O venres 4 de abril ás 19:30 h na Galería NÉBOA, en Lugo, celebrarase a inauguración da exposición individual Cando a paisaxe se fixo verba, de Christian Villamide (Lugo, 1966), comisariada por Paula Cabaleiro.
A mostra, aberta ata o 31 de maio, aborda a arte como medio para cuestionar a crecente desconexión entre o ser humano e a natureza, destacando a paisaxe como unha construción cultural que reflicte a nosa forma de vivir e entender o mundo.
O proxecto critica como o progreso e o capitalismo transformaron o natural nun espazo de conflito, onde a materia se converte nun campo de batalla e o poder asóciase á destrución do entorno. Neste contexto, a obra de Christian Villamide preséntase como un chamamento á reflexión e á recuperación da contemplación e do respecto pola natureza. A través de pezas escultóricas que reconfiguran materiais, o artista denuncia a transformación da paisaxe nun símbolo do sometemento humano e convida a repensar a nosa relación co medio natural antes de que sexa demasiado tarde.
Durante a inauguración ofrecerase un aperitivo por cortesía de Gandería Quintián e Adegas e Viñedos Lareu.
A arte como soporte para o cuestionamento. A paisaxe como construción cultural, como terreo simbólico no que configuramos a nosa maneira de estar no mundo. O natural, hoxe espazo para o conflito e a barbarie. A materia e o material como campo de batalla. Existe algunha esperanza para rachar co desapego? Perdura algunha posibilidade de suturar a ferida? Aínda podemos accionar dende a fenda, que cada vez máis dilata a distancia que se interpón entre nós e a natureza que acubillou a nosa orixe? Sometémola, baixo formigón e pseudointelectualidade. Unha e outra vez, con pegada irreversible.
Progresamos (ou non) baixo a forma da indiferencia, perdendo a curiosidade primixenia por descubrir e sentir, pavimentando sendas para que o capitalismo voraz sexa dono e señor do “imperio do primeiro mundo”, dunha sociedade cada vez máis egoísta, adormecida e, en boa medida narcisista, preocupada só por manter(se) parte ou preto do poder. Pero, que é o poder? O poder preséntase hoxe como a fin de todas as selvas, como o exterminio do natural. Como o último poema. O poder é a morte que temos por diante.
A obra de Christian Villamide (Lugo, 1966) sempre é unha chamada á reflexión, unha vindicación para espertar a emoción ante a barbarie, na procura dunha volta á contemplación, á valoración da natureza e da contorna, á convivencia dende o respecto. Dende a memoria dos materiais e a pegada do tempo sobre estes, o artista constrúe pequenos artefactos que nos interpelan, que nos remiten a novas realidades posibles, que nos fan reflexionar sobre o modo en que habitamos o territorio. Paisaxes de-construídas ou (re)construídas se alzan ante nós, a partir de materiais atopados, refugallos industriais ou retallos orgánicos, desvelando novos relatos a través de pequenos simulacros, experiencias estéticas, que xogan entre a linguaxe, o concepto e a evocación. Pode unha sombra debuxar unha montaña? É posible atisvar novos horizontes ensamblando coidadosamente anacos de madeira, pedra e cemento? Pode emerxer a vida, encofrada entre lindes de formigón e asfalto?
“Cando a paisaxe se fixo verba” é unha toma de conciencia cara a resignificación do termo paisaxe,superando a contemplación romántica de artistas e viaxeiros ante a inmensidade da natureza, na procura sempre do sublime, para adentrarse agora nunha nova interpretación, cun carácter complexo, múltiple e variable. Onde no “pasado” discorrían os montes, as chairas e os ríos, “onte” foron o cultivo, a conquista e a civilización ós que asentaron os alicerces da verba “paisaxe”, no seo da acción de construír as novas sociedades contemporáneas. Así, “paisaxe” é un termo cultural, é a natureza racionalizada, pensada e conceptualizada, sendo o resultado da interacción no tempo das persoas e o medio natural. A súa expresión é hoxe un territorio percibido e valorado polas súas cualidades culturais, produto dun proceso e soporte da identidade dunha comunidade. Somos paisaxe. Cada vez máis. Malia que tamén somos natureza, aínda que cada vez menos.
Christian Villamide pon en valor aquilo que tamén é paisaxe, rescatando da ocultación e do velado a “maleza”, esa natureza mínima que agroma ante a adversidade. Semella fráxil, máis sobrevive ante o conflito e a especulación, ignorando un mundo sobrevido de pobreza e destrución enerxética e ecolóxica. O orgánico e o natural vese encofrado, tensionado, lapidado, soportando sobre a súa fisicidade toda a presión e a hostilidade do artificial, do industrial, do intelectual. O peso e a lacra do pseudo-progreso. O artista presenta paisaxes acotadas (e afogadas), unha sorte de paraísos prefabricados na procura do mellor ornamento das novas cidades, etiquetadas como sustentables, nun alarde de supremacía e superioridade moral dun capitalismo patriarcal salvaxe.
Pero non se confía plenamente ao desalento e á desesperanza. O traballo de Villamide sitúase (e sitúanos) sempre nunha investigación e nun escudriñamento contínuo, perseguindo a beleza e rastreando a evocación en cada trazado, en cada xesto. Nesa construción cultural da paisaxe, nesa articulación das imaxes mentais, esa natureza pensada e reflexionada articúlase linguaxe. As liñas que debuxan o horizonte connotan verbas, frases, expresións. É a contemplación, á que o artista insiste en volver como último salvoconducto para a supervivencia do ser humano, a que fai emerxer as palabras e o pensamento crítico. Pensámonos na paisaxe, reflexionámonos nesas reverberacións da natureza perdida, nesa contorna primixenea que vemos esmorecer hoxe nas nosas sociedades anestesiadas. Só esa necesidade emocional de seguir formando parte dela pode ser a súa salvagarda. En, en definitiva, tamén a nosa salvagarda.
Christian Villamide profundiza nesta mostra na cruel distancia co natural. Visibiliza esa fenda, cada vez máis insalvable, que me fai lembrar esa magnífica intervención de Doris Salcedo na Tate Modern realizada en 2007: “Shibboleth”. Esa profunda greta de 167 metros que simbolizaba o gran burato que existe entre a humanidade e a falta de humanidade, hoxe cobraría novos significados, rezumando os actuais conflitos bélicos (inimaxinables fai máis dunha década), as reiteradas vulneracións dos dereitos humanos, o maltrato aos fluxos migratorios, a devastación dos bosques e das selvas, a explotación salvaxe dos recursos naturais, o negacionismo ante o cambio climático e un longo etcétera que debuxa un presente e un futuro (se aínda existe) profundamente desolador. As pezas escultóricas de Villamide rescatan refugallos para tratar de esbozar posibles futuros utópicos, novas paisaxes reflexivas, agardando algunha reacción da especie humana. O escombro se descontextualiza para dignificar materiais e volverse verba, poesía e reflexión. As cartografías e os planos transfórmanse en espazos de exploración, evidenciando a intervención e a planificación premeditada para o sometemento humano, nesa procura de racionalizar os espazos naturais, de aplicar lindes e barreiras, de conter e dirixir o crecemento. Villamide visibiliza así as malas praxes das sociedades contemporáneas, clamando unha volta urxente á reflexión e ao sentido común, ao respecto, nun acto necesario para recondurir a palabra e o pensamento cara o rescate do natural.
Pode ser a última oportunidade, para mudar a nosa forma de habitar o mundo e para reivindicarnos parte del, antes da fin de todas as selvas.
Christian Villamide (Lugo, 1966) é un artista multidisciplinar. A súa obra aborda a interacción entre o mundo natural e o artificial, explorando a transformación da paisaxe e as contradicións do ser humano en relación coa súa contorna. A través da pintura, a fotografía, a escultura e as instalacións, constrúe unha reflexión visual sobre o equilibrio entre a natureza e a súa alteración pola man do home.
Villamide traballa con diversos materiais e soportes, como mármore, madeira, ferro, cemento ou metacrilato, creando composicións que desafían a percepción tradicional da paisaxe. O crítico Antón Castro describe o seu traballo como “unha expansión do concepto de pintura cara a un espazo de comportamento máis real, onde os sentidos e as emocións se integran na experiencia artística”.
O seu proxecto artístico, con influencias do conceptualismo, busca establecer unha comunicación tanto social como íntima co espectador, evidenciando o crecente desapego emocional e intelectual co espazo natural. A súa obra invita á reflexión sobre a supervivencia da natureza, a súa vulnerabilidade e forza, nun contexto de sobreexplotación e cambio constante.
Entre as súas exposicións individuais máis recentes destacan “Maleza” (Fundación RAC, Pontevedra, 2023), “In Landscape Mode” (CGAC, Santiago de Compostela, 2019), “PERturbacións” (CAB, Burgos, 2019), mostra site-specific comisariada por Javier del Campo, “Hortus Conclusus” (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2018) e “A Paisaxe contra a Parede” (Museo Provincial de Lugo, 2016).
A súa obra estivo presente en numerosas mostras colectivas, bienais, feiras e certames, destacando a súa participación na “XXXII Bienal de Arte de Pontevedra” (Pontevedra, 2025), “Simultánea” (A Fundación Vigo e Lugo, 2024), “JustMad” (Madrid, 2023), “Art Madrid” (Madrid, 2018), na “II Bienal de Canarias, Arte Paisaxe y Arquitectura” (Círculo de Bellas Artes, Tenerife, 2009) e na exposición “Foron Novísimos” (Centro de Arte Torrente Ballester, Ferrol, 2003). Ademais, recibiu varios premios e bolsas de creación e participou en diversos programas de residencia artística en diferentes puntos de España, e a súa obra forma parte de coleccións de entidades públicas e privadas como o Centro de Arte CAB – Fundación Caja de Burgos, MAC (A Coruña), a Colección Caja Canarias (Gran Canaria), Afundación, Caja Madrid, a Delegación de Cultura de Lugo, o Museo Municipal de Ourense, a Fundación de Arte Ana Torre (Buenos Aires), a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e o Museo Provincial de Lugo.
Sabela, LODE e Soulmacklein súmanse ao lineup de BIGSOUND Pontevedra, completando unha edición inaugural que reunirá o mellor da música urbana nacional e internacional.
BIGSOUND Pontevedra completa o seu espectacular cartel con tres artistas galegos que representan a nova onda de talento local: Sabela, LODE e Soulmacklein. Estas incorporacións súmanse a Tanxugueiras, o grupo galego más destacado do momento, para poñer en valor o talento da terra. Con esta aposta, o festival non só reforza o seu compromiso coa escena urbana global, senón que tamén impulsa e visibiliza as voces emerxentes do panorama galego. Ademais, desvélase por fin o cartel por días, confirmando así a programación que transformará o Parque de Tafisa os días 11 e 12 de xullo de 2025 no epicentro da música urbana en Galicia.
NOVAS INCORPORACIÓNS: RAÍCES E FUTURO DO URBANO EN GALICIA
LODE Cunha proxección imparable, LODE converteuse nunha das grandes promesas do xénero urbano nacional. Desde Narón, o cantante, compositor e bailarín conquistou ao público coa súa mestura de sons actuais e baile. Tras o seu paso por La Voz ou El Hormiguero, prepara un novo EP que presentará este ano na sala Capitol de Santiago de Compostela. En BIGSOUND Pontevedra, promete un directo vibrante que redefinirá o xénero urbano desde Galicia.
SABELA Referente da escena pop-electrónica galega, Sabela chega a BIGSOUND como a gran embaixadora dun son que triunfa no panorama musical actual. Con éxitos comoHi, My Love ou Eu Espero Aquí, producidos xunto ao aclamado produtor Ed Is Dead, a artista presenta en 2025 un novo EP co que inaugura unha etapa na que aposta por un son máis internacional mantendo presentes as súas raíces.
SOULMACKLEIN Pioneiro do hip hop galego e membro fundador do mítico grupo Delahoja,Soulmacklein representa a memoria viva da música urbana feita en Galicia. Tras colaboracións icónicas xunto a Soprano ou Cypress Hill e actuacións históricas como a do Camp Nou ante case cen mil asistentes, está inmerso na súa carreira en solitario, lanzando o seu LP en solitario Welcome to la Isla e preparando novos traballos discográficos para 2025. O festival será unha oportunidade para descubrir a súa evolución artística.
CARTEL COMPLETO POR DÍAS: TODO O QUE VIVIRÁS O 11 E 12 DE XULLO
Venres 11 de xullo
A xornada inaugural de BIGSOUND Pontevedra será unha auténtica celebración do pop urbano, o reguetón e a fusión latina. Grandes estrelas internacionais como Nicky Jam e Maria Becerra compartirán escenario con referentes do panorama nacional como Juan Magán, Abraham Mateo, Cali y El Dandee e Marc Seguí. O talento emerxente tamén brillará con nomes como DePol, Luck Ra e Sabela, mentres que a potencia da mestura entre música tradicional galega e a modernidade farase presente da man de Tanxugueiras, nunha noite que promete enerxía, emoción e unha conexión única co público.
Sábado 12 de xullo
A segunda xornada ofrecerá unha proposta máis diversa e alternativa, combinando sons urbanos globais con novas voces do pop, o trap e o rap. O carisma de Rels B e a versatilidade de Omar Montes compartirán protagonismo coa sensibilidade deAmaia e o debut en solitario de Leire Martínez. Completan o día artistas comoJulieta, La Zowi, María Escarmiento, Ptazeta, Juanjo García DJ, e os galegosLODE e Soulmacklein, nunha xornada que poñerá o broche perfecto ao festival.
UNHA EXPERIENCIA MOITO MÁIS QUE MUSICAL
Organizado por BS Entertainment e PlayPlan, en colaboración co Concello de Pontevedra, BIGSOUND Pontevedra busca non só emocionar a través da música, senón tamén xerar un impacto positivo a nivel cultural, económico e social na rexión. Esta primeira edición será un punto de encontro para artistas, marcas, institucións e público, nunha contorna segura, sostible e inclusiva.
___ ENTRADAS ___
A conta atrás comezou e a música está a piques de escribir un novo capítulo inesquecible. Non te quedes fora do evento do ano en Galicia. Consegue os teus abonos e entradas por día enbigsoundfestival.com.
Cartel venres 11:
Nicky Jam, Maria Becerra, Juan Magán, Abraham Mateo, Cali y El Dandee, DePol, Luck Ra, Marc Seguí, Sabela, Tanxugueiras, convidado sorpresa.
Cartel sábado 12:
Rels B, Omar Montes, Amaia, Julieta, La Zowi, Leire Martínez, LODE, María Escarmiento, Ptazeta, Juanjo García DJ, Soulmacklein.
O salto, imprescindible. Para vencer os muros que ergue o medo. Para fuxir da mediocridade que supura deste odio vixente.
O salto, inevitable. Para brincar entre a inconsciencia, o desvarío, a barbarie naturalizada.
O salto, necesario. Para respirar entre a violencia que nos cospen, para esquivar os trapos que nos impoñen.
Agardamos onde houbo fiestra. Cuestionamos para a medra, sentimos para que resista o alento que nos queda. Amamos para que teña sentido o latexo entre a tormenta. Saltamos, saltamos sempre, aínda, na procura da beleza.
A ASEMBLEA XERAL DO IESCHA ELIXE A NOVA XUNTA DIRECTIVA E APROBA A MEMORIA-24, O PLANO DE ACTIVIDADES-25, O BALANCE ECONÓMICO-24 E O ORZAMENTO-25
Na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada este xoves, 27 de marzo de 2025, aprobáronse por unanimidade das persoas asistentes: a memoria de actividades do ano 2024, así como o plano de actividades previsto para o exercicio 2025. Do mesmo xeito, recibiron o respaldo dos asistentes o balance económico correspondente ao pasado ano e o orzamento para o presente exercicio.
Na Asemblea Extraordinaria, que se levou a cabo a continuación, procedeuse á elección da nova Xunta Directiva. A candidatura presentada formada por
CARGO
NOME E APELIDOS
PRESIDENTA
Mª Luisa Barreiro Mejuto
VICEPRESIDENTA
Sabela Figueira Tenreiro
SECRETARIO
Arturo Gómez Mato
VICESECRETARIO
Xosé M. Felpeto Enríquez
TESOUREIRO
Manuel Castro Santamariña
VOGAL
Manuel Roca Cendán
VOGAL
Constantino Alvite Muinelo
VOGAL
Jesús Trastoy Saavedra
VOGAL
Alfonso Baamonde Fernández
VOGAL
Rebeca Leal Eimil
VOGAL
Iria Currás Gato
foi respaldada por aclamación das persoas asistentes, reflectindo o consenso e apoio das socias e socios ao equipo que dirixirá a entidade nos próximos catro anos.
A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, en nome da nova Xunta Directiva, agradeceu a confianza depositada e comprometeuse a traballar na consolidación dos proxectos en marcha, así como na implementación de novas iniciativas que permitan fortalecer a actividade da organización, expresando o firme compromiso de continuar traballando polo fortalecemento e a difusión da cultura chairega, en particular, e galega, en xeral, mantendo o espírito de colaboración e esforzo que caracterizou ao Iescha durante estes 25 anos de existencia, cuxa conmemoración estará tamén presente no plano de actividades aprobado.
Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, un chamado á recuperación da memoria colectiva e contra o tempo arrebatado pola guerra
O segundo avance do universo Hibernarse preséntase como un acto de resistencia. “Fronte á historia oficial, só fica a memoria”, recorda o dúo
Parte da melodía de Quebrantarse está inspirada no Romance do Comandante Moreno interpretado por Severina Murias e inclúe versos de García Lorca
Quebrantarse, o segundo fascículo do EP Hibernarse de Fillas de Cassandra, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. A nova entrega do dúo vigués versa sobre o tempo fragmentado pola guerra. A intención de María SOA e de Sara Faro non é outra querecuperar a memoria colectiva fronte a unha liña temporal marcada pola historia oficial e poñer voz a unha ferida que segue aberta.
Quebrantarse agroma da memoria persoal e familiar, mais tamén da colectiva e universal. Preséntase como unha conversa entre dous amigos que, caídos en bandos enfrontados durante a Guerra Civil, e sendo vítimas dun sistema que os condenou a unha violencia que non escolleron, se despiden ante a inminente morte dun deles ás mans do outro. “Cóntame o teu segredo / cóntamo, que eu xa mo sei”, canta Fillas de Cassandra sobre unha verdade que non precisa ser dita: os dous amigos saben o destino que os agarda, mais poñelo en palabras significa darlle forma ao horror.
Parte da melodía deste Quebrantarse inspírase no Romance do Comandante Moreno, segundo a versión que interpreta Severina Murias, unha elección que entronca coa idea que Fillas de Cassandra quere poñer en valor: o papel da muller na transmisión da tradición oral galega, onde a música foi un vehículo de resistencia e memoria colectiva. Ao fío, Sara Faro e María SOA incorporan a gaita (Adrián Méndez, De Ninghures) á instrumentación do tema para unilo, precisamente, coa zona da Fonsagrada (lugar onde teñen lugar os feitos que Severina relata).
A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, acompáñase tamén do son do remexer da terra e muda o compás final, deixándoo en suspensión, como metáfora do apremio da morte. E no retrouso do tema, o dúo recupera versos de Yerma, de Federico García Lorca: “E sostén este corpo de terra / até o branco xemido da alba”.
Desde xeito, e nesta segunda entrega de Hibernarse, Fillas de Cassandra aborda a fragmentación do tempo a través da perda da memoria colectiva. “Fronte ao tempo da historia oficial, só fica a memoria. A Guerra Civil e as súas feridas foron relegadas a un pasado edulcorado ou silenciado, convertendo os eventos en imaxes descontextualizadas que afastan as xeracións actuais da súa realidade”, explica o dúo vigués, que aposta por poñer voz a unha ferida que segue aberta.
Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra
Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempoa través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dará a coñecer, semanalmente, desde o 20 de marzo ata xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
A través deste proxecto, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír á man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo converte en reflexivos verbos que non o son para se observaren desde ángulos non explorados até o de agora.