Confundimos euforia e felicidade, corrompemos o amor co veleno da impaciencia. Deturpamos a entrega co atropelo da comparación. Invalidamos o esforzo namentres facemos do abismo un lugar habitable, mentres extraemos da lembranza armas anuladoras.
Trementes na velocidade, aniquilados entre as liñas que traza, cremos progresar entre o ruído. Na consistencia indiferente do formigón, cre avanzar a nosa fraxilidade. E, na urxencia da carreira, afoga todo canto somos.
Betula, coma min, gusta do silencio. Na súa prestancia asoma unha complicidade longal e eu sei que, cando me espreguizo, ela estira comigo todas as súas utopías. E intúo que conxuga coa súa mirada algúns dos segredos que me habitan.
Hai lugares agardando, xente á espera, agasallos nun peto procurando o sorriso do neno que nos habita. E no solpor senlleiro pregúntome por que nos abrangue esa teima de vivir fuxindo de quen por nós pregunta, tamén nos días solleiros…
Crúa atmosfera de coitelos afiados, terrible travesía polas escuras rúas vixentes. No seu xesto agrisado cae a bágoa sobre o abismo. Estou cando non me ves, dilúome no xentío. Eu son na dor e a dor é en min cando queres ceibarte pero es a cadea.
Sostennos soamente o amor, acotío desprezado. O amor paxaro nunha gaiola. O amor que escolle vivir encarcerado. O amor imparable e o amor á cadea. O amor un día ferido, ao seguinte esnaquizado. O amor rexurdido.
Nas súas dispares feituras, o amor billete de ida. Que é e non se reflicte. O amor que cala e o que é silenciado. O amor que se agocha, errático, nas tebras dun orgullo ferido. O amor á beleza, de infindas maneiras marxinada. O amor á forma e á silueta. Ao abismo, ás marxes. Ás augas dun río en fuxida, ao illó dun prado cercado. O amor á espiña, defensa do pétalo albiscado. Ao conflito, tamén, que en ti se tece, que nas mans me ferve. O amor á cerna e á mirada, nela debuxado. E o amor debuxando a mirada.
Sostennos o amor, na humidade da outonía, na folla do carballo. O amor en travesía e o amor ancorado. O amor que sempre é hoxe e que nunca é pasado, que no cancro do presente salta o valado.