Fillas de Cassandra dará a coñecer ao vivo Hibernarse en dúas presentacións que terán lugar o 27 e 28 de xuño en Vigo e A Coruña
As citas terán lugar no MARCO e na Fundación Luis Seoane da man da Fnac; e o acceso aos directos será a través dun convite que se poderá retirar proximamente nas tendas da cadena nas dúas cidades
As compradoras que adquiriron o disco-fanzine na páxina web de Altafonte durante o período de prevenda recibirán un correo con información para poder acceder a estes eventos
Hibernarse é un proxecto multiformato que reflexiona sobre a construción social do tempo: o seu núcleo é un EP con catro temas que se acompaña dun videofilme, dun fanzine, dunha colección de xoias da man de Toda Frágil e doutras propostas que o dúo desvelará nos ‘showcases’
Fillas de Cassandra dará a coñecer o seu novo EP, Hibernarse, en dúas presentacións exclusivas que terán lugar en Galicia contra final deste mes de xuño, concretamente o venres 27 e o sábado 28. Estes ‘showcases’, organizandos dentro da iniciativa Noite no museo con Fnac, celebraranse en dous recintos museísticos dedicados á arte contemporánea, como son o MARCO de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.
Para poder acceder a estas presentacións, nas que as artistas actuarán e darán a coñecer polo miúdo, e desde a proximidade, o proceso de creación do seu último traballo, o público poderá conseguir os seus convites nas tendas que a Fnac ten en Vigo e na Coruña. Nas vindeiras semanas, tanto a través da cadena como dos perfís das artistas nas redes sociais, daranse a coñecer os detalles do proceso.
Ademais, todas aquelas persoas que adquirisen o pack conformado polo vinilo e o fanzine de Hibernarse na prevenda a través da páxina web de Altafonte, tamén terán opción de acceder a estas dúas presentacións exclusivas. A discográfica porase proximamente en contacto coas compradoras a través do correo electrónico.
A primeira das dúas presentacións terá lugar, como non podería ser doutro xeito, na cidade natal de Fillas de Cassandra. O MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo celebrará o 27 de xuño, a partir das 21.00 horas, unha Noite no Museo, na que María SOA e Sara Faro interpretarán os catro temas do novo EP –feito a man, arderse, quebrantarse e hibernarse-, ademais de conversar co público sobre o proceso creativo do disco, as temáticas e todo o universo do que se compón Hibernarse: alén do EP e do fanzine, do seu videofilme, da colección de xoias elaborada por Toda Frágil, e unha nova sorpresa que se dará a coñecer esa mesma noite.
Ao día seguinte, Fillas de Cassandra viaxará á cidade da Coruña para presentar o seu último álbum na Fundación Luis Seoane. Así, o sábado 28 de xuño, desde as 20.00 horas, nestaNoite na Fundaciónas e os asistentes poderanse achegar e coñecer, de perto, a nova obra de Sara Faro e María SOA.
Hibernarse
Hibernarse é un proxecto multiformato e singular que versa sobre a construción social do tempo a través de distintas disciplinas artísticas. Un EP, un videofilme, un fanzine, unha colección de xoias (creada da man de Toda Frágil) e outras sorpresas -que se darán a coñecer nos ‘showcases’- conforman un universo no que María SOA e Sara Faro fan un chamado sobre a pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
O novo traballo discográfico de Fillas de Cassandra, producido por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e por elas mesmas, é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado devagar polas artistas, que irromperon con forza no panorama musical galego coa publicación do seu aclamado álbum debut, Acrópole (2023, Tremendo Audiovisual). Após dous anos de crecemento como grupo e con máis dun cento de concertos ás costas, o dúo pecha esta etapa, antes de facer un descanso, coa presentación de Hibernarse.
Noite no Museo con Fnac
Noite no museo con Fnac é unha iniciativa que Fnac vén facendo nos últimos dez anos en cidades de toda España. Estes eventos especiais procuran achegar a experiencia das e dos artistas máis importantes do momento aos seus fans nun ambiente íntimo e en espazos culturais senlleiros que son recoñecidos polo seu labor museístico e cultural, como son o MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.
ESTE SÁBADO MÁIS SAAABOR NA HORTA DA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA
A proposta cómica vai dirixida para público infantil e familiar
Tras o éxito de Saaabor!, que pasou pola Casa-Museo Manuel María en 2020, Félix Rodríguez e Fran Rei convértense de novo en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, ben afinado menú: unha comida moi musical para toda a familia. Unha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento á cociña, a alimentación saudábel e o consumo de produtos de proximidade entre o público galego. O food truck de Máis Saaabor! chega á Casa-Museo, un carro de xantar de grandes dimensións do cal xorden infinidade de xogos cómicos, xogos máxicos e unha chea de elementos e trebellos cos que cociñar música. Un menú degustación con propostas dos cinco continentes que deixará a todo o público cun moi bo sabor de boca e ganas de repetir.
Fran Rei e Félix Rodríguez presentan o espectáculo Máis Saaabor!este sábado, 31 de maio, ás 18 horas na horta da Casa-Museo Manuel María. Unha proposta cómica, para público infantil e familiar, de creación propia e dirixida por Avelino González en torno ao mundo da gastronomía e a alimentación saudábel.
Máis Saaabor! mestura música en directo, maxia, humor, moito ritmo e participación do público. Máis Saaabor! é máis música, máis gastronomía, máis maxia e máis ritmo!
A proposta está producida por Culturactiva e por Félix Rodríguez.
Tres das voces máis emblemáticas e icónicas da música popular española das últimas tres décadas serán as encargadas de botar o pano da sexta edición do Atlantic Pride o domingo 13 de xullo nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, con temas tan icónicos como Dile que la quiero, de David Civera; LOCA XTI, de Kuve; ou Vuelve conmigo, de Anabel Conde
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que celebrará a súa 6ª edición do 6 ao 13 de xullo de 2025 na Coruña
No seu cartel destacan tamén figuras como Judeline, Edurne, Jimena Amarillo, Nia, Merche, Paula Koops, David Civera, Mayo, Kuve, De Ninghures, Turista Sueca, Anabel Conde, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla, ademais de drags como Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, entre outras
Os dj’s encargados das pinchadas desta 6ª edición do ‘Orgullo do Norte’ serán Sofía Cristo, Cascales, Coolnenas, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS
Este é a última semana para participar no Certame de Literatura LGTBIQ+ do festival, que pecha a recepción de relatos este sábado 31 de maio; na web www.atlanticpride.es é posible consultar as base de participación do certame e, tamén, o programa por días do festival
O Atlantic Pride está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, o apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
PROGRAMACIÓN
David Civera, Kuve e Anabel Conde súmanse ao cartel da sexta edición do Atlantic Pride, que, da man destes tres novos artistas, converterá a derradeira xornada da súa sexta edición, o domingo 13 de xullo, no mellor revival eurovisivo. Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa, no Pazo de María Pita, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os directores do Atlantic Pride Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos.
No acto estiveron tamén presentes o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; a Marketing Spain Coordinator de The Style Outlets, Andrea Suárez; e a responsable de marketing de Coruña The Style Outlets, María Ferrer Vidal.
Entre o 6 e o 13 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a sexta edición do Atlantic Pride. O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
Neste 2025, a cita propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. Ademais de David Civera, Kuve e Anabel Conde, no seu cartel destaca a presencia de bandas e artistas como Judeline, Edurne, Jimena Amarillo, Nia, Merche, Paula Koops, David Civera, Mayo, Kuve, De Ninghures, Turista Sueca, Anabel Conde, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.
Pola súa banda, aos pratos das pinchadas do Atlantic Pride 2025 estarán Sofía Cristo, Cascales, Coolnenas, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS. Ademais, á cita co ‘Orgulllo do Norte’ coruñés neste 2025 non faltarán, tampouco, as drags Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Ariel REC & Gaylicia, Liteah, Yasmine Lutar, Kelly Amethyst, RRRITA y Escarlatina Pier.
No acto de presentación do cartel completo do evento celebrado esta mañá na Coruña, o co-director do Atlantic Pride Iván Cervo fixo un repaso das novidades que lle agardan ao público nesta sexta edición do encontro, e desvelou, tamén, o programa por días do festival, que pódese consultar na web www.atlanticpride.es. Cervo convidou, tamén, a todos os públicos a sumarse á festa e gozar da diversidade deste ‘Orgullo do Norte’ coruñés:
“Benvidas, benvidos e benvides a esta sexta edición do Atlantic Pride, do 6 ao 13 de xullo, na cidade da Coruña. Desde a súa primeira edición en 2019, o Atlantic Pride naceu coa vontade firme de situar A Coruña como un referente da diversidade, a liberdade e a celebración. Neste 2025, reafirmamos ese compromiso apostando por grandes liñas estratéxicas que definen a nosa identidade como festival: visibilización, inclusión, cultura, talento e diversión”.
Cervo apuntou tamén que “traballamos para ofrecer un espazo aberto, seguro e diverso, onde todas as persoas, con independencia da súa identidade ou orientación, se sintan representadas e benvidas. Así, o Atlantic Pride 2025 aposta por un cartel vibrante e diverso, no que conviven grandes divas do pop español co mellor talento da nova escena galega e artistas icónicos da cultura LGTBIQ+”. E engadiu: “É unha programación pensada para todas as xeracións e sensibilidades, onde teñen cabida os sons eurovisivos, o pop contemporáneo, as actuacións drag (que cada ano gañan máis protagonismo), as propostas electrónicas máis punteiras ou a música con raíz galega. Esta diversidade non é só unha elección artística, é unha declaración de principios: somos un festival que celebra a pluralidade e a liberdade tamén desde os escenarios”.
Pola súa banda, Inés Rey, alcaldesa da Coruña, salientou: “A nosa cidade convértese cada verán nun faro para o turismo LGTBIQ+, consolidando un posicionamento diferencial dentro do panorama turístico nacional e internacional. Con eventos como este, reforzamos a nosa identidade como destino aberto, tolerante e vibrante”. E engadiu: “O Atlantic Pride marca, para moitas persoas, o comezo das nosas numerosas festas e eventos. É unha festa que invita a volver cada ano, que deixa pegada e que sitúa á nosa cidade como epicentro da celebración do Orgullo no norte peninsular”.
Tres das voces máis emblemáticas e icónicas da música popular española das últimas tres décadas serán as encargadas de botar o pano da sexta edición do Atlantic Pride o domingo 13 de xullo nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. David Civera, estrela do pop español que alcanzou fama internacional ao representar España en Eurovisión 2001, logrando o mellor posto do país en máis de dúas décadas co seu éxito Dile que la quiero. Visita este verán a cidade herculina coa súa xira “Grandes éxitos 2025” coa que repasará un rico repertorio de grandes cancións que forman parte da memoria musical de toda unha xeración.
Xunto a David Civera estará Kuve, o alter ego de Maryan Frutos Maíquez, unha forza imparable do pop electrónico contemporáneo. Con catro álbums e múltiples participacións en grandes citas de renome, a artista mestura de maneira brillante o indie-rock con sons sintéticos, entregando directos cheos de enerxía e potencia. Tras ser finalista no Benidorm Fest 2025 co seu sinxelo LOCA XTI, chega ahora ao Atlantic Pride da Coruña, cunha música conecta diferentes xeracións e estilos nun espectáculo vibrante e moderno.
Finalmente, Anabel Conde, unha voz histórica do Festival de Eurovisión de 1995, onde acadou un memorable segundo posto co celebrado tema Vuelve conmigo, amosará como mantén viva a súa pegada e o seu compromiso coa música pop máis actual.
Da man destes tres artistas, a xornada de clausura do Atlantic Pride 2025 será unha oportunidade única para gozar dunha noite repleta de emoción, talento e diversidade musical, que promete conectar o pasado, o presente e o futuro da música pop española nunha experiencia inesquecible.
ÚLTIMA SEMANA PARA ENVIAR PROPOSTAS PARA O IV CERTAME DE LITERATURA LGTBIQ+
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que celebrará a súa 6ª edición do 6 ao 13 de xullo de 2025 na Coruña. Máis aló da súa programación musical, o Atlantic Pride impulsa, tamén, o Certame de Literatura LGTBIQ+, coa idea de tecer unha rede de cultura e activista.
Trátase dun concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, que neste 2025 celebra a súa cuarta edición. O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+. As obras deben ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, e poderán presentarse até este sábado, 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€).
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (na súa xornada de clausura, o domingo 13 de xullo), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do IV Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival.
Marta González e Álex Rico, codirectores do evento, poñen en valor a implicación do tecido creativo local na sección OFF do festival
A exposición DESIGNED IN GALICIA, que se atopa na praza de Lugo até o 30 de maio, poderase visitar deste este mesmo venres e até o mes de agosto na sede da delegación na Coruña do COAG
A mostra #NOVODESEÑOGALEGO permanecerá aberta ao público na avenida da Mariña, xunto ao edificio de Autoridade Portuaria, até o 15 de xuño
GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular, e pechou unha sexta edición que, a ollos da súa dirección, obtivo unha “cálida e enriquecedora acollida” por parte do público.
Álex Rico Caramés e Marta González Rivas, o dúo que codirixe o evento (unha das únicas dúas citas na Península Ibérica que forman parte da prestixiosa organización World Design Weeks), pon en valor “o papel fundamental do público, que nos acompaña e apoia, e que recoñece o traballo que hai detrás de cada detalle deste festival”.
Ao fío, salientan a “inmensa implicación” dos negocios, establecementos e integrantes do tecido creativo local “tanto á hora de colaborar como de difundir a proposta”, especialmente todos aqueles que formaron parte de toda a liña OFF, “o que axudou non só a extender o festival pola cidade e poder chegar a novos públicos, senón que contribuíron a que a programación da #GDW25 tivese unha acollida aínda máis cálida e enriquecedora por parte da veciñanza”.
Ademais da implicación de axentes creativos locais, a sexta edición de GALICIA DESIGN WEEK destacou especialmente pola calidade da súa sección PRO, que contou, entre outras moitos nomes, con figuras como Angie Bolea (da produtora CANADA), Marta Cerdà, Isabelita Virtual ou as galegas Inma Hortas e Marta Pazos, referentes internacionais do sector.
“É unha alegría que estas grandes creadoras aposten por festivais como o noso. Poder achegar o seu traballo ao público coruñés foi un auténtico agasallo”, apuntan Marta González e Álex Rico, quen tamén agradecen aos distintos patrocinadores o seu apoio -“sen eles non poderiamos tender esta ponte tan valiosa entre a cidadanía e as profesionais do deseño”- e do seu equipo, “xentes que fan posible que todo funcione: Daniela, Diego, Elena, Ernesto, Lucía, Luis, Illán, Jacobo… e moitos máis. Grazas ao seu esforzo, este festival non deixa de crecer e mellorar edición tras edición”. As liñas PRO, OFF e SESSIONS despedíronse até a vindeira edición, mais estes días permanecen en pé as dúas exposicións de rúa deste #GDW25 e que poñen o foco no talento do país. Así, até o 30 de maio, pódese visitar na praza de Lugo DESIGNED IN GALICIA, unha mostra -sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa– que aborda o mellor deseño do país do último ano. A proposta poderase visitar a partir do mesmo día 30, e até o 29 de agosto, na sede do COAG na Coruña. Ademais, até o 15 de xuño permanecerá na avenida da Mariña a exhibición #NOVODESEÑOGALEGO, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or, e que presenta o máis salientable do talento emerxente da comunidade. Precisamente algúns destes nomes que darán que falar nos vindeiros anos participaron o pasado sábado 24, na sección PRO TALKS, canda as figuras de primeiro nivel internacional -Marta Cerdà, Angie Bolea ou Isabelita Virtual-.
#GDW25
GALICIA DESIGN WEEK é a gran cita cultural que aúna á comunidade do deseño galego e ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial para o país; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións coa creación de espazos e momentos de conexión e intercambio informal, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior. Durante 9 días, #GDW25 ofreceu unha ampla programación gratuíta con 21 actividades, como obradoiros, exposicións, parladoiros e sesións musicais. A súa programación dividiuse en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións e un showroom tanto físico coma virtual; SESSIONS, a parte máis festiva do evento; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade.
GALICIA DESIGN WEEK agroma do traballo común entre a asociación GALICIA DESIGN e a axencia creativa FOLLOW. O festival conta nesta sexta edición co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Grupo Malasa, de Abanca, de Checkpoint e da delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Ademais, conta coa colaboración de Cervezas Alhambra, Autoenfoque, Certain Music, Fundación Didac, Goloso Coffee Counters, Gràffica, K-Tuin, Malte, News&Coffee, Playa Club, Rosmon, Studio Follow e Usual.
Nas XXI Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros (Xermade) o pasado sábado 24 de maio de 2025 tivo lugar a presentación oficial da XII edición do Premio de Investigación XERMADE NA HISTORIA, que se rexerá de acordo ás seguintes