Escritora galega e nova busca que a exploten laboralmente?
Podería ser un anuncio por palabras nunha páxina de diario de tiraxe nacional.
Ás veces unha non ten máis que tomar distancia, ou non, para ver se as cousas arrefrían, por ver se se mitiga a vea crítica, pero… hai cousas das que se non se fala é como se non acontecesen e hai que falar, ou polo menos, escribir.
A dous días do 8M, un centro catalán, que recibe subvencións galegas, rulaba a seguinte mensaxe de mans dunha muller: “Bo día, coñeces a algunha escritora nova que queira vir facer Sant Jordi a Barcelona, pagando ela o desprazamento e nós pagamos unha noite de hostal? Poderá vender libros nas Ramblas, diante do Centro Galego o día de Sant Jordi. Confirma”.
Vale, partamos de que o “convite” vén dunha persoa en particular, que está curiosamente na directiva do centro, e digo eu, non é alguén que representa a toda a entidade?
A nova pescounos co pé cambiado, as mans na cabeza e unha morea de improperios no bico. Era posible tal mensaxe? Era posible tal atropelo, tal fachenda á hora de expor un método de explotación e que esa mensaxe levase palabras como “escritorA” e “novA”? Que se supón, que as escritoras novas non comen, non teñen facturas que pagar, que, ademáis de cobrar con sorte un 10% das vendas das súas obras, teñen que ir vendelas de sol a sol, teñen que pagar as súas dietas noutra comunidade cando queren promocionar a súa obra e, por riba, teñen que dar grazas de que lle poñan un cuarto nunha pensión?
Fagamos contas: un voo ida e volta a Barcelona a poucas semanas de Sant Jordi, máis transporte, máis dietas, máis grazas que che van poñer unha mesa para que vendas os teus libros, máis carrexa os teus libros a poucos que queiras vender, máis grazas que che poñen unha cadeira tamén, e con sorte un parasol= vendiches cinco libros, dos que carrexaches trinta, mellor dito, dos que facturaches trinta porque a pouco que pesen e a pouco que levases, non van en equipaxe de man, ale! Máis gastos! E os billetes 180€, a manduca 50€, e o que lle gañaches aos libros,… con sorte 10€. Se vives en Barcelona, pois igual non che importaría ir, pero se tes que ir dende Galiza, pois case que mellor que quedes na casa, non? Onde queda o prestixio como autoras, onde queda o prestixio do sistema literario galego? Nós faríamoslle iso a unha escritora catalá? Diríamoslle vén pola cara, vas poñer ti o material, o traballo e o transporte, nós pagámosche unha noite no hostal máis achegado ao concello que propablemente nos custe uns 50€ sen almorzo? Non, verdade, pois igual de ridículo e obsceno soa que sexa do revés. Preguntemos por aí, canto cobran xs autorxs que veñen ao Poetas Dinversos da Coruña? Ou veñen polo caldo? Coido que non.
Poñamos tamén negro sobre branco, segundo a resolución do 2 de novembro de 2023 a Secretaría Xeral da Emigración resolvía que se lle concedera entre outras entidades ao Centro Galego de Barcelona 9855€ en calidade de axuda para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural. É pois a literatura galega un patrimonio cultural ou non o é? De selo, a ver se se vai notando un pouco en que se gastan os nosos cartos.
Se a isto lle sumamos que as axudas de mans da Xunta de Galicia á edición en galego e ao sector literario en xeral son exiguas ou case inexistentes, diremos que somos resistencia malia a todo, pero unha cousa é ser resistencia e outra moi diferente é transixir coa explotación.
Confeso que as misas non son santo da miña devoción. Xa me chagaron os anos da nenez e puberdade para doparme de lecturas apostólicas, oracións e sacramentos. Actualmente só asisto en circunstancias excepcionais, por compromiso social, xeralmente funerais.
As liturxias de hoxe non son coma as de antes; unha hora de duración xa non é a norma. Hai misas que apenas duran dez minutos, como se o crego ansiase rematala tan pronto se santigua. Este breve tempo aprovéitoo para abstraerme e pensar en asuntos persoais. Non é a miña intención ser irrespetuoso, pero é habitual que os meus pensamentos se dirixan a temas máis terreais, como pode ser o sexo (o pecado da carne, segundo eles), se cadra como reacción subconsciente a restricións, outrora impostas.
Non obstante, hai tres excepcións, nos que retorno á realidade para concentrarme na cerimonia. O primeiro cando o párroco pronuncia unhas palabras que hoxe en día dificilmente se podían cualificar de sermón. Sempre resulta interesante descubrir as intencións do mensaxeiro divino.
O segundo o intercambio de paz, no que por cortesía retorno do meu mundo luxurioso e comezo a saudar “a todo deus”, nunca mellor dito.
Finalmente, durante a comuñón. Aparto da mente aquela moza que estaba tan boa e que coñecín na “Tasca”, na rúa da Cruz e trasládome a unha tribu africana, por iso do canibalismo e de comer o corpo de Cristo. Por certo, daquela moza que estaba tan boa cheguei a namorarme, pero por desgraza nunca me fixo ningún caso.
E co desexo de que marchemos en paz por parte do señor cura saio ao atrio saudar amigas e amigos, case sempre rematando por tomar algo no bar de costume. E ata o próximo enterro ou cabodano no que, vai saber ti,que figura etérea do pasado fará acto de presenza, a ben seguro desprovista de saba.
De Ninghures estrea este venres 5 de xullo o seu novo sinxelo, ‘Poço’, “un convite ao baile, ao bo rollo e á foliada”
O grupo, gañadordos Premios Ari(t)mar áMellor Música do Ano en Galicia polo seu tema Morena, presenta este verán un tema ateigado de “enerxía, naturalidade, desenfado e que invita ao público a pasalo ben”
A banda actuará mañá, venres 5, no ciclo Atardecer no Gaiás, e nas vindeiras semanas participará en Festigal, Carballeira de Zas, Festiletras ou Revenidas
“Vén bailar, vén bailar”. O retrouso do novo sinxelo de De Ninghures é explícito e directo: un auténtico convite ao baile, á festa e á foliada. A banda publica este venres 5 de xullo o seu novo tema,Poço, unha muiñeira enérxica, ateigada de “aire fresco bo rollo e naturalidade”, na liña da propia esencia da formación, e que desta quenda pretende convidar ao público, dun xeito sinxelo e desenfadado, “a pasalo ben”.
Poçoestará dispoñible a partir das 00.00 horas do día 5 nas principais plataformas dixitais. Nesta ocasión, o novo sinxelo de De Ninghures acompañarase dunha peza audiovisual moi especial e que estará dispoñible na súa canle de Youtube: rodada cunha Handycam polos propios membros do grupo, o videoclip pretende reflectir, con naturalidade, o día a día da propia formación, á vez que traslada o espírito de festa e foliada que a define.
“Queremos que cando a xente escoite Poço, unha muiñeira de montaña con moita enerxía, como as que nos gustan, sinta ese convite ao baile, ao bo rollo, á foliada. Que a xente sinta como propio o que cantamos e que se vexa reflectida nesa letra, nese retrouso e nesa onda de desenfado, desinhibición e alegría”, sinala o grupo, recoñecido pola súa capacidade de experimentar con influencias musicais de todo o mundo sen perder o seu obxectivo: por en valor a música de raíz e a creación contemporánea.
De Ninghures, agrupación conformada por músicos con notable experiencia procedentes de Bergantiños, Compostela e A Fonsagrada, foi recoñecida publicamente esta primavera co galardón á Mellor Música do Ano en Galicia dos Premios Ari(t)mar polo seu temaMorena, un sinxelo que dá boa conta dun dos seus máis claros sinais de identidade: a unión orgánica entre a tradición galega e a música dance, e que tamén está presente, dalgún xeito, neste novo Poço, tema do que a banda dará boa conta nos vindeiros directos que ofrecerá este verán. O primeiro deles terá lugar mañá mesmo, venres 5, en Santiago de Compostela, no marco do ciclo Atardecer no Gaiás. Entre as citas destes meses tamén están eventos como Festigal, Festa da Carballeira de Zas, Festiletras ou Revenidas, entre outras moitas.
Exposición colectiva: “NÉBOA DE ESTÍO” de Carlota Pereiro, Vicente Blanco e Sabela Eiriz
Dispoñible dende o 5 de xullo ata o 7 setembro do 2024
Enderezo Rúa Lamas de Prado 31, Lugo
O vindeiro venres 5 de xullo, a Galería NÉBOA inaugura a mostra colectiva NÉBOA DE ESTÍO dos artistas Carlota Pereiro (Santiago de Compostela, 1988), Vicente Blanco (Cee, 1974) e Sabela Eiriz (Lugo, 1991).
O Gran Prix das Carrilanas de Esteiro presenta o cartel da súa XXXV edición, que terá lugar do 19 ao 21 de xullo
O evento, declarado Festa de Interese Turístico Nacional, e que no 2023 contou con 35.000 asistentes, conta cunha programación cultural dirixida a todos os públicos, á fin de difundir e poñer en valor todo o imaxinario vinculado aos xogos populares da tradición galega
O Gran Prix das Carrilanas de Esteiro xa ten cartel para a súa XXV edición, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de xullo na comarca do Barbanza. A axencia creativa oleiresa Guillotina Estudio é a responsable do deseño do cartel deste grande evento familiar, declarada Festa de Interese Turístico Nacional e que o ano pasado reuniu a máis de 35.000 asistentes.
Esteiro acollerá, do 19 ao 21 de xullo, un dos eventos de referencia do verán galego e que xira arredor da promoción e posta en valor das carrilanas, vehículos artesanais, feitos de madeira, que descenden sen axuda de motor polo circuíto de ‘O Maio’, situado na localidade. A singularidade desta festividade, que mantén viva unha proposta que ten a súa orixe nos xogos populares de tradición galega, fai que o Gran Prix das Carrilanas de Esteirosexa, alén dun orgullo para a súa veciñanza, unha cita ineludible para as amantes da artesanía, da velocidade e da tradición.
A competición do Gran Prix, que este ano celebrará o 21 de xullo o seu 35º aniversario, está aberta a todas a idades e xéneros e conta con tres categorías: Infantil (que poden pilotar as nenas e nenos menores de 18 anos ou acompañados de maiores), Carrilanas lentas (nas que prima a diversión e os disfraces) e Carrilanas rápidas, a máis espectacular de todas e, posiblemente, a proba de velocidade máis intensa de Galicia.
A inscrición no Gran Prix, que é gratuíta, terá lugar o sábado 20 de xullo, de 12.00 a 15.00 horas, na Alameda de Esteiro. Esa mesma xornada levaranse a cabo as verificacións técnicas e administrativas así como a proba da Pole Position. Toda a normativa sobre o Gran Prix das Carrilanas de Esteiro está dispoñible na páxina web www.carrilanasesteiro.gal
Programación cultural para todos os públicos
O Gran Prix complétase cunha programación cultural, aberta a todos os públicos, que ten lugar durante os tres días de celebración do grande espectáculo galego das carrilanas. Ademais de actividades diurnas, coma concertos para público infantil e familiar, obradoiros ou contacontos, ao programa inclúe un mercado tradicional de artesanía e un festival de música gratuíto, nomeado como Festival das Carrilanas, e que este ano contará coa participación, entre outras formacións, de Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Mondra, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Capital Voskov, Monoulious DOP, Lontreira e Galician Army. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer as actuacións musicais que completarán a programación cultural da festa das carrilanas en Galicia.