por martinho | May 22, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O Roteiro A Coruña de Luísa Villalta: os sotos baixo a pel de cemento, guiado por Inma Otero Varela terá lugar o sábado 25 de maio, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. Agradecemos que as persoas interesadas se inscriban previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes, dándose a coñecer ás persoas anotadas o punto de saída.
Esta iniciativa da AELG pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.
A partir do poemario En concreto e da novela Teoría de xogos pódese trazar un mapa social e mítico da Coruña oculta, a que se sitúa do lado que perde, malia a ser a trabe da cidade. Luísa Villalta reivindica as marxes, tamén as urbanas, na encrucillada que abeira o novo milenio. Formigón, leiras, ríos soterrados e vento vixiado polo ollo do faro balizan todos os espazos.
A actividade conta co apoio do Concello da Coruña.
Máis información aquí: https://www.aelg.gal/actividades/paseos-literarios/2024/5/25/a-coruna-de-luisa-villalta-os-sotos-baixo-a-pel-de-cemento-con-inma-otero-varela
por martinho | May 20, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O venres 24 de maio de 2024 ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, organiza a conferencia A MULLER RURAL NA ÉPOCA DO FRANQUISMO, que será impartida por ANA CABANA IGLESIA, profesora da USC e escritora.
Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha.
NOTA-INFORMATIVA-CONFERENCIA-ANA-CABANA
por Miguel Díaz | May 16, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: QUE DEFENDO?
Co coitelo entre os dentes, que defendo? Asoman hordas que me varrerán e defendo se cabe ruínas. Ruínas que son pero que non deben ser defendidas. Porque na súa memoria non habita xa ningún corazón á espera.
por martinho | May 15, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Outras Artes, Publicacións, Xeral
O Pazo da Cultura acollerá a última creación de ButacaZero este sábado, 18 de maio, ás 20.00h, co 80% da capacidade da sala xa ocupada a día de hoxe
Esta función de Narón é unha das últimas oportunidades para ver a peza en Galicia ata o vindeiro outono, xa que proximamente so será posible gozar dela na MIT de Ribadavia o día 27 de xullo
Os últimos billetes dispoñibles para ver na localidade de Ferrolterra unha das sensacións da actual temporada escénica están dispoñibles a través da plataforma en liña: https://www.padroadodecultura.es/
IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia
IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, desembarca esta fin de semana en Narón, no Pazo da Cultura, o sábado 18 de maio, ás 20.00h, coas entradas a piques de esgotarse e o 80% da sala xa ocupada a día de hoxe. Os últimos billetes dispoñibles para ver unha das sensacións da actual temporada escénica na localidade de Ferrolterra están dispoñibles a través da plataforma en liña: https://www.padroadodecultura.es/. Esta función de Narón é unha das últimas oportunidades para ver a peza en Galicia ata o vindeiro outono, xa que proximamente so será posible gozar dela na MIT de Ribadavia o día 27 de xullo.
IRIBARNE, a exitosa revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor, é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”.
Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.
UNHA EXITOSA XIRA
Desde a súa estrea en Galicia, en Vilalba -cidade natal do político-, o pasado mes de xaneiro, IRIBARNE pasou xa por Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Lugo, Ourense e Cangas, entre outras localidades, coa platea ateigada e o público entregado en todos os recintos visitados. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. Dentro de súa xira galega, IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia– ten previsto recalar, ademais de en Narón (18 maio), onde xa vendeu o 80% das localidades, en Ribadavia o 27 de xullo, como espectáculo responsable da clausura da MIT. A peza visitará, tamén, outras cidades do Estado, como Vitoria (7 xuño).
Ademais, en marzo fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.
MÁIS CA TEATRO
En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas.
POSTA EN ESCENA
A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.
A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.
Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?
SOBRE A COMPAÑÍA
ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.
Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica.
Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.
CONVERSAS
· Manuel Rivas: https://youtu.be/nTGC5te-xzI?si=mM4woYU040CjXvyw
· Xesús Palmou: https://youtu.be/1x_G-9tp3-U?si=j1kzWFyb0BmSG6v3
· Encarna Otero: https://youtu.be/b6z4RG1Uy0Y?si=5Ms9onBGURtRsW4m
LIBRO IRIBARNE | https://edicionspositivas.com/producto/iribarne/
MÁIS INFO | https://butacazero.com
XIRA IRIBARNE | PRÓXIMAS DATAS CONFIRMADAS
NARÓN I Pazo da Cultura | sábado 18 maio | 20.00 h
https://www.padroadodecultura.es/es/espectaculos/evento/iribarne
VITORIA I Teatro Principal de Vitoria | venres 7 xuño | 19.30 h
https://principalantzokia.janto.es/
RIBADAVIA I Auditorio do Castelo | sábado 27 xullo | MIT Ribadavia 2024
20240514-NP-IRIBARNE-Naron
por martinho | May 13, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
Desde este luns 13 e até o venres 24 de maio, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora galega traballará na súa proposta Sinte, un proxecto que ten a música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación
Unha vez finalizada a súa residencia, Cris Balboa ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar no Vello Cércere, o venres, 24 de maio, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala
Paralelamente, a artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
A artista Cris Balboa inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 13 de maio, en Lugo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Vello Cárcere de Lugo acolle, desde hoxe e até o venres 24 de maio, a segunda destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta da creadora galega Cris Balboa que ten por título Sinte, un proxecto que ten a música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Cris Balboa ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere, o venres, 24 de maio, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, a creadora participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
Sinte é un proxecto coa música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Unha viaxe desde a fraxilidade para desarmar as corazas coas que nos movemos polo mundo e celebrar que todas somos seres sensibles vibrando en frecuencias diversas. Cris Balboa relata con paixón o seu conflito co mundo que nos rodea desde un punto de vista singular e persoal, buscando influír nos estados de ánimo colectivos a través da música electrónica. Sinte proponse como un lugar de expresión nunha sociedade cada vez máis afeita á frialdade das transaccións económicas, desbordada pola velocidade terminal que nos fai menos conscientes da nosa realidade.
SOBRE A ARTISTA
Cris Balboa é unha creadora galega que ten como motor a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde investiga a posibilidade de transformación social e persoal que ten a arte. O seu traballo artístico mestura palabra, acción, danza, audiovisuais e música, cruzando a súa obra con elementos narrativos que oscilan entre a ironía, o humor, o hedonismo ou mesmo a desesperación. Os seus textos, que parten do autorretrato e a autoficción como formas comunicativas, buscan xerar un sentimento de identificación co espectador para reflexionar sobre a vida dende o cotián, situando o seu corpo e a súa experiencia como centro da dúbida sobre o que somos.
En 2011 forma a súa compañía Funboa Escénica e desenvolve proxectos en colaboración con artistas como Lúa Gándara, Manuel Parra, Félix Fernández, Estevo González e Paulina Funes, entre os que se encontran as obras O que segue, Technocracia, Sushi gratis e Masa madre + sal marina, presentadas en diversos festivais e eventos estatais.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia -cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.
Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.
O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.
Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
2024.05.13.-NP-Residencias-Paraiso
por martinho | May 13, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
- Intervención artística: “Só nos sobrevivirán os nosos acenos” de Abraham Pérez
- Lugar: Fundación Eugenio Granell, Praza do Toural s/n, Santiago de Compostela
- Data: martes 14 de maio, ás 19:00h
Este martes 14 de maio ás 19:00h, terá lugar a intervención artística “Só nos sobrevivirán os nosos acenos” do poeta lucense Abraham Pérez, dentro da actividade “A miña peza favorita” da Fundación Granell de Santiago de Compostela.
“A miña peza favorita” é unha actividade que se iniciou no ano 1997 que consiste en seleccionar unha peza, entre todas as que forman parte da colección da Fundación Eugenio Granell, para que o invitado elabore un comentario persoal cunha nova visión desde unha perspectiva actual.
Nesta ocasión, Abraham Pérez e a Galería NÉBOA, seleccionaron as pezas Así é como o museo asasina ao artista, de Eugenio Granell (1981) e Nazis brindando, de Saul Steinberg (1940) dos fondos da colección Eugenio Granell; xunto cunha selección de poemas de Abraham Pérez: o corpo transparente das horas, Liñas do cuestionamento, unha teoría para os espectros e o manifesto poético Incursión diagonal.
Abraham Pérez (Lugo, 1990) é escritor. Autor da novela O paso en falso (Editorial Galaxia, 2023), do ensaio Sacho de seda (Menino Morreu, 2023) e dos poemarios o corpo transparente das horas(Editorial Galaxia, 2022), unha teoría para os espectros (Toxosoutos, 2021) e Fragmento/Creba(Editorial Galaxia, 2020). No ano 2022 acadou o accésit no XXV Certame Francisco Añón de Poesía pola súa obra toxicidade. Foi un dos artistas seleccionados para desfrutar da Residencia Artística Mariñán de literatura e pensamento no ano 2022 convocada pola Deputación da Coruña; e da Residencia de creación literaria Illa de San Simón no 2023, convocada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Amais, ten colaborado con distintos medios e revistas especializadas como Grial, Luzes, Praza Pública, Dorna: expresión poética galega ou Xistral, entre outras. A súa obra está recollida en distintas antoloxías.