O Festival Atlántica leva a Vigo os contos da colombiana Carolina Rueda

·        Rueda, mestra de contadores con máis de trinta anos de experiencia, brindará unha sesión do espectáculo infantil e familiar ‘Contos cantados, cantos contados’

·        O espectáculo será na Biblioteca Pública Juan Compañel este sábado ás 12 horas e terá entrada gratuíta pero cómpre reservar previamente o convite

Os cativos de Vigo van ter a oportunidade de gozar coas historias da colombiana Carolina Rueda, unha das narradoras máis importantes do seu país. O espectáculo familiar ‘Contos cantados, cantos contados’ será na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e chega a cidade olívica grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e mais a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Aínda que a actividade é gratuíta, para asistir cómpre reservar o convite na biblioteca ou ben no teléfono 886 120 445.

En ‘Contos cantados, cantos contados’ Carolina Rueda mestura cantos e historias colombianas e universais. Nun espectáculo divertido e brincador, a contadora establece un dialogo cos nenos e cos pais en homenaxe á memoria, aos medos, á familia e á amizade. Historias da tradición oral caribeña, cashinagua e española alternaranse con contos de Kipling e dos irmáns Grimm, entre outros.

Carolina Rueda ten máis de trinta anos de traxectoria profesional no mundo dos contos pero tamén como impulsora da narración oral como instrumento de xestión e ferramenta social en ámbitos educativos, políticos e artísticos. Como artista adoita realizar adaptacións, obras derivadas e versións libres, de autores da literatura universal e versións de relatos da tradición oral do mundo.

Como xestora e programadora coordina desde 1990 a mostra de contadores do Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá. Tamén participa como profesora convidada e regular en programas de adquisición do idioma español como segunda lingua en programas de literatura, educación a distancia e artes escénicas nas universidades estadounidenses de Cornell, Miami, e Denison, pero tamén en institucións de España, Perú e Chile.

Ao longo destes trinta anos de carreira xa pasou por escenarios como a Casa de América, o Teatro Cuarta Parede, o Centro Cultural da Villa, o Círculo de Bellas Artes en Madrid, o Teatro Nacional, o Teatro Leonardus, o Auditorio León de Greiff, o Teatro Municipal de Cali, o Teatro de Bellas Artes Medellín e as feiras do libro de Madrid, Valencia, Torrent, Bogotá e Bos Aires. Alén diso, é unha artista habitual de festivais de narración oral en países como Estados Unidos, México, Costa Rica, Venezuela, Perú, Ecuador, Brasil, Chile, Arxentina, Portugal, España, Francia e, por suposto, Colombia.

Contos por todas Galicia

O Festival Atlántica vaise inaugurar oficialmente o vindeiro 30 de xuño e desenvolverá un intenso programa de actividades ata o 9 de xullo. Ao longo deste encontro internacional de narración oral, 42 artistas protagonizarán as 94 funcións programadas que chegarán a 24 concellos de toda Galicia. Nesta edición, ademais de Vigo, haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Teo, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Padrón, Paderne, Zas e Santiago de Compostela.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.

20220617-NP-CarolinaRueda_Festival-Atlantica

Presentación do programa completo da 38ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2022

Presentación do programa completo da 38ª edición da MIT RIBADAVIA 2022

Do 15 ao 24 de xullo, Ribadavia porá no centro a escena máis innovadora, con estreas de espectáculos multidisplinares e de gran formato no Castelo, íntimos na Igrexa da Madalena e máis festivos en sete diferentes localizacións nas rúas da fermosa paisaxe do Ribeiro.

Un coherente programa en dez días, con tres coproducións, 21 actuacións, entre as que destacan a estrea e presentación en Galicia do traballo de artistas internacionais de Perú, Portugal, México ou Mozambique, como a prestixiosa directora Chela de Ferrari ou a compañía portuguesa Nome Próprio (con Victor Hugo Pontes e Joana Craveiro).

Por primeira vez en Galicia tamén poderemos ter no festival da teatral vila de Ribadavia os cataláns Xavier Bobés e a compañía La Calòrica ou un dos espectáculos revelación da temporada, La infamia, a partir das memorias da periodista mexicana Lydia Cacho, valente e comprometida activista que loitou contra a violación dos Dereitos Humanos nun país onde exercer o xornalismo de investigación e pelexar contra a corrupción supón unha actividade de alto risco.

A edición de 2022, ademais de recuperación da plena dimensión internacional, tamén concede importancia á dramaturxia galega actual, con traballos dos máis destacados autores e autoras de teatro, coma Esther Carrodeguas ou Ernesto Is. Carrodeguas estreará unha conferencia-espectáculo a partir da tétrica historia de violencia contra as mulleres rapadas do franquismo e Ernesto Is terá protagonismo con dous espectáculos mais a presentación dun libro, o Premio Abrente da pasada edición.

Resituar no centro o que tradicionalmente se deixou nas marxes, ese é o reto da 38ª edición da MIT, que reúne un conxunto de espectáculos que abordan temas ou asuntos relacionados coa marxinación, as súas causas e consecuencias. Un claro exemplo pode ser o espectáculo MARGEM, dos porttugueses Nome Próprio, un espectáculo protagonizado por adolescentes e inspirado nos nenos sen teito, no abandono que sofren os máis vulnerables en San Salvador de Bahía, un impactante espectáculo que mestura música, memorias, experiencias, capoeira, acrobacia, fútbol, danzas urbanas… Un espectáculo que recibiu importantes recoñecementos e premios na súa categoría en Portugal e está a percorrer os escenarios máis importantes de Europa. Chega a Galicia da man da dramaturga Joana Craveiro e do prestixioso coreógrafo Victor Hugo Pontes, inspirado tamén na novela Capitães de Areia, de Jorge Amado.

Esta mestura de música, danza, palabra e imaxe non será o único espectáculo destas características da MIT 2022. Se Margem conta con 12 intérpretes en escena, non é menos numeroso o espectáculo galego Demente, que aborda as enfermidades mentais dende a fusión de música, canto (con Aida Tarrío de Tanxugueiras en escena) e un suxerente deseño de indumentaria. A peza plasma unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento das súas vidas unha de cada catro persoas. A reclusión prácticamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“O tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte.”), a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana”… É necesaria a integración na sociedade e a normalización como outro tipo de doenza, loitar contra o estigma. Estas e moitas outras cuestións serán tratadas en escena. Como se dicía nunha carta dunha persoa “demente” ao director do Manicomio de Conxo nos anos 40: “no son los pobres locos reconocidos los que hacen daño al planeta, sino los grandes locos por reconocer”.

Outro estigma é o das persoas con Síndrome de Down. Por iso abrimos cun gran espectáculo, versión libre de Hamlet que a directora peruana Chela de Ferrari realiza para ser protagonizado por persoas con Síndrome de Down. Unha obra de alta beleza, onde as palabras de Shakespeare cobran un significado inaudito. Dende o humor, dende a emoción, dende a festa, a obra é un tecido entre o texto do bardo inglés e a vida dos actores e toma como punto de partida a pregunta que nos formula fronte á existencia. Ser ou non ser? Que implica ser para persoas que non encontran espazos onde se lles teña en conta? Teatro La Plaza é quizais o teatro máis presixioso de Perú e chega por primeira vez a Galicia cun espectáculo que seguro será unha experiencia memorable.

Viaxamos de Perú a México. No país máis perigoso para ser periodista e activista, hai mulleres que se enfrontan ao crecente poder político da delincuencia organizada. Unha delas é Lydia Cacho, quen desafía a políticos, mafiosos, pederastas e feminicidas. Esta función está baseada na súa biografía, Memorias dunha infamia, onde se retrata o modus operandi dun goberno cómplice da corrupción e a violencia, ademais do valente testemuño de mulleres e nenas do seu país. Un espectáculo inmersivo, do denominado xénero de teatro verbatim, teatro documento con impactante linguaxe audiovisual que pon no centro a unha heroína contemporánea exiliada en España, á que o Goberno lle concedeu recentemente a nacionalidade para acollela como refuxio ante o serio perigo que corría esta periodista de investigación que destapou historias de corrupción do seu país e polo que foi distinguida co Premio Harold Pinter for International Writer Courage no Reino Unido. Desafiou e denunciou a mafiosos, políticos e multimillonarios que abusaron do seu poder. Agora a súa historia atrapa a mirada do mundo, tamén cun espectáculo maxistral.

O teatro de obxectos terá moita importancia, ademais da danza, do teatro de do circo. Teatro de obxectos e formas animadas para adultos, para historias poéticas, de grande beleza e emoción coma as que nos traen Xavier Bobés e Alberto Conejero ou a compañía El Patio, Premio Ojo Crítico de RNE da pasada edición, na modalidade de Artes Escénicas. El Mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca, é a historia dunha promesa que non se puido cumprir, a que fixo un mestre aos seus alumnos. O mestre era Antoni Benaiges. Os alumnos eran os nenos e nenas da escola rural de Bañuelos de Bureba, unha aldea da provincia de Burgos. A promesa fíxoa un día de inverno de 1936.  Prometeulles o mar. Un gran texto do dramaturgo Alberto Conejero. Ademais do espectáculo, Xavier Bobés ofrecerá un curso-obradoiro os días 19 e 20 de xullo na Casa da Cultura de Ribadavia, en colaboración con AISGE e a AAAG. Pola súa parte, El Patio, presenta Conservando memoria na Igrexa da Madalena, como homenaxe a todos os avós. Do mesmo xeito, AMA, da compañía vasca que nos encandilara hai uns anos con Amour en Ribadavia. Esta é unha peza que fala da fortaleza dunhas persoas fráxiles e asustadas. É un canto á beleza épica do coidado mutuo. Do coidado dos nosos anciáns, eses que van morrendo pouco a pouco, levando con eles parte da nosa propia vida. Dúas pezas emotivas, sensibles e de gran beleza para rematar a MIT o 24 de xullo.

A memoria está transversalmente presente en moitos espectáculos, pero quizais o máis evidente é o da revisión dende as preguntas e as respostas que demandan sobre o noso pasado as xeracións máis novas. Iso acontece con A lúa vai encuberta, unha unión temporal de dúas compañías, A Quinta do Cuadrante e Incendiaria, coa que conseguiron o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e receptemente o Premio María Casares á mellor adaptación. En A lúa vai encuberta atoparemos un revisión humorística e crítica sobre un pasado e un momento de construción de soños e frustracións das bases da nosa cultura e da nosa política. Manuel María era un apaixonado por Ribadavia e pola Mostra e no marco desta edición anunciaranse novidades que refrendarán un selo de compromiso con este autor relevante da nosa historia e do noso teatro.

Ademais das novidades, das descubertas, de procurar ser punta de lanza, o festival tamén quere acompañar e ofrecer unha continuidade da evolución de artistas que se deron a coñecer ao longo dos últimos anos na MIT, como a compañía catalá José y sus hermanas. Nesta ocasión chegan cun espectáculo redondo, punzante, coa estrutura dun produto audiovisual retro para falar da burbulla inmobiliaria, do turismo agresivo, da España do desenvolvemento económico, da globalización. Con ironía e crítica, como selo da casa desta nova compañía, presentarán Explore el jardín de los Cárpatos.

Seguramente unha das grandes sorpresas desta edición vai ser descubrir a forza e solvencia da nova compañía La Calòrica, de Cataluña. Chegan cunha versión de Aristófanes, Las aves, unha farsa política desternillante, como a definiu a crítica. Un gran traballo de dramaturxia, de dominio da comedia, de dirección e de vestiario. Unha posta en escena fresca e irreverente para un público amplo que mestura ben os ingredientes que tamén definen á MIT, vangardista e popular, renovadora e exploradora. 

Presentacións de libros, foros despois de cada espectáculo, actividades de mediación coma a terceira edición de “A miña primeira MIT”, O 1º Encontro interxeracional das Artes Escénicas de Galicia, as Residencias Artísticas de Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir, prestixiosos artistas que están a desenvolver o proceso da súa peza “Mónica” entre Galicia e  Bruxelas, converten a Ribadavia na capital por excelencia do teatro en Galicia.

Memoria, humor, beleza onde nos dixeron que non a atoparíamos, revelación, escena híbrida, queer, interxeracional, iso é o que guía a MIT 2022.

A reserva de abonos para todos os espectáculos do Castelo poderá realizarse entre o día 15 e o 30 de xuño e a partir do 1 de xullo poderanse mercar as entradas de todos os espectáculos na páxina web www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a AGADIC-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia.

PROGRAMA 38ª MIT RIBADAVIA 2022

15-24 XULLO 

PreMIT, previas da MIT

Día 13 // MÉRCORES

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Teatro do Vilar. Apoio ao teatro afeccionado de Ribadavia.

Día 14 // XOVES

21:00 – Salón de Actos da Casa do Concello – Presentación do libro Profetas, de Ernesto Is (Premio Abrente 2021).

22:00 – Resolución do 17º Premio Abrente.

Día 15 // VENRES

20:30 Inauguración oficial da MIT 2022. Igrexa da Madalena. Concerto de Sheyla Patricia (Galicia).

21:00 Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas e do Premio Abrente de Textos Teatrais 2022.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Hamlet – Teatro La Plaza  – Perú.

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Chela de Ferrari, directora. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 16 // SÁBADO

20:00  – Igrexa da Madalena – Mónica – Federico Vladimir e Pablo Lilienfield – Galicia. Residencias Paraíso.

21:00 –  Alameda (Ruadavia) – Sofá –  Marta Alonso Tejada, en coprodución coa MIT de Ribadavia – Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Las aves – La Calòrica – Cataluña. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joan Yago, dramaturgo. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 17 // DOMINGO

20:30 – Igrexa da Madalena – Rapadas – Esther Carrodeguas – Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – La infamia – Teatro Español e Producciones Come y Calla – Madrid.

00:30 – Foros MIT. Coloquio con José Martret, director. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 18 // LUNS

20:30 – Sampaio – Arte sen guión – Galeatro – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Demente – Cía. Fran Sieira – Galicia. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo.Museo Sefardí.

Día 19 // MARTES

20:30 – A Franqueirán – Arte sen guión – Galeatro – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Margem – Nome Próprio – Portugal. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joana Craveiro e Victor Hugo Pontes. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 20 // MÉRCORES

20:30 – Francelos – POI – D’Es Tro – Illas Baleares. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Explore el jardín de los Cárpatos – José y sus hermanas – Cataluña. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 21 // XOVES

20:00 – Igrexa da Madalena – Relato para un incendio – A Antena, en coprodución co CDG e a MIT – Galicia.

21:30 – San Cristovo – Meeting Point – Ertza – País Vasco. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 –Auditorio “Rubén García” do Castelo – El mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca – TNC, Xavier Bobés e FITT de Tarragona – Cataluña. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Xavier Bobés e Alberto Conejero. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 22 // VENRES

20.00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura. Presentación do libro A lúa vai encuberta, de Manuel María.

21:30 – Santo André – O tempo diz – Ertza – País Vasco e Mozambique.  (Programa SputMIT – satélites da MIT). 

23:00 –  Auditorio “Rubén García” do Castelo – A lúa vai encuberta – Incendiaria e A Quinta do Cuadrante – Galicia. 

00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Vanesa Sotelo e Tito Asorey. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 23 // SÁBADO

13:00 – Igrexa da Madalena. Presentación do libro O péndulo.

20:30 – Alameda (Ruadavia) – Quixote – Pedras de cartón – Galicia. 

23:00 –  Auditorio “Rubén García” do Castelo – O péndulo – Inversa Teatro, en coprodución co CDG, a MIT de Ribadavia e a Deputación de Pontevedra – Galicia.

00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Marta Pérez e Ernesto Is. Museo Sefardí.

Día 24 // DOMINGO

19:30 – Museo Etnolóxico – 1º Encontro Interxeracional das Artes Escénicas de Galicia.

21:00 –  Igrexa da Madalena – Conservando memoria – El Patio – La Rioja.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – AMA – Cía. Marie de Jongh – País Vasco.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

NOTA-DE-PRENSA-presentacion-programa-38MIT-2022

O Museo de Estrella Galicia celebra o seu aniversario o 19 de xuño e sortea todas as entradas do día para desfrutar das súas visitas guiadas, maridaxes e un concerto de Fetén Fetén

O próximo 19/06, o Museo de Estrella Galicia festexa o seu terceiro aniversario cunha xornada de música, gastronomía e cervexa ó puro estilo MEGA, que inclúe un directo de Fetén Fetén, unha das bandas máis frescas, creativas e bailables da escena musical española

 Para poder acceder a MEGA o día do seu aniversario e disfrutar dalgunha das experiencias habituais do museo, será imprescindible gañar unha das invitacións dobres que se porán a disposición do público este xoves 9 de xuño, a partir das 19.06 horas, en https://mundoestrellagalicia.es/aniversario/

 

O vindeiro 19/06, MEGA, o Museo de Estrella Galicia, celebra o seu terceiro aniversario e, para festexalo, convida ó público a vivir unha xornada especial: desfrutar e experimentar, de forma gratuíta, das experiencias que habitualmente propón o museo e que xuntan música, gastronomía e cervexa de modo singular, sorteando todas as entradas do día do seu aniversario.

Así, o domingo 19 de xuño, MEGA ofrecerá a posibilidade de asistir ás visitas guiadas polo primeiro e único recinto museístico dedicado á cervexa en España, que se poderán completar coas súas habituais experiencias cervexeiras. É o caso da visita guiada con proposta de tiraxe de cervexa e diferentes maridaxes  -queixos, conservas e curados galegos- ou, incluso, un dos eventos exclusivos da súa programación cultural de “Planazos MEGA”: un concerto maridaxe co dúo Fetén Fetén, unha das bandas máis frescas, creativas e bailables da escena musical actual. 

O acceso á celebración do terceiro aniversario de MEGA será gratuíto e as prazas serán limitadas, polo que será imprescindible retirar, previamente, as invitacións. As entradas, que  serán dobres, nominativas e intransferibles, estarán a disposición do público desde este mesmo xoves, 9 de xuño, a partir das 19.06 horas, no espazo web oficial do museo, concretamente na páxina  https://mundoestrellagalicia.es/aniversario/. Durante o proceso de rexistro, o público poderá escoller entre os diferentes horarios e tipos de visita que desexe realizar entre os dispoñibles para o aniversario. As 135 primeras persoas que se rexistren gañarán unha entrada dobre para acceder a MEGA o 19 de xuño e desfrutar así das múltiples experiencias cervexeiras que ofrece o Museo de Estrella Galicia. 

SOBRE FETÉN, FETÉN. “Unha festa de sons e emocións”. Así celebra a prensa especializada ó dúo Fetén Fetén. “A súa música é simpática, próxima e xoguetona”, aclama. Risco e orixinalidade van da man na proposta de dous músicos que conforman a que, para a crítica, é “seguramente a mellor banda en directo para todos os públicos”. Fetén Fetén son Diego Galaz e Jorge Arribas. A súa proposta baséase en ofrecer unha lectura contemporánea da música tradicional e da música popular de baile, xéneros que os inspiran e que queren homenaxear utilizando a imaxinación e a creatividade como bandeiras. Es que eles son dous namorados dos instrumentos diferentes, posto que, ademais dos máis convencionais, tocan outros insólitos coma a serradora o violín trompeta ou a frauta cadeira de camping.

O resultado é unha música fresca, divertida e moi bailable, onde o mesmo soa un vals que un fox trot, un chotis, unha xota, unha seguidilla, unha ronda, un pasodobre ou unha habaneira. No terceiro aniversario de MEGA, Fetén Fetén ofrecerá unha viaxe musical que nos transporta da nosa península a outras terras, incorporando ecos balcánicos, trazos manouches, evocacións xaponesas, cantos de gaivota ou, incluso, o mesmísimo son do mar.

As composicións orixinais deste dúo, un mosaico de tendencias musicais, conseguen facer sorrir ó publico con títulos tan suxestivos como a Jota del Wasabi, la Habanera de El Espolón, He visto un Oso en los Cárpatos, Fandangos de Atapuerca o Swing a la pepitoria. O seu repertorio divirte e emociona a nenos e maiores, porque é unha música que conta cousas sen palabras e que se funde en perfecta harmonía co público, tanto en grandes auditorios coma nas prazas dos pobos. As súas melodías instrumentais para escoitar e bailar en directo recorren as nosas raíces e incorporan matices renovadores que evocan as distintas paisaxes do mundo que os artistas coñeceron nas súas intensas xiras internacionais e que xa levaraon por toda a xeografía española nos seus máis de 1.000 concertos realizados. Máis información en www.fetenfeten.net. 

SOBRE MEGA. MEGA, o Museo Estrella Galicia, é o primeiro e único recinto museístico de España dedicado á cultura da cervexa. O espazo, situado dentro da única fábrica de Estrella Galicia (A Coruña), nace co obxectivo de divulgar, de forma interactiva e experiencial, a cultura e a historia da cervexa. Nas instalacións de MEGA, o público podo desfrutar do mundo cervexeiro cos cinco sentidos, coñecer os procesos de elaboración de Estrella Galicia ou aprender, incluso, a tirar correctamente unha caña: MEGA convida a experimentar. Visitas libres ou guiadas, maridajes, obradoiros de verter cervexa e eventos especiais conforman unha programación que pon en valor a tradición e o saber facer artesanal de Estrella Galicia.

20220609-MEGA-Aniversario

Inauguración da exposición colectiva “Pambre, a arca de pedra”, no Castelo de Pambre

O venres 10 de xuño ás 12,00 h o IEU inaugura no castelo de Pambre a exposición colectiva PAMBRE, A ARCA DE PEDRA, comisariada pola galerista Cristina Carballedo Penelas e coordinada por Braulio Vilariño, que xira en torno á figura animal e a actividade agrícola desenvolvida no propio castelo durante séculos.

Dende ángulos moi diferentes, os artistas que participan neste proxecto amósannos a súa particular visión do mundo animal con estilos e soportes moi diversos. Poderedes ver esculturas de Álvaro de la Vega, Camilo Seira,  Óscar Aldonza, Paulo Neves, Xoán Vila e Alberto Gulías; pinturas de Julio Sanjurjo, Seara, Correa Corrredoira, Jorge Espiral, Xer Refojo,  Miguel Anxo Macía,  Peña Romay, Adolfina Mesa, Lomarti e Andrés. G. Shuttleworth, e fotografías de Edu Valiña, Peter Schneider e Xosé Reigosa.

Os carteis e dípticos, como en anteriores exposicións organizadas polo IEU no castelo de Pambre, foron deseñados por Azucena Souto (Dú-as).

SonDeSeu clausura a súa xira de aniversario cun concerto acústico en Santiago de Compostela 

A orquestra folk de Galicia actuará o sábado 18 de xuño no Auditorio de Galicia e as entradas para gozar do espectáculo están dispoñibles na web www.ataquilla.com

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu vai poñer o ramo a súa xira de celebración do XX aniversario cun concerto no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela o vindeiro 18 de xuño. Este espectáculo da agrupación dirixida por Rodrigo Romaní, un dos proxectos musicais máis senlleiros do país, é posible grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela e as entradas pódense adquirir no espazo web www.ataquilla.com.

A veterana orquestra repite en Santiago o formato acústico sen amplificación que tan boa acollida tivo de público e crítica nos concertos previos de Vigo, Lugo e A Coruña. Esta singular proposta está concibida como un convite para compartir cos asistentes a experiencia de asistir a un ensaio de SondeSeu e experimentar a mesma sonoridade que teñen os 60 integrantes da orquestra cando tocan ao natural. Alén diso, no transcurso do concerto vanse proxectar vídeos creados ex professo para esta xira co gallo de celebrar dúas décadas de actividade a prol da música galega.

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.

SonDeSeu

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un tramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.

A suma da creatividade colectiva e a posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializáronse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk e eventos singulares como o ‘Libro branco da educación en música tradicional’, ‘O canto das Illas’, ‘Arraianos’ ou a Rede Europea de Orquestras Folk ENFO. Estas iniciativas sitúan SonDeSeu como un referente da música galega tanto no país coma noutros puntos da península e de Europa.

20220607-NP-Concerto-SonDeSeu-Santiago