistir á función, con música de Fernando Velázquez -autor das BSO de Lo imposible ou El orfanato– están á venda a través da páxina web www.entradaslugo.es
A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta semana a Lugo. O xoves 17, a partir das 20.30 horas, o auditorio municipal Gustavo Freire acollerá unha función de El nadador de aguas abiertas, das compañías vascas K. Producciones e Tanttaka Teatroa. As entradas para a cita están á venda a través da páxina web www.entradaslugo.es.
El nadador de aguas abiertas é unha obra escrita polo xornalista catalán Adam Martin Skilton e adaptada por María Goiricelaya na que se aborda a amizade e a superación a través da relación que establecen as dúas personaxes protagonistas: Walrus (que leva á escena o televisivo Adolfo Fernández), un experto nadador que agocha un trauma familiar, e Nilo (interpretado por Markos Marín), un home que aprenderá a nadar aos 48 anos da man do primeiro.
Unha impresionante escenografía con cubos de auga e area, cun convertido nun oceáno, será o espazo no que se presente este espectáculo, dirixido por Fernando Bernués, e cuxa banda sonora orixinal é obra do compositor asturiano Fernando Velázquez, autor da músicas das películas Lo imposible e El orfanato, ou de series como Patria e Apaches.
O programa de intercambio regresará o xoves 24 á provincia lucense para pechar a súa cuarta edición en Viveiro, no Pastor Díaz, coa representación de Ada Byron: la tejedora de números; unha peza gañadora do Premio Jovellanos á Produción Escénica 2023 e que tamén acadou seis galardóns nos Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias 2024, entre eles, o de Mellor Espectáculo.
Unha vintena de espectáculos familiares, funcións solidarias, obradoiros e sesións de maxia de preto espallarase por Santiago e a súa contorna durante tres días
O público poderá gozar coa mestría de Xulio Merino, o mago Paco, Sara Rodríguez e Óscar Fernández en actividades en horarios de mañá, tarde e noite, todas elas gratuítas
A información sobre o festival pódese atopar en encantosencompostela.com
‘Encantos en Compostela’ é unha iniciativa de Magia en la Manga que conta co financiamento do Concello de Santiago
Santiago e a súa contorna prepáranse para celebraren a primeira edición do festival de maxia Encantos en Compostela entre o 18 e 20 de outubro. Están previstas unha vintena de actividades gratuítas e deslocalizadas en diferentes parroquias e espazos co obxectivo de levar a maxia a todos os recunchos do concello. Xulio Merino, O Mago Paco, Sara Rodríguez e Óscar Fernández serán os responsables dos obradoiros e espectáculos, concibidos para maiores e pequenos, que se desenvolverán en espazos diversos e en horarios de mañá, tarde e noite. Este maratón de ilusionismo está organizado pola compañía Magia en la Manga e conta co financiamento do Concello de Santiago de Compostela.
O programa estrutúrase en grandes bloques: espectáculos familiares, funcións solidarias, obradoiros para todos os públicos e sesións de pequeno formato para adultos para viviren a maxia de preto. Polas mañás, os pases solidarios serán os protagonistas, con actuacións en residencias de maiores e na aula pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), mais tamén será o momento dos obradoiros. Neles nenos e mais adultos poderán aprender sinxelos trucos e converterse en magos por un día para logo deixar a súa xente abraiada cos xogos de maxia aprendidos. Nas tardes toda a familia está convidada a gozar con espectáculos de maxia participativa, entretida e divertida. As noites serán o momento das sesión de maxia de preto para adultos, unha oportunidade para experimentar o ilusionismo a escasos centímetros e nun ambiente íntimo.
Ademais, Encantos en Compostela nace coa vocación de achegar a maxia a todos os recunchos da bisbarra compostelá e nesta primeira edición haberá actividades nas parroquias de San Lázaro, Laraño, Busto, Lavacolla, O Romaño, San Lourenzo, Marrozos, Conxo e Carballal, amais de no centro urbano. Ademais, cómpre salientar que o festival persegue tamén a diversidade, así que vai estar presente en lugares como residencias da terceira idade, hospitais, centros socioculturais e locais comerciais colaboradores. Toda a información sobre as 21 actividades previstas e mais as reservas para a maxia de preto están dispoñibles na web encantosencompostela.com.
OS ARTISTAS
Xulio Merino, considerado unha das grandes promesas deste eido, é coñecido pola súa pericia na maxia de preto e máis concretamente coas esponxas. Nos seus 13 anos de traxectoria xa leva pasado por medio cento de festivais dunha ducia de países, por programas de televisión como El hormiguero ou Penn & Teller: Fool Us e por numerosos campionatos, seducindo co seu estilo hilarante e absurdo e sempre armado cunhas poucas boliñas. O seu xeito de adaptar a maxia a calquera condición escénica fai que cada actuación sexa unha experiencia única e extremadamente divertida.
Fran Otero chegou ao mundo da maxia desde o seu traballo como animador infantil. Logo de se formar con mestres en distintas disciplinas como o teatro, a maxia cómica, o clown, os monicreques ou a expresión corporal, converteuse en O Mago Paco, un dos poucos especialistas galegos no eido da maxia infantil. Os seus espectáculos caracterízanse por mesturaren as artes escénicas coa maxia e por alentaren a participación do público. O resultado son sesións únicas cheas de fantasía e de gargalladas para toda a familia.
Sara Rodríguez cultiva unha maxia profesional, coidada e impactante, chea de imposibles que deixan abraiado a calquera espectador. A súa gran paixón é a maxia con cartas e lévaa a outro nivel grazas á súa meticulosidade e atención ao detalle. Detrás da súa aparencia formal, sempre garda un as na manga: un humor cáustico e intelixente no que non falta a retranca.
Óscar Fernández gusta de encher a súa maxia de significado e ten un estilo que se pode describir como vangardista, pero cunha marcada influencia dos grandes mestres da maxia clásicos e modernos. Nas sesións familiares preséntase como un mago moderno e pillabán. Mais cando fai maxia de preto para grupos reducidos deixa ceiba a súa face máis artística, contemporánea e subversiva, buscando provocar o pensamento do seu público.
SOBRE ‘MAGIA EN LA MANGA’
Magia en la Manga é unha compañía profesional de ilusionismo conformada por Óscar Fernández, Sara Rodríguez e Carlos Tomico, tres magos galegos con máis dunha década de experiencia sobre todo tipo de escenarios no territorio nacional. Os tres contan cun estilo propio pero comparten o obxectivo común de difundir e poñer en valor a maxia como arte escénica de pleno dereito.
Dende a súa orixe no 2018, Magia en la Manga especializouse en producións de formatos diversos para público familiar. Un ano despois da súa creación, no 2019, a compañía foi recoñecida no Pont-Up Store 2019 como o mellor proxecto de emprendemento na categoría de Formación, Educación, Arte e Cultura pola súa orixinalidade, calidade e profesionalidade. No 2023 converteuse na primeira compañía de maxia asociada a Escena Galega e abriu en Vigo a primeira escola de maxia de Galicia.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película documental CHICHÍ E MAIS EU, de NICO CAMPOS, continuando así co CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 brindaranos a oportunidade de poder desfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta terceira proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o XOVES 17 DE OUTUBRO DE 2024, ás 20:00 horas.
A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Vilalba, organiza a representación da obra FORMIGAS NO PETO, dirixida por JOSÉ CAMPANARI e interpretada por CARLOS REBOLO, a cargo do grupo ÍTACA TEATRO, dentro do CIRCUITO DE TEATRO PROFESIONAL convocado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo para o presente ano 2024.
A representación terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o SÁBADO 19 DE OUTUBRO DE 2024, ás 20:00 horas.
A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.
Aproveitando que a señora Margarida, a última en confesar, abandonaba a igrexa, correu cara á porta e pechouna, gardando a chave, substraída pouco antes da sancristía, no bolso do pantalón. Logo achegouse raudo ao confesionario.
—Ave María Purísima. —Sen pecado concebida. —Canto tempo hai que non te confesas? —Moito, padre, máis de corenta anos. —Son abondos fillo, son abondos. Dime logo. —Non sei se me recoñeceu, padre. Marchei da vila hai máis de tres décadas. Vostede daquela estaba empezando o seu labor sacerdotal e eu era un adolescente. —Se non mo dis, non sei. Non me lembro. Pero dá igual, fálame dos teus pecados, que para iso é a confesión. —Non veño falarlle das miñas faltas pasadas, veño confesarlle o pecado grave que vou cometer. —Como? —Lémbrase, padre, daquel neno tímido que se chamaba Ignacio? Lémbrase do que me ten feito, daquelas máis que caricias e do día que me posuíu enriba da mesa da sanscritista?
Un agónico silencio seguiu ás palabras do penitente, só perturbado polo movemento inquietante do cura na súa cadeira.
—Érgase, padre, e acompáñeme que temos que arranxar contas.
O cura, lívido e tremendo, ergueuse lentamente; na súa faciana o medo reflectido. Ignacio, coa chave na man, sinalou cara á porta da sancristía.
—Pídocho pola túa nai, que en paz descanse. Por favor, Ignacio, non fagas nada do que te poidas arrepentir —suplicou o cura. —Pola miña nai, cómplice dos teus feitos e coa que mantiñas tamén relacións? Pero non se preocupe, que lle vou deixar tempo para que se arrepinta. Mais antes quero que me mire aos ollos e me diga a verdade. Por que o fixo, padre?
O cura, incapaz de soster a mirada de Ignacio, baixou a cabeza e murmurou:
—Non teño escusa. Fíxeno porque era débil. Non hai perdón para min.
Ignacio respirou fondo, loitando contra as emocións que o invadían.
—Non hai perdón, padre, e tampouco hai saída —dixo, sacando un coitelo do seu abrigo—Ten medio minuto para que se arrepinta.
O cura caeu axeonllado ao chan e cos ollos abertos de par en par polo terror, comezou a rezar: “Pai noso que estás no ceo, con profunda dor do meu corazón, pido perdón por todos os pecados cometidos ao longo da miña vida, por todo o que lle fixen a Ignacio…
—Basta! —berrou Ignacio—prepárese para ser recibido polo Ser Supremo.
E dito isto, avanzou cara ao cura, o coitelo brillando á luz pálida do recinto sagrado. No último momento, cando estaba a piques de chantarllo no peito, detívose. A súa man tremía, e as bágoas comezaron a correr polas súas meixelas.
—Non vou manchar as miñas mans co teu sangue. Por moito que dures, pouco che queda aos teus oitenta anos. Non quero arruinar a miña vida e que logo a miña filla non poida mirarme aos ollos.
Gardou o coitelo e deu a volta para marchar, deixando ao cura só na sancristía. Á altura da pía bautismal, xa cas cun pé fóra, un forte ruído resoou detrás del. Ignacio virou rapidamente a cabeza e viu como a gran cruz de madeira que adornaba unha das paredes laterais, caía, golpeando ao cura na cabeza e deixándoo inconsciente no chan.
Non o dubidou e correu cara a el, pero era demasiado tarde. O impacto fora mortal. O cura xacía no chan, sen vida, cunha expresión de sorpresa e pavor no rostro.
Ignacio, abraiado, non quería crer o que viña de suceder. Non fora a súa man a que causara a morte, pero o destino parecía ter decidido que o cura pagase polos seus pecados. Nese momento, unha mestura de alivio e horror polo que acababa de presenciar, percorreu o seu corpo, pero ao mesmo tempo sentiu como unha carga pesada que levaba arrastrando desde os doce anos, quedaba alí para sempre, a carón daquel corpo inerte.
Abandonou a igrexa, deixando a chave na porta, e dirixiuse ao posto da Garda Civil para dar coñecemento do que acabara de suceder.
*Para este relato inspireime no filme irlandés “Calvary” , do director John Michael McDonagh