Dúas grandes iconas LGTBIQ+ do momento, Jimena Amarillo e Mayo, súmanse ao “line up” do Atlantic Pride 2025

O festival coñecido como ‘Orgullo do Norte’ confirma novos nomes para a súa 6ª edición –que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025– e programa as pinchadas de dous dj’s de referencia da escena española: Sofía Cristo e Cascales DJ

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva

A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic


Dúas grandes iconas LGTBIQ+ do momento, Jimena Amarillo e Mayo, súmanse cartel do Atlantic Pride 2025. Así, o festival coñecido como ‘Orgullo do Norte’ confirma novos nomes para a súa 6ª edición –que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo– e programa, tamén, as pinchadas de dous dj’s de referencia da escena española: Sofía Cristo e Cascales DJ.

Icona do pop lésbico, sentimental e urbano, Jimena Amarillo será primeira das novas figuras confirmadas no ‘line up’ do Atlantic Pride 2025 en facer a súa aparición no festival. Será o xoves, 10 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, para facer bailar ao público ao son do seu romanticismo pop, que a artista serve sen rodeos e directo ao corazón.

Pola súa banda, o venres 11 de xullo, Cascales DJ, todo un referente todoterreo da escena electrónica española das últimas décadas, tomará os pratos do ‘Orgullo do Norte’ cun set que promete non defraudar e no que non faltarán o r’n’b, o pop, o hip-hop e outros estilos urbanos como o trap, o funk e o reguetón.

Mentres, o sábado 12 de xullo chegaralle á súa quenda a Mayo e máis a Sofía Cristo. O gran referente LGTBIQ+ das novas xeracións aterra na cidade da Coruña para presentar os temas de Season I, o seu primeiro traballo discográfico, que viu a luz o pasado ano a ritmo dun pop electrónico e intimista, con letras aditivas e un enérxico son, que viñeron confirmar o que todo o mundo intuía: que Mayo é, sen dúbida, unha das grandes revelacións musicais do momento.

Finalmente, o mesmo sábado 12, Sofía Cristo ofrecerá unha divertida pinchada entre o “remember” e os sons máis comerciais, conectada, tamén, co electro house, o beatroom e o future house, sons que a levaron a actuar o pasado 2024 nun dos grandes festivais de culto da electrónica internacional, o aclamado Tomorrowland.

GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO E ICONAS LGTBIQ+ NO ORGULLO DO NORTE 2025

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.

A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. 

Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria: https://atlanticpride.es/certame-literario/.

Nesta 6ª edición do Atlantic Pride está xa confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla. A elas súmanse, agora, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales DJ. Moi pronto, o festival anunciará novos nomes para completar o seu line up este 2025.

BIOGRAFÍAS NOVAS FIGURAS CONFIRMADAS NO ATLANTIC PRIDE 2025 

Jimena Amarillo

Icona do pop lésbico, sentimental e urbano, Jimena Amarillo converteuse en referente da nova escena pop española dun xeito meteórico. As súas cancións –do mesmo xeito que os seus concertos– son unha amalgama de emocións e músicas do máis diversas, que sempre soan a Jimena Amarillo, cuns textos “marca da casa” que son puro realismo pop.

Ata o momento, publicou numerosos sinxelos e os discos Como decirte, mi amor (2021) e La pena no es cómoda (2023). Con este último, foi nomeada a mellor artista emerxente nos Premios de la Academia de la Música. Esta primavera de 2025 chega o seu terceiro disco e, tras el, o seu desembarco no Atlantic Pride da Coruña. O primeiro sinxelo deste novo traballo discográfico viu xa a luz. Trátase dunha canción da que a súa propia creadora di: “Flow deskiciada é o primeiro adianto dun disco no que, aparte de baladas e as miñas moñerías de sempre, fóiseme máis que nunca a cabeza e permitinme falar máis á lixeira, utilizando a xerga que máis me gusta e explorando outros camiños, meténdome máis de cheo no universo queer… por se non quedara claro que son lesbiana, pois o recordo aquí”.

Jimena Amarillo destaca na escena do novo pop español feito por debutantes autosuficientes e espontáneas que mesturan diferentes influencias e xéneros con naturalidade. A clave do seu éxito é a sinceridade; esa forma tan natural de contar as súas alegrías, penas e namoramentos e o sinxelo que resulta identificarse coas súas experiencias. Romanticismo sen rodeos e directo ao corazón. Por todo isto, a música erixiuse como toda unha icona da comunidade LGTBIQ+ e nomes como C. Tangana a sinalan como unha das artistas máis admiradas do momento.

Mayo

Cantante e compositor español que, sen dúbida, está a ser unha das grandes revelacións da tempada. Álvaro Mayo salta á fama tras o seu paso por Operación Triunfo (OT) na edición 2023, onde destacou tanto polo seu talento musical como polo seu carisma e representación do colectivo LGTBIQ+. É entón cando se converte nun referente, aínda que el mesmo considérase máis un reflexo da súa propia autenticidade que un activista. A súa visión artística busca transmitir mensaxes universais e conectar con diversos públicos mediante un estilo moi fresco.

Reconvertido en Mayo ao saír do recoñecido programa, o artista lanza o seu primeiro traballo, Season I, que o catapulta ao número 1 dos discos máis vendidos e ao número 1 en vinilo, segundo a lista oficial Promusicae España. Esgota a súa primeira xira en cuestión de minutos e convértese rapidamente nun dos referentes da música electrónica e de corte LGTBIQ+ do noso país. Na súa curta carreira, pisou xa escenarios multitudinarios como o de BRAVA en Madrid, o do Magdalena en Vivo en Santander ou o do Pride de Barcelona, onde canta xunto a Jessie J ante máis de 100.000 persoas. Neste tempo, Mayo converteuse, tamén, en todo un reclamo para las cabeceiras de moda máis importantes do país, chegando a protagonizar portadas en revistas como ICON, GQ, Shangay ou Neo2, entre moitas outras.

Sofía Cristo

Desde ben nova, Sofía Cristo soubo que a música ía ser a súa vida e tivo claro que quería dedicarse a ela en corpo e alma. En 1999 comeza a súa andaina como dj e lánzase a actuar nos clubs de moda da capital, entre eles, as salas Arena, Paladium ou Club Social… Camaleónica e incombustible, a artista conecta co público en canto sobe á cabina, convertendo unha noite normal nunha festa inesquecible.

Esta mediática e veterana dj da escena estatal, con máis de 20 anos de carreira ás súas costas, soubo evolucionar musicalmente acorde cos tempos, pero sen perder a súa esencia e deixando ao carón os estereotipos. Coas súas xiras, percorreu e percorre toda a xeografía española, xa sexa nas salas e discotecas máis emblemáticas de cada cidade ou en multitude de festivais e citas imprescindibles da época estival. Na actualidade, o seu estilo musical móvese entre o “remember” e os sons máis comerciais, aínda que segue, tamén, conectada co electro house, o beatroom e o future house. En 2024 debutou no prestixioso festival internacional Tomorrowland.

Cascales DJ

Compaxina o seu labor como xornalista cultural coa de dj. É redactor xefe da revista Shangay, medio de comunicación LGTBIQ+ de referencia en español, que en 2023 cumpriu 30 anos de existencia. Elixido polo xornal El Mundo en dúas ocasións como unha das 50 persoas LGTBIQ+ máis influentes de España, ademais de xornalista é dj, programador e asesor musical.

Como dj e music consultant, colaborou con marcas tan prestixiosas como Chanel, Tommy Hilfiger, Levi’s ou Swatch. Tamén creou espazos sonoros para firmas como Erotokritos, na Semana da Moda de París, e actuou en desfiles de moda en lugares tan representativos de Madrid como o Teatro Real, a Praza de Colón ou a Praza de Toros de las Ventas. No Movistar Arena formou parte do show de peche da primeira xira de Drag Race España e alí foi, tamén, dj de “warm up “no concerto do Nadal de Mariah Carey.

En Madrid foi dj residente, ao longo das últimas décadas, de locais tan emblemáticos como o Museo Chicote. Actualmente pica regularmente en salas como o Teatro Barceló e o Teatro Eslava. Formou parte do cartel de Sónar 2015 e 2019, FIB 2016, Paraíso 2022, Mallorca Live Festival 2023 e San Isidro 2019 e 2023. Actuou en eventos como os Premios Goya (en dúas ocasións), as Fallas de Valencia (en 2022 e 2023), o Festival de Málaga, ARN Culture and Business Pride de Arona (Canarias), a Gala Sida impulsada polo doutor Bonaventura Clotet e o cruceiro Open Seas, compartindo cartel con RuPaul. Como dj, organizou eventos privados en Madrid para artistas da pegada de Pet Shop Boys ou Anitta. E tamén é habitual en eventos audiovisuais. Entre as estreas nas que participou como dj se citan filmes como Barbie ou Top Gun 2: Maverick.

Hai 10 anos creou Bling!, un club enfocado á música urbana. Son festas naceron para fomentar a inclusividade e para que o público LGTBIQ+ tivese un espazo seguro no que gozar do r’n’b, o hip-hop e outros estilos urbanos como o trap, o funk e o reguetón. Bling! contou con residencias regulares en Madrid e Barcelona e agora derivou nunha nova proposta adaptada ás novas tendencias, chamada Jauría! Entre os Orgullos LGTBIQ+ nacionais nos que Cascales DJ actuou están os da Coruña, Orihuela, Torremolinos, Alcalá de Henares, Elxe, Onil e Sevilla. 

Tamén programa anualmente o escenario “Proud Bling!” no Orgullo LGTBIQ+ de Madrid, polo que pasaron artistas como Nathy Peluso, Ptazeta, Ms Nina, Najwa, Javiera Mena, La Zowi, Megane Mercury, Anier, Chico Blanco, La Cendejas, Simona ou Bajocero X, en espazos como a Porta de Alcalá, a Praza de España e a Praza de Callao, e que Cascales sempre pecha co seu DJ set.

SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’

Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. 

MÁIS INFORMACIÓN

20250401-NP-novas-confirmacions-Atlantic-Pride-2025

Inauguración da Exposición individual “Cando a paisaxe se fixo verba”, de Christian VILLAMIDE, na Galería NÉBOA

O venres 4 de abril ás 19:30 h na Galería NÉBOA, en Lugo, celebrarase a inauguración da exposición individual Cando a paisaxe se fixo verba, de Christian Villamide (Lugo, 1966), comisariada por Paula Cabaleiro.

A mostra, aberta ata o 31 de maio, aborda a arte como medio para cuestionar a crecente desconexión entre o ser humano e a natureza, destacando a paisaxe como unha construción cultural que reflicte a nosa forma de vivir e entender o mundo.

O proxecto critica como o progreso e o capitalismo transformaron o natural nun espazo de conflito, onde a materia se converte nun campo de batalla e o poder asóciase á destrución do entorno. Neste contexto, a obra de Christian Villamide preséntase como un chamamento á reflexión e á recuperación da contemplación e do respecto pola natureza. A través de pezas escultóricas que reconfiguran materiais, o artista denuncia a transformación da paisaxe nun símbolo do sometemento humano e convida a repensar a nosa relación co medio natural antes de que sexa demasiado tarde.

Durante a inauguración ofrecerase un aperitivo por cortesía de Gandería Quintián e Adegas e Viñedos Lareu.

A arte como soporte para o cuestionamento. A paisaxe como construción cultural, como terreo simbólico no que configuramos a nosa maneira de estar no mundo. O natural, hoxe espazo para o conflito e a barbarie. A materia e o material como campo de batalla. Existe algunha esperanza para rachar co desapego? Perdura algunha posibilidade de suturar a ferida? Aínda podemos accionar dende a fenda, que cada vez máis dilata a distancia que se interpón entre nós e a natureza que acubillou a nosa orixe? Sometémola, baixo formigón e pseudointelectualidade. Unha e outra vez, con pegada irreversible. 

Progresamos (ou non) baixo a forma da indiferencia, perdendo a curiosidade primixenia por descubrir e sentir, pavimentando sendas para que o capitalismo voraz sexa dono e señor do “imperio do primeiro mundo”, dunha sociedade cada vez máis egoísta, adormecida e, en boa medida narcisista, preocupada só por manter(se) parte ou preto do poder. Pero, que é o poder? O poder preséntase hoxe como a fin de todas as selvas, como o exterminio do natural. Como o último poema. O poder é a morte que temos por diante. 

A obra de Christian Villamide (Lugo, 1966) sempre é unha chamada á reflexión, unha vindicación para espertar a emoción ante a barbarie, na procura dunha volta á contemplación, á valoración da natureza e da contorna, á convivencia dende o respecto. Dende a memoria dos materiais e a pegada do tempo sobre estes, o artista constrúe pequenos artefactos que nos interpelan, que nos remiten a novas realidades posibles, que nos fan reflexionar sobre o modo en que habitamos o territorio. Paisaxes de-construídas ou (re)construídas se alzan ante nós, a partir de materiais atopados, refugallos industriais ou retallos orgánicos, desvelando novos relatos a través de pequenos simulacros, experiencias estéticas, que xogan entre a linguaxe, o concepto e a evocación. Pode unha sombra debuxar unha montaña? É posible atisvar novos horizontes ensamblando coidadosamente anacos de madeira, pedra e cemento? Pode emerxer a vida, encofrada entre lindes de formigón e asfalto?

“Cando a paisaxe se fixo verba” é unha toma de conciencia cara a resignificación do termo paisaxe,superando a contemplación romántica de artistas e viaxeiros ante a inmensidade da natureza, na procura sempre do sublime, para adentrarse agora nunha nova interpretación, cun carácter complexo, múltiple e variable. Onde no “pasado” discorrían os montes, as chairas e os ríos, “onte” foron o cultivo, a conquista e a civilización ós que asentaron os alicerces da verba “paisaxe”, no seo da acción de construír as novas sociedades contemporáneas. Así, “paisaxe” é un termo cultural, é a natureza racionalizada, pensada e conceptualizada, sendo o resultado da interacción no tempo das persoas e o medio natural. A súa expresión é hoxe un territorio percibido e valorado polas súas cualidades culturais, produto dun proceso e soporte da identidade dunha comunidade. Somos paisaxe. Cada vez máis. Malia que tamén somos natureza, aínda que cada vez menos.

Christian Villamide pon en valor aquilo que tamén é paisaxe, rescatando da ocultación e do velado a “maleza”, esa natureza mínima que agroma ante a adversidade. Semella fráxil, máis sobrevive ante o conflito e a especulación, ignorando un mundo sobrevido de pobreza e destrución enerxética e ecolóxica. O orgánico e o natural vese encofrado, tensionado, lapidado, soportando sobre a súa fisicidade toda a presión e a hostilidade do artificial, do industrial, do intelectual. O peso e a lacra do pseudo-progreso. O artista presenta paisaxes acotadas (e afogadas), unha sorte de paraísos prefabricados na procura do mellor ornamento das novas cidades, etiquetadas como sustentables, nun alarde de supremacía e superioridade moral dun capitalismo patriarcal salvaxe. 

Pero non se confía plenamente ao desalento e á desesperanza. O traballo de Villamide sitúase (e sitúanos) sempre nunha investigación e nun escudriñamento contínuo, perseguindo a beleza e rastreando a evocación en cada trazado, en cada xesto. Nesa construción cultural da paisaxe, nesa articulación das imaxes mentais, esa natureza pensada e reflexionada articúlase linguaxe. As liñas que debuxan o horizonte connotan verbas, frases, expresións. É a contemplación, á que o artista insiste en volver como último salvoconducto para a supervivencia do ser humano, a que fai emerxer as palabras e o pensamento crítico. Pensámonos na paisaxe, reflexionámonos nesas reverberacións da natureza perdida, nesa contorna primixenea que vemos esmorecer hoxe nas nosas sociedades anestesiadas. Só esa necesidade emocional de seguir formando parte dela pode ser a súa salvagarda. En, en definitiva, tamén a nosa salvagarda.

Christian Villamide profundiza nesta mostra na cruel distancia co natural. Visibiliza esa fenda, cada vez máis insalvable, que me fai lembrar esa magnífica intervención de Doris Salcedo na Tate Modern realizada en 2007: “Shibboleth”. Esa profunda greta de 167 metros que simbolizaba o gran burato que existe entre a humanidade e a falta de humanidade, hoxe cobraría novos significados, rezumando os actuais conflitos bélicos (inimaxinables fai máis dunha década), as reiteradas vulneracións dos dereitos humanos, o maltrato aos fluxos migratorios, a devastación dos bosques e das selvas, a explotación salvaxe dos recursos naturais, o negacionismo ante o cambio climático e un longo etcétera que debuxa un presente e un futuro (se aínda existe) profundamente desolador. As pezas escultóricas de Villamide rescatan refugallos para tratar de esbozar posibles futuros utópicos, novas paisaxes reflexivas, agardando algunha reacción da especie humana. O escombro se descontextualiza para dignificar materiais e volverse verba, poesía e reflexión. As cartografías e os planos transfórmanse en espazos de exploración, evidenciando a intervención e a planificación premeditada para o sometemento humano, nesa procura de racionalizar os espazos naturais, de aplicar lindes e barreiras, de conter e dirixir o crecemento. Villamide visibiliza así as malas praxes das sociedades contemporáneas, clamando unha volta urxente á reflexión e ao sentido común, ao respecto, nun acto necesario para recondurir a palabra e o pensamento cara o rescate do natural.

Pode ser a última oportunidade, para mudar a nosa forma de habitar o mundo e para reivindicarnos parte del, antes da fin de todas as selvas. 

Christian Villamide (Lugo, 1966) é un artista multidisciplinar. A súa obra aborda a interacción entre o mundo natural e o artificial, explorando a transformación da paisaxe e as contradicións do ser humano en relación coa súa contorna. A través da pintura, a fotografía, a escultura e as instalacións, constrúe unha reflexión visual sobre o equilibrio entre a natureza e a súa alteración pola man do home.

Villamide traballa con diversos materiais e soportes, como mármore, madeira, ferro, cemento ou metacrilato, creando composicións que desafían a percepción tradicional da paisaxe. O crítico Antón Castro describe o seu traballo como “unha expansión do concepto de pintura cara a un espazo de comportamento máis real, onde os sentidos e as emocións se integran na experiencia artística”.

O seu proxecto artístico, con influencias do conceptualismo, busca establecer unha comunicación tanto social como íntima co espectador, evidenciando o crecente desapego emocional e intelectual co espazo natural. A súa obra invita á reflexión sobre a supervivencia da natureza, a súa vulnerabilidade e forza, nun contexto de sobreexplotación e cambio constante.

Entre as súas exposicións individuais máis recentes destacan “Maleza” (Fundación RAC, Pontevedra, 2023), “In Landscape Mode” (CGAC, Santiago de Compostela, 2019), “PERturbacións” (CAB, Burgos, 2019), mostra site-specific comisariada por Javier del Campo, “Hortus Conclusus” (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2018) e “A Paisaxe contra a Parede” (Museo Provincial de Lugo, 2016).

A súa obra estivo presente en numerosas mostras colectivas, bienais, feiras e certames, destacando a súa participación na “XXXII Bienal de Arte de Pontevedra” (Pontevedra, 2025), “Simultánea” (A Fundación Vigo e Lugo, 2024),  “JustMad” (Madrid, 2023), “Art Madrid” (Madrid, 2018), na “II Bienal de Canarias, Arte Paisaxe y Arquitectura” (Círculo de Bellas Artes, Tenerife, 2009) e na exposición “Foron Novísimos” (Centro de Arte Torrente Ballester, Ferrol, 2003). Ademais, recibiu varios premios e bolsas de creación e participou en diversos programas de residencia artística en diferentes puntos de España, e a súa obra forma parte de coleccións de entidades públicas e privadas como o Centro de Arte CAB – Fundación Caja de Burgos, MAC (A Coruña), a Colección Caja Canarias (Gran Canaria), Afundación, Caja Madrid, a Delegación de Cultura de Lugo, o Museo Municipal de Ourense, a Fundación de Arte Ana Torre (Buenos Aires), a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e o Museo Provincial de Lugo.

BIGSOUND Pontevedra pecha o cartel con talento galego e presenta a programación por días

Sabela, LODE e Soulmacklein súmanse ao lineup de BIGSOUND Pontevedra, completando unha edición inaugural que reunirá o mellor da música urbana nacional e internacional.

Entradas xa dispoñibles en bigsoundfestival.com

BIGSOUND Pontevedra completa o seu espectacular cartel con tres artistas galegos que representan a nova onda de talento local: Sabela, LODE e Soulmacklein. Estas incorporacións súmanse a Tanxugueiras, o grupo galego más destacado do momento, para poñer en valor o talento da terra. Con esta aposta, o festival non só reforza o seu compromiso coa escena urbana global, senón que tamén impulsa e visibiliza as voces emerxentes do panorama galego. Ademais, desvélase por fin o cartel por días, confirmando así a programación que transformará o Parque de Tafisa os días 11 e 12 de xullo de 2025 no epicentro da música urbana en Galicia.

NOVAS INCORPORACIÓNS: RAÍCES E FUTURO DO URBANO EN GALICIA

LODE
Cunha proxección imparable, LODE converteuse nunha das grandes promesas do xénero urbano nacional. Desde Narón, o cantante, compositor e bailarín conquistou ao público coa súa mestura de sons actuais e baile. Tras o seu paso por La Voz ou El Hormiguero, prepara un novo EP que presentará este ano na sala Capitol de Santiago de Compostela. En BIGSOUND Pontevedra, promete un directo vibrante que redefinirá o xénero urbano desde Galicia.

SABELA
Referente da escena pop-electrónica galega, Sabela chega a BIGSOUND como a gran embaixadora dun son que triunfa no panorama musical actual. Con éxitos comoHi, My Love ou Eu Espero Aquí, producidos xunto ao aclamado produtor Ed Is Dead, a artista presenta en 2025 un novo EP co que inaugura unha etapa na que aposta por un son máis internacional mantendo presentes as súas raíces.

SOULMACKLEIN
Pioneiro do hip hop galego e membro fundador do mítico grupo Delahoja,Soulmacklein representa a memoria viva da música urbana feita en Galicia. Tras colaboracións icónicas xunto a Soprano ou Cypress Hill e actuacións históricas como a do Camp Nou ante case cen mil asistentes, está inmerso na súa carreira en solitario, lanzando o seu LP en solitario Welcome to la Isla e preparando novos traballos discográficos para 2025. O festival será unha oportunidade para descubrir a súa evolución artística.

CARTEL COMPLETO POR DÍAS: TODO O QUE VIVIRÁS O 11 E 12 DE XULLO

Venres 11 de xullo

A xornada inaugural de BIGSOUND Pontevedra será unha auténtica celebración do pop urbano, o reguetón e a fusión latina. Grandes estrelas internacionais como Nicky Jam e Maria Becerra compartirán escenario con referentes do panorama nacional como Juan MagánAbraham MateoCali y El Dandee e Marc Seguí. O talento emerxente tamén brillará con nomes como DePolLuck Ra e Sabela, mentres que a potencia da mestura entre música tradicional galega e a modernidade farase presente da man de Tanxugueiras, nunha noite que promete enerxía, emoción e unha conexión única co público.

Sábado 12 de xullo

A segunda xornada ofrecerá unha proposta máis diversa e alternativa, combinando sons urbanos globais con novas voces do pop, o trap e o rap. O carisma de Rels B e a versatilidade de Omar Montes compartirán protagonismo coa sensibilidade deAmaia e o debut en solitario de Leire Martínez. Completan o día artistas comoJulietaLa ZowiMaría EscarmientoPtazetaJuanjo García DJ, e os galegosLODE e Soulmacklein, nunha xornada que poñerá o broche perfecto ao festival.

UNHA EXPERIENCIA MOITO MÁIS QUE MUSICAL

Organizado por BS Entertainment e PlayPlan, en colaboración co Concello de Pontevedra, BIGSOUND Pontevedra busca non só emocionar a través da música, senón tamén xerar un impacto positivo a nivel cultural, económico e social na rexión. Esta primeira edición será un punto de encontro para artistas, marcas, institucións e público, nunha contorna segura, sostible e inclusiva.

___ ENTRADAS ___

A conta atrás comezou e a música está a piques de escribir un novo capítulo inesquecible. Non te quedes fora do evento do ano en Galicia. Consegue os teus abonos e entradas por día en bigsoundfestival.com.

Cartel venres 11:

Nicky Jam, Maria Becerra, Juan Magán, Abraham Mateo, Cali y El Dandee, DePol, Luck Ra, Marc Seguí, Sabela, Tanxugueiras, convidado sorpresa.

Cartel sábado 12:

Rels B, Omar Montes, Amaia, Julieta, La Zowi, Leire Martínez, LODE, María Escarmiento, Ptazeta, Juanjo García DJ, Soulmacklein.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz


HENKO

Miguel Díaz

Título: SALTAMOS

O salto, imprescindible. Para vencer os muros que ergue o medo. Para fuxir da mediocridade que supura deste odio vixente.

O salto, inevitable. Para brincar entre a inconsciencia, o desvarío, a barbarie naturalizada.

O salto, necesario. Para respirar entre a violencia que nos cospen, para esquivar os trapos que nos impoñen.

Agardamos onde houbo fiestra. Cuestionamos para a medra, sentimos para que resista o alento que nos queda.  Amamos para que teña sentido o latexo entre a tormenta. Saltamos, saltamos sempre, aínda, na procura da beleza.

Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria. 2025

PROGRAMA

Polavila DoCampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, por volta do 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.

Este ano ten lugar a segunda edición, que se vai celebrar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, na cidade de Lugo.

Programa previsto é o seguinte:
– 19:00-19:15 horas. Apertura da Polavila nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 19:15-19:45 horas: Lectura pública e continuada de textos de Xabier P. DoCampo, en especial da novela A nena do abrigo de astracán, a cargo das súas amizades, nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila DoCampo 2025, no salón de actos da Deputación de Lugo.
Conducida por Lois Pérez e Antonio Reigosa.
Contará coa presenza de Pepe Coira e Paco Martín.
Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Beatriz Dourado, Marica Campo e Xosé Miranda.
Rematará a gala cunha rolda de contos de Ana CarreiraCelso Sanmartín e Benxamín Otero.
A música correrá a cargo da cantora Xiana Lastra, acompañada doutra integrante d’A banda da Loba e Benxamín Otero.

Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e ProLingua.

Andanzas do Suso de Lameliña. CON GENARÍN EN LEÓN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

CON GENARÍN EN LEÓN

Achégase a Semana Santa e, como cada ano, “Genarín”, de novo, volverá desfilar polas rúas de León, para que celebremos máis có cabodano da súa morte a súa vida de bohemia e o seu amor polo “orujo”. Será unha noite de xoves a venres de xolda, parodia e poesía satírica en homenaxe á vida e milagros do apóstolo da snoites perdidas. Porén, a miña historia con el non tivo lugar nestas místicas e austeras datas senón nun ardente agosto, e xa sabemos como as gasta o astro sol neste mes na cidade do Bernesga.

No camiño a Segovia na compaña duns amigos, decidimos facer unha parada en León. E abofé que resultou longa e fructífera. É o que ten o “Barrio Húmedo”. Hai que ser de pedra para non caer vítima dos seus encantos. E nós por suposto, que de pedra non tiñamos nada e menos naqueles anos de eterna xuventude, deixámonos levar, sen reparo algún, polas tentacións húmidas. O caso é que entre risas, cuncas de viño e, como non, o prezado “orujo”, as horas foron fuxindo sen decatarnos. Ao final, coa noite como única testemuña, atopeime só, vagando polo corazón da cidade, onde as sombras parecían contarme historias de xentes e tempos esquecidos.

Foi así como sentín o espíritu de “Genarín”, ou iso crin daquela. Alí estaba coa botella de licor sagrado ofrecéndome un grolo. Non fun desconsiderado e acepteillo, malia ter saciado abondo a sede nas horas anteriores. E, ao pé da muralla, baixo as tenues luces da cidade co seu halo de misterio, sentín revivir vellas historias e lendas mentres o líquido ardente baixaba pola gorxa. As palabras de “Genarín” resultáronme fermosos versos dunha poesía única que só podían saír dos beizos dun ser como “Genarín”, que tivo o privilexio de morrer baixo as rodas do primeiro camión de lixo de León. 

A mañá seguinte escoitei que alguén me chamaba polo meu nome. Eran os meus amigos e eu atopábame ao borde da muralla durmindo a carón dun mendigo e dunha botella baleira.

Ao día seguinte, xa na capitol do acueducto, e un pouco máis sereno, escribín este poema:


O ENTERRO DE GENARÍN

Achégase, Xoves Santo,

a Genarín hai que honrar,

home de vida bohemia,

amante da boa vida,

bebedor e mullereiro.

Que desgraza aquela noite,

en plena Semana Santa,

cando o camión do lixo,

ao mesmo pé da muralla,

contigo foi a bater,

mentres “orujo” mexabas.

De nada valeu a axuda

que A Moncha che procurou,

alí a alma entregaches

a Deus Todo Poderoso.

Agora, xa santo es,

venerado con fervor,

neste León do Bernesga,

que entre o Xoves e o Venres,

de cada Semana Santa

o teu enterro celebra.

A Cuba, A Morte e mais Moncha,

xunto aos catro Evanxelistas,

en procesión te acompañan

polas rúas de León.

O remate, a infausta torre,

onde a cruel “Bonifacia”

a vida che arrebatou.

Por ofrenda, pan e queixo,

laranxas e mais “orujo”,

de loureiro, unha coroa.

Achégase Xoves Santo,

a Genarín hai que honrar;

borrachín e putañeiro,

do tute, gran amador,

noso respecto merece.

Con versos e con “orujo”

o noso amor mostraremos

por Noso Pai Genarín.