O Noia Harp Fest, o único festival do noroeste peninsular no que a arpa é protagonista absoluta, celebrarase do 8 ao 10 de agosto
A 11ª edición do evento musical conta no seu cartel con figuras como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock eSolomiia Savchuk, mais tamén co alumnado das escolas de arpa de Galicia
A música clásica, folk, experimental, rock e jazz farán vibrar á localidade coruñesa con directos en seis escenarios: Liceo de Noia, Claustro de San Francisco, Igrexa Museo de Santa María A Nova, Rúa do Curro, Teatro Coliseo Noela e Praza do Tapal
O acceso aos oito concertos que se celebrarán ao longo destas tres tornadas será libre ata completar a capacidade dos recintos.
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, celebrará a súa 11ª edición do 8 ao 10 de agosto. Oúnico evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa regresa á localidade coruñesa para ofrecer, un verán máis, tres xornadas ateigadas de talento, música e pluralidade estilística nas que o protagonista absoluta será, de novo, dito instrumento.
A interpretación a través da arpa será o fito que reúna en Noia, este mes de agosto, a bandas e solistas chegadas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania, que se amosarán a súa notable calidade artística en eidos como a música clásica, o folk ou mesmo o jazz. Figuras como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk serán parte dun cartel que, como é habitual, tamén integrará artistas e colectivos galegos.
O Noia Harp Fest, codirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, este ano contará con máis escenarios ca nunca: un total de seis espazos serán sede do evento, á fin de poder ofrecer desde concertos íntimos até propostas máis amplas. Deste xeito, os directos terán lugar nas xa habituais Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a Praza do Tapal; e ás que se unen, nesta ocasión, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. A programación desenvolverase cada xornada en dous recintos diferentes, á fin de espallar a proposta musical pola localidade e, como vén sendo habitual no evento, a entrada de todos os directos será de balde.
O 11º Festival Internacional de Arpa Vila de Noia arrancará, por terceiro ano consecutivo, coa celebración do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos do país, e que nesta ocasión proceden da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos). Un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaiarán e compartirán os seus coñecementos desde primeira hora da mañá no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar este xoves, 8 de agosto, ás 13.00 horas, no mesmo Liceo e, como peche do recital, as e os estudantes interpretarán un tema en común.
Xa en horario de tarde, o alumnado galego de arpa poderá gozar dunha sesión de convivencia náutica pola Ría de Muros-Noia, tamén coñecida como Ría da Estrela, en colaboración coas asociacións Balandro Joaquín Vieta e Terra de Outes. A xornada inaugural pecharase ás 20.00 horas cunha Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na Rúa do Curro, que se estrea como sede do festival. Nesta folía participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu; e o baile final virá da man da banda do NHF.
A segunda xornada do 11º NHF transitará polas músicas de raíz. A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta e cuxos vídeos contan con millóns de visualizacións na plataforma Youtube, ofrecerá un recital ás 19.00 horas do venres 9 en Santa María A Nova, nunha cita na que se poderán escoitar temas dos seus álbums en solitario. Pola noite a programación terá lugar no Teatro Coliseo Noela. No recinto actuará Solomiia Savchuk, moza ucraniana residente en Ferrol e destacada intérprete de bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laúde; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, que achegará un dos directos máis esperados deste NHF. Ambos músicos son recoñecidos intérpretes de ‘clarsach’ (arpa escocesa) e guitarra acústica no seu país e darán a coñecer o seu álbum máis recente, élan (2023), un traballo no que presentan unha animada mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man.
A terceira e última xornada desta edición chegará o sábado 10 de agosto, día no que a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do evento. Será un concerto íntimo no que o público poderá coñecer, desde a proximidade, o traballo dunha intérprete que, ademais de ter actuado con diversas orquestas nas principais salas europeas, ten colaborado con artistas internacionais como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger.
Xa pola noite, a partir das 21.00h, a emblemática Praza do Tapal acollerá directos marcados pola experimentación. O trío Descofar, que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”, presentará o seu LP Chimera, no que mestura composicións orixinais, temas tradicionais e cultura rock. A banda transita da disonancia ao lirismo e dos arpexos brillantes aos riffs ruidosos, polo que o movemento estará garantido. O peche e punto álxido da celebración chegará co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, que presentará no Noia Harp Fest o seu primeiro disco, NIO. Sobre o escenario, a kora, o violín, o violonchelo, a percusión e voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerán unha viaxe sonora espectacular, a camiño entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.
22.10.2022 Photo: Marco Prosch
PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS * DO 11º NOIA HARP FEST
8 DE AGOSTO
10.30h – Liceo de Noia | Inicio do III Encontro das Escolas de Arpa (Galicia)
13.30h – Liceo de Noia | Actuación do alumnado das Escolas de Arpa (Galicia)
20.00h – Rúa do Curro | Foliada de benvida ao Noia Harp Fest (Galicia)
9 DE AGOSTO
19.00h – Santa María A Nova | Nadia Birkenstock (Alemaña)
21.00h – Teatro Coliseo Noela | Solomiia Savchuk (Ucraína)
22.00h – Teatro Coliseo Noela | Rachel Hair & Ron Jappy (Escocia)
10 DE AGOSTO
19.00h – Claustro de San Francisco | Camille Levecque (Francia)
21.00h – Praza do Tapal | Descofar (Bretaña)
22.00h – Praza do Tapal | Momi Maiga (Senegal)
* Todos os concertos do Noia Harp Fest son de balde e de acceso libre ata completar capacidade.
Shoes transform your body language and attitude. They lift you physically and emotionally.
Christian Louboutin
Give a girl the right shoes, and she can conquer the world.
Marilyn Monroe
Os motivos polos que un se namora son tan variados como misteriosos. Non hai unha explicación lóxica para ese estado emocional. Cando vin por primeira vez a Martiña, o que me deixou sen alento non foi o seu físico nin a súa beleza, senón os seus zapatos, que acabarían converténdose no meu obxecto de desexo. Eran uns zapatos vermellos, brillantes, que reflectían a luz coma se tivesen vida propia. Iso foi a sensación que me deu, cando sentado na Cafetería Metropol, tomando un café, a vin entrar e arrimarse á barra, xusto fronte a min.
Durante un bo anaco, non puiden apartar a mirada daqueles elegantes zapatos que irradiaban unha enerxía especial, cativándome ao instante. A miña ollada foi ascendendo lentamente: unhas fermosas e longas pernas morenas deixábanse ver, culminando nun pantalón curto negro e unha blusa branca axustada, que deixaba entrever uns belos peitos. O seu rostro, con beizos delicados e ollos grandes e escuros, estaba enmarcado por unha cabeleira curta, estilo “garçon”, que poñía a guinda a aquel belido corpo.
De súpeto, dinme conta que ela estaba observándome fixamente. Baixei a mirada novamente aos zapatos e, por un intre, desexei fuxir de alí. Rematei de tomar o café, que quedara interrompido coa súa chegada e nada máis acabar escoitei unha suave voz que tras saudarme, murmurou:
—Parece que che gustan os meus zapatos. Se queres regálochos. Pero claro, tesme ti que agasallar cos teus, que por certo son ben fermosos.
“Fermosos, se son uns zapatos normais que merquei hai tres semanas na feira dos mércores e nin tan sequera esta mañá lles din lustre”, pensei. Mentres reflexionaba isto, observei con abraio como se sacaba os zapatos e mos ofrecía. Non me quedou máis remedio que facer o mesmo e intercambialos. Sorprendentemente, calzabamos o mesmo número. Quedei mirando para os meus zapatos, agora nos pés dela, e volvín sentir a mesma sensación que tivera cando chegou cos seus. A atracción non viña dos zapatos en si, senón do xeito, estilo, ou como se queira chamar, de usalos.
Sentouse ao meu carón e pediu unha cervexa. Comezamos a falar e souben que algo especial estaba abrollando naquel encontro. Pero no momento máis álxido da conversa, apareceu el e, dirixíndose cun “Ola, Martiña”, deulle un prolongado bico nos beizos. Pensei que o galanteo tocara ao seu fin. Que equivocado estaba. Tras darlle o beixo e, cando estaba agachándose para se sentar, decatouse do intercambio de calzado. Recuou no seu propósito e sen máis deu media volta e saíu do bar, medio murmurando: “Eu aquí non pinto nada”.
Logo viría todo un verán e parte do outono dun intenso e fogoso amor. Por suposto, ela cos meus zapatos; eu cos vermellos. Cambiabamos de roupa, pero xamais de zapatos, malia as burlas ás que eramos sometidos, principalmente eu cando me vían con aquel calzado de medio tacón vermello brillante. Pero, como todo ten o seu fin, unha tarde ao chegar á casa, onde levabamos máis de tres meses vivindo, ela estaba agardándome coa maleta feita. Dinme conta de que o noso rematara, algo que xa intuía pola súa actitude durante as dúas últimas semanas. Apenas houbo palabras. Limitouse a ofrecerme os zapatos. Eu fixen o mesmo e, tras o intercambio, saíu pola porta. Mentres se marchaba, volvín quedar engaiolado cos seus zapatos, pero agora dinme conta de que non só eran eles a causa da atracción, senón tamén aquel corpo delicado e fermoso que, no seu movemento, irradiaba un halo de paixón e misterio.
No marco da oitava edición das Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora, bailarina, intérprete e pedagoga está a traballar en Compostela desde o pasado 15 de xullo no seu proxecto ‘No necesito un nombre para ser mascota’, coa saúde mental como foco de atención
Tras finalizar a estadía da súa residencia artística, Ana Cotoré ofrecerá este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, con entrada libre, unha mostra aberta do seu traballo en proceso no Salón Teatro do Centro Dramático Galego
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O pasado 15 de xullo, a artista Ana Cotoré iniciaba a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía na Cidade da Cultura e no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en torno á proposta da creadora que ten por título No necesito un nombre para ser mascota, unha investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza, que parte dunha experiencia autobiográfica para poñer o foco de atención na problemática da saúde mental.
Agora, este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, Ana Cotoré ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar, tamén, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego de Santiago de Compostela, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
SOBRE O PROXECTO
No necesito un nombre para ser mascota é un proxecto no que Ana Cotoré aborda os conceptos de domesticación e cansazo dentro do sistema capitalista, en xeral, e do sistema da arte, en particular, coa saúde mental como foco de atención. Esta investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza vén acompañada do iluminador Victor Longás e conta coa mirada externa de Álvaro Murillo.
No necesito un nombre para ser mascota parte dunha experiencia autobiográfica para desenvolver unha proposta escénica na que conectar con todo aquilo que nos fai reestruturarnos cando algo externo irrompe e provócanos un derrubamento vital.
SOBRE A ARTISTA
Ana Cotoré é bailarina, intérprete, creadora e pedagoga nada en Zaragoza. É licenciada en Psicología e graduada en Educación Social, disciplinas que influíron profundamente na súa investigación do movemento e na súa traxectoria artística.
Como bailarina, actriz e intérprete, actualmente traballa en Madrid con Marina Otero na obra Kill Me, e participou no elenco da Compañía Matarile Teatro nas obras Daimon y la jodida lógica e en Inloca. Desde 2017 traballa coa Compagnia Movimento Danza de Gabriella Stazio (Nápoles, Italia). Participou, tamén, en diferentes proxectos de danza-teatro, un deles coa compañía Connecting Fingers Company. Cotoré adoita colaborar na creación e supervisión coreográfica para traballos doutros profesionais das artes escénicas e recentemente traballou como coreógrafa e na película documental When I Dance (Berlín, Alemaña).
Como autora e creadora das súas propias pezas participou en diferentes festivais en España e no estranxeiro coas pezas Réquiem por un cuerpo I, Réquiem por un cuerpo II, Takotsubo e Stage Diving, entre outras, tanto en salas como en espazos non convencionais.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.
Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.
O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.