O sábado 18 de maio (en sesións de 20 h e 21,30 h), na Casa-Escola de Peibás o grupo de teatro de Antas interpretará unha adaptación de Yerma dirixida por Patricia Coucheiro. Para poder asistir é preciso reservar entradas no tfno 619906206 ou no 661827958 porque o aforo é moi limitado.
Por outra parte, os días 6 e 7 de maio terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña unhas xornadas cos resultados dos traballos de investigación educativa realizados na comarca da Ulloa froito da colaboración entre a UDC e a asociación Cuarto Mundo, coa que colaborou o IEU. Intervirá nas xornadas Patricia Coucheiro como membro de Cuarto Mundo e do IEU.
O xoves 9 de maio ás 20,30 o afamado naturalista Joaquin Araujo impartirá en Melide a conferencia “La libertad del agua”.
E o venres 10 de maio ás 19,30 haberá no Vello Cárcere de Lugo unha charla informativa sobre Altri.
O venres 10 de maio de 2024 ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, co gallo das Letras Galegas 2024, organiza a conferencia LUISA VILLALTA, A PALABRA PRECISA, que será impartida por BEATRIZ MACEDA ABELEIRA, mestra e escritora. No acto intervirá tamén a poeta vilalbesa PILAR MASEDA, e será presentado por MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha.
O Roteiro A Coruña de Luísa Villalta: límite exterior, guiado por María Casar, presidenta da A. C. Ergueitas, vai ter lugar finalmente o xoves 16 de maio, a partir das 17:00 horas, na cidade da Coruña, tendo como punto de saída tendo como punto de partida a estatua de Emilia Pardo Bazán, nos Xardíns de Méndez Núñez. Agradecemos que as persoas interesadas se inscriban previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.
Esta iniciativa da AELG pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.
A actividade conta co apoio do Concello da Coruña.
BICOS CON LINGUA, UNHA COMEDIA DE TALÍA TEATRO SOBRE A NOSA LINGUA, ESTE SÁBADO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PARA PÚBLICO ADULTO E XUVENIL
Talía Teatro, a histórica compañía teatral galega que vén de gañar sete galardóns dos Premios María Casares pola obra “Unha inimiga do pobo”, estará este sábado, 4 de maio, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María iniciando a programación da casa-museo no mes das letras. E faino cunha exitosa comedia sobre a realidade sociolingüística de Galiza, Bicos con lingua, que leva máis de vinte anos en xira.
Da man dos actores Artur Trillo e Toño Casais, esta peza está chea de humor, xestos, actitudes e costumes que reflicten unha radiografía da nosa lingua. Cunha montaxe sinxela e directa Talía Teatro pretende que as persoas espectadoras redescubran unha lingua que existe e crece na súa inmensa riqueza, a pesar dos usos, abusos e atrancos aos que está sometida acotío.
Para asistir ao espectáculo é necesario reservar billete (5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
O 1 de maio, ás 19.30h, o Teatro Colón será testemuña da primeira obra de teatro de humor programada na historia do EMHU, Go Home, que aborda, desde a comedia, o turismo de masas
Galder Varas, un dos cómicos máis celebrados do momento, aterrará con Esto no es un showo xoves 2 no Colón, no que ofrecerá dous pases cuxos billetes están esgotados
As últimas entradas dispoñibles para Go Home, que conta con David Amor e Josito Portocomo protagonistas, pódense adquirir a través da plataforma www.ataquilla.com
O Teatro Colón será testemuña das novas propostas escénicas que a cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá ao público nas súas dúas próximas xornadas. O mércores 1 de maio, Día do Traballador, ás 19.30h, chegará a quenda do espectáculo Go Home, dirixido por Tito Asorey, e que conta con Josito Porto e David Amor como protagonistas. A peza -a primeira obra de teatro de humor programada na historia do EMHU- aborda, en clave de humor, a problemática do turismo de masas da man dalgunhas das figuras máis queridas da escena galega, como o dramaturgo José Prieto ou a directora de iluminación Laura Iturralde.
Pola súa banda, na tarde do xoves, 2 de maio, un dos cómicos máis celebrados do momento, Galder Varas, desembarcará no EMHU para ofrecer unha dobre sesión do seu monólogo Esto no es un show. O espectáculo, que se poderá ver tamén no Teatro Colón en dobre función, ás 20.00 e 22.30h, promete improvisación, chistes, sketches e unha morea de gargalladas. Os billetes para ver a Galder Varas, cuxos vídeos acumulan milleiros de reproducións nas redes sociais, están esgotados desde hai semanas.
AXENDA EMHU 2024 – MÉRCORES 1 E XOVES 2 DE MAIO
SOBRE GO HOME
Mércores 1 de maio, ás 19.30 horas, no Teatro Colón (últimas entradas dispoñibles en www.ataquilla.com)
Go Home é o novo espectáculo de teatro que conta con David Amor e Josito Porto como protagonistas, en asociación con grandes nomes da escena galega como José Prieto, Tito Asorey, José Faro, Laura Iturralde, Patricia Ferreira ou Xavier Porto. Trátase dunha peza comprometida coa realidade que conta a historia de David, un fanático das viaxes que xa fixo todas as andanzas que as axencias de turismo lle podían ofertar… Todas, agás unha en concreto. Comeza así, para o noso protagonista, todo un mundo de emocións…
SOBRE ESTO NO ES UN SHOW
Xoves 2 de maio, ás 20.00 e 22.30 horas, no Teatro Colón (entradas esgotadas)
Se isto non é un show, estarase preguntando vostede, de que se trata entón? Pois probablemente do mesmo que outros moitos monólogos. Pode agardar un escenario, un micrófono e un cómico. Tamén pode agardar moita improvisación, chistes e bloques diferentes aos que puido ver de Galder Varas en redes. E, por último, pode agardar a honesta intención de facerlle rir a gargalladas. Mais o que non pode agardar é un show. Iso xa llo advertimos.
O EMHU, O GRANDE EVENTO DO HUMOR EN ESPAÑA
O Encontro Mundial de Humorismo celebra a súa cuarta edición na Coruña desde o 25 de abril e até o 5 de maio. Trátase da cita humorística máis relevante de España tanto polo número de actividades que ofrece como polos de espectadores: este ano sumará máis de 20.000 asistentes. O evento, impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de Estrella Galicia.
A programación troncal do EMHU 2024 propón algúns dos espectáculos máis destacados do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas, Esto no es un show, La ruina ou La nueva normalidad. Ademais, o Encontro Mundial de Humorismo conta don dúas galas de produción propia e que só se poden ver durante a celebración do evento na Coruña, como son Humoris Causa e Fantastic Colofon; e inclúe espectáculos realizados por algúns dos humoristas máis recoñecidos do país. É o caso de Celebreixon, con Roberto Vilar, ou da obra de teatro Go Home, dirixida por Tito Asorey e que conta con David Amor e Josito Porto no seu reparto. Entre as propostas desta edición tamén está o show Tengo cosas para hacer, da arxentina Dalia Gutmann, que inicia en maio unha xira por España que terá, como punto de partida, o EMHU.
Alén destes espectáculos, o Encontro Mundial de Humorismo 2024 conta cunha programación de actividades paralelas gratuítas que pretende favorecer que todos os públicos poidan gozar do grande evento do humor. É o caso do Match de Impro da Escuela Impro Coruña, o parladoiro Lo que me han enseñado los mayores, de Jordi Moltó, ou as gravacións dos podcast El Nicho, con David Perdomo, e El sentido de la birra, con Ricardo Moya, quen contará con Antonio Resines como convidado. Ademais, a veciñanza pode asistir ás conversas Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia e O negocio do humor, ou mesmo á presentación do libro Pérdidas de risa, de Sílvia Abril.