A Noite das Donas 2022 na igrexa de San Salvador de Vilar de Donas

O sábado 23 de xullo  poderase desfrutar da NOITE DAS DONAS 2022 que organiza na igrexa de San Salvador de Vilar das Donas (Palas de Rei) a asociación Orde dos Cabaleiros e Donas do Priorato de Vilas das Donas Os Lobos en colaboración con grupos de teatro e musicais e outras asociacións, entre elas o Instituto de Estudos Ulloáns.

Trátase dun espectáculo de relatorios, música, proxeccións e visita nocturna que comezará a partir das 20,30 h. Unha das relatoras é a historiadora do IEU María José Gómez Alvite.

Tamén hai que lembrar que ás 19 h dese mesmo día realizarase en Antas de Ulla a presentación do libro de Xosé Lois García Achegas á simboloxía do románico da Ulloa no que se estuda tamén a igrexa de Vilar das Donas.

Presentación do libro “Achegas á simboloxía do románico da Ulloa”, de Xosé Lois García, en Antas de Ulla

O sábado 23 de xullo ás 19,00 h presentarase en Antas de Ulla o libro Achegas á simboloxía do románico da Ulloa, do historiador e socio do IEU Xosé Lois García, que recolle tanto os seus artigos sobre este tema publicados en Cairón como novas investigacións sobre a simboloxía amosada en 44 igrexas románicas de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla.

O libro foi editado polo Instituto de Estudos Ulloáns e financiado pola Área de Turismo da Deputación de Lugo, que dirixe a deputada Pilar García Porto.

O Festival Atlántica clausura a súa décima edición con actividades en once concellos

O FESTIVAL ATLÁNTICA CLAUSURA A SÚA DÉCIMA EDICIÓN CON ACTIVIDADES EN ONCE CONCELLOS

·        A Fortaleza da Rocha Forte de Santiago acolle o espectáculo de clausura con Francisco de Romualdo e o dúo formado por Santi Prego e Jorge de Arcos

·        O maratón de contos comezará pola mañá co ascenso ao monte Pindo de Carnota na compañía das historias de Avelino González

·        Tamén haberá funcións en Teo, Mondoñedo, Paderne, Alfoz, Zas, Outes, Cuntis, A Pobra do Caramiñal e Sanxenxo

O Festival Atlántica pon o ramo á súa décima edición este sábado, 9 de xullo, con trece espectáculos que se van desenvolver en once localidades distintas. Estas actividades son posibles grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos e entidades que operan como sedes do festival.

No caso de Santiago, a actividade vai comezar ás 11 horas co ‘Roteiro das desterradas’ de Carme Varela, a segunda edición que realiza do itinerario narrado a autora da premiada ‘As desterradas’ e que tamén ten os convites esgotados desde hai semanas. A mediodía, ás 12 horas, a Praza de Cervantes vai acoller o concerto-conto ‘As catro estacións de Vivaldi’ con ConcertArt e Sole Felloza. A xornada rematará co espectáculo oficial de clausura de Atlántica, a partir das 21:30 horas, e consistirá nunha función dobre co narrador non vidente Francisco de Romualdo e o dúo formado por Santi Prego e Jorge de Arcos. Os cantares de cego do primeiro e os improcontos dos segundos terán lugar nun escenario moi especial da cidade: a Fortaleza da Rocha Forte.

Mentres, en Teo, o público está convidado a achegarse ata a área recreativa do Xirimbado, ás 21 horas, para gozar coas historias de Avelino González e o seu espectáculo ‘No tempo en que as pontes falaban’. Precisamente, Avelino González será tamén o protagonista pola mañá, ás 9:30 horas, dunha das actividades máis singulares desta edición: un ascenso cheo de historias ao Monte Pindo de Carnota, considerado o Olimpo Celta.

Atlántica tamén chegará ata Mondoñedo con Caxoto (20:30 h, Alfar dos Muíños), a Paderne con Cris de Caldas (20:30 h, Praza de San Xulián de Vigo), ao Castelo de Castrodouro de Alfoz con Rilo & Penadique (20:30 h) ás Torres do Allo de Zas con Cándido Pazó e Vítor Fernandes (21:30 h), a Pontenafonso en Outes con Félix Albo (21:30 h), ao Castro de Castrolandín de Cuntis con Celso Fernández Sanmartín (21:30 h), á Pobra do Caramiñal con Carolina Rueda (21:30 h, Adro do Castelo) e a Sanxenxo con Victoria Siedlecki (22 h, Casa Mariñeira Don Fernando). Toda a información sobre os artistas e mais os espectáculos pódese consultar na web do festival (festivalatlantica.gal). 

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220708-NP-CLAUSURA-FestivalAtlantica

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O único que queda é o amor

Autor: Agustín Fernández Paz

Editorial: XERAIS

Ano de publicación: 2008

Hai libros aos que unha debe volver, de vez en cando, porque seguen resoando no transcurso do tempo. Ese é o caso de O único que queda é o amor do estrañado Agustín Fernández Paz, cuxa cita inicial constitúe, xa de entrada, unha declaración de intencións para as románticas e románticos:

“E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor”.

Orhan Pamuk

A obra está conformada por unha recompilación de historias moi diversas nas que o amor é a principal forza motora. Amores que nacen entre libros, amores que evoca a ausencia, amores non correspondidos, amores narrados por mascotas… Amores, ao fin e ao cabo, que prenden coma chamas nas lectoras e lectores desde o primeiro instante.

Malia ser este un dos grandes temas da literatura universal, coido que o libro, que foi publicado por primeira vez hai tres lustros, rompe coa uniformidade de moitas historias de amor, que perpetúan, aínda hoxe, o traxecto en sentido único dos sentimentos.

De lectura fácil e amena, O único que queda é o amor é un dos grandes imprescindíbeis das nosas letras. Motivo suficiente para mergullarse este verán nas súas páxinas, non si?

Os contos eróticos de Victoria Siedlecki toman o Museo do Pobo Galego este venres

OS CONTOS ERÓTICOS DE VICTORIA SIEDLECKI TOMAN O MUSEO DO POBO GALEGO ESTE VENRES

  • A arxentina protagoniza a penúltima xornada de Atlántica en Santiago con dúas funcións no Museo do Pobo Galego, unha para público infantil e outra para adultos
  • Tamén está programada unha visita guiada con Manuel Gago pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ cos convites esgotados
  • En Teo, no exterior da casa reitoral de Bamonde, estará María da Pontragha con ‘Donas do lugar’

A arxentina Victoria Siedlecki vai ser a protagonista da penúltima xornada do Festival Atlántica en Santiago con dúas funcións que se van desenvolver no Museo do Pobo galego. Así, o primeiro espectáculo, concibido para público infantil, será ‘Pequeno país’ e comezará ás 18 horas. Un chisco máis tarde, ás 21:30 horas, será a quenda dos maiores que se acheguen ata o museo para escoitar os ‘Relatos eróticos’ de Siedlecki.

A outra actividade prevista na xornada é unha visita guiada pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ na compañía do seu comisario, Manuel Gago. A visita, que comezará ás 7 da tarde, ten os seus convites esgotados desde hai un par de semanas e conta coa colaboración de Afundación.

Mentres, no veciño concello de Teo, a galega María da Pontragha levará ‘Donas do lugar’ ata o exterior da casa reitoral de Bamonde, situada fronte á igrexa. Esta actividade é posible grazas á colaboración da Asociación de Veciño de Bamonde.

Mais fóra de Santiago e Teo o Festival Atlántica segue a levar os contos por numerosos puntos da xeografía galega. De feito, o venres, 8 de xullo, as historias tamén chegarán ao Castro de Castrolandín en Cuntis da man de Carolina Rueda (19 h e 21:30 h); á eira de mallar de Beixo, en Dodro, con Brais das Hortas (21 h); ao Pazo das Torres de Goiáns de Boiro con Félix Albo(21:30 h), ao lavadoiro de Artes de Ribeira con Santi Prego e Jorge de Arcos(21:30 h) e, finalmente, ata ao Parque Arqueolóxico Rupestre de Campo Lameiro con Raquel Queizás (22:30 h). Toda a información sobre os artistas e mais os espectáculos pódese consultar na web do festival (festivalatlantica.gal)

O encontro internacional de narración oral poñerá o ramo a súa décima edición o sábado, 9 de xullo, logo de espallar historias polas catro provincias galegas grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos e entidades que operan como sedes do festival.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220707-NP-SANTIAGO_TEO-FestivalAtlantica

O Festival Atlántica retoma a actividade en Santiago e Teo cunha quincena de espectáculos

O FESTIVAL ATLÁNTICA RETOMA A ACTIVIDADE EN SANTIAGO E TEO CUNHA QUINCENA DE ESPECTÁCULOS

·        Victoria Siedlecky, Carme Varela, Anxo Moure, Celso Fernández Sanmartín, Dani Blanco e Félix Albo participan na xornada do xoves en Santiago

·        En paralelo, Atlántica continúa programando espectáculos noutros concellos de Galicia

Logo dun breve descanso, o Festival Atlántica afronta a súa segunda metade con novos espectáculos por todo o país. No caso concreto de Santiago e Teo, están previstos un total de 15 funcións que se desenvolverán ata a clausura do encontro o vindeiro sábado, 9 de xullo. Esta intensa programación é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos de Santiago e Teo e máis as entidades participantes.

A actividade en Santiago comezará esta tarde, mércores 6 de xullo, ás 17:30 horas, co espectáculo ‘Maxia’ de Charo Pita na Aula de Pediatría do Hospital Clínico. A función, destinada exclusivamente para o público infantil do CHUS, conta coa colaboración de Asanog (Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia).

No tocante ao xoves, 7 de xullo, a primeira función vai ser á sombra do carballo centenario de Conxo e na compañía da arxentina Victoria Siedlecky. O espectáculo programado é ‘Pequeno país’ e está concibido para público familiar e infantil (nenos maiores de 4 anos).

Pola tarde, ás 19 horas, dará comezo o ‘Roteiro das desterradas’ con Carme Varela, autora da premiada obra ‘As desterradas’ que vai ser o fío condutor deste paseo narrado. Os convites para esta actividade así como para a outra edición prevista para o sábado están esgotados desde hai semanas. Esta actividade conta coa colaboración do Sorriso de Daniel, unha asociación que traballa a prol da divulgación e conservación do románico galego.

Un chisco máis tarde, ás 19:30 horas, o Museo do Pobo Galego acollerá a proxección da curtametraxe documental ‘Verbas no ar’ de Paco Paz e Ernesto Muleiro. Logo do visionado está previsto un coloquio no que participarán Muleiro e os contadores Anxo Moure e Celso Fernández Sanmartín, protagonistas do audiovisual.

A xornada picheleira rematará cunha dobre función na Carballeira de Conxo, a partir das 21:30 horas, protagonizada polas ‘Historias de boca a boca’ do galego Dani Blanco e as ‘Yayerías’ do valenciano Félix Albo.

MARATÓN DE CONTOS

Pero Atlántica segue a espallar contos por toda Galicia e mentres todo isto está a acontecer en Santiago, o xoves tamén haberá espectáculo en Ourense con Rilo e Penadique (11:30 h, Praza da República, soportais da Biblioteca Municipal Nós) e mais Boiro con María da Pontragha nun enclave singular: o Centro Arqueolóxico do Barbanza – Castros de Neixón (21:30 h).

Mais cómpre visitar a web do festival para estar informado do resto de funcións porque ata o vindeiro 9 de xullo tamén están programadas actividades en Cuntis, Dodro, Ribeira, Campo Lameiro, Paderne, Mondoñedo, Alfoz, Zas, A Pobra do Caramiñal, Outes, Sanxenxo e Carnota ademais de Santiago e Teo.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220706-NP-SANTIAGO_FestivalAtlantica