O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o venres 4 de novembro de 2022, ás 20:30horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA, e dentro do Circuito de teatro profesional da provincia de Lugo-Ciclo cultural Monicreques, promovido pola Área de Cultura da Deputación, a obra de teatro BADMAN, UN HOME MALO, de Gustavo Fouce, a cargo de A COMPAÑÍA SOLITARIA DO DR. MONIFATE. (Público maior de 16 anos.)
Este sábado, 5 de novembro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María terá lugar a representación teatral da obra A VIAXE DO SEÑOR LÓPEZ, dirixida para nenas e nenos a partir de 6 anos e público familiar
Sipnose: O Señor López é unha persoa solitaria, triste e gris. Un día calquera acontécelle unha desas cousas solitarias, tristes e grises tan característica do mundo dos adultos e a partir dese momento todo cambia. Monta unha compañía de teatro. Aprende a contar chistes. Fala idiomas inventados. Viaxa nunha balsa por un mundo cheo de cores e alegría. O Señor López convértese nun paxaro-inuit.
A peza está protagonizada polo actor e dramaturgo lucense Rubén Pérez Pombo.
É necesario reservar a entrada previamente (prezo do billete: 2 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
Aproveitamos tamén para vos adiantar as próximas actividades: -sábado, 12 de novembro, ás 20 horas, concerto de PARAÍSO CANTO -sábado, 19 de novembro, ás 20 horas, concerto de UXÍA & GERMÁN DÍAZ -sábado, 26 de novembro, ás 17 horas, PACO NOGUEIRAS con C@nto contigo!
Circo, maxia e danza para todos os públicos en Lugo da man do espectáculo Inventio
Esta proposta escénica familiar de circo, danza e ilusionismo inspirada no Camiño de Santiago brindará dúas funcións no Auditorio Gustavo Freire ás 17 h e ás 20.30 h do sábado 5 de novembro
Inventio, que chega a Lugo tras o seu paso por Ferrol, Santiago e Salamanca, estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal
Os billetes para as dúas únicas funcións da cidade lucense pódense mercar na plataforma web entradas.ataquilla.com
Xa está todo listo para a chegada do espectáculo Inventio a Lugo o vindeiro sábado 5 de novembro. Esta proposta de gran formato concibida para público familiar brindará dúas funcións, ás 17 he ás 20.30 h, no Auditorio Gustavo Freire. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de 24 meses non pagan sempre que non ocupen butaca.
Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.
Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.
A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e seis artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.
Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.
Logo do seu paso por Lugo, a xira de Inventio proseguirá por Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.
A 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT entregou o seu galardón Premio do Público 2015 a Blanca Portillo, que gañou polo espectáculoEl testamento de María. O acto tivo lugar na noite de onte 30 de outubro trala función da súa nova obra ’Silencio’, do dramaturgo Juan Mayorga, no Pazo da Cultura de Carballo.
O Premio do Público é un galardón que, como o seu nome indica, conceden os espectadores do FIOT a través da súa valoración dos espectáculos ao rematar cada función. celébrase desde hace 26 anos e entrégase cando a compañía ou artista premiado regresa ao festival coa súa nova producción, xa que este regreso é o compromiso que o FIOT adquire co público que vota: traer o próximo espectáculo do galardoado ou galardoada de novo a Carballo.
Na 24º edición do FIOT participaron no Premio do Público 13 espectáculos do programa de sala e do ciclo OTNI e El testamento de María obtivo unha puntuación de 4,65 sobre 5 puntos.
O luns 31 de outubro ás 19,00 h, no salón de actos do Centro sociocultural de Monterroso, terá lugar o acto de Conmemoración dos 800 anos da Feira de Santos organizado polo Instituto de Estudos Ulloáns.
A vila de Monterroso celebra a Feira de Santos dende hai máis de oitocentos anos de xeito ininterrompido, o que a convirte na feira con máis antigüidade e tradición de Galicia. Foi no ano 1219 cando o rei Alfonso IX de León concedeu en Monforte, ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, o pedaticum do sal vendido en Monterroso dúas semanas antes do 1 de novembro. Dende entón a Feira de Santos celebrouse todos os anos, durante oito séculos, excepto no ano 1918, debido á epidemia de gripe, e no ano 2020, debido á do COVID.
O acto, coordinado pola filóloga e historiadora María José Gómez Alvite, comezará coas intervencións de Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso, e de Francisco Pardo, director do Instituto de Estudos Ulloáns, seguidas da lectura dun fragmento da Crónica Compostelana e de textos de Otero Pedraio, Manuel Amor Meilán, Darío Xohán Cabana, Miguel Yebra Varela, Antonio Xiz Ramil e Lorenzo Varela por parte dos ex-alcaldes Luis Pereiro e Miguel Rico, os concelleiros Eloy Pérez e Rocío Díaz, as profesoras Marisa Madriñán e Marta Saavedra, o escritor Xosé Luis Santiso e o historiador Jesús Otero Pereiras.
O poeta Toño Núñez, o músico José Miguel G. Miguélez e o actor Brais Gayoso interpretarán no acto obras do romanceiro galego.
Todos os anos, pasados xa uns días do San Froilán, por iso de fuxir da barafunda, Dositeo e mais eu citámonos nun restaurante de A Milagrosa para comer o polbo e de paso relembrar tempos pasados.
Dositeo, un home xa rondando os oitenta, que na súa época foi tratante de gando, despois de ser albeite ( entenderase máis adiante esta mudanza), é un home moi falangueiro e co que presta estar de parola. Sempre ha saír da súa boca algunha anécdota ou historia, a maioría das veces algo novo; non é dos que ten unha ducia de contos e os repite unha e outra vez.
Pero Dositeo ata os trinta anos foi un home totalmente diferente, nada tiña que ver co que é hoxe. Ía tempo que non falabamos do seu pasado, pero o mércores desta semana (poida que pola proximidade de Todos os Santos), mentres estabamos meténdolle o dente a un exquisito polbo, veu a colación a súa etapa de mozo.
Dositeo, coma xa dixen, antes de ser tratante foi menciñeiro. Xa de pequeno, era fillo de labregos, amosou uns dotes especiais cos animais. Conta que cando tiña oito anos enfermoulle un gatiño a quen lle tiña moito agarimo. Ninguén daba nada por el, ata que colléndoo no colo e despois de facerlle uns masaxes, o gato deu un chimpo e empezou a rebrincar pola aira adiante. Logo virían outras curacións, e dos animais pasaría ás persoas, ata ser o curandeiro máis famoso da bisbarra.
Patricio de Ermida, un mozo da súa idade, tratante de gando, e mais el, eran inseparables. Axudábanse nos traballos do día a día e por suposto cando tocaba xolda, alí estaban os dous. Mesmo ía para dous anos que casaran na mesma data e con dúas irmás, veciñas da aldea do lado, polo que, á parte de amigos, eran cuñados.
Un serán, Patricio, ao chegar da feira de Meira, comezou atoparse mal. Chamaron o médico e cando este chegou, atopouse con un home tumbado na cama que apenas tiña pulso e totalmente inconsciente. Despois de auscultalo, díxolles que non había nada que facerlle, que estaba morrendo, por unha doenza cardíaca e que o mellor que podían facer era chamar o crego. Nisto que se lembraron do cuñado e aló foron con el, que chegou ao mesmo tempo ca Don Eduardo, o párroco. Déixeme un momentiño, díxolle Dositeo, a ver se podo arranxar eu a doenza. Tempo terá vostede para despedilo deste mundo.
Dositeo entrou todo apresurado e ao cabo de media hora saíu abrazado ao seu amigo, e case berrando da ledicia que traía, amosoulles a Patricio, afirmando que estaba coma novo, coma se fose outro home. E nunca mellor dito, Patricio era outro; tamén, desde ese momento, Dositeo era outro.
Desde as primeiras palabras que dixo Dositeo, os presentes déronse conta de que pasaba algo raro, non parecía o mesmo. Cousa que se confirmou cando fixo o mesmo Patricio, que xa totalmente restablecido, empezou a falar coma se fose o seu cuñado e amigo. Resulta que para salvalo, tiveran que intercambiar o espírito.
—Imos ver, Dositeo. Pero que foi o que realmente pasou aquela noite? —pregunteille cando xa estabamos na sobremesa.
—O que sempre dixen. Alguén lle botou o mal de ollo na feira de Meira e a súa alma xa non servía para estar no seu corpo. Ou se ía ao máis alá ou buscaba outro acubillo nestes lares.
E deste xeito foi coma Patricio pasou ser o albeite máis cotizado da zona, ata que hai cousa de dez anos, desta si, deulle un infarto e marchou para o outro mundo. Dositeo, desde aquela empezou ir de feira en feira, ata que se xubilou, tratando, principalmente, con gado vacún.
—E non volviches a sandar ningunha vaca máis? —inquirinlle.
—Cama cho conto, meu amigo, nin se me pasou pola cabeza tentalo. Sería de loucos. Eu coma xa sabes o que me ía era andar de feira en feira —respondeu cun pícaro sorriso.