Culturgal é a Feira da actividade cultural en Galicia; unha cita de referencia que en 2019 se celebra do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra co lema “Dálle unha volta á Feira!”. Durante 3 días a Feira presenta un programa de actividades que se espallan polos diferentes escenarios: Carpa, Libro, Foro, Familiar, Audiovisual, Arte Contemporánea. En total, máis de cen actos e actividades nunha programación que se constrúe coas propostas de empresas, artistas e institucións. Milleiros de persoas gozan cada ano dunha Feira que, cunha entrada a prezo popular, permite descubrir que é o se fai e que é o que vai vir no ámbito cultural en Galicia. Culturgal conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Cultura.
O sábado, 30 de novembro, último Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, que Antonio Sandoval guiará con título As naturezas da Torre. Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros! A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es.
Seguen en desenvolvemento tres obradoiros de creación literaria da Escola de Escritoras-es da AELG, en San Sadurniño, Rianxo e Pontevedra.
*Información facilitada desde a Secretaría Técnica da AELG.
A CASA-MUSEO MANUEL MARÍA ORGANIZA PARA ESTE DOMINGO UNHA CAMIÑADA POR ALGÚNS DOS LUGARES DE OUTEIRO DE REI MÁIS ÍNTIMOS DE MANUEL MARÍA
A actividade, que leva por título “Polos camiños da tribo”, será guiada e dinamizada por Orlando Viveiro, estudoso e divulgador cultural. O percurso, de seis quilómetros, e cunha dificultade baixa, terá a súa saída ás 10 hrs, desde a Casa-Museo, e a súa chegada ao mesmo lugar entre as 12.30-13.00 hrs
O regato do Cepelo, A Barciela, as beiras do Miño, o Campo de Santa Isabel…serán algúns dos lugares polos que pasarán as persoas que participen no roteiro, en que se intercalarán explicacións do patrimonio natural e cultural do lugar coa lectura dalgúns poemas e textos de Manuel María. Outeiro de Rei, cos seus distintos espazos e persoeiros, significou para Manuel María non só o inicio vital, senón tamén as primeiras descubertas e ensoñares para a súa creación literaria.
Mañá, venres 22 de novembro, inaugúrase a Exposición “MULHERES”, de Mercedes Vázquez Saaveddra, na Sala de Exposicións do Concello de Viana do Bolo.
Tomando palabras da autora de dita exposición:
“Hoxe día importante para as MULHERES, e tamén día d@s músico@s, estou decantando versos, no decantador do vinho grialico, que move a palabra ao rítmo das corcheas, fusas e semifusas, no pentagrama da vida, as veces dura, durísima para moitas MULHERES, polo que entre tod@s, decantemos versos na desfolhada do outono, que nos leva ao escuro inverno, onde a palabra xurde do íntimo, e vai polo mundo na busca do eco, facéndose oir. Palabra musical sonora, na busca dos versos, onde as MULHERES teñen a palabra, que xurden do íntimo, do profundo e matriarcal: Da TERRA.
Días das mulheres, -que terían que ser tódolos días-, MULHERES
que berran SOS polas rúas. Parafraseando a MINHA AMIGA PORTUGUESA A
POETA HELENA BRANCO que lembro e encordo nestes días, coa POETA GALEGA DE VIANA
DO BOLO, NIEVES FDEZ VIDUEIRA, que me acompanara mañá día 22 na presentación da
exposición MULHERES, baixo a batuta de Ovidio Vilar, que dara pé á xuntanza
lírica, presentada polo sr Alcalde de Viana, Secundino Fdez, e Paul Ferón,
testemuña do pasado das mulheres da raia
na irmandade galaica.
E todo isto, grazas á proposta da exposición MULHERES, por parte de Jorge Minas, dinamizador cultural do entroido de Viana, no que as MULHERES estarán presente, noutra mostra da que daremos conta axiña.”
Velaquí unha galería fotográfica que amosa os contidos da citada exposición:
*Texto e galería fotográfica: Mercedes Vázquez Saavedra.
HISTORIAS CON SUSTO PARA DURMIR A GUSTO, con Vero Rilo e Sonsoles Penadique
O novo espectáculo da contadora Vero Rilo e da intérprete musical Sonsoles Penadique Historias con susto para durmir a gusto chega este sábado, ás 18 hrs, á Casa-Museo Manuel María. A nova proposta, chea de humor e medo, vai dirixida para público familiar (a partir de 5 anos).
Trátase dun espectáculo que se desenvolve na escuridade e en que a compañía prepara o ambiente para ofrecer a súa peculiar ollada sobre as historias de sempre, fuxindo do politicamente correcto que non deixa de ver fantasmas onde non os hai.
Vero Rilo e Sonsoles Penedique, o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, veñen colaborando, nos últimos anos, en distintos proxectos onde combinan a narración, o canto e a música de historias e contos dirixidos ás crianzas.
O vindeiro venres, 22 de novembro ás 21 h., celebrarase en Santervás de Campos un Filandón Póetico, co gallo de conmemorar os 175 anos da queima do Priorato situado no referido lugar de Valladolid.
Evento patrocinado polo propio Concello de Santervás de Campos, contará coa presenza de poetas procedentes desde Galicia, Asturias, León, Valladolid, Burgos, Palencia e Salamanca. E a colaboración de Juan Márquez.
*Información facilitada pola Ágora de Poesía de León.