Xa á venda as entradas para as galas do Festival Atlántica de narración oral

Xa á venda as entradas para as galas do Festival Atlántica de narración oral (descarga aquí a nota de prensa)

·        Os prezos varían entre os 12 e os 10 euros da gala inaugural e de clausura, respectivamente

·        Para o espectáculo familiar ‘Unha aventura singular: o gato con botas’ cómpre retirar convites gratuítos a partir do día 10 de marzo no Teatro Principal

·        As funcións gratuítas non precisan reserva e a entrada é libre ata completar o aforo

Os interesados en asistir á Gala Inaugural ou de Clausura do Festival Atlántica 2020 xa poden adquirir as súas entradas a un prezo de 12 e 10 euros, respectivamente, na web da ABANCA (https://entradas.abanca.com) e tamén na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado de 18 a 21 horas e o mesmo día da función.

A Gala Inaugural deste ano leva por título ‘Varios ventos’ e vai ser o mércores 11 de marzo, ás 21 horas, no Teatro Principal. Nesta ocasión o programa incluirá as intervencións de Sandra Araguas (Huesca), Aline Cântia e Chicó do Céu (Brasil), Fernando Saldaña (Salamanca) e dos galegos Cris de Caldas, Quico Cadaval, Sole Felloza, Celso F. Sanmartín, Cándido Pazó, Charo Pita, Santi Prego e María da Pontragha. Ademais, a gala terá como fío condutor a música de Marcelo Dobode.

No que respecta á ‘Tres ventos’, nome da Gala de Clausura desta edición, vaise celebrar o sábado 14 de marzo, tamén no Teatro Principal, a partir das 21 horas. Desta volta, os artistas Fernando Saldaña (Salamanca), Rubén Martínez (Venezuela), Aline Cântia e Chico do Céu (Brasil) serán os responsables de poñer o peche o encontro con historias en castelán e portugués orixinarias da terra dos protagonistas desta velada.

A outra actividade de pago do Festival Atlántica é ‘Palabras na boca’ de Raquel Queizás (13 marzo, 20:30 h, Dospasos, Bertamiráns). A entrada desta sesión terá un custo de 7,5 euros, con pincho incluído, e estará á venda o día da función no propio local.

Programación de balde

No que respecta ao resto da programación da VIII edición do Festival Atlánticas, vai ter carácter gratuíto e non require reserva agás o espectáculo ‘‘Unha aventura singular: o gato con botas’, con Charo Pita e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela coa dirección de Casiano Mouriño (14 de marzo, 18:30 h, Teatro Principal). Para esta función cómpre retirar os convites gratuítos por adiantado no propio teatro a partir do día 10 de marzo.

O programa completo do Atlántica así como a información sobre os artistas pódese consultar na web do Festival (http://festivalatlantica.gal).

TINO BAZ CANTA A POESÍA DE ROSALÍA NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

TINO BAZ PRESENTA “SI CANTAN, ES TI QUE CANTAS” NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Tino Baz interpreta este próximo sábado, día 7 de marzo, ás 20 horas, once poemas de Rosalía (oito deles pertencentes a Follas Novas e tres a Cantares Gallegos) nun concerto encadrado dentro das actividades que vén desenvolvendo estas últimas datas a Casa-Museo Manuel María en volta da celebración, o pasado 24 de febreiro, do Día de Rosalía.

Si cantan, es ti que cantas é o título da obra discográfica en que Tino Baz interpreta de maneira monográfica a poesía de Rosalía. Textos tratados melodicamente por este músico e cantor que en 2007 editou o traballo
musical Cinsa namorada.

Os billetes (5 euros) para ver o concerto poden reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

Acto poético-musical en homenaxe a Rosalía de Castro na Deputación de Lugo

O venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputacíon de Lugo, celebrarase un acto poético musical, no que as voces de Xosé Otero Canto, Adela Figueroa, Ana Mar Fraga Rábade, Ana Gamallo, Fernando García, Ánxela Gracián, Chelo Gayoso, Paco Ledo, Dulce María López, Emilia Martínez Fuentes, Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Toño Núñez, Conchita Paz, Luisa Paz, Xosé Pedreira, Ana Rey, Isabel Rodríguez, Xosé Carlos Ulloa e Branca Villar porán corpo poético aos versos de “Follas Novas”, “Cantares Galegos” e demais obras da escritora homenaxeada, ou aos de propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais. O evento estará conducido por Montse González Álvarez.

“Xan Perillán e a maleta máxica”, espectáculo de Kukas, este sábado 29 de febreiro, na Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 29 de febreiro, ás 18 horas, o espectáculo d’Os monicreques de Kukas, “Xan Perillán e a maleta máxica”. Dirixido para público familiar e crianzas, a partir dos catro anos, nel mestúrase o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación dos títeres.

“Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco…Mais, onde queda Pernambuco? No hemisferio Norte ou no Sur?…cun pouco de maxia e a axuda das crianzas con certeza que o descubrirá. Xunta todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta que non é unha maleta calquera…é unha maleta máxica, todo o que aquí se mete, convértese nun truco de maxia…
Ai, Xan Perillán, que traballos está a pasar! E por riba o seu loro Ravachol aparece e desaparece por arte de birlibirloque …agora está…agora xa non…Uf, por fin meteu todo na maleta…Xa pode marchar…”

A peza está protagonizada por Marcelino de Santiago (Kukas) e está dirixida por Isabel Rey Posada, ambos os dous fundaron hai máis de 40 anos Os monicreques de Kukas, a compañía de teatro de obxectos máis antiga de Galiza e unha das máis estábeis do panorama teatral galego, coa que levan producido máis de 40 montaxes teatrais entre espectáculos con marionetas, ruadas e teatro de actor. A finais de 2019 recibiron o Premio da Cultura de Galiza na modalidade de Artes Escénicas.

O billete ten un prezo de 2 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal