A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu festexará os seus vinte anos en activo cunha serie de concertos en formato acústico sen amplificación que se celebrarán en Vigo, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela. Así foi anunciado esta mañá nunha rolda de prensa na cidade olívica que contou coa presenza de Abel Caballero, alcalde de Vigo, Rodrigo Romaní, director de SonDeSeu, e Xaquín Xesteira, mestre da sección de percusión. Esta celebración dun dos proxectos musicais máis senlleiros do país é posible grazas á colaboración dos concellos das cidades que acollerán a xira.
Na súa intervención o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou a SonDeSeu no nome da cidadanía “por este traballo tan excepcional, de música de magnífica calidade”, á vez que definiu a cidade como “unha gran fábrica de música”. Pola súa banda, Rodrigo Romaní puxo en valor a traxectoria dun “proxecto pioneiro en Galicia que é tamén un referente para outras orquestras folk en Europa”. Finalmente, e en relación ao concerto inaugural que abrirá esta xira, Xaquín Xesteira subliñou as singularidades acústicas do evento e lembrou que será “unha oportunidade única para repasar os mellores éxitos de SonDeSeu como non soaron nunca antes”.
O primeiro dos catro concertos previstos vaise celebrar en Vigo, sede de SonDeSeu, o vindeiro sábado 12 de maio no Teatro Afundación. O seguinte espectáculo será o 21 de maio, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Xa no mes de xuño, SonDeSeu actuará no Teatro Colón (3 de xuño) da Coruña e no Auditorio de Galicia (18 de xuño) de Santiago de Compostela. As entradas para poder gozar destes directos están á venda na web www.ataquilla.com.
Tradición cargada de futuro
SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.
Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.
SonDeSeuA Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un tramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.
A suma da creatividade colectiva e a posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializáronse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk e eventos singulares como o ‘Libro branco da educación en música tradicional’, ‘O canto das Illas’, ‘Arraianos’ ou a Rede Europea de Orquestras Folk ENFO. Estas iniciativas sitúan SonDeSeu como un referente da música galega tanto no país coma noutros puntos da penínsulae de Europa.
O venres 6 de maio, ás 20:00, na Casa da Cultura de Vilalba o IESCHA organiza a celebración dunha conferencia de Miro Villar sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022.
En dito acto, ademais do mencionado Miro Villar, tamén participará Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
Acabei de ler Carrusel de Berta Dávila pouco antes do comezo da pandemia, desexando mergullarme en máis libros da autora. No transcurso destes anos raros, por un motivo ou por outro, ou quizais porque a vida, tristemente, non chega para tantas lecturas, detiven ese anhelo. Até hai unha semana. E compenseino, ou iso quixen crer, mercando a un tempo Os seres queridos e Un elefante na sala de estar. Hoxe quero centrarme no primeiro.
Nuns días seguramente recibirei, coma boa parte das mulleres que temos fillxs, algunha mensaxe edulcorada felicitándome por ser nai, igual que me poderían felicitar por ter os ollos castaños ou por durmir boca abaixo. Nalgúns casos, gardarei silencio, noutros, intentando non resultar moi arisca, direi que non teño nada que celebrar. Sentireime, novamente, unha rara avis. Ou, quizais desta volta, non tanto, xa que o pouso deste libro acompaña, dalgunha maneira, ás disidentes.
Gústame que as novelas teñan a ousadía de abrir fiestras sobre tabiques moi ben cimentados, que amosen as fendas por onde se filtra a luz. Os seres queridos faino. E faino sen grandes sobresaltos, sen exceso de épica, sen pretender unha gran trama, mais reclamando o dereito a contar desde o outro lado, nomeando o que se oculta, a través da voz da súa protagonista. A crianza, a separación, a vida en parella, o aborto, os vínculos familiares ou as amizades son algúns dos elementos sobre os que se constrúe un relato verosímil, valente e cargado de afectos.
“Nunca experimentei o amor maternal porque non quero o meu fillo polo feito de ser súa nai, senón por quen é el; porque non me pertence, pertence ao mundo; porque non o instrúo nin o dirixo, apenas o acompaño, como el me acompaña a min. Levoume moito tempo descubrir que o vínculo entre o neno e eu non era necesariamente un imán ou unha maxia, aínda que pareza ser así para outras nais e, en concreto, para a maioría das nais da ficción. A descuberta foi reveladora: se o vínculo non era hipnótico e instantáneo, daquela podía, igual que fixera con calquera das outras persoas que amaba, construír o amor maternal, coma quen constrúe un tecido de punto e lle dá forma á súa primeira bufanda”.
A faixa branca do libro pon en letras maiúsculas XXXVIII PREMIO XERAIS DE NOVELA. Unha vez que a quitas a elegancia do espido supera calquera recoñecemento máis que merecido.
Xurxo Souto vén celebrar connosco os seus 20 anos de literatura. Xa o fixo en Lisboa, Lugo, O Barqueiro, na Coruña… e este sábado, día 30 de abril, ás 20 horas, faráo en Outeiro de Rei, na casa natal do seu amigo e “mestre”, Manuel María. Xurxo vén celebrar as persoas e lugares marabillosos que foron aparecendo na súa vida a través da música e os libros. E vaino facer coa forza da súa poderosa palabra e na compaña de Richi Casás, director do Pardiñazo (XL aniversario do festival de Pardiñas) co que fará algunha cantarea cos sons do saxofone e do acordeón. Entrada libre. Reservas en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621
Mondoñedo é poesía chega á súa 8ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) os amantes do verso dito, recitado, cantado, musicado ou visual.
Esta actividade enmárcase, como sempre foi, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se veñen celebrando en Mondoñedo desde 1541 (hai xa 481 anos).
O cartel oficial desta edición é da autoría de dous creativos con raíces mindonienses, o fotógrafo Ignacio Castro “Nachok”, e o deseñador Diego Núñez.
RECITAL Nova Poesía
17:00h. Praza Jaime Cabot (Alcántara)
Adrián A. Vázquez Rodríguez (1º Premio Díaz Jácome 2021), Adrián Maceda Fernández (2º Premio Díaz Jácome 2021) e Branca Trigo Cabaleiro (3º Premio Díaz Jácome 2021).
I RECITAL Poesía Infantil
Alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro
Organiza: Asociación Tanque de Zinc. Colabora: ANPA Chinchaollo.
Presenta: Ton Arenas
RECITAL no AUDITORIO ‘PASCUAL VEIGA’
18:00h.
Recitan:
Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, Galicia, 1958). Poeta, dramaturgo e editor. Premio Nacional da Crítica Española 1985 e 2005.
Olga Novo (Vilarmao, Pobra de Brollón, Galicia, 1975). Poeta, ensaísta e profesora. Premio Nacional de Poesía 2020.
Xuan Bello (Paniceiros, Tineo, Asturias, 1965). Poeta, narrador, tradutor e ensaísta. Premio Nacional de Literatura Asturiana 2017.
Música: Gelria. Grupo galego-catalán fundado en 2014.
Formación para este concerto: Rubén Fernández (voz), Federico Mosquera (piano), Mario G. Cortizo (percusión) e Pablo Pérez(contrabaixo).
***
Organizadores: Asociación As San Lucas, Colectivo Mondoñedo É … e Asociación Tanque de Zinc.
Colaboran: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Mondoñedo e ANPA Chinchaollo.
Cando era meniña, en canto fun quen de xuntar catro sílabas, o meu avó que sabía dos libros só aquilo que lle amosaran nos seus poucos días de escola, decidiu que todos os domingos serían 23 de abril. Había quen agardaba sempre a que fose a data do aniversario, Nadal ou reis para recibir un agasallo especial. Eu tiven a sorte de que aquel primeiro ano no que aprendín a ler, os domingos fosen os meus días favoritos da semana. Os venres, ao vir da escola, comezaba a medrar en min un furado famento non sei se na lingua, no bandullo ou no cerebro. Os sábados á anoitecida, o avó sentábame nos seus xeonllos e bisbábame no oído “mañá é o noso día” e xuntaba durante todo o mes aquelas pesetas para ir ao barbeiro, mercar unha rosca na praza e entrar naquela libraría que aínda abre as súas portas preto da igrexa de San Martiño, en Noia. A editorial daqueles primeiros tempos era Susaeta, cada libro ten aínda riscado en lápis o prezo, 375 pesetas. Aquelas primeiras caladas de lignina fixeron de min unha adicta sen precedentes, os libros foron espaciándose no tempo pero o mono tiraba de min, á pregunta: que che apetece para tal data? Eu sempre tiña na resposta un libro. E chegou Gloria Fuertes da man da avoa, O Barco de Vapor, un libro sobre as grandes exploracións e Shakespeare nunha edición deliciosa dunha libraría de vello. O único bo que tivo facer a comunión foi aquel diccionario enciclopédico unitomo e inmenso de Planeta de Agostini que me agasallaran. Moitas tardes de verán despois da praia teño mergullado de novo entre o salitre da pel e o remanso das súas páxinas. Sabes avó, hoxe aprendín doce palabras novas. E el sorría fachendoso. Sabíame présa dun vicio que el mesmo alimentara e cada certo tempo subministrábame a dose precisa para seguir enganchada. “Co tempo descubrirás que hai vicios que nos liberan” era o seu xeito de parafrasear a Sócrates, malia que el nunca soubera quen era este filósofo nin o que dixera.
Casualidades da lingua ou non, xa en latín temos unha mesma palabra para definir liberdade e libro -liber- e si, cando comezas a disfrutar da liberdade, a fame da mesma non se sacia nunca, coma esa fame lectora que nos leva de ler a escribir, creando mundos inimaxinables ou simplemente buscando refuxios antiaéreos nos que seguir existindo cando todo rompe, cando o caos o inunda todo.