
- Marta González e Álex Rico, codirectores do evento, poñen en valor a implicación do tecido creativo local na sección OFF do festival
- A exposición DESIGNED IN GALICIA, que se atopa na praza de Lugo até o 30 de maio, poderase visitar deste este mesmo venres e até o mes de agosto na sede da delegación na Coruña do COAG
- A mostra #NOVODESEÑOGALEGO permanecerá aberta ao público na avenida da Mariña, xunto ao edificio de Autoridade Portuaria, até o 15 de xuño
GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular, e pechou unha sexta edición que, a ollos da súa dirección, obtivo unha “cálida e enriquecedora acollida” por parte do público.
Álex Rico Caramés e Marta González Rivas, o dúo que codirixe o evento (unha das únicas dúas citas na Península Ibérica que forman parte da prestixiosa organización World Design Weeks), pon en valor “o papel fundamental do público, que nos acompaña e apoia, e que recoñece o traballo que hai detrás de cada detalle deste festival”.
Ao fío, salientan a “inmensa implicación” dos negocios, establecementos e integrantes do tecido creativo local “tanto á hora de colaborar como de difundir a proposta”, especialmente todos aqueles que formaron parte de toda a liña OFF, “o que axudou non só a extender o festival pola cidade e poder chegar a novos públicos, senón que contribuíron a que a programación da #GDW25 tivese unha acollida aínda máis cálida e enriquecedora por parte da veciñanza”.
Ademais da implicación de axentes creativos locais, a sexta edición de GALICIA DESIGN WEEK destacou especialmente pola calidade da súa sección PRO, que contou, entre outras moitos nomes, con figuras como Angie Bolea (da produtora CANADA), Marta Cerdà, Isabelita Virtual ou as galegas Inma Hortas e Marta Pazos, referentes internacionais do sector.
“É unha alegría que estas grandes creadoras aposten por festivais como o noso. Poder achegar o seu traballo ao público coruñés foi un auténtico agasallo”, apuntan Marta González e Álex Rico, quen tamén agradecen aos distintos patrocinadores o seu apoio -“sen eles non poderiamos tender esta ponte tan valiosa entre a cidadanía e as profesionais do deseño”- e do seu equipo, “xentes que fan posible que todo funcione: Daniela, Diego, Elena, Ernesto, Lucía, Luis, Illán, Jacobo… e moitos máis. Grazas ao seu esforzo, este festival non deixa de crecer e mellorar edición tras edición”.
As liñas PRO, OFF e SESSIONS despedíronse até a vindeira edición, mais estes días permanecen en pé as dúas exposicións de rúa deste #GDW25 e que poñen o foco no talento do país. Así, até o 30 de maio, pódese visitar na praza de Lugo DESIGNED IN GALICIA, unha mostra -sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa– que aborda o mellor deseño do país do último ano. A proposta poderase visitar a partir do mesmo día 30, e até o 29 de agosto, na sede do COAG na Coruña. Ademais, até o 15 de xuño permanecerá na avenida da Mariña a exhibición #NOVODESEÑOGALEGO, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or, e que presenta o máis salientable do talento emerxente da comunidade. Precisamente algúns destes nomes que darán que falar nos vindeiros anos participaron o pasado sábado 24, na sección PRO TALKS, canda as figuras de primeiro nivel internacional -Marta Cerdà, Angie Bolea ou Isabelita Virtual-.



#GDW25
GALICIA DESIGN WEEK é a gran cita cultural que aúna á comunidade do deseño galego e ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial para o país; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións coa creación de espazos e momentos de conexión e intercambio informal, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior.
Durante 9 días, #GDW25 ofreceu unha ampla programación gratuíta con 21 actividades, como obradoiros, exposicións, parladoiros e sesións musicais. A súa programación dividiuse en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións e un showroom tanto físico coma virtual; SESSIONS, a parte máis festiva do evento; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade.
GALICIA DESIGN WEEK agroma do traballo común entre a asociación GALICIA DESIGN e a axencia creativa FOLLOW. O festival conta nesta sexta edición co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Grupo Malasa, de Abanca, de Checkpoint e da delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Ademais, conta coa colaboración de Cervezas Alhambra, Autoenfoque, Certain Music, Fundación Didac, Goloso Coffee Counters, Gràffica, K-Tuin, Malte, News&Coffee, Playa Club, Rosmon, Studio Follow e Usual.
Máis información \ www.gdw.gal
20250528-GDW25-balance