Andanzas do Suso de Lameliña. DE VIAXES E LEMBRANZAS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

DE VIAXES E LEMBRANZAS

Non cabe dúbida de que cada persoa é un mundo. Hai quen non fai máis que viaxar de aquí para acolá, percorrendo lugares e cidades dos cinco continentes, mentres outros apenas saen do seu lugar de nacemento. Este último é o caso dun parente meu, que só fixo tres viaxes: a primeira de lúa de mel a Lugo, a segunda a A Coruña, obrigado a cumprir o servizo militar, e a terceira para visitarme en A Veiga.

Outros amósanse fachendosos, alardeando de coñecer moito mundo, como Eduardín de Matos, “que en padestea”. As dúas viaxes máis longas que fixo foron a Mansilla de las Mulas no camión de Rosendo a por palla para o gando e a Pontevedra para pasar dous anos servindo á patria. Viaxes que se encargaba de narrar unha e outra vez.

E facía ben en presumir delas, porque eu, que aínda me movo algo polo mundo, non coñezo Mansilla de las Mulas, o cal —xa o contei algunhavez— é algo que me fai perder o sono. Casualmente, haberá un mes estiven moi preto, en Villabúrbula, a aldea dun amigo filósofo (dos filósofos e dos mosquitos de verán, cóidate, nalgún momento hanche amargar o día). Falamos de ir comer a Mansilla, pero ao final a maioría dos presentes optou por ir a León. Meu gozo nun pozo!

Por certo, este amigo meu, á parte de facerse preguntas unha e outra vez, é un crack. Cando foi da pandemia, perdeu, por desgraza, ao seu pai. Como cura contra o acontecido e como non podía saír, decidiu reconstruír a casa vella paterna, sen coller nunca na súa vida un pico e unha pala. E púxose mans á obra. Ao principio aproveitando o encerro e despois, fins de semana e vacacións. Agora xa a ten case rematada, tanto por dentro como por fóra. E todo el soíño, menos o tellado, que encargou a un experto.

Cando entras na súa casa, o primeiro que che chama a atención é o cheiro a madeira acabada de cortar, mesturado co aroma de flores. Cada recuncho da casa conta unha historia, pois moitos dos mobles están feitos a base de material reciclado, que outrora cumprira outra función e cada sensación é un recordo vivo do esforzo e a dedicación do meu amigo. Ao percorrer os seus cuartos e corredores, é como se estiveses viaxando ao pasado; sensación reforzada por as diferentes fotografías que vas
atopando penduradas das paredes. Cada obxecto, cada moble, cada imaxe… contan unha historia, unha parte da vida que se desvaneceu co tempo.

Eduardín de Matos, o home que percorreu medio mundo, desde Pontevedra a Mansilla, atoparíase feliz na compaña do amigo filósofo, xa que era moi aquelado. Non só coidaba do seu gando, senón que tamén boa parte da súa casa foi arranxada coas súas habilidosas mans.

O meu parente, Eduardín, o amigo filósofo, tres xeitos diferentes de viaxar. E logo estou eu, que nunca fun a Mansilla de las Mulas. Ben, minto, pasei unha vez, por unha confusión (para os que me coñecen, algo moi habitual en min). Pero foi como se non fose, porque non parei. Tiña que estar ao mediodía en Saldaña, que me agardaba unha comida familiar,amenizada coa música duns gaiteiros, que malia ser palentinos, tocaban de vicio a gaita galega.

Exposición de pintura “Pinceladas e trazos”, de Masu Santalla Ferreiro, na Casa da Cultura de Vilalba

O mércores 21 de agosto de 2024, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a inauguración da Exposición PINCELADAS E TRAZOS, con pinturas de Masu Santalla Ferreiro, que organiza o IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba, permanecendo aberta ao público no horario habitual da Casa da Cultura dende o 21 de agosto ao 22 de setembro de 2024.

NOTA-INFORMATIVA-EXPOSICION-MASU

O Noia Harp Fest despide a súa 11ª edición ampliando a súa proxección social

O Noia Harp Fest despide a súa 11ª edición ampliando a súa proxección social grazas á unión de arpistas e público


A dirección do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia salienta “o agarimo e a implicación” coa que a veciñanza acolleu o evento, e valora como “exitosa” a celebración do mesmo



O Noia Harp Fest, o único evento do noroeste peninsular no que a arpa é a absoluta protagonista, bota o pano e deixa para a memoria das máis de 2.000 asistentes tres intensas xornadas ateigadas de músicas do mundo, das que o público puido gozar, de balde, en seis recintos emblemáticos da localidade.

A dirección do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, fai este luns, 12 de agosto, balance da 11ª edición do evento, que Rodrigo Romaní, Bea Martínez e Alba Barreiro cualifican como “exitosa”. Dela salientan a boa acollida do NHF por parte da veciñanza de Noia, mais tamén a convivencia entre público -tamén chegado do estranxeiro- e arpistas, como as figuras que conformaron o cartel deste 2024: Momi Magia, Camille Levecque, Rachel Hair e Ron Jappy, Nadia Birkenstock, Solomiia Savchuk e o trío Descofar

Na súa 11ª edición, o Noia Harp Fest ampliou a súa proxección social grazas á unión entre artistas e asistentes; un feito posible grazas á consolidación tanto do 3º Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, con estudantes procedentes de cinco centros de diferentes localidades, como da Foliada de Benvida. “Propostas como o Encontro do alumnado de arpa favorecen que, alén de compartir unha experiencia escénica singular, aumente a interacción entre instrumentistas dun mesmo territorio e, á vez, co seu propio público”, expón Alba Barreiro, quen lembra que as nenas e nenos que participaron na inauguración do NHF tamén tiveron ocasión de coñecer a cultura marítima de Noia grazas a unha actividade náutica.

Ademais, outro dos eventos nos que se visibilizou o incremento da participación cidadá nesta 11ª edición foi a Foliada de Benvida. “Ao ser por primeira vez na rúa, deuse un fermoso intercambio entre artistas locais, arpistas do cartel e veciñanza”, afirma Barreiro. Ao fío, Bea Martínez destaca que o festival “cada ano recibe máis mensaxes de xente que vén de fóra”. “Este ano contamos con público procedente de Francia que veu pasar a semana a Noia para descubrir, alén do cartel, o noso patrimonio cultural”, sinala Martínez, quen asevera que a resposta que recibiu a organización por parte das e dos asistentes nos diferentes recintos “foi moi positiva”. 

“Un ano máis, e xa van 11, Noia acolleu con moito cariño a celebración do festival, un evento no que a colaboración e implicación veciñal é clave para poder cumprir co seu obxectivo fundamental, como é achegar, desde a proximidade, o mundo da arpa á cidadanía”, sentencia Rodrigo Romaní, quen agradece o compromiso das institucións “quen fan posible que desde hai máis dunha década Noia sexa a capital da arpa”, como é o caso do Concello de Noia, da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de diferentes entidades colaboradoras.

Premio Portus Apostoli

Por outra banda, a dirección do Noia Harp Fest lembra que mantén aberta a convocatoria do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. A obra gañadora do certame recibirá 2.500€ e a súa estrea terá lugar no 2025, na seguinte edición do evento.

Portus Apostoli, certame que conta coa colaboración do Concello de Noia, é unha proposta innovadora que pretende promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. A convocatoria está aberta até o 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións.

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. As bases pódense consultar no espazo web www.noiaharpfest.gal

Furia Sotelo e Babirusa Danza buscan 10 profesionais de danza do norte peninsular

As compañías Furia Sotelo (Galicia) e Babirusa Danza (Cantabria) a través do proxecto Cruces  de Camiño Escena Norte 2024 abren unha convocatoria dirixida a profesionais de compañías de Danza: seleccionamos 10 profesionais de compañías de danza  de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra para un encontro profesional e Laboratorio de ferramentas de creación en A Casa Vella (Amiadoso – Allariz – Ourense).

O encontro busca xerar un espazo de encontro entre compañías e profesionais dos 5 territorios, facilitando o coñecemento das realidades e contextos de cada territorio e propiciar as condicións para a creación de sinerxias e redes de cooperación entre profesionais das artes vivas e danza das 5 CCAA.

O encontro levarase a cabo a través de dúas actividades:

1.- Laboratorio de ferramentas de creación para profesionais arredor do novo proceso de creación de Babirusa Danza  “El vacío que llena” .

2.- Encontro profesional e convivencia para propiciar o diálogo arredor das diferentes realidades das cinco comunidades  autónomas implicadas no proxecto.

Levarase a cabo os días 18, 19  e 20 de outubro 2024 en A Casa Vella (Amiadoso – Allariz – Ourense). O proxecto de A Casa Vella, ubicado na aldea de Amiadoso (Allariz, Ourense) en plena Reserva da Biosfera, concíbese como un espazo de creación artística cunha forte vocación social, de interacción, mediación e dinamización do contexto rural. É tamén un centro de produción e innovación creativa para o desenvolvemento de coñecemento e de contidos culturais arredor dos retos actuais.

https://acasavella.gal/

Para a asistencia, as promotoras ofrecenbolsa de viaxe (en función da orixe), alimentación e aloxamento (espazo compartido).

O xoves 5 de setembro 2024 ás 16h por Zoom realizarase unha sesión informativa para artistas interesadas:

https://us05web.zoom.us/j/85325857571?pwd=lX6VPrtYDwkH81F9jPCMppb7RukuJ2.1

É necesaria a inscricióna través do seguinte enlace:

https://forms.gle/wFb1ABZWksTYt6G99

Prazos:

Inscrición de 12 de agosto a 12 de setembro 2024

Resolución 16 de setembro 2024 (en redes)

Este proxecto é promovido polas compañías Furia Sotelo e Babirusa Danza e financiado a través do programa Cruces de Camiño Escena Norte e INAEM. Colaboran: A Casa Vella, Escena Galega, ACEPAE Asociación de Empresa Productora de Artes Escénicas de Cantabria, Centro Cultural Montaraz, Consejería de Universidades, Igualdad, Cultura y Deporte del Gobierno de Cantabria, Palacio de Festivales e Nave del Duende.

A VIII edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT xa ten finalistas

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo da a coñecer os espectáculos experimentais de pequeno formato seleccionados polo xurado como finalistas do Certame Micro-Escenas M2,que poderán verse este outubro na 33º edición do FIOT

Entre as 44 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas son: Respira, de Sempre Arriba; Cronopios a escena, de Carmen Domech; Rebel Rebe, de Vórtice Escénico; Wasteland, de Vaiembora; Teño un caravel no peito, de Aviva-lo; e Panos de Vinaghre, de Artesa Cía.

O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes

As propostas finalistas poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT33: un centro de psicoloxía, un espazo cultural, una tenda de roupa, a Fonte da Cristina, un estudo de deseño gráfico e o Mercado Municipal da localidade bergantiñá

Estas pezas finalistas do VIII Certame Micro-Escenas M2recibirán unha compensación económica de 450 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos  que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso


A VIII edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT ten xa finalistas. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo deu hoxe a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados polo seu xurado de profesionais das artes escénicas como finalistas do Certame Micro-Escenas M2, que poderán verse este outubro durante a celebración da 33º edición do FIOT.

Entre as 44 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (das cales, 4 serán estreas absolutas) son: Respira, de Sempre ArribaCronopios a escena, de Carmen DomechRebel Rebe, de Vórtice EscénicoWasteland, de VaiemboraTeño un caravel no peito, de Aviva-lo; e Panos de Vinaghre, de Artesa Cía. 

Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2024 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT33: no gabinete Orixe Centro de Psicoloxía, no espazo cultural Espiral Maior Foro, na tenda de roupa Akira, na Fonte da Cristina, no estudo de deseño gráfico Ouvea Creatividade Gráfica e no Mercado Municipal. 

Estas pezas finalistas do VIII Certame Micro-Escenas M2 recibirán unha compensación económica de 450 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso.

CALENDARIO REPRESENTACIÓNS VIII CERTAME MICRO-ESCENAS MNO #FIOT33

Sábado 12 de outubro

Ás 12.00 h, 13.00 h, 18.00 h e 19.00 h

SEMPRE ARRIBA

Respira

Lugar: Orixe Centro de Psicoloxía (Gran Vía, 52)

ESTREA ABSOLUTA

CARMEN DOMECH

Cronopios a escena

Lugar: Espazo cultural Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34)

Sábado 19 de outubro

Ás 12.00 h, 13.00 h, 18.00 h e 19.00 h

VÓRTICE ESCÉNICO

Rebel Rebe

Lugar: Tenda de roupa Akira (Ponte, 6)

ESTREA ABSOLUTA

AVIVA-LO

Teño un caravel no peito

Lugar: Fonte da Cristina

ESTREA ABSOLUTA

Sábado 26 de outubro

Ás 12.00 h, 13.00 h, 18.00 h e 19.00 h

VAIEMBORA

Wasteland

Lugar: Ouvea Creatividade Gráfica (Gran Vía, s/n)

ESTREA ABSOLUTA

ARTESA CÍA.

Panos de Vinaghre

Lugar: Mercado Municipal (Rúa Cervantes, s/n)

UN CERTAME PIONEIRO EN GALICIA

Certame Micro-Escenas M2 unha das súas principais liñas de programación do FIOT, que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade. Trátase do primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nacido ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.

As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos. 

O pasado mes de maio, o FIOT abriu a inscrición da oitava edición do certame, convidando ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se puidera poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral, entre o 5 e o 27 de outubro de 2024.

As propostas podían ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) tería en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, tamén tivéronse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais. 

Este seis pezas finalistas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor interpretación e ao Mellor Espectáculo

288 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN OITO ANOS

Ao longo de este oito anos, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (288, sumando ás 44 pezas recibidas a concurso neste 2024) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

20240809-NP-Finalistas-Metro-Cadrado-33FIOT