As actuacións das cabezas de cartel do Noia Harp Fest terán lugar a partir das 22.00 horas na Praza do Tapal e a entrada será libre ata completar capacidade
A bretoa Bleuenn Le Friec ofrecerá un concerto ideado expresamente para o festivala partir das 20.00h no Claustro de San Francisco no que se acompañará de dúas voces sobranceiras da escena galega: Uxía e Fai
A arpista Juliette Commeaux e a frautista Laia Blasco presentarán por primeira vez en Galicia El concierto secreto, unha cita que terá lugar mañá pola mañá, a partir das 12.30 horas, na Igrexa de San Francisco
O festival retomará a súa programación o 7 de agosto coa celebración da Gala de Entrega do III Premio Portus Apostoli, que pechará esta 12ª edición
O Noia Harp Fest prepárase para festexar a súa xornada máis intensa. Catro concertos gratuítos con figuras sobranceiras tanto da arpa coma da escena galega serán protagonistas mañá, sábado 2, dunha programación que pecharán por todo o alto, na Praza do Tapal e a partir das 22.00 horas, as dúas cabezas de cartel desta edición do festival: a andaluza Ana Crismán, a arpista de flamenco máis relevante a nivel internacional, e o galego Quico Comesaña, intérprete imprescindible á hora de entender o panorama musical do país. A xornada completarase con outros dous directos moi especiais que terán lugar na Igrexa e no Claustro de San Francisco, tanto en horario de mañá (El concierto secreto, con Juliette Commeaux e Laia Blasco) coma de tarde (Bleueen Le Friec acompañada por Uxía e Faia).
A cuarta xornada do Noia Harp Fest dará comezo ás 12.30 horas coa presentación en Galicia do ensemble El concierto secreto, unha proposta fiada por Juliette Commeaux (arpa) e Laia Blasco (voz e frauta). O dúo explora a música antiga desde unha perspectiva íntima e innovadora: busca recrear pezas virtuosísticas da antigüidade (especialmente do Renacemento e Barroco) con redución para voz e para arpa, inspirándose na execución dalgunhas das cortes italianas que interpretaban estas músicas na intimidade ou para un grupo selecto de intelectuais. Este “concerto secreto”, programado no festival da man da Asociación Española de Arpistas (AEDA), chega a Noia logo de visitar numerosos ciclos e escenarios como o Museo Nacional de Arte Romano de Mérida, o Auditorio de León ou mesmo o Museo Marqués de Dos Aguas de Valencia, entre outros.
Pola tarde, contra ás 20.00 horas, a bretoa afincada en Galicia Bleuenn Le Friec, que navega entre a tradición e a vangarda, ofrecerá un concerto no que estará acompañada por dúas das voces máis sobranceiras do país: as de Faia e Uxía. “Síntome moi afortunada de poder reunir a Uxía e Faia arredor da arpa para un concerto ideado especialmente para o festival. Dalgún xeito, este proxecto sintetiza o meu percorrido tanto musical como persoal en Galicia, onde o descubrimento e a aprendizaxe da lingua galega foron elementos chaves para desenvolver un sentido de pertenza a esta terra adoptiva”, expón a arpista.
A bretoa destaca pola súa versatilidade e capacidade para fusionar tradicións musicais con linguaxes contemporáneas. Cunha sólida formación clásica, explorou diversos xéneros, desde a música celta até o jazz, destacando pola súa sensibilidade e innovación no uso do seu instrumento. Nesta ocasión, entretecendo a voz e as cordas da arpa, “faremos vibrar textos da tradición e da literatura galega. Seguindo a longa historia da arpa como instrumento cómplice da voz cantada e falada, construiremos dous universos sonoros contrastados nos que voz e arpa dialogan e se acompañan”, sinala Bleuenn Le Friec.
Dúas horas despois, ás 22.00 horas, o escenario da Praza do Tapal acollerá os concertos de dúas das figuras máis destacadas deste NHF: Ana Crismán e Quico Comesaña. O multiinstrumentista galego e referente do folk contemporáneo será o responsable de abrir a gran noite do festival. Tras ser parte de proxectos como Armeguín, Fía na Roca, Uxía ou Berrogüeto, Comesaña regresa aos escenarios para presentar o seu primeiro álbum en solitario, Mãe, unha obra conceptual centrada na defensa e respecto pola natureza, con catro suítes instrumentais que abordan temas como o mundo vexetal, a auga, o reino animal e a terra.
Pechará a noite Ana Crismán, quen regresa ao festival (logo da súa estrea en 2021) xa consolidada como a figura que é: a primeira artista no mundo que interpreta e compón flamenco cunha arpa. Inspirada por un músico de rúa que escoitou en Irlanda, Crismán decidiu construír o seu propio instrumento e desenvolver técnicas flamencas para a arpa, nun proceso autodidacta e innovador. O seu traballo culminou na creación dun repertorio que abarca diversos paus do flamenco, e este verán no Noia Harp Fest presentará Arpaora, o primeiro álbum de arpa flamenca na historia.
A 12ª edición do Noia Harp Fest rematará o 7 de agosto, coa Gala de Entrega do III Premio Portus Apostoli a Federico Beilison pola súa obra Cuatro historias gallegas, que a Real Filharmonía estreará no Teatro Coliseo Noela baixo a batuta de Sebastian Zinca e coa participación, como solistas, de Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola. As entradas para o concerto que porá o ramo ao festival xa están á venda en www.ataquilla.com
NOIA HARP FEST
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único festival dedicado ao instrumento en todo o noroeste peninsular. A interpretación musical a través da arpa é o eixe que vertebra unha programación que, cada verán, reúne diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes.
O Noia Harp Fest, que decorre do 30 de xullo ao 2 de agosto -e que contará cunha Gala de Entrega do Premio Portus Apostoli o vindeiro xove 7 de agosto-, presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito actúan nun evento que acolle, ademais, o IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.
Este 2025, Noia acolle trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco.
A 12ª edición do festival está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E; ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
AXENDA NOIA HARP FEST | SÁBADO 2 DE AGOSTO 2025
12.30h | Igrexa de San Francisco El concierto secreto. Con Juliette Commeaux & Laia Blasco (en colaboración con AEDA)
20.00h | Claustro de San Francisco Bleuenn Le Friec. Con Uxía e Faia
A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Décimo terceira edición do Festival 27373 de música en Galego que terá lugar o sábado 9 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.
O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente ou liderado por mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilidade da muller nos escenarios.
O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 13:45 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional a cargo do grupo Axeigo e na que poderemos gozar, en exclusiva, das das cervexas oficiais do Festival 27373: unha cargada de lima, outra ben cargada de trigo e laranxa e este ano incorporamos unha terceira ben cargada de aromas frutais. Ámbalas tres cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional XIII Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, dará comezo o V campionato de serrador@s da Terra Cha. E, a partir das 18:30, para a rapazada e as familias contaremos coa presenza da compañía Migallas Teatro, coa obra “Brincadeiras coa lingua”, un espectáculo que ten como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia e fomentar a súa práctica entre a cativada e no ámbito familiar. Mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos, ofrécese dun xeito divertido unha escolma dos ditos recollidos. Este obra está no festival grazas á colaboracion do Concello de Begonte e Xunta de Galicia a través da Agadic. Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río Ladra ao tempo que participamos nas distintas actividades.
Abrindo o festival de noite, sobre as 20:00 horas subirá ao escenario as Bouba Pandeireteiras, catro mozas da Pontragha, bravas, reivindicativas e comprometidas coa lingua, a tradición oral e o país. Funámbula e os ceos quebradizos, grupo de rock, que cumpre perfectamente algúns dos principios do festival, formado por por xente da contorna e que precisa de escenarios para amosar unha calidade indiscutible. A enerxía adolescente dos Punk’on Keixo serán os encargados de prenderlle lume ao torreiro. Formado por rapaces entre os 14 e 18 anos, algúns deles son asiduos do festival desde ben pequeniños, e para nós un orgullo inmenso que poidan estar no escenario do Festival 27373. Para rematar e non perder a forza e enerxía, o mítico grupo punk-rock festeiro de Os Resíduos Atractivas darán o punto final a esta edición do festival.
Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Á asociación O Varal, por axudar na organización do aberto de billarda e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable. Todas actuacións son de balde e contamos cun espazo de acampada libre.
O cartel do festival foir realizado polo deseñador gráfico de Begonte, Marcos Vigo.
A Igrexa Museo Santa María A Nova e o Teatro Coliseo Noela acollen mañá venres, a partir das 19.00 horas, os tres concertos do día, cuxa entrada é gratuíta
O 12º Noia Harp Fest chega ao seu ecuador coa actuación de tres solistas cunha relevante proxección internacional. A valenciá Noelia Cotuna, a escocesa Rebecca Hill e o colombiano Yofre Brito formarán parte do cartel desta terceira xornada do festival.
A solista e músico de cámara Noelia Cotuna, galardoada tanto a nivel nacional como internacional pola súa técnica e calidade interpretativa, será a responsable de abrir a xornada do venres 1 no Noia Harp Fest nun concerto que se celebrará da man da AEDA (Asociación Española de Arpistas) e que terá lugar, a partir das 19.00 horas, na Igrexa Museo Santa María A Nova.
Cotuna, quen ten actuado baixo a batuta de figuras recoñecidas como Kill Petrenko, Zubin Mehta, Daniel Barenboim ou Gustavo Dudamel, é un dos pratos fortes desta edición do festival. Na súa actuación, a actual arpa solista da Orquestra de la Comunitat Valenciana (OCV) presentará un repertorio que renderá homenaxe á intérprete e compositora francesa Henriette Renié no 150ª aniversario do seu nacemento.
A partir das 21.00 horas, o Teatro Coliseo Noela acollerá dúas estreas en España. É o caso da escocesa Rebecca Hill, quen presentará o seu álbum Thawcrook acompañada do violinista Charlie Stewart. A parella experimenta sobre a tradición con técnicas de composición contemporáneas, xerando temas hipnóticos e con grandes dotes de improvisación nos seus arranxos. Será unha das citas imprescindibles tanto para as amantes da música folk como para aquelas interesadas na súa renovación.
Tamén subirá ás táboas do Teatro Coliseo Noela unha lenda da arpa llanera colombiana: Yofre Brito Rivera. Intérprete, compositor e arranxista recoñecido internacionalmente, ten actuado en máis de 15 países (entre eles México, Francia, Italia, Alemaña, Venezuela ou Brasil) representando a música llanera. Tamén é coñecido por ser o impulsor do Festival Internacional Arpas Sin Fronteras en Cúcuta (Colombia), un evento que promove o intercambio cultural arredor da arpa e no que participan artistas de máis de 10 países.
NOIA HARP FEST
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único festival dedicado ao instrumento en todo o noroeste peninsular. A interpretación musical a través da arpa é o eixe que vertebra unha programación que, cada verán, reúne diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes.
O Noia Harp Fest, que decorre do 30 de xullo ao 2 de agosto -e que contará cunha Gala de Entrega do Premio Portus Apostoli o xoves 7 de agosto-, presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito actúan nun evento no que tamén participan máis de 20 estudantes do IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.
Este 2025, Noia acolle trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. O festival ten unha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo do país.
A 12ª edición do festival está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E; ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
AXENDA NOIA HARP FEST | VENRES 1 DE AGOSTO 2025
19.00h | Igrexa Museo Santa María A Nova Noelia Cotuna 21.00h | Teatro Coliseo Noela Rebecca Hill & Charlie Stewart Yofre Brito Rivera
20h: Actuación no Claustro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín.
2 AGOSTO
11.30h: Conversas Ciclo Entre Formas e Palabras, en Xunqueira de Espadanedo.
20h: Actuación Claustro de Santa María de Melón.
3 AGOSTO
20h: Actuación Claustro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo.
22h: Bocados de Danza no Claustro – Pinchos organizados pola Comisión de Festas de Xunqueira.
Actuación e a conversa – Entrada Libre ata completar aforo.
Artistas convidados e convidadas:
WILLIAM RETANA e SHARIFA KARIMAH / COSTA RICA
NURIA SOTELO / GALICIA
ALBA FERNÁNDEZ COTELO / GALICIA
DANI HERNÁNDEZ / BILBAO
KIKO LÓPEZ / COMUNIDADE VALENCIANA- RED ACIELO ABIERTO
MARCIA VÁZQUEZ / GALICIA
ARNAU PÉREZ e JERÓNIMO RUIZ / CATALUÑA – RED ACIELO ABIERTO
Danza no Claustro é un proxecto da Plataforma Cultural SóLODOS. Paisaxes cheas de historia e singularidade da provincia de Ourense son o contexto para que artistas internacionais e locais, xunto coas comunidades, constrúan un proxecto cultural en común. Os artistas tras un proceso de creación e investigación artística nos diferentes claustros e espazos, realizan unha exhibición do seu traballo creativo. A danza como motor cultural que potencia a historia do lugar, a súa xente, a súa beleza, a súa singularidade…Un xeito diferente de mirar a arquitectura e o patrimonio histórico a través do baile, do movemento.
Algúns datos de Danza no Claustro:
Coa celebración da 13ª edición Danza no Claustro, é o festival de danza máis lonxevo de Galicia.
Formaron parte do programa, nestes 13 anos, artistas de 12 países diferentes.
Danza no Claustro forma parte da Red Acieloabierto, rede de festivais de danza en espazos non convencionais, dende 2021.
Desde 2021 a firma Adolfo Domínguez viste ás e os artistas para as funcións no festival.
Do 2013 ao 2019 naceu e celebrouse no Claustro de San Francisco de Ourense. No 2021 se extende a Xunqueira de Espadanedo e do 2022 ata a actualidade lévase a cabo nos tres claustro actuais. No 2024 A Casa Vella alíase co proxecto propoñendo unha extensión no seu Ciclo de Artes Vivas e Mediación.
ORGANIZA: SóLODOS. DIRECCIÓN: Erick Jiménez e Maruxa Salas. PRODUCIÓN: Víctor López Carbajales. VESTiARIO: Adolfo Domínguez. FOTO e VÍDEO: Fotografía Salas. COA AXUDA DE: INAEM – Ministerio de Cultura, Deputación de Ourense, Xunta de Galicia a través da AGADIC. COLABORA: Concello de Xunqueira de Espadanedo, Concello de Nogueira de Ramuín, Parador de Santo Estevo, Concello de Melón, Red Acieloabierto, Adolfo Dominguez, A Casa Vella e Taller Nacional de Danza de Costa Rica.
A 12º edición do Noia Harp Fest comeza mañá, mércores 30, cunha gran foliada de benvida e un concerto exclusivo da galega Alba Barreiro
Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec con Faia e Uxía, Claudia Besné, D’Súpeto, Francesa Romana Di Nicola, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart, Yofre Brito Rivera e a Real Filharmonía de Galicia conforman un cartel que contará cunha vintena de estudantes de arpa das escolas galegas
O evento, que decorrerá do 30 de xullo ao 2 de agosto, contará doce actuacións de balde en sete escenarios; ademais dunha xornada especial o 7 de agosto na que estreará Cuatro historias gallegas, gañadora do III Premio Portus Apostoli
A 12ª edición do único festival do noroeste peninsular dedicado integramente á arpa, o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, comezará este mércores, 30 de xullo. A primeira xornada contará coa actuación da recoñecida intérprete galega Alba Barreiro, quen ofrecerá a partir das 19.00 horas un concerto exclusivo no Noia Harp Fest e, desde as 21.00 horas, terá lugar na Praza do Curro unha gran foliada de benvida aberta á veciñanza, na que se rendirá homenaxe a Emilio Cao.
Noia Harp Fest, que decorrerá do 30 de xullo ao 2 de agosto, e que contará cunha programación especial o 7 coa Gala da entrega do Premio Portus Apostoli, reúne cada tempada diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes. O festival ten unha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo do país.
O 12º Noia Harp Fest presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. O evento contará coa presenza de Ana Crismán -a intérprete de arpa flamenca máis importante a nivel internacional-, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec -acompañada por Faia e Uxía-, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec -gañador do World Harp Competition 2024-, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito Rivera; alén das máis de 20 estudantes galegas que participarán, durante a mañá do xoves 31 de xullo, no IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.
Ademais, neste 2025 o Noia Harp Fest suma unha quinta xornada de actuacións. O 7 de agosto celebrarase a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, na que se producirá a estrea mundial de Cuatro historias gallegas, a creación de Federico Beilison. A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas, será quen interprete esta creación do compositor e guitarrista arxentino, ademais da peza Folías Celtas, mención de honra do Portus Apostoli, composta polo uruguaio Gabriel Bussi (profesor violinista da Orquesta Sinfónica de Galicia). O programa -cuxas entradas están á venda en www.ataquilla.com– completarase con pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel.
Deste xeito, e a partir de mañá, a localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. Ofreceranse estreas mundiais, estreas en España e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións, como é o caso da galega D’Súpeto.
A 12ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
Primeira xornada: concerto exclusivo de Alba Barreiro e foliada de benvida
O Noia Harp Fest comezará mañá ás 19.00 horas na Igrexa Museo Santa María A Nova. A recoñecida intérprete Alba Barreiro presentará Frauta e arpa en Galicia, un concerto exclusivo en colaboración co frautista Fernando Raña. Este programa propón unha viaxe sonora a través do repertorio galego e universal para frauta traveseira e arpa, con especial atención á música de compositores galegos, tanto históricos como contemporáneos.
Alba Barreiro é unha arpista galega cunha sólida formación e ampla experiencia tanto na interpretación de repertorio clásico e contemporáneo como na recuperación de música antiga. Formada en Galicia, ampliou os seus estudos en diversos centros europeos, perfeccionando a súa técnica e sensibilidade artística con recoñecidos mestres da arpa clásica e histórica. Participa regularmente en proxectos camerísticos e orquestrais, colaborando con agrupacións galegas e internacionais, mais destaca tamén pola súa labor pedagóxica e pola difusión da arpa na música galega.
Contra o solpor, ás 21.00 horas, dará comezo a Foliada de benvida do Noia Harp Fest, un encontro festivo aberto, popular e colectivo onde o público é convidado non só a escoitar, senón tamén a participar, bailando ao ritmo da música tradicional reinterpretada a través da delicadeza e potencia das arpas da banda con integrantes da Asociación Noia Harp Fest.
Para abrir esta celebración, o mestre arpista Rodrigo Romaní, presidente da Asociación Noia Harp Fest, fará unha pausa do seu retiro como intérprete para ofrecer unha emotiva homenaxe musical a Emilio Cao, pioneiro na recuperación e posta en valor da arpa en Galicia. Romaní interpretará unha suite que recolle algúns dos temas máis significativos do autor, conectando pasado e presente nun acto simbólico que honra ás raíces mentres abre as portas ao futuro da música galega.
PROGRAMACIÓN NOIA HARP FEST 2025
Mércores 30 de xullo 19.00h | Santa María A Nova Alba Barreiro & Fernando Raña 21.00h | Praza do Curro Foliada de Benvida coa Banda do festival
Xoves 31 de xullo 13.00h | Liceo de Noia IV Encontro do Alumnado de Arpa das Escolas de Galicia 21.00h | Teatro Coliseo Noelia D’Súpeto Kevin Le Pennec
Venres 1 de agosto 19.00h | Santa María A Nova Noelia Cotuna (concerto en colaboración con AEDA) 21.00h | Teatro Coliseo Noela Yofre Brito Rivera Rebecca Hill & Charlie Stewart
Sábado 2 de agosto 12.30h | Igrexa de San Francisco El concierto secreto. Con Juliette Commeaux & Laia Blasco (en colaboración con AEDA) 20.00h | Claustro de San Francisco Bleuenn Le Friec. Con Uxía e Faia 22.00h | Praza do Tapal Quico Comesaña Ana Crismán
Xoves 7 de agosto 20.30h | Teatro Coliseo Noela Gala de entrega do III Premio Portus Apostoli. Coa Real Filharmonía de Galicia. Sebastian Zinca, director. Claudia Besné, solista. Francesca Romana Di Nicola, solista.