A Asociación Galega de Empresas Musicais organiza a primeira edición dos galardóns, que buscan visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego, cun total de 17 categorías premiadas
A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do xoves, 27 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia
Os primeiros Premios da Industria Musical de Galicia son xa unha realidade da man da Asociación Galega de Empresas Musicais, AGEM. Artista do ano, deseño de iluminación, sustentabilidade, excelencia na experiencia do público e ata un total de 17 categorías serán recoñecidas nesta primeira –e pioneira– edición dos galardóns, que buscan visibilizar traxectorias e proxectos comprometidos do sector musical galego e cuxa posta de largo terá lugar nunha gala sectorial, o xoves 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. A iniciativa, promovida por AGEM ao abeiro do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña.
SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. Esta primeira edición dos premios pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego.
En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.
Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.
A noite do xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, celebrarase un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns desta primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.
Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural será o encargado de propoñer e outorgar os premios nas diferentes categorías. A súa misión será destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega. Moi pronto daranse a coñecer as persoas integrantes do xurado nesta primeira edición dos premios.
Os I Premios da Industria Musical de Galicia impulsados por AGEM premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, haberá un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións abriranse nas vindeiras semanas a través das redes sociais e da web de AGEM.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.
UNHA VIAXE DE MEMORIA DEMOCRÁTICA DESDE O FÚTBOL AO ESCENARIO
Interpretado por Javier Castiñeira e dirixido por Santiago Cortegoso, con dramaturxia de Ernesto Is, Brazaletes recupera a memoria de futbolistas que converteron o balón nun acto de resistencia.
A compañía galega Amorodio Teatro presenta a súa cuarta produción tras Reino da extinción, A nai e Cortello de amor.
A peza vivirá unha residencia técnica en Vimianzo do 13 ao 17 de outubro e abrirase ao público cunha preestrea o día 17 coa presenza de Sergio Manzanera.
O 28 de setembro de 1975, nos Campos de Deporte de El Sardinero, o Racing de Santander enfrontábase ao Elche nunha tarde que semellaba rutineira. Porén, algo alterou o silencio da grada: Aitor Agirre e Sergio Manzanera, dous xogadores locais, portaban discretos cordóns negros nas súas mangas a modo de brazaletes. Foi un xesto sinxelo pero valente, un desafío á ditadura e unha protesta polos derradeiros fusilamentos do franquismo.
Cincuenta anos despois, Amorodio Teatro rescata esa acción simbólica con Brazaletes, unha peza de teatro documento e memoria democrática que converte o fútbol en escenario de resistencia. Neste monólogo, Javier Castiñeira, actor e cofundador da compañía, asume en solitario a tarefa de dar vida a figuras históricas que usaron o balón para defender a liberdade: desde Bebel García, capitán do Deportivo da Coruña fusilado en 1936, até Sócrates, estrela do Corinthians que se enfrontou á ditadura militar brasileira.
O resultado é un monólogo de 70 minutos onde a interpretación de Castiñeira é o eixo central. A súa presenza escénica guía o espectador a través de diferentes épocas e xeografías, cun texto escrito por Ernesto Is e baixo a dirección de Santiago Cortegoso. Máis alá do recordo, a peza cuestiona de maneira directa as políticas machistas, corruptas e violentamente capitalistas que rodean ao chamado “deporte rei”, subliñando que o fútbol, como calquera expresión cultural, tamén pode ser un espazo de disidencia.
“Queremos lembrar que mesmo no terreo de xogo cabe a dignidade e a resistencia. Que o xesto máis pequeno pode converterse en memoria colectiva”, explica Carmen Facorro, produtora e cofundadora de Amorodio Teatro. Pola súa parte, Castiñeira engade: “esta obra é unha homenaxe a quen se atreveu a saírse do guión. O noso deber como artistas é traer esas voces ao presente e poñelas fronte ao público”.
A estrea de Brazaletes chega nun momento clave da traxectoria de Amorodio Teatro, compañía fundada en 2021 por Facorro e Castiñeira. Tras o seu debut con Reino da extinción, a agrupación consolidouse con A nai —galardoada co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade e nomeada a Mellor Texto Orixinal nos Premios María Casares 2024— e explorou novas linguaxes con Cortello de amor. Agora, con esta cuarta produción, regresan ao teatro documento, reafirmando a súa vocación crítica e o seu compromiso coa memoria.
Fiel ao seu compromiso co territorio e coa creación desde Galicia, Amorodio afronta agora con Brazaletes unha residencia técnica en Vimianzo, do 13 ao 17 de outubro, que non será só o espazo de ensaio último, senón tamén un punto de encontro entre a obra e a comunidade. Alí terá lugar a preestrea para público xeral o día 17, que contará coa presenza de Sergio Manzanera, protagonista do xesto que inspira a peza.
Cincuenta anos despois daquel partido en Santander, Brazaletes lembra que a historia se escribe tamén desde os xestos mínimos, os corpos en resistencia e a voz da arte. Como aqueles cordóns negros que desafiaron á ditadura, o teatro de Amorodio reafirma desde Galicia que a memoria segue latexando nos escenarios e que a dignidade nunca debería quedar en fóra de xogo.
Ficha técnica
Actor: Javier Castiñeira
Dirección: Santiago Cortegoso
Dramaturxia: Ernesto Is
Iluminación: Violeta Martínez
Movemento escénico: Inés Santos
Espazo sonoro: VAZONE
Vestiario: Carmen Facorro
Produción: Carmen Facorro
Compañía: Amorodio Teatro
Información práctica
Duración: 70 minutos Residencia técnica: do 13 ao 17 de outubro en Vimianzo Preestrea: 17 de outubro, Vimianzo (coa presenza de Sergio Manzanera)
Amorodio Teatro nace en 2021 da man de Carmen Facorro e Javier Castiñeira, dous artistas que entenden o escenario como un espazo de resistencia e memoria. O seu nome reflicte a contradición entre o amor e o odio cara á propia terra, unha tensión que se converte en motor creativo e compromiso con Galicia. Desde os seus inicios, a compañía apostou por un teatro crítico e documental, sempre en diálogo coas problemáticas sociais e políticas contemporáneas.
A súa traxectoria inclúe títulos como Reino da extinción (2021), debut co que abriron camiño na escena galega; A nai (2023), dirixida por Marián Bañobre e recoñecida co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade e a nomeamento a Mellor Texto Orixinal nos Premios María Casares 2024; e Cortello de amor (2024), unha peza que achegou a comedia e a música a novos públicos. Con Brazaletes (2025), a compañía regresa ao teatro documento, consolidando unha linguaxe escénica propia que combina rigor, emoción e memoria democrática.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe de ficción HONEYMOON, dirixida por Enrique Otero, continuando así co CICLO MESTRE MATEO-2025que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta OITAVA proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o mércores 15 de outubro de 2025, ás 20:30 horas.
A entrada será de balde apero haberá que facer reserva de localidade na web www.entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura de Vilalba.
MARIÁN, cantante e compositora da escena musical emerxente galega, enfrentando a recta final de publicación do seu álbume debut, segue sorprendendo co lanzamento de ‘Portarse bien’, unha canción moi orixinal onde a autora trata temas íntimos en relación á súa vivencia co cancro, con esa enerxía salvaxe e indomable que a caracteriza. Está dispoñible dende hoxe luns 6 de outubro en tódalas plataformas dixitais.
Se pensábamos que a artista outense xa non nos podía sorprender estábamos claramente equivocados. Este lanzamento proponse coma unha auténtica viaxe de superación que MARIÁN retrata á perfección recollendo sutil e simbólicamente a súa vivencia co cancro, unha experiencia de supervivencia que lle tocou enfrontar con tan só dezaoito anos e que nos axuda a entender máis en profundidade a súa visión vital e sen dúbida a súa música.
Escrita tamén en castelán coma Alas, trátase dun tema moi madurado, inicialmente composto en inglés arredor de 2014, que ve agora a luz deixando patente de novo o eclecticismo de MARIÁN como creadora. Na canción, a mestura de paisaxes sonoras nas que os estilos se fusionan libremente (con sons reais coma inclusive os dun culto cristiá) forman unha amalgama de sensacións que nos abren unha ventá directa á historia desta adolescente que tivo que agarrarse con forza a un soño para confiar na posibilidade dun futuro e sobrevivir.
Conta coma sempre coa infalible producción musical de Iago Pico, gravado enteiramente en Pouland Studios.
‘Portarse bien’ é un convite irrevocable ao cambio, un empurrón a un renacemento forzoso, unha lembranza da fereza interna que temos dispoñible cando todo se xoga a vida ou morte.
Na imaxe podemos ver a Marián no seu ingreso en 2012Na imaxe podemos ver o deseño da portada do single bordado sobre un pixama hospitalario
UN NOVO CAPÍTULO
Despois de anos de profunda adicación e mimo, MARIÁN está a piques de lanzar o seu primeiro traballo discográfico, que se publica oficialmente este xaneiro 2026, un álbume que ten como eixo conceptual a liberación da muller salvaxe, no que a compositora e cantautora galega busca explorar temas de transformación persoal, ofrecendo unha viaxe catártica e profundamente conmovedora. Ademáis, este novo disco contará ca participación de recoñecidas artistas galegas coma Guadi Galego.
Orixinaria de Outes e residente en Santiago de Compostela, MARIÁN foi recoñecida actualmente como finalista dos premios Narf da música da Deputación da Coruña que se desputarán o vindeiro dous de novembro no Salón Teatro, e participou na última edición da aceleradora de proxectos musicais “Son Emerxente”, respaldada pola AGADIC e executada pola Fundación Paideia, entre outros logros recentes.
Este lanzamento supón un novo e ilusionante paso nesta prometedora carreira artística da que aínda está todo por contar.
‘Portarse bien’ está dispoñible en Spotify, Apple Music, Youtube Music, Amazon Music, Deezer e Tidal → https://ditto.fm/portarse-bien
Para máis información sobre MARIÁN e o lanzamento de ‘Portarse bien’, visita as súas redes sociais en Instagram, Facebook e TikTok.
A Rúa dos Contos desta 34ª edición do FIOT continúa a súa andanza este xoves, 2 de outubro, no Casino 1889 a noite deste xoves, 2 de outubro, ás 21.00 horas, co monólogo das narradoras galegas Atenea García e Vero Rilo Bailen as vellas. Os contos das cereixas, un espectáculo accesible en lingua de signos
Chegar e encher, de Bea Campos, e Zorras, da Cía. La Creída, son as outras dúas propostas que encherán de risas a Rúa dos Contos esta fin de semana
Xa o venres, 3 de outubro, un dos cómicos máis queridos polo público do FIOT, Xosé A. Touriñán, regresará ás táboas de Carballo co seu monólogo Aquí tou!, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura, ás 21.00h, trala cancelación por causas de forza maior da estrea de Territorio Regueifa, de Ainé Producións
Tamén o venres, 3 de outubro, ás 19.30 horas, na Praza do Concello, Pistacatro animará o Teatro de Rúa do FIOT coa súa última creación, Sen patrón, a golpe de malabares, xogos imposibles e moito humor para todos os públicos
Finalmente, o domingo, 5 de outubro, contra ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, o OTNI presentará a súa primeira proposta para este 2025:Compaña, de Xampatito Pato, unha pequena xoia que fusiona circo coa arte das marionetas e o teatro de obxecto nunha fermosa viaxe onírica
Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz
As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función
Pistacatro, Touriñán e Xampatito Pato, entre outros, protagonizan a segunda semana do Festival Internacional Outono de Teatro, que ofrecerá, de xoves a domingo, seis novas propostas escénicas. A Rúa dos Contos desta 34ª edición do FIOT continúa a súa andanza este xoves, 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Casino 1889, co monólogo das narradoras orais galegas Atenea García e Vero Rilo Bailen as vellas. Os contos das cereixas, un espectáculo accesible en lingua de signos. Chegar e encher, de Bea Campos, e Zorras, da Cía. La Creída, son as outras dúas propostas que encherán de risas a Rúa dos Contos esta fin de semana, no Valle Inclán Café o venres, e no Mercado Municipal o sábado, respectivamente.
Xa o venres, 3 de outubro, un dos cómicos máis queridos polo público do FIOT, Xosé A. Touriñán, regresará ás táboas de Carballo co seu monólogo Aquí tou!, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura, ás 21.00h, trala cancelación por causas de forza maior da estrea de Territorio Regueifa, de Ainé Producións.
Tamén o venres, 3 de outubro, ás 19.30 horas, na Praza do Concello, Pistacatro animará o Teatro de Rúa do FIOT coa súa última creación, Sen patrón, a golpe de malabares, xogos imposibles e moito humor para todos os públicos. Finalmente, o domingo, 5 de outubro, contra ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, o OTNI presentará a súa primeira proposta para este 2025: Compaña, de Xampatito Pato, unha pequena xoia que fusiona circo coa arte das marionetas e o teatro de obxecto nunha fermosa viaxe onírica.
Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz. As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.
SOBRE OS ESEPCTÁCULOS DESTA SEGUNDA SEMANA DO #FIOT34
Hai contos que se resisten, coma as cereixas, que veñen da man, un detrás do outro, e saben a memoria viva. Botas os contos á boca, rir, emocionar, lembrar e resistir con retranca, poesía e música. Un lugar onde a tradición non é pasado, senón presente que latexa. As narradoras Atenea García e Vero Rilo chegan coas falas das que non calaron, das que bailaron, cantaron e fixeron da vida un conto en galego. Coa pandeireta na man, neste ano no que conmemoramos a ás cantareiras e a todo o legado da transmisión oral da man de mulleres traen á escena un espectáculo para poñer a palabra no centro, o idioma na boca e as mulleres na voz. Este espectáculo é accesible en lingua de signos grazas ao equipo mixto formado por Gema Santos (intérprete) e Ruth Lovera (asesora lingüística xorda).
No mundo dos malabares, todo segue un patrón, unha orde, un ciclo perfecto que garante que as bólas non caian, que as mazas tracen o seu camiño no aire e que os diábolos xiren sen fin. Pero, que pasa cando tres malabaristas queren levar a batuta ao mesmo tempo? Aquí non hai quen mande, só mans que compiten e obxectos que voan por riba das súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante. Tres cómicos que viven a vida como os malabares que controlan, facendo patróns, ciclos que se repiten ata complicarse sen sentido. Entre xogos de poder, equilibrios imposibles e moito humor, descubrirán que a verdadeira maxia non está en quen manda, senón en aprender a xogar xuntos. Pistacatro é unha compañía e produtora de circo referente en Galicia con vinte anos de traxectoria. Agrupa a numerosos artistas e é pioneira na creación, distribución e profesionalización das artes circenses en e desde Galicia, liderando a promoción do circo contemporáneo. Esta é a súa última obra.
Aquí tou!
VENRES 3 DE OUTUBRO, 21.00H I AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA
En Aquí tou!, Xosé A. Touriñán fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Sobre as táboa, revive momentos clave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touri lévanos da man cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida, e da serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, levárono a ser quen hoxe é.
Pasen e vexan: esta muller que está no centro do escenario era unha nena adorable que alegraba ás veciñas coa súa ledicia. Aos corenta anos, aquela criatura que o tiña todo para ser feliz, sube ao escenario para confesar que a cousa non foi tan sinxela. Porque si, ás veces unha toma decisións que a levan por camiños inesperados… e remata facendo rir nun cabaré con alma de monólogo.
Narración, improvisación e cabaré. Chegar e encher é un canto ao fracaso e un divertido e ácido monólogo teatral sobre a dificultade de encaixar nos roles de xénero marcados e a imposibilidade de controlar as nosas vidas.Este é o segundo monólogo para adultas de Bea Campos, actriz, narradora e presentadora. Dende moi nova, comezou a contar contos, realizou milleiros de actuacións e levou as súas historias ata o outro lado do mar, participando en festivais de artes escénicas en Latinoamérica.
Este espectáculo é accesible en lingua de signos grazas ao equipo mixto formado por Gema Santos (intérprete) e Ruth Lovera (asesora lingüística xorda).
Dúas mulleres de “40 e tantos” xúntanse para contar as súas propias historias, esas que pasan por relacións, amizades e momentos que marcan unha vida. Pero non se quedan só aí: poñen ao descuberto as semellanzas entre o comportamento humano e o mundo animal, cunha mestura divertida e irreverente. Bárbara Rodríguez, do Teatro del Cuervo, e Noemí Miranda, de Trivilorio Impro, veñen de mundos distintos —teatro de texto, improvisación e cabaré— pero comparten moitas experiencias vitais e moito humor neste espectáculo no que a improvisación, a música e a complicidade co público o transforman nunha festa. Un espectáculo cabareteiro, cómico, primitivo e moi instintivo.
Compaña
DOMINGO 5 DE OUTUBRO, 20.00H I AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA
Un personaxe solitario, atrapado no seu propio universo, decide abrir as portas da imaxinación na procura de compañía. Criaturas inesperadas e sorprendentes obxectos cobrarán vida e acompañarán ao público por un poético camiño de emoción, sorpresas e risas.O circo fusiónase coa arte das marionetas e do teatro de obxectos, e este peculiar personaxe descubriranos como o invisible se volve tanxible e como o imposible se transforma nun xogo compartido de fermosas e máxicas imaxes. Detrás desta creación está Jesús Velasco Otero, artista multidisciplinar, malabarista e clown de gran destreza técnica e cunha ampla traxectoria en compañías galegas, nacionais e internacionais. Fascinaranos pola súa capacidade de trasladar ao escenario o seu mundo interior cun selo inconfundible de fraxilidade, creatividade, precisión e tenrura.
SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO
Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresará ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegará a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.
Así, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.
Nesta 34ª edición, o FIOT volverase converter no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación.
No FIOT haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.
Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltarán producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.
Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas están orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, haberá espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes… e, en definitiva, unha invitación ao descubrimento.
“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Trátase dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.
SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)
Máis de tres décadas creando teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
Unha e outra vez: o eterno retorno do que falaba Nietzsche, volver a cometer un a un os mesmos erros dun pasado non tan afastado; con teimosía, con grandes doses dun odio exacerbado, sen empatía e, sobre todo, sen dor dos outros.
Dicía o tamén filósofo Inmanuel Kant: algo así como que o ser humano sairá da súa “minoría de idade” cando se atreva a pensar por si mesmo usando a súa propia razón e deixe de obedecer a outros coa cegueira de quen vive máis tranquilo se llo dan feito.
Non hai moito, a arqueóloga Marga Sánchez Romero facía fincapé nunha entrevista en que o que nos fai verdadeiramente humanos son os coidados. E pregúntome: cando, como especie, deixamos de coidarnos? En que intre nos volvemos insensibles ás inxustizas? Como alguén que sabe que outras persoas sofren non é capaz de sentir ese mesmo sufrimento ou, cando menos, unha certa compaixón?
Dame en pensar que perdemos incluso a animalidade –na casa dos meus avós unha vaca aleitara os años da ovella con todo o mimo, cando perderon a nai e lográronse.
Setembro foi para min un mes difícil, mais foi un mes de aprendizaxe.
Teño unha amiga gazatí, Reem -semella que, se falamos de cifras, esquecemos que cada persoa ten un nome, que é unha entidade chea de vida, coas súas esperanzas, preocupacións, soños e realidades-; acaba de sufrir un novo desprazamento forzoso e estamos en contacto por un proxecto que nos une; ela é ilustradora. Até hai dous anos era profesora de debuxo e é nai dun neno de oito anos, Youssef, e dunha nena, Salma, de dez. A guerra deu ao traste con todo e falamos, a poder ser, cada día para sermos válvula de escape desta loucura. Unha tarde díxome: “Dame razóns para seguir debuxando, para poder esquecer que están caendo bombas a metros dos meus fillos”. E sentín o mesmo arreguizo que sinto agora mentres o escribo.
O domingo 7 faleceu a miña avoa e esquecín escribirlle. Falamos de aí a dous días e preguntoume que pasara. Conteille que a avoa fora coma unha nai para min, que era o último vencello cun lugar, cun sentimento, con certos aromas, con eses bicos e eses brazos que son refuxio. E sabedes que me dixo? “Doulle grazas a Alá porque che deixase velala, chorala e enterrala en paz”. Pódovos asegurar que me quebrou por dentro. Ela, que leva vivido todo isto: a inanición, a incomprensión por un conflito atroz e irracional; quen busca sacar forzas para inventar xogos para os seus nunha tenda cativa e plástica a onde non chega a luz ou a auga, a onde non chegan os alimentos, que teñen que desprazarse e facer longas colas para cargar os seus teléfonos e poder conectarse a internet.
E nós, ollando dende fóra, impasibles, inoportunos, impotentes. Eu, magoada dúas veces: pola perda e polo pésame sentido de quen non me coñece de hai tanto e, aínda así, empatiza coa dor de outra persoa.
Pero, como dicía, foi mes de aprendizaxes. O pasado venres, quedei cuns amigos para tomar o café na casa dunha delas, e díxenme: vou ir mercar un doce para acompañar o café posto que non me deu tempo a facelo. Teño que maldicir a hora. Que necesidade tiña?! Cheguei á pastelería en cuestión e a muller que me atendía, uns anos maior ca min, comezou a queixarse de ser autónoma, porque hai que pagar moito a Facenda, á Seguridade Social,… Tiven que interrompela e preguntarlle se a ela, cando a atendían no centro de saúde, lle pedían ver o número de conta ou se, cando lle facían unha proba, tiña que pedir un crédito para poder facela. A cousa non quedou aí porque os cruasáns seguían no forno e os moi puñeteiros non querían cocer, que ían cocer,… E a conversa seguiu marabillosamente falando de Amancio, “porque é tan boísimo que doou unhas máquinas para a diagnose do cancro, que menos mal que o temos a el”. Tiven que volver parala, porque se ese “santo” tributara neste país como debe e non evadira millóns de euros en impostos mediante o uso de filiais en Suiza, Irlanda ou Países Baixos, con eses cartos probablemente se puidese mellorar o estudo, tratamento e diagnose do cancro e doutra manchea de enfermidades. Os cruasáns,… seguían no forno. Mághoa! Porque a cousa seguiu e eu son das que “é aceptable que todo o mundo teña dereito a opinar, máis non toda opinión é aceptable”. E non vai e me defende o xenocidio palestino? Pois si, cun par, dime: “Que solten aos reféns! Verás como todo remata”. E quedei estupefacta. Porque non me falaba como unha doente psíquica; facíao coma unha persoa sen alma, sen capacidade de pórse na pel dos demais, sen poder ou querer afrontar que estamos fallando como sociedade. E cando lle dixen que non podía compararme a perda de 1.000 israelís coa de 65.000 palestinos, que a barbarie das cifras falaba soa, apostillou: “As cifras tamén hai que tomalas de quen veñen, de seguro que non son tantos e son todos terroristas”.
Quen me mandaría a min ir por cruasáns para que me fervese o sangue a primeira hora da mañá? Mais esta é unha realidade cruenta e diaria. O que si sei é a onde non vou volver entrar nin mercar ren. De seguro que haberá un Amancio que lle rescate o negocio cando as cousas lle veñan tortas e tamén sei, e sabemos, que se volvesen os tempos que algúns nostálxicos e nostálxicas ansían, estas persoas serían as primeiras en empuñar o fusil contra nós.
Por certo, o novo Papa vén de aseverar que usamos moito a palabra “xenocidio”, pero a Santa Sede non pode pronunciarse a este respecto sobre o conflito, pois igual non o é. De seguro que o anterior pontífice, que falaba de xustiza para o pobo palestino e que se interesaba diariamente polo que acontecía en Gaza, debe estar a retorcerse baixo a sepultura.
Ogallá teñades quen vos coide, a quen coidar, xente empática e loitadora, que pense por si mesma e que sexa moi consciente de que hai erros que non poden volver a cometerse.