WOS Festival x SON Estrella Galicia esgota os abonos dispoñibles para a súa oitava edición e activa este martes 26 a venda de entradas de día

WOS Festival 2023 © Leo López 4

  • Abdullah Miniawy, aya & MFO, Batu, Beatrice Dillon, BFlecha b2b Mwëslee, Carme López, Carrier,  CCL, Djrum, Grand River & Abul Mogard, Heinali & Adriana-Yaroslava Saienko, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, KAVARI, Klein, KUNTARI, Lord Spikeheart, Los Thuthanaka, Malandrómeda & Caamaño, Masayoshi Fujita, Nazar, Niecy Blues, Objekt, Purelink, Rainy Miller, Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori, Sara Persico & Mika Oki, Simo Cell, Tarta Relena e ZULI conforman o line up de WOS 2025
  • A Sala Capitol e as naves da Fundación Laboral da Construción acollerán a programación musical nocturna do venres 12 e do sábado 13 respectivamente
  • A cidade de Santiago de Compostela será o escenario de 13 premieres de discos, directos ou concertos audiovisuais en España, incluíndo Los Thuthanaka a nivel europeo, e 10 estreas en territorio galego

WOS Festival X SON Estrella Galicia vén de activar a venda de entradas de día para a súa oitava edición, logo de esgotar os dous tipos de abonos dispoñibles para asistir á celebración do evento, que terá lugar do 11 ao 14 de setembro en Santiago de Compostela.

Así, desde esta maña, o público pode adquirir tanto na plataforma dice.fm coma Ataquilla.com os billetes individuais para asistir a calquera dos catro días de programación. Ademais, tanto o venres 12 coma o sábado 13 contarán con entradas exclusivas para acceder, a partir das 22:00 horas, ás sesións da programación musical nocturna que terán lugar na Sala Capitol e nas naves da Fundación Laboral da Construcción, antiga curtidoría que se estreou coma sede do WOS no 2023 e que volverá transformar o espazo nunha pista de baile, a partir das 22:00h. 

Deste xeito, desde hoxe pódense adquirir ata seis tipos de entradas diferentes para asistir aos directos e performance dos case 30 artistas internacionais e nacionais que pasarán por Santiago de Compostela en setembro. O xoves 11 o concerto inaugural virá da man da galega Carme López e do dúo catalán Tarta Relena, que presentará por primeira vez en Galicia o seu novo álbum És Pregunta.

Para o venres 12, o público poderá mercar unha entrada de día (que inclúe todos os concertos da xornada) ou de noite (que inclúen os específicos da Sala Capitol, na que haberá 4 premieres en España dos novos shows de Carrier, Los Thuthanaka -na súa estrea europea-, Purelink e Rainy Miller). De cara ao día seguinte, o sábado 13, as e os asistentes terán a opcion de escoller entre unha entrada completa ou só de acceso nocturno ás naves da Fundación Laboral (na que actuarán aya & MFO, Batu, Beatrice Dillon, CCL, KAVARI, Klein, Lord Spikeheart, Nazar, Objekt e Simo Cell).

Finalmente, o WOS Festival x SON Estrella Galicia despedirase até a súa nova edición o domingo 14 co concerto de clausura, cuxa entrada inclúe o acceso aos directos de Grand River & Abul Mogard e de Masayoshi Fujita.


WOS Festival X SON Estrella Galicia

WOS Festival x SON Estrella Galicia é o festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal e festexará a súa oitava edición en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro. Ao longo de catro xornadas, o evento promovido pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY ofrecerá unha programación coidada, multidisciplinar e de notable calidade artística, na que participarán numerosas figuras recoñecidas internacionalmente en máis de dez espazos emblemáticos da cidade, desde teatros e igrexas ata clubes e lugares inesperados. O vindeiro mes de setembro, o WOS reactivará a cidade cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea.

O evento, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, e que nos Iberian Festival Awards obtivo Mellor Promoción Turistica 2018 e Mellor Festival Indoor Nacional 2023, conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco de Concertos do Xacobeo-, Deputación da Coruña, Concello de Santiago de Compostela, Goberno de España a través da INAEM e Acción Cultural Española (AC/E) a través do seu Programa para a Internacionalización da Cultura Española (PICE); ademais de Gadis e Fundación Japón, Madrid.


Entradas de día WOS Festival 2025 (xa á venda en dice.fm e ataquilla.com)

  • Thursday – Opening concert: Carme López, Tarta Relena.
  • Friday: Abdullah Miniawy, Carrier, Djrum, Los Thuthanaka, Purelink, Rainy Miller, Sara Persico & Mika Oki.
  • Friday Night – Sala Capitol: Carrier, Djrum, Los Thuthanaka, Purelink, Rainy Miller.
  • Saturday: aya & MFO, Batu, Beatrice Dillon, BFlecha b2b Mwëslee, CCL, Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, KAVARI, Klein, KUNTARI, Lord Spikeheart, Malandrómeda & Caamaño, Nazar, Niecy Blues, Objekt, Saint Abdullah with Eomac & Rebecca Salvadori, Simo Cell, ZULI.
  • Saturday Night – FLC: aya & MFO, Batu, Beatrice Dillon, CCL, KAVARI, Klein, Lord Spikeheart, Nazar, Objekt, Simo Cell.
  • Sunday – Closing concert: Grand River & Abul Mogard, Masayoshi Fujita.

Programación musical WOS Festival 2025

Abdullah Miniawy (estrea en España)
aya & MFO present hexed! (estrea en España)
Batu (estrea en Galicia)
Beatrice Dillon (estrea en Galicia)
BFlecha b2b Mwëslee
Carme López
Carrier presents Rhythm Immortal (estrea en España)
CCL (estrea en Galicia)
Djrum
Grand River & Abul Mogard present In uno spazio immenso (estrea en Galicia)
Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko present Гільдеґарда (estrea en Galicia)
Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez
KAVARI (estrea en España)
Klein (estrea en España)
KUNTARI (estrea en Galicia)
Lord Spikeheart (estrea en Galicia)
Los Thuthanaka (estrea en Europa)
Malandrómeda & Caamaño
Masayoshi Fujita (estrea en España)
Nazar (estrea en España)
Niecy Blues (estrea en Galicia)
Objekt
Purelink (estrea en España)
Rainy Miller presents Josehp, What Have You Done? (estrea en España)
Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori present A Forbidden Distance (estrea en España)
Sara Persico & Mika Oki present Sphaîra (estrea en España)
Simo Cell (estrea en Galicia)
Tarta Relena (estrea en Galicia)
ZULI presents Lambda (estrea en España)

20250826-NP-GAL-WOS-Festival-abonos-esgotados

Proxección da longametraxe +CUÑADOS no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresiencia da Deputacion de Lugo,  Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe +CUÑADOS, dirixida por LUIS AVILÉS, continuando así co CICLO MESTRE MATEO-2025 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta TERCEIRA proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o xoves 4 de setembro de 2025, ás 20:00 horas.

NOTA-INFORMATIVA-CUNADOS

Patricia Torrado Queiruga gaña o LI Certame Literario do Concello de Vilalba coa obra NAKBA

Imaxe da autora recollida do seu espazo na AELG. Autoría: Distrito Xermar (2022)

A obra da sonense Patricia Torrado Queiruga, que recibirá 7.000 euros e verá publicada a súa creación, foi a elixida polo xurado integrado por figuras de prestixio cultural e académico

O xurado do LI Certame Literario do Concello de Vilalba vén de facer público o seu ditame, proclamando como gañadora a obra Nakba, presentada baixo o lema “Coma quen lambe a ferida”, e cuxa autoría correspondeu á escritora e poeta Patricia Torrado Queiruga.

O certame, o máis antigo de Galicia e tamén un dos de mellor dotación económica, está recoñecido como unha das grandes citas da creación literaria no país. A gañadora desta edición recibirá un premio de 7.000 euros, ao que se suma a publicación da obra.

O xurado estivo composto por figuras de referencia do ámbito cultural e académico galego: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal; Luz Airado, avogada e poeta; e Andrea Fernández Maneiro, poeta e gañadora da edición anterior.

A alcaldesa Marta Rouco destacou “a importancia de manter vivo un certame que forma parte da identidade cultural de Vilalba e que é, ademais, un referente en toda Galicia polo seu prestixio e pola súa aposta decidida pola creación literaria”. Engadiu que “detrás destas cinco décadas de historia hai un compromiso claro co talento, a cultura e a palabra escrita”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura Mónica González puxo en valor a calidade da obra gañadora e da propia convocatoria: “o Certame Literario de Vilalba demostra ano tras ano a súa capacidade de atraer voces potentes e diversas do panorama literario galego. Este premio non só promove a creación, senón que tamén proxecta o nome de Vilalba”. 

A traxectoria da gañadora

Patricia Torrado Queiruga (Porto Son, A Coruña) é licenciada en Filosofía pola USC, museóloga e experta en conservación e restauración do patrimonio pola UAH, ademais de contar con mestrados en Xestión Cultural e en Relacións Públicas e Protocolo pola UPO.

A súa traxectoria literaria está avalada por numerosos recoñecementos, entre os que destacan:

  • Primeiro premio do Certame Manuel Murguía de narracións breves (2020).
  • Primeiro premio do III Certame de poesía Torre de Caldaloba (2020).
  • Primeiro premio no III Certame de Caligramas Constanza de Castro (2023).
  • Primeiro premio no XI Concurso de Poesía Albariza de Artes-Concello de Ribeira (2024).
  • Segundo premio no XXIX Certame Francisco Añón de Poesía (2025).

Ademais foi galardoada en varias ocasións nos Certames de Microrrelatos do Día do Libro de Vilalba, nos que acadou distintos premios entre 2019 e 2022, así como noutras citas literarias de relevancia.

Sen esquecer as súas colaboracións con artigos de opinión en espazos de información variados como La Voz de Galicia ou na súa sección DEMIURXIA en Culturalia GZ.

Imaxe das persoas integrantes do xurado no LI Certame Literario do Concello de Vilalba, acompañadas da alcaldesa Marta Rouco

*A información para realizar esta nova foi recompilada principalmente na web do Concello de Vilalba

Andanzas do Suso de Lameliña O RITUAL DO BARBEADO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RITUAL DO BARBEADO

Buck Mulligan, erguido sobre a torre Martello en Sandycove (Dublín), cunha cunca de barbear, un espello e unha navalla converte o acto cotián do afeitado nunha parodia da eucaristía. “Introibo ad altare Dei”, proclama, asumindo o papel dun sacerdote irreverente.

A non ser que queiramos deixar que a barba medre libremente, todos os homes acabamos por someternos a ese pequeno sacrificio que é o afeitado. Un acto de reafirmación pero tamén de lembranza do paso do tempo, de que todo cambia. A navalla borra as pegadas do día anterior e o espello vainos amosando engurras discretas, novas sombras, olleiras dunha noite sen durmir. Sinais que evidencian que cada mañá somos un pouco distintos.

Confeso que detesto afeitarme. Durante moitos anos permitin que a barba se apoderase do meu rostro, decidín non domesticala e acabou formando parte da miña personalidade. Unha mañá ao tratar de arranxala fóiseme a man e tiven que retirala por completo. Desde aquela non volvín deixala. Moitas veces o teño pensado, pero non soporto esa fase intermedia de tres ou catro días de pelo rebelde, sen identidade, que quere ser fraga pero é unha inmunda sombra. Obviamente, para chegar a ser barba florida hai que pasar esa fase. E non estou disposto.

Agora rasúrome cada dous días por recomendación do barbeiro. “Non é bo para a pel facelo todos os días; chega cada dous”, recomendoume coa sabedoría do seu oficio. Non sei se ten razón ou non pero fíxenlle caso. Cada vez que toca reencontrarme co rostro e borrar o que foi e preparar o que será e a espuma empeza a cubrir o meu rostro de branco, como unha máscara eucarística, lembrome do protagonista do “Ulises” enriba da torre Martello e repito mentalmente coma un mantra profano: “Introibo ad altare Dei”.

Porque, malia non ser do meu agrado, barbearse non só é cuestión de estética, é un ritual, un xeito de recoñecerse, de pasar por este mundo e, ás veces, de reconciliarse.

Intensa actividade cultural de fin de verán na Ulloa

No remate do verán a comarca da Ulloa acollerá distintas actividades culturais. O domingo 24 ás 18,30 presentarase en Monterroso o libro do poeta Marco García Vaquero Ulla, Ulloa, Ulloáns. Máis información en http://ieu.gal/presentacion-en-monterroso-do-libro-de-marcos-garcia-vaquero-ulla-ulloa-ulloans-24-8-2025/

En Palas de Rei terá lugar do 20 de agosto ao 6 de setembro a Mostra Internacional de Teatro Amador.

En Monterroso, do 22 ao 23 de agosto, celebrarase unha nova edición do Festival AGROCUIR DA ULLOA. (Programa en (https://festivalagrocuir.wordpress.com/)

En Albá, Santo Xusto e Coence (Palas de Rei), o 5 e 6 de setembro, o festival SON D´ALDEA. (Inscricións e programa en  https://sondaldea.es/).

E non esquecer que a Fundación Eira da Xoana organiza o 23 de agosto unha Homenaxe ás vítimas da represión, sen Altri  (https://eiradaxoana.gal/).

En cambio este ano non se poderá desfrutar dunha das citas fundamentais do verán da Ulloa, o FESTIULLOA. Agárdase que Quercus Sonora o retome para o ano próximo, salientando todo o que esta asociación de Antas de Ulla fai pola cultura e a conservación do patrimonio natural da Ulloa.

Presentación do libro ULLA, ULLOA, ULLOÁNS, de Marco García Vaquero, no Centro Sociocultural de Monterroso

O domingo 24 de agosto ás 18,30 h presentarase, no salón de actos do Centro sociocultural de Monterroso, o libro ULLA, ULLOA, ULLOÁNS, editado pola Editorial Medulia e que abrangue 17 poemas de poemas do poeta monterrosino residente en Irlanda Marco García Vaquero.
Na presentación intervirán o autor, Xosé Luis Santiso, Jesús Otero Calvo, Esperanza Díaz, Alba García e Francisco Pardo. Contarase coa actuación musical da Escola Infantil de Gaitas de Falcatrueiros.

Máis información en http://ieu.gal/presentacion-en-monterroso-do-libro-de-marcos-garcia-vaquero-ulla-ulloa-ulloans-24-8-2025/