O GRUPO ESTREA O TEMA DESPOIS DE SUBIRSE AO ESCENARIO DE VARIOS DOS GRANDES FESTIVAIS GALEGOS ESTE VERÁN
Pasado e futuro danse a man no novo sinxelo da banda galega Rager, Estou na lavadora. Esta reedición do mítico himno da banda ponteareá O Caimán do Río Tea, conecta dúas xeracións bastante alonxadas baixo un mesmo elemento, a lembranza e homenaxe ao Xabarin Club. Desta maneira, o grupo pontevedrés trata de deixar a súa pegada no tema sen perder a esencia orixinal que marcou a tantos galegos. Con este lanzamento, a banda celebra un verán inmellorable, tras a súa presencia nalgúns dos maiores festivais de Galicia, como son SonRías Baixas ou BIGOSUND Pontevedra, onde amosaron que son unha das caras máis prometedoras da escena emerxente galega.
Pese á súa xuventude, todas as persoas integrantes de Rager lembran ver e medrar co mítico programa infantil e xuvenil da Televisión de Galicia, para quenes foi un auténtico privilexio darlle outra nova vida a unha das cancións galegas máis míticas. Como apunta a banda, reconstruír este tema para darlle o seu toque máis persoal foi moi sinxelo e fluído, tendo en conta que os arranxos ao tema foron moi naturais.
Esta versión cociñouse arredor do filme documental Bravú XXX, realizado por Nós Televisión, no que se puxo en valor e conmemorou os 30 anos do Rock bravú galego. Esta adaptación da banda foi a encargada de abrir a peza conducida por unha das figuras máis históricas do xénero, Xurxo Souto. O grupo destaca o importante que foi coincidir e falar tanto con Xurxo como a súa banda, Orquestra Bravú Xangai, cos que compartiron escenario no Culturgal, e dos que extraen o apoio e a motivación que sentiron ao convivir e entablar relación con eles.
PRÓXIMAS DATAS EN DIRECTO
26/09 · Festival Psicotroita · Sigüeiro
MÁIS SOBRE RAGER
Rager é a voz das xeracións futuras. Coa súa mestura visceral do rock e o punk coa electrónica, a banda galega emerxe como unha das figuras máis prometedoras do panorama musical actual. Con rabia, reivindicación e enerxía, a banda érguese como estandarte das novas xeracións cun discurso e idioma propio que busca dar de que falar e escoitar a quen se atreva. Combatividade, identidade e guitarras para alzar a voz dende o inconformismo, aportando e enriquecendo unha escena emerxente con tendencia ao urbano e cada vez máis lonxe dos riffs, os berros e a mentalidade crítica.
Nacida en 2022, a banda dá os seus primeiros pasos cunha firmeza que rápido as posiciona como unha das grandes figuras da nova fornada de promesas da música en galego, chamando a atención de estandartes como Xurxo Souto, lenda do rock bravú galego, co que colaboraron participando no seu documental Bravú XXX.
Con xa numerosos concertos por Galicia ás súas costas, saltando incluso a fronteira ata Portugal, a banda encara un 2026 no que xa pisaron varios dos festivais máis importantes de Galicia, compartindo cartel e escenario con artistas estatais e internacionais. Desta maneira, chegan para amosar que con personalidade e dende as marxes tamén se pode desenvolver unha carreira musical, recollendo ese futuro prometedor para convertelo nunha realidade. A agrupación está a traballar no estudo para que este ano poida ver a luz o seu primeiro traballo discográfico.
A saída de Vilalba, dende os arredores da Casa da Cultura, producirase ás 9:00 horas. A continuación, viaxe Vilalba–Vilasantar para dende A Ponte do Sapo dar comezo ao recorrido da RUTA DOS MUÍÑOS DO REGO DAS GÁNDARAS,acompañados nesta ocasión por Xosé Manuel Felpeto e Xesús Bermúdez, sempre con interesantes e atinadas observacións.
Nesta 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, a Rúa dos Contos volverá converter bares, cafés e outros espazos cotiáns en escenarios para a palabra, o humor, a improvisación e a retranca, con propostas como ¡Por fin me voy!, a despedida escénica de Carles Sans, fundador de Tricicle, que celebra 45 anos de traxectoria; As ben dadas, de Atenea García, que recupera con humor as historias das disidencias sexuais en Galicia; A historia vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos, unha irreverente viaxe pola representación do corpo feminino ao longo da historia; Pequenos pero faltóns, de Adrián do Regenco e Pablo Alvite, sobre as contradicións da vida cotiá desde a nova retranca galega; e El Famoso Trino, que leva ao escenario a súa sátira viral das falsas noticias. A programación complétase con historias da memoria oral de Galicia da man de Carmen Conde, a poesía acústica con Lúa Mosquetera e o humor imprevisible de Josito Porto, ademais da improvisación de Fábrica de Impro e a sesión musical de DJ Maikel.
Por outra bada, as persoas asociadas da Asociación Telón e Aparte poden mercar xa, tamén desde hoxe luns, 14 de setembro, os seus bonos para o Programa de Sala do #FIOT35.
Mentres, o público xeral, poderá facerse cos seus bonos de Sala a partir deste venres, 18 de setembro, ás 10.00h, momento no que tamén sairán á venda as entradas soltas de Sala e do resto das seccións do festival (OTNI, Fiot en Ruta, etc.).
No programa de Sala do #FIOT35 poderémos gozar con nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Andrés Lima,Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir:
O London Spanish Film Festival acollerá unha nova edición desta sección organizada polo Galician Film Forum que incluirá a estrea británica de As liñas descontinuas, a proxección de Rondallas e cinco recentes curtametraxes
O cinema galego volverá ter unha presenza destacada no XXII London Spanish Film Festival (LSFF) coa cuarta edición de Letters from Galicia, unha sección organizada polo Galician Film Forum (GFF) que achega ao público británico unha selección da creación audiovisual galega recente. A programación desenvolverase entre os días 18 e 21 de setembro en diferentes espazos de Londres e incluirá a proxección da longametraxe Rondallas, unha sesión dedicada á curtametraxe galega contemporánea e a presentación de As liñas descontinuas.
Letters from Galicia está organizada polo Galician Film Forum e conta co financiamento derivado da colaboración establecida entre o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, no marco de Xacobeo 2027. A iniciativa conta, ademais, co apoio de Abanca.
A sección abrirase o venres 18 de setembro ás 20:30 horas (UK) en Riverside Studios, coa proxección de Rondallas. A película, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo e protagonizada, entre outros, por Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas, sitúase nunha pequena vila mariñeira galega marcada polo naufraxio dun pesqueiro e narra o proceso polo que a comunidade recupera a súa rondalla como espazo de encontro, ilusión e esperanza. A longametraxe combina comedia e drama arredor da capacidade dunha comunidade para sobrepoñerse á perda.
Cinco curtametraxes galegas
O domingo 20 de setembro ás 15:50 horas (UK), no Ciné Lumière II, terá lugar a sesión Short Letters from Galicia, dedicada á curtametraxe galega. A programación reúne cinco obras recentes que ofrecen unha panorámica da diversidade temática, estética e autoral do audiovisual galego contemporáneo: As maos da pulpeira (2025), de Silvia Cachafeiro; Alboroque (2025), de Sabrina Fernández; Escala un cincuenta mil (2026), de Ángel Suanzes; O corpo de Cristo (2025), de Bea Lema; e Cara de cona (2026), de Guillermo de Oliveira.
Esta selección de curtas dá continuidade ao labor do Letters from Galicia como espazo de exhibición internacional para novas voces e para unha cinematografía galega que nos últimos anos está a ampliar a súa presenza en festivais e circuítos internacionais.
As liñas descontinuas, con coloquio coa protagonista Mara Sánchez
A programación galega no London Spanish Film Festival pecharase o luns 21 de setembro ás 18:15 horas (UK), no Ciné Lumière I, con As liñas descontinuas (2025), de Anxos Fazáns. A película, protagonizada por Mara Sánchez, Adam Prieto, Ana Fornéas e Mónica García Cadahía, terá a súa estrea no Reino Unido e, ao remate da proxección, o público poderá participar nun coloquio con Mara Sánchez, actriz protagonista, moderado por Adriana Páramo, responsable do GFF.
Esta nova edición de Letters from Galicia consolida así a colaboración entre o Galician Film Forum e o London Spanish Film Festival, creando un espazo estable para a difusión internacional do audiovisual galego e para o encontro entre profesionais, creadoras e creadores e público británico.
Sobre o Galician Film Forum
En 2015 un colectivo de galegos residentes en Londres puxo en marcha o Galician Film Forum (GFF), coa intención de promover e visibilizar o cinema galego na capital do Reino Unido. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega.
Escala en cincuenta mil fotogramasAs maos da pulpeiraAlbaroqueCara de cona
PALCO é o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, que terá lugar do 3 ao 5 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese para o sector musical repartidos pola cidade
Este primeiro encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado por AGEM e a Xunta de Galicia, nace como un espazo creado para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita na nosa comunidade
Toda a información sobre PALCO e a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, pode consultarse en www.palco.gal
As inscricións profesionais, que permitirán o acceso á programación de PALCO no Museo Gaiás, con mesas de traballo, charlas e obradoiros, reunións rápidas, pitchings e encontros, así como ás actuacións da programación artística en diferentes salas de concertos de Compostela, poden realizarse desde hoxe mesmo en www.palco.galPola súa banda, a convocatoria de presentacións breves ou pitchings de PALCO, para participar en presentacións breves de propostas vinculadas á industria musical, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades para todos os participantes, pecha este mesmo xoves, 10 de setembro
Desde esta mañá, están xa abertas as inscricións profesionais de PALCO, o primeiro punto de encontro da industria musical que este outono se celebrará en Galicia. Estas inscricións profesionais permitirán o acceso á programación da iniciativa no Museo Centro Gaiás de Compostela, con mesas de traballo, charlas e obradoiros, reunións rápidas, pitchings e encontros, así como ás actuacións da programación artística que se desenvolverá en diferentes salas de concertos de Santiago. As inscricións poden realizarse desde hoxe mesmo na páxina web oficial www.palco.gal.
PALCO é o primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado pola Asociación Galega das Empresas Musicais(AGEM) e a Xunta de Galicia. Terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 5 de novembro e reunirá a profesionais da industria musical arredor dunha programación pensada para compartir coñecemento, descubrir proxectos, atopar novas conexións e facer que xurdan oportunidades.
Pola súa banda, a convocatoria de presentacións breves ou pitchings de PALCO, para participar en presentacións breves de propostas vinculadas á industria musical, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades para todos os participantes, pechará este mesmo xoves, 10 de setembro.
QUE É PALCO?
Este outono, Galicia conectará á industria musical co nacemento de PALCO, o primeiro –e pioneiro– encontro sectorial da música na comunidade, impulsada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia.
PALCO celebrarase en Santiago de Compostela ao longo de tres días, do 3 ao 5 de novembro de 2026, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese repartidos pola cidade. Este punto de encontro da industria musical celebrado en Galicia nace coa idea de aportar visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego. E, tamén, coa fin de favorecer conexións e oportunidades para a música feita en Galicia, fomentando as relacións entre artistas, empresas, programacións e institucións, así como xerando contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento.
PALCO quere impulsar, do mesmo xeito, a presenza da música galega, abrindo novas redes e espazos de traballo conxunto, ademais de reforzar Galicia como territorio de creación e de industria. Como apuntan desde a organización: “PALCO nace nun contexto propicio e oportuno, xa que a música galega leva anos demostrando a súa capacidade para emocionar, innovar e chegar cada vez máis lonxe. A música en Galicia vive un dos momentos máis fértiles da súa historia grazas ao talento dos seus artistas e ao traballo dunha comunidade profesional que impulsa, acompaña e fai posible que a música suceda”.
Destacan, tamén, que “Galicia conta cun ecosistema musical vivo, creativo e profesional. Un territorio cunha identidade propia, cunha rede de salas esencial para a súa actividade cultural, con festivais de referencia e con proxectos capaces de dialogar co local e co global. A Xunta de Galicia xunto a AGEM e os axentes do sector impulsan PALCO para reunir esta fértil realidade”. Deste xeito, PALCO nace como un espazo para compartir coñecemento, activar relacións profesionais, presentar proxectos e impulsar novas vías de colaboración.
Durante tres días, do 3 ao 5 de novembro 2026, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical –principalmente a galega– conversará e se proxectará, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro. Toda a información da iniciativa pode consultarse n páxina web oficial www.palco.gal.
EQUIPO ORGANIZADOR DE PALCO
PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado por AGEM –entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo– e a Xunta de Galicia. Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da película documental AO SON DA NOVA REGUEIFA, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, continuando deste xeito co CICLO MESTRE MATEO-2026 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIV PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta cuarta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o domingo 13 de setembro de 2026, ás 20:00h.