HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: NOUTRORA

Miguel Díaz, NOUTRORA

E, porén, ocorre o milagre do sorriso.
Medráralle na boca unha recua de espiñas. Noutrora. No seu acento, aquel valado de silvas. Aquel recendo de toxos bravos que lle emanaba das veas. Entre as súas partes fracturadas, flotaba un rumor acedo de tristura. Flotaba. Noutrora.
E, porén, hoxe florea.

Concerto de Samuel Diz, coa colaboración de Faia Díaz, na Casa-Museo Manuel María

O excelente e virtuoso guitarrista, Samuel Diz, está a desenvolver un proxecto audiovisual que leva por título Música inéditas en Casas Literarias. Recentemente gravou na Casa-Museo Manuel María unha escolma de partituras orixinais do compositor, guitarrista e pintor lucense Tino Prados (1924-1981). Entre elas hai dous poemas musicados, “Soio na noite” de Manuel María e “O camiño do monte” de Uxío Novoneyra, para as que contou, na gravación, coa voz de Faia Díaz.

Pois ben, Samuel Diz estará en concerto este sábado, día 28, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María para interpretar este traballo perante o público asistente. Contará tamén coa colaboración de Faia Díaz para cantar os dous poemas anteriormente nomeados.

Para asistirdes á actividade (billete: 5 euros) cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Podedes ver as composicións deste proxecto a través do código QR do cartón publicitario do evento que está após este texto.

IESCHA.- Exposición INSTANTES, con debuxos e fotografías de Carmen Cabaneiro e Delacomba, no Auditorio Municipal de Vilalba

O IESCHA, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a Exposición INSTANTES, con debuxos e fotografías, de CARMEN CABANEIRO e DELACOMBA, que se inaugura o venres 27 de maio de 2022, ás 19:00 horas, na sala de exposicións do AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA. Permanecerá aberta ata o 30 de xuño.

NOTA_INFORMATIVA_INSTANTES

AELG. Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022

Chega unha nova edición dos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022, unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Hai 25 prazas para cada un deles. As inscricións (máximo de 2 roteiros por persoa que se inscriba) poden realizarse no formulario dispoñíbel aquí.

Os roteiros son os seguintes:

– Vigo. 29 de maio. Ana Abad de LarrivaRoteiro polo Vigo teatral a través do tempo. De 11:30 a 13:00. Partida: Porta do Sol.

– A Estrada. 5 de xuño. Xoán Carlos Garrido CouceiroManuel García Barros, o escenario da súa pluma insubmisa. De 11:30 a 13:00. Partida: Casa do Concello.

– Bueu. 12 de xuñoMíriam FerradánsDarse en auga. Os versos do azul. De 11:30 a 13:00. Partida: Biblioteca Torrente Ballester.

– Pontevedra. 19 de xuño. Elena Gallego AbadCITA na Pontevedra de tinta e pedra. De 11:30 a 13:00. Partida: Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).

– Cuntis. 26 de xuño. Héitor PicalloO Baño (Cuntis), unha vila de augas e de letras. De 11:30 a 13:00. Partida: Praza das Árbores.

A orquestra folk SonDeSeu regresa a Lugo cun concerto acústico para celebrar o seu vinte aniversario 

A orquestra folk actuará este sábado 21 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 20:30 horas, e na web www.ataquilla.com aínda hai entradas dispoñibles para gozar desta actuación especial de aniversario

SonDeSeu recala este sábado en Lugo cun concerto que se enmarca na xira de celebración do seu vinte aniversario. A orquestra folk, un dos proxectos musicais máis senlleiros do país, actuará este sábado 21 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 20:30 horas, e desta volta vaino facer dun xeito singular: en formato acústico e sen amplificación. Este concerto de SonDeSeu é posible grazas á colaboración do Concello de Lugo e as súas entradas poden adquirirse no espazo web www.ataquilla.com.

A primeira orquestra folk de Galicia regresa á cidade catro anos despois do seu concerto na inauguración das festas de San Froilán 2018. Nesta ocasión faino con a case totalidade dos seus 60 integrantes, entre eles os lucenses José Varela, violinista, e a cantante Carme López, que tamén forma parte de Raiceira e do grupo Os Minhotos, no que toca a gaita.

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.

CONVOCATORIA

Xira XX Aniversario SonDeSeu | Concerto Lugo

Data: 
sábado 21 de maio
Hora: 
20:30
Lugar: 
Auditorio Municipal Gustavo Freire

Solicitude de acreditacións: até ás 14.00 horas do venres 20 vía correo-e a lucia.pita@theofficeco.es ou bea@theofficeco.es

SDS-dossier-XX-Aniversario

O Noia Harp Fest convoca o Premio de Composición Portus Apostoli para arpa e orquestra

A obra gañadora do certame, que contará cun xurado conformado por arpistas e directores de distintas nacionalidades, estrearase no 2023 da man da Real Filharmonía de Galicia

A IX edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrará concertos singulares e dunha notable calidade artística do 3 ao 7 de agosto

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia vén de publicar esta mañá na súa páxina web, www.noiaharpfest.gal, as bases do I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que nace ao abeiro do festival coa intención de promover e ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, en concerto, da man da Real Filharmonía de Galicia o ano que vén. 

A convocatoria do Premio Portus Apostoli, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, está aberta desde hoxe e até o vindeiro 23 de decembro de 2022 a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. 

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Para máis información sobre as bases e o Premio Portus Apostoli, que se fallará antes do 15 de febreiro de 2023, pódese visitar a páxina web oficial do festival, www.noiaharpfest.gal

IX Noia Harp Fest

A novena edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, celebrarase do 3 ao 7 de agosto. No seu cartel conflúen artistas de ámbito galego, estatal e internacional, de estilos diversos mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Artistas e agrupacións como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec formarán parte da nova edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre  -Praza do Tapal- coma no interior de recintos culturais da vila -Igrexa de Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela- de concertos singulares e dunha notable calidade artística.

Noia Harp Fest, que dirixe o arpista Rodrigo Romanía, conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e da distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio do Liceo de Noia e da Asociación Terra de Outes.

20220518-GAL-Premio-Portus-Apostoli