O IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a proxección da película O NOSO ÚLTIMO VERÁN EN ESCOCIA, dentro do CICLO CINE NA RÚA, convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que terá lugar o vindeiro mércores 24 de agosto, ás 21:30 horas, no Parque Rosalía De Castro de Vilalba.
A banda británica de rock alternativo por excelencia actuará en Expourense no marco da xira internacional de presentación do seu último álbum, Never Let Me Go
A cita, o único directo que o grupo ofreza este ano en España fóra dun gran festival,é un dos pratos fortes da programación musical do Xacobeo 21-22 e as entradas
O vindeiro 26 de agosto Ourense acollerá unha das grandes citas musicais do verán en Galicia: a banda de culto británica Placebo fará parada en Galicia no marco da súa xira internacional de presentación do seu último álbum, Never Let Me Go. O directo, que terá lugar en Expourense, será a única cita que a banda de Brian Molko e Stefan Olsdal ofreceza este ano en España fóra do cartel dun gran festival (Mad Cool e BBK Live).
Placebo é unha das bandas de rock alternativo imprescindibles dos últimos 25 anos, con máis de 13 millóns de álbumes vendidos en todo o mundo até o día de hoxe. Autores de himnos que marcaron a toda unha xeración, como Every You Every Me, Special Needs, Song to Say Goodbye, Special K ou Nancy Boy, este verán visitan Galicia para dar a coñecer o seu novo traballo discográfico, Never Let Me Go. Trátase do primeiro LP que publica a troupe logo de case unha década, desde Loud Like Love (2013), e inclúe sinxelos como Beautiful James ou Try Better Next Time, que tamén acumulan millóns de reproducións nas plataformas dixitais.
Placebo actuará contra ás 22.30 horas, mais a apertura de portas en Expourense terá lugar ás 20.00 horas. A partir das 20.30 horas sucederanse os directos das bandas galegas que abrirán a noite: Moito! e Habitación Vudú. As entradas para o evento, un dos pratos fortes da programación musical do Xacobeo 21-22 (www.concertosdoxacobeo.gal), están dispoñibles na plataforma web www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros máis gastos de xestión.
Agardabamos a chegada do mestre, que desde Bolaño, cansado e esgotado pola subida do Bulleiro e a calor que xa comezaba apertar naqueles días de finais de primavera, para, segundo o víamos asomar pola Ferrería, correr cara a el e pedirlle ir beber á fonte do Trabao.
O Trabao estaba a uns trescentos metros. Era unha desculpa perfecta, ir botar uns grolos de auga fresca, para así perder media tarde de aulas. O mestre, amosando certa desconformidade, pero no fondo cedendo de bo grado, dábanos permiso: “Ide logo, pero vide pronto, que hoxe temos que dar a lección das cordilleiras de España”.
Marchabamos, sen présa, perdendo o tempo collendo bolboretas, tomando na man unha xoaniña para logo deixala voar, ou se cadraba un caracol, para cantarlle aquilo de: “caracol, col, col, saca tus cuernos al sol, que tu padre y tu madre ya los sacó”… Así ata chegar ao seu carón. Seis pasos de baixada e alí estaban os tres canos manando auga continuamente, nunca a lembro seca. Sempre bebíamos polo cano que quedaba á nosa esquerda segundo baixabamos; o do medio era o máis groso, pero atestado de mofo que lle colgaba coma se fose un fío de la ( dábanos moito noxo polo que non bebiamos por el); o terceiro apenas botaba auga.
Tras beber aquela fresca e gorentosa auga —aínda hoxe ao lembrar aquel pracenteiro líquido, que ao mesmo tempo nos servía para refrescarnos e quitarnos de enriba a suor, fáiseme a boca auga, nunca mellor dito— regresabamos coa mesma pachorra coa que ía case media hora viñeramos. Aló ía a lección de xeografía e o normal era pasar a algunha actividades das de formación do espírito ou conmemorativas; sempre había algo que conmemorar relativo a algún santo, algunha virxe, algún acontecemento ou exaltación patriótica…
Pero a fonte do Trabao non só era para zafarse das tarefas arduas das tardes calorosas. Todos os días e, máis dunha vez, era mester visitala para traer a sella chea de auga para beber ou algún caldeiro para lavar a louza e, por suposto, para encher o barreño e lavarnos.
Sen contar os momentos, que pasando por diante dela, baixaba botar un grolo. Coma aquel día que vindo da casa de Carreira, no barrio de Tarrío, cunha botella de leite na man, non sei coma fixen que caín de fociños escaleiras abaixo; aló fomos botella e máis eu, producíndome unha ferida, da que aínda conservo a lembranza en forma de corte no brazo esquerdo.
No libro “O silencio do orballo”, adícolle un poema a esta emblemática fonte da vila de Castroverde.
Noia Harp Fest pecha unha novena edición “ateigada de descubrimentos” e na que contou “co apoio total” do público
O director do IX Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Rodrigo Romaní, pon en valor a liña pedagóxica inaugurada este ano, coa celebración do I Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, ou as posibilidades que se abren a nivel europeo para NHF
O festival celebrouse do 3 ao 7 agosto en distintas localizacións de Noia e contou con artistas procedentes de Galicia, Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia bota o pano da súa novena edición, que a dirección cualifica como “exitosa” grazas ao “apoio total” do público, que encheu os espazos nos que se celebrou, e salienta as “novas vías” que se abren para expandir o festival nas vindeiras edicións.
O director do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, sinala que esta edición foi “moi especial” ao estar “ateigada de descubrimentos”, tanto para o público como para a propia organización do evento. Un dos momentos máis especiais foi precisamente a apertura, celebrada no Liceo de Noia, na que participaron máis de 25 estudantes de arpa das escolas de Galicia. “Se ben NHF sempre tivo un interese especial na liña divulgativa, que incorporamos tanto na propia concepción do festival á hora de aproximar o feito artístico e como pola súa programación de clases maxistrais, este ano abrimos unha liña pedagóxica específica e agardamos que o Noia Harp Fest sexa, a partir de agora, o espazo no que se celebre, cada ano, o encontro de todo o alumnado galego do instrumento. E, por que non, abrilo a outros territorios”, apunta Romaní.
Ao fío, o director tamén salienta as posibilidades que se abren para o festival no marco europeo, pois Noia acolleu unha xuntanza específica, grazas ao programa PICE, con representantes doutras citas arpísticas de prestixio, como son o Zagreb Harp Festival de Croacia e o o Arpe del Mondo, de Cerdeña. “Noia Harp Fest formará parte dun proxecto a nivel europeo que consolidará a situación da nosa vila no mapa arpístico internacional”, asevera o director.
Balance da programación
Rodrigo Romaní salienta a notable calidade artística das e dos participantes da IX edición do evento, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. Figuras como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Anna Amigó, Beatriz Martínez, Carmen Bernal, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas,Rafa Fernández Trio, Bleuenn le Friec e Trío Clepsidra, xunto ao alumnado das escolas de arpa de Galicia, formaron parte do cartel deste 2022, no que a veciñanza puido gozar, de xeito gratuíto, de todos os concertos que se celebraron no Liceo de Noia, Praza do Tapal, Teatro Coliseo Noela, Igrexa de Santa María A Nova ou nos xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre. Ademais, Noia Harp Fest colaborou na organización do concerto inaugural do auditorio das Cabaniñas do Bosque de Albeida, en Outes.
“O festival medra cada edición de xeito orgánico para expandirse pola vila e relacionarse non só co seu patrimonio arquitectónico, senón tamén cos espazos de importante valor natural que conforman a nosa contorna e os axentes do territorio. Ao cabo, Noia Harp Fest é moito máis que un festival de arpa: é un lugar de encontro entre público e artistas, un espazo para a música e para o coñecemento, e un elemento clave para o recoñecemento do patrimonio cultural e natural da Ría da Estrela”, sinala Romaní.
Neste sentido, o director artístico do Noia Harp Fest agradece a colaboración das institucións públicas e patrocinadores que fixeron posible esta edición, “quizais a máis ambiciosa até ao día de hoxe, pero sen dúbida a antesala da gran festa de celebración que será a décima edición do NHF o ano que vén”, e lembra que o festival mantén aberta a convocatoria da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia na tempada 2022-2023. O prazo para a presentación de propostas está aberto ao longo deste 2022 a través do web www.noiaharpfest.gal.
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración institucional da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e da iniciativa concertosdoxacobeo.gal, ademais do soporte de Acción Cultural Española a través do programa PICE. Noia Harp Fest (NHF) conta tamén coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e a distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio tanto do Liceo de Noia coma da Asociación Terra de Outes.