Este sábado, 8 de febreiro, ás 18 hrs, o narrador oral Caxoto vai contar ás crianzas que se acheguen á Casa-Museo Manuel María un CONTO PARA ESCOITAR MENTRES BAILAMOS UN VALSE. A través do manexo dos máis insólitos intrumentos musicais, descubriranos a orixe da paixón pola música dunha nena chamada Sabela.
A actividade vai dirixida para nenas entre 4 e 7 anos. O billete ten un prezo de 2 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal
O sábado 1 de febreiro ás 12,30 h o IEU inaugura na sala 2 do Castelo de Pambre a exposición Semblanza, da pintora Beatriz Bascoy, “anetadocamilo“. A exposición permanecerá instalada durante o mes de febreiro.
Este sábado, 1 de febreiro, ás 20 hrs, as persoas que desexen asistir ao auditorio da Casa-Museo poderán desfrutar da curtametraxe “Mamasunción”, dirixida en 1984 por un dos precursores e dos grandes do cinema galego, Chano Piñeiro. A proxección, cunha duración de 20 minutos, trata da emigración e da dor dos que fican .
Posteriormente, teremos un coloquio-debate sobre a realidade da emigración galega actual no que participarán a profesora na área de economía, socioloxía e política agraria da USC, no campus de Lugo, Mar Pérez Fra, e o historiador e profesor do IES Ánxel Fole, Xabier Molinos. Salientar que desde 2008 ao 2017 emigraron desde Galiza 300.000 persoas, das que 79.529 son mozos e mozas de 16 a 29 anos que se viron expulsados por falta de saídas laborais e que declaran non ter intención inmediata de voltar ante a falta de perspectivas de futuro en Galiza.
Ao inicio e ao final desta actividade recitaremos algún poema de Manuel María que nos enfronta con este drama persoal, social e nacional. Concretamente os escolleremos do poemario “Remol”, que este ano cumpre 50 anos da súa primeira edición. A actividade está organizada por Via Galega, plataforma da que forma parte a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que está na actualidade a desenvolver unha campaña ante a preocupación e gravidade do novo ciclo migratorio galego e para reclamar da Xunta de Galiza políticas que paralicen as súas causas e a execución daquelas medidas necesarias que aseguren traballo digno no país para todas e todos e o retorno das persoas emigradas.
*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.
Este sábado 25 de xaneiro, a partir das 17 horas, no salón de actos do Centro Cultural José Domínguez Guizán tivo lugar a entrega de premios dos distintos certames que se convocaron na XLVIII Edición do Nadal en Begonte (Poesía, Arte e Periodismo para adultos e de Debuxo para nenos).
Nun local case repleto de público, e ante a presenza de autoridades coma a Responsable de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez ou o alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, e representantes do Belén begontino e persoas integrantes dos xurados de cada modalidade, as persoas premiadas foron recibindo os seus galardóns, segundo os ía nomeando o incansable mestre de cerimonias, Xulio Xiz.
Así, a artista Adolfina Mesa recolleu o premio ao resultar gañadora do XXX Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán contra a Violencia Sexual, coa súa obra Amor Mortal. Tamén o poeta Xosé Otero Canto estivo presente para recibir o galardón como gañador do XLIV Certame Nacional de Poesía Sobre o Nadal coa obra Xesús e a Crónica de Beria. Pola súa banda, no XLIV Certame Xornalístico Begonte e o Nadal, Pepe Pol recolleu o primeiro premio polo artigo Carta a los Reyes Magos y su respuesta, publicado en Galicia Digital, mentres que Beatriz Valcárcel recibiu o segundo premio polo artigo La historia real de un belén viviente, tamén publicado en Galicia Digital. E non podemos esquecer as nenas e os nenos que acudiron recoller cadanseus galardóns coma premiados no XLIV Certame de Debuxo Infantil sobre O Nadal.
O acto, ademais de servir como clausura das actividades na presente edición do Belén de Begonte, que vai camiño do médio século, tamén nos amosou a actuación do cuarteto de saxofón da Agrupación das Escolas Municipais de Música de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei, xestionadas pola Asociación Músico Crisanto.
Véxase a continuación unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da citada entrega de premios.
O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á escritora gañadora, ANTÍA YÁÑEZ, que terá lugar o sábado, día 1 de febreiro de 2020, ás 20:30 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA. O referido acto, presentado por CARMEN HERMIDA, contará coa intervención de MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha, ELBA VELEIRO, alcaldesa de Vilalba; FRAN ALONSO, director de Edicións Xerais de Galicia; MANUEL BRAGADO, membro do Xurado, e ANTÍA YÁÑEZ, gañadora do premio. Durante o acto irán producíndose distintas actuacións relacionadas coa música, coa poesía, cos textos teatrais, coa imaxe… Para elo, contamos coa participación de: BANDA MATO VIZOSO EMILIA MARTÍNEZ FUENTES ALFONSO MASEDA GRUPO DA BIBLIOTECA “AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ” do IES BASANTA SILVA. BUXOS VERDES Colabora no acto a Asociación de Xordos de Vilalba.