Siobhán Armstrong, Su Garrido Pombo e Park Stickney, protagonistas da terceira xornada do Noia Harp Fest
A irlandesa Siobhán Armstrong, a maior autoridade internacional na interpretación da arpa histórica gaélica encordada en metal, ofrecerá un concerto en Santa María A Nova
O Teatro Coliseo Noela acollerá a estrea dunha produción propia do festival, un directo da Banda do NHF xunto á cantautora Su Garrido Pombo, e un concerto do trío do estadounidense Park Stickney
Tras unha xornada dedicada ao talento emerxente e á experimentación sonora, o 13º Noia Harp Fest abordará este venres 31 de xullo tres propostas moi diversas. O festival moverase por diferentes espazos da vila para amosar as múltiples posibilidades do instrumento: desde a recuperación da arpa gaélica do século XVII ata a canción de autor galega ou mesmo o jazz de referencia internacional. A tríade de directos deste venres 31 serán de entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos recintos.
A programación comezará ás 19.00 horas na Igrexa de Santa María A Nova coa actuación da irlandesa Siobhán Armstrong, recoñecida internacionalmente como a maior autoridade na interpretación da arpa histórica gaélica encordada en metal. O seu labor foi esencial para que o instrumento fora declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. Armstrong fundou a Historical Harp Society of Ireland e toca cunha réplica única da arpa do século XVII do Trinity College de Dublín, tallada nun só bloque de madeira de salgueiro e encordada con fíos de latón e prata, utilizando as unllas para obter o timbre orixinal do instrumento.
Siobhán Armstrong abrirá a terceira xornada do NHF en Santa María a Nova
A partir das 21.00 horas, a actividade trasladarase ao Teatro Coliseo Noela, unha das sedes centrais do evento, para estrear outra das producións exclusivas desta 13ª edición do Noia Harp Fest: o concerto que a Banda do NHF ofrecerá con Su Garrido Pombo. A agruació é unha formación variable que se crea cada ano arredor do festival, xuntando a docentes, estudantes e intérpretes afeccionados para traballar en conxunto. Nesta ocasión, a Banda do NHF achegarase á obra de Su Garrido Pombo, unha das autoras máis orixinais da música galega das últimas décadas. A propia cantautora interpretará en directo algúns dos seus temas máis coñecidos acompañada por dez arpas, con arranxos escritos expresamente para a ocasión por Rodrigo Romaní nos que dialogan recursos acústicos e electrónicos.
Su Garrido Pombo actuará na 13ª edición do Noia Harp Fest
Finalmente, contra as 22.00 horas, subirase ao mesmo escenario Park Stickney co seu trío Gustaf, Frederick &Isabel, formado xunto á saxofonista Araxi Karnusian e o baixista Björn Meyer. Formado na Juilliard School e doutorado polo Trinity Laban, Stickney é un dos arpistas máis influíntes do panorama internacional, célebre por revolucionar o papel do instrumento no jazz, ser pioneiro na arpa electroacústica e docente na Royal Academy of Music de Londres. O músico, que actualmente reside en Suíza e compaxina a súa carreira artística co seu labor como bombeiro voluntario, presentará en Noia este proxecto nado en 2015 que combina jazz, rock e música clásica a través de composicións orixinais.
De esquerda a dereita, Park Stickney, Araxi Karnusian e Björn Meyer, o trío Gustaf, Frederick & Isabel
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebra do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.
AXENDA NOIA HARP FEST PARA O VENRES 31 DE XULLO
31.07, 19.00 horas
Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong
31.07, 21.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Banda do Noia Harp Fest con Su Garrido Pombo
31.07, 22.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Park Stickney: Gustaf, Frederick & Isabel Trio
Os tres concertos son de acceso gratuíto e libre ata completar capacidade.
Máis de 20 estudantes de arpa, de entre 8 e 18 anos, participarán no V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia, que culminará cun concerto a partir das 13:00 horas no Liceo de Noia
Pola noite, o Teatro Coliseo Noela acollerá un espectáculo inédito de arpa e electrónica con Beatriz Martínez e a dj viguesa Acacia Ojea, seguido do directo da escocesa Maeve Gilchrist
A 13ª edición do Noia Harp Fest comeza este mércores 29 coa estrea absoluta de Alén do azul, a peza gañadora do Premio Portus Apostoli de Composición e interpretada pola Real Filharmonía de Galicia co arpista José Antonio Domené como solista. Mentres que o Teatro Coliseo Noela acolle esta noite a xornada inaugural, o festival prepara o seu segundo día cunha programación centrada no talento novo e na experimentación sonora.
A xornada deste xoves 30 comezará no Liceo de Noia co V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia, que reunirá a 22 estudantes de entre 8 e 18 anos procedentes de Mayeusis de Vigo, Conservatorio de Torroso en Mos e as Escolas Municipais de Música de Santiago e ETRAD de Vigo.
O Encontro naceu no 2022 coa intencion de estimular o talento emerxente do país ao abeiro do único festival de arpa do noroeste peninsular. Esta reunión de estudantes chegadas de distintos puntos de Galicia permite que poidan, alén de gozar dunha xornada de convivencia e celebración na vila de Noia, ter a ocasión de conversar e coñecer de perto a grandes instrumentistas que actúan no festival. Como colofón, a partir das 13:00 horas o grupo de arpistas ofrecerá un concerto con actuacións individuais e unha obra conxunta dirixida pola figura internacional Maeve Gilchrist.
Imaxe da terceira edición do Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia
A sesión nocturna trasladará a actividade ao Teatro Coliseo Noela. A partir das 21:00 horas terá lugar a estrea do proxecto exclusivo da arpista Beatriz Martínez e a artista sonora e dj viguesa Acacia Ojea, un espectáculo que naceu da colaboración entre dous mundos creativos e que fusiona arpa de levas, performance e electrónica.
O punto de partida son composicións orixinais para arpa con raíces na música tradicional. Sobre esa base, Acacia Ojea manipulará o son en tempo real a través de procesos electrónicos. Non se trata dun fondo musical nin dun simple acompañamento, senón dun diálogo aberto á improvisación onde o instrumento acústico se transformará por completo.
Contra as 22:00 horas, será a quenda da escocesa Maeve Gilchrist, solista de referencia a nivel internacional, recoñecida por revolucionar a arpa celta mediante a hibridación do folclore tradicional co jazz e a improvisación. O seu aclamado álbum ‘The Harpweaver’, descrito por The New York Times como “unha sofisticada mestura de folk e jazz”, foi cualificado pola crítica como “unha obra mestra da música de cámara moderna”.
A galega Beatriz Martínez presenta un espectáculo inédito de experimentación sonora no NHF
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebrará do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.
AXENDA XOVES 30 DE XULLO
30.07, 13.00 horas
Liceo de Noia | V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia
30.07, 21.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Beatriz Martínez e Acacia Ojea
30.07, 22.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist
Os tres concertos son de acceso gratuíto e libre ata completar capacidade.
Tras o éxito de IRIBARNE, a plataforma creativa decide render homenaxe a Manuel Lourenzo, figura clave do teatro galego contemporáneo recentemente falecida, levando ás táboas a primeira peza galega gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática
O espectáculo, que se estreará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 4 de setembro, combina a estética vitoriana, o abraio do mito vampírico e a música en directo do compositor Iago Hermo interpretada pola soprano e violonchelista Esperanza Mara
Unha exposición sobre a figura do mestre poderase visitar no vestíbulo do teatro antes de cada función
ButacaZero, a plataforma creativa codirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, estreará novo espectáculo a vindeira tempada. Trátase de A velada de Londres, montaxe coa que a compañía quere render unha fonda homenaxe ao dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo, cuxa estrea terá lugar o 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
A dupla creativa, tras sorprender ao mundo da escena con IRIBARNE, regresa para adentrarse, por vez primeira, no teatro do autor do Valadouro. A elección desta peza, que forma parte do volume Veladas Indecentes -coa que Lourenzo se converteu no 1997 no primeiro autor galego en gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática-, garda unha fonda pegada emocional para Castiñeira, pois traballou como axudante de dirección do propio Lourenzo neste texto no inicio da súa carreira. Unha experiencia marcada polo consello que o Mestre lle deu naquel entón: “Abre os ollos e róubame o que poidas”. Hoxe, ButacaZero devolve aquel xesto de xenerosidade cunha montaxe rigorosa, luminosa e chea de gratitude.
Da represión vitoriana á liberación: a fascinación polo mito
A obra de Lourenzo propón unha orixinal farsa e fantasía arredor do Drácula de Bram Stoker. A trama arranca cando o procurador Jonathan Harker regresa á súa vida burguesa tras a súa viaxe aos Cárpatos, obsesionado pola figura do Conde. A súa esposa Mina tenta protexelo, pero a entrada en escena dun misterioso doutor -que resulta ser o propio Drácula- desencadea un proceso no que o mundo sobrenatural e atávico vai desprazando a ríxida moral vitoriana. Lonxe do terror convencional, o texto explora a tensión entre os instintos e a razón, entendendo a “vampirización” como un acto de amor, liberación e aceptación do desexo.
Unha posta en escena viva con música en directo e talento interxeneracional
Cunha duración concentrada dunha hora, a lectura de Castiñeira triangula o universo orixinal de Stoker, o texto de Lourenzo e unha potente dimensión escénica. A atmosfera vitoriana vaise transformando gradualmente a medida que a natureza e o elemento sobrenatural se apoderan do espazo.
O elenco de A velada de Londres combina a solidez de actores de ampla traxectoria como Xurxo Cortázar (Iribarne, Shakespeare en Roma, O Premio) con novas promesas emerxentes da escena, como Sophia Rodal e Teo Piñeiro, mantendo vivo así o espírito de Lourenzo de apostar sempre polo impulso do talento mozo. A proposta de ButacaZero destaca, ademais, pola presenza constante no escenario da soprano e violonchelista Esperanza Mara, quen canta e interpreta a banda sonora (creada por Iago Hermo) en directo e interactúa na acción dramática.
A Velada de Londres. Equipo Xurxo Cortázar, Xavier Castiñeira, Beatriz de Vega, Carlos Pinilla (arriba), Esperanza Mara e Sophia Rodal sentadas
Máis ca un espectáculo: exposición e xornadas de pensamento
Co obxectivo de espallar o legado de Manuel Lourenzo alén das súas coñecidas aparicións na televisión (Mareas Vivas, Fariña), cada función contará no vestíbulo dos teatros cunha exposición itinerante deseñada conxuntamente entre o propio Castiñeira e Paco Oti e coa axuda do arquivo da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor.
Co gallo da preparación e estrea desta “homenaxe-montaxe” a Manuel Lourenzo, ButacaZero tamén está a impulsar encontros e xornadas de reflexión arredor da súa figura de arredor dos principais encontros teatrais de Galicia. Así sucedeu este mes de xullo na Conversa arredor do mestre acontecida no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC de Cangas), ás que se sumarán novas conversas este outono.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.
SOBRE A VELADA DE LONDRES, DE BUTACAZERO
Estrea absoluta: 4 de setembro de 2026 no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vaiorganizar a Décimo cuarta edición do Festival 27373 de músicaen Galego que terá lugar o sábado 8 de agosto no Club Fluvial deBegonte que presta as súas instalacións para a celebración destefestival.
O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dospoucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes eque nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente ou lideradopor mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilidade da muller nos escenarios.
O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máispequen@s e ás familias. A partir das 13:45 horas comezará unha atractiva sesión vermú conmúsica tradicional a cargo do grupo O Son do Pucheiro que chega grazas ao programaTradigalu da Deputación de Lugo e na que poderemos gozar, en exclusiva, das cervexasoficiais do Festival 27373: unha cargada de lima, outra ben cargada de trigo e laranxa eunha terceira ben cargada de aromas frutais. Ámbalas tres cervexas son unha colaboraciónentre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir dascinco, comezará o tradicional XIV Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación OVaral. Ás seis, dará comezo o VI campionato de cimbrón “Memorial Suso “Pipas”” namemoria de “Pipas” gañador de todas as edicións deste campionato e recentementefalecido. E, a partir das 18:30, para a rapazada e as familias contaremos coa presenza dogrupos Pitusa Semifusa cun espectáculo para a cativada e as familias. Este espectáculo estáno festival grazas á colaboracion do Concello de Begonte e Xunta de Galicia a través daAgadic. Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindosobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeiraperfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha dasmesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río Ladra ao tempo que participamos nasdistintas actividades.
Abrindo o festival de noite, sobre as 20:00 horas subirá ao escenario as Sun Iou, desdeTeis, Tamara Martínez lidera este proxecto que combina o rock coa tradición, o punk coaelectrónica, letras comprometidas e reivindicativas, calidade, feminismo e compromisosocial. Presentarán o seu novo traballo titulado Egos, producido por un vello coñecido dofestival, Peter Petrowski de Ezetaerre. A rapazada de Axeigo xa estivo hai máis de 10 anosnunha daquelas primeiras foliadas que organizamos. Para nós é un orgullo e unhasatisfacción que, despois de tantos anos, os Axeigo poidan subir ao escenario. Tradición ecalidade excepcional destes músicos que presentan o seu novo traballo tituladoRecuncando. Para rematar, Para rematar chega un deses grupos co que nos presta para pechar o festival: The Lelli Kellys. O grupo traerá a seu rock clásico misturado co punk erythm&blues. Ninguén no torreiro quedará indiferente ante o estilo salvaxe cheo de enerxía,diversión e certa tolemia que presentan os do Morrazo.
Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello deBegonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Áasociación O Varal, por axudar na organización do aberto de billarda e, por suposto, aCervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas dofestival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer apresenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo deactividades culturais nun entorno incomparable. Todas actuacións son de balde e contamoscun espazo de acampada libre.
Danza no Claustro é un proxecto da SóLODOS. Nace no Claustro de San Francisco, na cidade de Ourense, en xuño de 2013, como unha iniciativa de exhibición artística destinada a poñer en valor o patrimonio arquitectónico a través da danza. Celébrase anualmente desde entón. É o festival de danza máis lonxevo de Galicia.
Espazos cargados de historia e singularidade serven de escenario para que artistas internacionais e locais —xunto coas comunidades da zona— constrúan un proxecto cultural compartido. Danza no Claustro ofrece unha programación cultural adaptada a estas comunidades, reforzando así a paisaxe cultural da zona. A danza actúa como motor cultural que suliña a historia, as xentes, a beleza e a singularidade do lugar, ofrecendo unha perspectiva renovada da arquitectura e do patrimonio histórico a través do movemento.
Desde 2021 a firma de moda Adolfo Domínguez colabora co proxecto e volverá encargarse do vestiario dos e das artistas nesta edición. O festival tamén forma parte da Red Acieloabierto, unha rede estatal de festivais de danza en espazos non convencionais.
Na súa 14.ª edición 2026, Danza no Claustro celébrase nos claustros de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín), Santa María de Melón e Santa María de Xunqueira de Espadanedo. Incluiu un evento especial en colaboración co *Ciclo de Artes Vivas y Mediación* de A Casa Vella, na aldea de Amiadoso (Allariz) que acontece o pasado domingo e estreará unha nova localización para a súa programación na provincia de Pontevedra: o Mosteiro Real de Santa María de Oia.
PROGRAMACIÓN:
Na programación de A Casa Vella estiveron programadas as seguintes obras e artistas:
– SOSTENIENDO AUSENCIAS / TAMARA OTÁROLA / COSTA RICA
– NOCTURNO / LARUMBE DANZA / MADRID
– TÁNGUELA / MYRIAM GONZÁLEZ / GALICIA
Na programaciión de este fin de semana estarán as seguintes obras e artistas:
PERPÉTUA / ALBA DE MIGUEL E MIGUEL GONZÁLEZ / CANARIAS – A RIOXA
JULIA LAPORT / EXTENDER COMO SI PUDIERA / GALICIA
PIES DE GALLINA / LUNA SÁNCHEZ e ANA MELERO / RED ACIELOABIERTO 2026 / ANDALUCIA
SOSTENIENDO AUSENCIAS / TAMARA OTÁROLA / COSTA RICA
NOW – HERE MAN / ANDRÉS CORCHERO / CATALUÑA (Función Única 2 de Agosto)
Para a derradeira actuación en Oia, o 7 de agosto, estarán programadas:
NEXOS / CIA EXIRE / GALICIA
MOVER CENIZAS / SóLODOS / GALICIA – COSTA RICA
A RAÍZ DE / DANIEL RODRÍGUEZ CIA / GALICIA
PROGRAMA DE FORMACION DANZA NO CLAUSTRO
O 27, 28 e 29 XULLO 2026 o PROGRAMA DE FORMACIÓN DANZA NO CLAUSTRO Co organizado con TICS ESPAZO DE FORMACIÓN estivo a cargo da coreografa costarricense TAMARA OTÁROLA co obradoiro AIRE, MOVEMENT RESEARCH.
TAMARA OTÁROLA participa no Festival Danza no Claustro grazas ao apoyo do Centro Cultural de España en Costa Rica, RACE Residencias Artísticas Creando Escena 2026 / Impulso á internacionalización, Taller Nacional de Danza de Costa Rica e SóLODOS en RED 2026.
DATAS
Do 20 ao 26 de xullo de 2026
A Casa Vella / Tamara Otárola en residencia artística en A Casa Vella
Amiadoso, Allariz. Ourense
26 de xullo de 2026. 20:00 h
A Casa Vella
Amiadoso. Allariz. Ourense
27, 28 e 29 de xullo de 2026
Espazo de Formación de Tics / Programa de Formación de Danza Non Claustro
Ourense
31 de xullo de 2026 · 20:00 h.
Claustro de Santo Estevo de Ribas de Sil
Nogueira de Ramuín · Ourense
1 de agosto de 2026 · 20:00 h.
Claustro de Santa María de Melón
Melón · Ourense
2 de agosto de 2026 · 20:00 h.
Claustro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo
Xunqueira de Espadanedo · Ourense
7 de agosto de 2026 · 20:00 h.
Real Mosteiro de Santa María de Oia
Oia · Pontevedra
ORGANIZA: SóLODOS. DIRECCIÓN: Erick Jiménez e Maruxa Salas. PRODUCIÓN: Víctor López Carbajales. FOTO e VÍDEO: Pablo Salas Fotógrafo e Pablo Vargas Unfried. COA AXUDA DE: INAEM – Ministerio de Cultura de España, Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e Xacobeo 2027, Taller Nacional de Danza de Costa Rica, Ministerio de Cultura e Xuventude de Costa Rica, Centro Cultural de España en Costa Rica. COLABORA: Concello de Xunqueira de Espadanedo, Concello de Nogueira de Ramuín, Parador de Santo Estevo, Concello de Melón, Red Acieloabierto, Adolfo Dominguez, A Casa Vella, Fundación Bretón, Real Mosteiro de Santa Maria de Oia, Tics Espazo de Formación.
Danza no Claustro 2026 conta coa colaboración da Xunta de Galicia coa AGADIC a través das Subvencións a Festivais de Artes Escénicas 2026.
A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove por terceiro ano consecutivo este certame pioneiro no sector da autoedición
Neste 2026, o premio recaeu na obra “Diarios”, de Martín Romero, cunha dotación económica de 1.250€ e un trofeo personalizado a man por Julia Abalde, gañadora da pasada edición do premio
O xurado especializado, integrado polas e polos profesionais Julia Abalde Herrero, David Fernández Fernández e Helena Rodríguez Blanco, decidiu otrogarlle o accésit con diploma a Silver Andree (Adriana Soriano), por “Antología de un recuerdo”, cunha dotación de 350€
Na rolda final de clasificados, foron tamén seleccionados os fanzines “O Campo de Concentración de Lavacolla”, de Colective Pipueca; “Mi nick ya no era húmeda”, de Gemmi Pérez Feijoó (Muller6ollos); “Moon Junction”, de Anabel Colazo; e “O verán que nunca existiu”, de Clara Artiaga
O III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026 recibiu un total de 35 proxectos válidos aspirantes ao galardón, que o público poderá ler na mostra ‘ExpoFanzines Autobán’ no marco de Viñetas desde o Atlántico 2026, do 10 de agosto ao 27 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña
A entrega do premio terá lugar o venres, 14 de agosto, no Circo de Artesáns da Coruña, no marco das actividades da edición de verán de 2026 do Festival de Autoedición e BD Autobán
A información completa do III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026 pode consultarse en: https://www.autoban.gal/premio26
O III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, xa ten gañador. Martín Romero alzouse co galardón grazas á súa obra Diarios. O premio consta dunha dotación económica de 1.250€ e un trofeo personalizado a man pola artista Julia Abalde (gañadora da pasada edición do certame). O xurado especializado do certame, integrado polas e polos profesionais Julia Abalde Herrero, David Fernández Fernández e Helena Rodríguez Blanco, decidiu outorgarlle, tamén, o accésit con diploma, cunha dotación de 350€, a Silver Andree (Adriana Soriano), pola súa obra Antología de un recuerdo.
Este III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026 recibiu un total de 35 proxectos válido ( presentáronse un total de 45, peor 10 non cumpriron os termos necesarios). Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines O Campo de Concentración de Lavacolla, de Colective Pipueca; Mi nick ya no era húmeda, de Gemmi Pérez Feijoó (Muller6ollos); Moon Junction, de Anabel Colazo; e O verán que nunca existiu, de Clara Artiaga.
A entrega do premio terá lugar o venres 14 de agosto no Circo de Artesáns da Coruña, no marco das actividades da edición de verán de 2026 do Festival de autoedición e BD Autobán. Ademais, o público poderá ver e ler todas as obras válidas presentadas a concurso –un total de 35– na mostra ‘ExpoFanzines Autobán’ no marco do festival Viñetas desde o Atlántico 2026, do 10 de agosto ao 27 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
O III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, recolle a participación de todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo fosen de orixe galega ou estiveran fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine eran libres. A información completa do premio pode consultarse en:
Martín Romero (Boiro, A Coruña, 1981) é ilustrador, autor de cómics e director de animación. Combina todas estas disciplinas para desenvolver os máis diversos proxectos. Como ilustrador realiza traballos que van dende o ámbito publicitario ata o editorial, con clientes como El País, Seat ou Abanca. Os seus cómics foron publicados en revistas como Le Monde Diplomatique (Francia), Kuti Kuti (Finlandia), Stripburger (Eslovenia), Bile Noire (Francia), Mille Putois (Canadá), O Suplemento (Brasil) ou a americana Vice. As súas novelas gráficas “Las fabulosas crónicas del ratón taciturno” (2011), “Episodios Lunares” (2015) e “La deuda” (2017) foron publicadas tanto en España como en Francia.
Actualmente está desenvolvendo a serie de cómics infantís “Uxío”, con dous títulos publicados ata o momento: “Uxío” (2019) e “Uxío e amigos” (2023). No eido audiovisual dirixiu dúas curtametraxes: “La noche” (2017), baseada nun dos seus cómics, e “To Bird Or Not To Bird” (2023), gañadora do Goya a Mellor Curtametraxe de Animación na edición de 2004.
UNHA PANORÁMICA SOBRE AS DÚAS PRIMEIRAS EDICIÓNS DO PREMIO AUTOBÁN
Na súa primeira edición, celebrada en 2024, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, que decidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra Mi nick era #humeda.
Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-Cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024.
Na súa segunda edición, celebrada en 2025, Julia Abalde alzouse co galardón do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra La ilusión. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais Bea Lema, Luis Yang e Sira González, que decidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma cunha dotación de 350 €, a Brais Rodríguez, pola súa obra Enxoval.
Este II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 recibiu un total de 50 proxectos. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Tales from the Whispering Realm, de Anabel Colazo; Foresta, de Eloy Hermida; e La balada del Príncipe Zarzaparrilla, de Paz Rodríguez. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 11 de agosto ao 21 de setembro de 2025.
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2026, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 12ª edición do evento.
Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das novas promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.
As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.
Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.