por martinho | Abr 26, 2021 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da
Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, dá comezo este ciclo de cine coa proxección da película ONS, do director ALFONSO ZARAUZA, flamante gañadora do Mestre Mateo’2021, e que se levará a cabo no Auditorio Municipal de Vilalba
o vindeiro sábado 1 de maio, ás 19:30 horas.
Velaquí a nota informativa.
SINOPSE
Mariña é unha illa emocional, un ser illado na procura dun faro que a guíe no escuro. Cando non atopa esa luz séntese perdida, chea de baleiro e de medo á soidade. É na relación con Vicente onde Mariña se aferra como única táboa de salvación. Pero de achegarse excesivamente a el podería acabar por encallar e afundir. É o paradoxo do faro. A creba dun naufraxio. O misterio de Ons.
EQUIPO TÉCNICO
Título orixinal: Ons
Ano: 2020
Duración: 87 minutos
Idioma orixinal: Galego
Dirección: Alfonso Zarauza
Guión: Jaione Camborda, Alfonso Zarauza
Elenco: Melania Cruz, Antonio Durán,
Xulio Abonjo, Anaël Snoek, Marta Lado
Montaxe: Fernando Alfonsín
Dirección de arte: Elia Robles Castrillo
Vestiario: Saturna
Son: Sérgio Silva, David Machado, Elba
Fernández, Xavi Font
Música: Elba Fernandez, Xavier Font
Fotografía: Alberte Branco
Produtora: Maruxiña Film Company,
Bando à Parte
Distribuidora: BTeam
A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO POR MOTIVOS DE CONTROL DE AFOROS E OUTRAS MEDIDAS SANITARIAS, HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO BEN DIRECTAMENTE NA CASA DA CULTURA DE VILALBA.
por martinho | Abr 23, 2021 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
BASES
Primeira.
Poderán participar todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade…
Segunda.
Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.000 euros. Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables segundo a lexislación vixente.
Terceira.
A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, que se reserva os dereitos de edición da obra premiada nos 1.500 primeiros exemplares. Entregaránselle ao/á gañador/a 30 exemplares.
Cuarta.
A obra terá unha extensión libre e presentarase encadernada, por cuadriplicado, en papel impreso polas dúas caras, tamaño DIN A4. Presentarase baixo o sistema de plica, polo que se enviará cun sobre á parte; no exterior do sobre figurará só o lema e no interior incluirase o título da obra, o lema, unha copia do NIF do/a autor/a, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico.
Quinta.
O prazo de presentación de orixinais comezará o 23 de abril de 2021, Día Internacional do Libro e prolongarase até o día 12 de xullo de 2021 (cuarto cabodano de Agustín Fernández Paz).
Sexta.
O xurado estará formado por tres persoas de recoñecido prestixio cultural. Emitirá o ditame, que será inapelable, na última semana do mes de outubro de 2021. O xurado poderá declarar o premio deserto.
Sétima.
A entrega do premio terá lugar nun acto do que se dará conta oportunamente.
Oitava.
Os orixinais remitiranse a:
V Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade
INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS
Praza de Suso Gayoso, 1 (Casa da Cultura)
Apartado de Correos , nº 39
27800 Vilalba (Lugo)
Novena.
Os orixinais non premiados poderán recollelos os/as respectivos/as autores/as no local do Instituto de Estudos Chairegos (Casa da Cultura de Vilalba) durante un período máximo dun mes despois do ditame do premio. Os que non se recollan nese prazo serán destruídos.
Décima.
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.
Descargar Díptico e Bases
por martinho | Abr 21, 2021 | Autores/as, Creación, Novas, Xeral
O Galician Film Forum e IberoDocs estrean ‘Os corpos’ de Eloy Domínguez Serén en Escocia
- A curta forma parte da sección ‘A Spiritual Journey’, centrada no audiovisual lusófono
- ‘Os corpos estará dispoñible durante 48 horas a partir do xoves 22 de abril nos territorios de Reino Unido e Irlanda
O Galician Film Forum (GFF) de Londres colabora este ano na oitava edición de IberoDocs, o Ibero-American Documentary Film Festival de Edimburgo. Froito desta sinerxia, o veterano encontro audiovisual e o GFF estrean en Escocia a curtametraxe documental ‘Os corpos’ de Eloy Domínguez Serén. A proxección, que será en liña, terá lugar este xoves, 22 de abril, dentro da sección ‘A Spiritual Journey’.
Este apartado aglutina outras tres curtas alén da devandita ‘Os corpos’: ‘O que se não vê’ de Paulo Abreu, ‘Misericórdia’ de Xavier Marrades Orga e ‘Os mortos’ de Gonçalo Robalo. En palabras dos responsables de IberoDocs, ‘A Spiritual Journey’ é un convite para viaxar pola lusofonía e gozar “dunha experiencia cinematográfica, sensorial, espiritual e doutro mundo que vai máis aló da nosa realidade física, na procura do que non se ve e que se está a perder na era da dixitalización”.
Como complemento á proxección, a partir das 19:20 horas (horario do Reino Unido), haberá un coloquio cos directores das curtas que estará coordinado polo programador Mon Rivas e que se retransmitirá en aberto pola canle de YouTube e pola páxina de Facebook de IberoDocs.
Por mor da pandemia, o IberoDocs deste ano estase a celebrar integramente en liña e os seus contidos só serán accesibles dentro do Reino Unido e Irlanda. O festival comezou a súa programación o pasado 19 de abril e vaina prolongar ata o 2 de maio. Toda a información sobre o programa de IberoDocs así como sobre a merca de entradas atópase na web www.iberodocs.org.
De Ourense ao mundo
‘Os corpos’ é unha vibrante curta sobre o entroido de Ourense rodada a finais de febreiro do 2020, dez días antes do primeiro caso confirmado de Covid-19 en Galicia. Con esta estrea escocesa, ‘Os corpos’ engade unha nova parada ao seu percorrido internacional. A curta de Eloy Domínguez xa pasou por Holanda (IDFA), Francia (Clermont-Ferrand), Arxentina (Bafici), Corea do Sur (Jenjou IFF), Estados Unidos (True / False), Suecia (Tempo) e mais varios festivais de España (Huesca IFF, D’A Film e FIC Xixón).
Eloy Domínguez Serén naceu en Simes (Pontevedra) no ano 1985 e estudou en Salamanca, Milán e Barcelona. Na súa filmografía figuran Pettring, I den nya himlen (No novo céio), Jet Lag, Ingen ko på isen (No cow on the ice), Den gula tegelvägen (Yellow brick road), Hamada e Distancia de seguridade. Na actualidade prepara a curtametraxe Rompente.
Sección ‘A Spiritual Journey’
https://www.iberodocs.org/a-spiritual-journey
Entradas IberoDOCS
https://www.indyondemand.com/bundle/iberodocs-pass-uk-and-ireland/
por martinho | Abr 20, 2021 | Autores/as, Creación, Literaria, Parladoiro Con..., Xeral
A cultura en si mesma é aprendizaxe, crítica, o malo disto é que para sermos críticxs co que nos rodea temos que facer aquilo do “Sapere aude”, aprender a pensar por nós mesmxs e iso carrexa grandes doses de responsabilidade, esforzos e mesmo frustracións que hai que aprender a xestionar.
1. Se tiveses que escoller algún adxectivo co que definirte, ¿cal non utilizarías nunca?
Aburrida, convencional
2. Navegas polo eido do microrrelato con certa fluidez, aínda que tamén percorres os sendeiros da poesía. Cal aviva máis a túa paixón creadora e creativa?
Hai días que navegho e outros que me deixo ir á deriva. Hahahaha
Din por aí que non se debe escribir coas vísceras, que hai que ser reflexiva, que ten que pasar a quentura e asentar o proceso e as ideas. O meu impulso primixenio sempre é visceral. Ás veces, acontece que tanto poesía como narrativa ou microrrelato van estruturados, nacen cun fin, cunha liña argumental clara; outras veces, sen máis, unha comeza a escribir e déixase levar. Non deixa de sorprenderme este proceso, porque cando rematas, a maior parte das veces non é tal e como o pensaras nun primeiro momento, o fío argumental muda como mudan os días, os sentimentos e a propia vida.
3. Democratizar a cultura ou popularizar a mediocridade? Se cadra é unha obviedade, mais agradecería a túa reflexión sobre esta dicotomía que vai in crescendo.
A mediocridade é aburrida, e eu non son unha persoa aburrida e moito menos á que lle guste aburrirse. Encántame a xenialidade, o sorprendente, e iso ten que ser a cultura, algo que nos sorprenda día a día. Algo que descubrir e que nos descubra a nós mesmxs —que nos faga reflexionar, unha vez, dúas ou unha vida enteira—. Se popularizamos a mediocridade cando imos decatarnos de que estamos ante unha grande obra de arte?
A cultura en si mesma é aprendizaxe, crítica, o malo disto é que para sermos críticxs co que nos rodea temos que facer aquilo do “Sapere aude”, aprender a pensar por nós mesmxs e iso carrexa grandes doses de responsabilidade, esforzos e mesmo frustracións que hai que aprender a xestionar.
Ao longo da pandemia vimos que a cultura foi a responsable de facer que nos arrepuxésemos ante o encerro, músicos agasallándonos coa súa arte, escritorxs lendo a súa obra online, pintorxs con titoriais,… de súpeto, todas aquelas materias que a moitxs lle pareceran banais no instituto cobraban sentido, collían forza e unha vez que puidemos saír á rúa e concentrarnos en buses e metros, en terrazas, praias,… a apertura dunhas cousas, significou o peche sen sentido de salas de exposicións, de teatros, de salas de concertos, cines,… inda que reducisen capacidade, inda que levásemos máscara. Foi tirar pola borda o terreo conquistado nese mes, neses dous meses.
4. Que supón para ti a consecución dun galardón literario?
O respaldo de sentir que non popularizas a mediocridade. O pulo de saber que o que fas serve para algo máis que para gardar nun caixón.
5. Como lecturas, ¿que clase de literatura te apaixona máis? E por que?
Nunca escollín. Leo teatro, poesía, ensaio, narrativa, novela, contos infantís,… Porque preciso de todas esas lecturas para vivir.
6. Saltando esa tópica expresión de “escribir desde nenxs”, ¿que buscas co proceso da escritura literaria?
O proceso da escritura literaria é tan fermoso que cun simple lapis e unhas cantas follas en branco permíteche viaxar por todos os mundos posibles, ser todo o que se desexa, vivir outras vidas, noutras peles e, sobre todo, esconxurar os males. Así foi como naceu en min, ata os dezaseis fun unha persoa tímida de xeito infinito e os males esconxurábanse por escrito, o meu carácter mudou en parte, pero o vicio da escrita segue sendo irrenunciable.
7. Cres que a lingua galega está en perigo de extinción?
Se seguimos vilipendiándoa, seguro. Decote, as cousas en perigo de extinción cóidanse con maior mimo, como cousas sacras que cómpre salvagardar, e isto non está pasando. O galego non é só unha lingua, é unha cultura, un sentimento, unha terra, unha historia, dándolle as costas dámonos as costas a nós mesmos.
Teño que recoñecelo, agora que estamos aquí, a peito aberto; hai algo en min que se retorce cando vexo a avoas que toda a vida falaron galego, que criaron xs fillxs en galego que agora lle falan xs netxs en castelán, e… nese castelán que nunca antes pronunciaron porque se lles falan a lingua nai séntense de menos. Que problema tivemos nunca xs galegxs en expresarnos nunha lingua, a nosa, e noutras? Fomos carne de emigración, fomos país de acollida, capital cultural, lingua rexia e lingua do pobo. Hai algo do que avergoñarse?
E por riba temos unha lingua tan rica, con tantos matices, con tantas verbas para designar o mundo que non se poden traducir a outras linguas, que sería unha mágoa deixala morrer cando podemos vela florear e gozala en todo o seu esplendor.
8. Se temos que combater con maior contundencia o machismo, ¿por que aínda boa parte das institucións culturais da Galiza seguen estando comandadas por homes? Será por causa do persistente paternalismo cultural?
Esa é unha pregunta interesante. Será que hai moito “non machista” da boca para fóra? O paternalismo non é só cultural, é social, permeable dende arriba a abaixo.
Algunha vez contastes cantas mulleres e cantos homes forman parte do pleno da RAG? A cantos homes e a cantas mulleres se lle ten dedicado o día das Letras Galegas? Hai homes cunha soa obra escrita moi ben considerados dentro da literatura galega, e hai mulleres con mancheas de obra publicada das que hai quen non oíu falar nunca.
A erradicación do machismo ten que ser un feito a todos os niveis, e para iso fai falla valorar a toda a poboación non polo seu sexo senón polas súas capacidades, estamos dispostxs? Para iso fan falla grandes doses de responsabilidade, actitude crítica e mente aberta.
9. Por que, de modo xeral, non se pode vivir do oficio de ser escritora? Que falla para que a arte, nos seus distintos formatos, non sexa o suficientemente valorada polo público receptor da mesma?
A xente adoita pensar que escribir escribe calquera, que os libros son caros, que non merece a pena ler,… por iso nunca viviremos da escrita.
Vouche contar a miña historia. A miña carreira en Filosofía saíume do lombo toda ela, non sendo o primeiro ano. Fixen tortas, biscoitos, madalenas a compañeiras e compañeiros, fixen broches, toucados, acuarelas e dei clases particulares para poder pagala, ata escribín discursos de voda. Curiosamente, houbo xente do meu entorno que coidaba que podía pedir estas cousas de balde polo mero feito de estar dentro do circulo de amizades, ou porque simplemente “iso a ti non che custa nada”. Por que non se valora o traballo que provén das artes, das habilidades, da escrita? A min non se me ocorre ir onda a miña amiga óptica, a dentista, a enfermeira e dicirlle que fagan o seu traballo de balde.
Que fai que a entrada a un museo, un libro, un CD, un concerto nos pareza caro, pero non a visita ao dentista, á perruquería, a un restaurante? Quen non valora o traballo dunhas e doutros por igual debería facer que llelo mirasen.
10. Quedaron moitas preguntas no tinteiro; daquela, formula ti mesma unha e respóndea
En que lugares te perderías?
No Arquivo secreto do Vaticano, na Biblioteca de Coimbra ou na Biblioteca do Trinity College. En calquera enclave natural galego, nos seus pobos, nas súas cidades, nas súas aldeas. Pero teño que confesar que hai un lugar ao que sempre volvo, no que adoro perderme, Florencia.