Nun acto moi concorrido, a palabra e as emocións foron as protagonistas. Esa primeira das emocións xurdiu cando o alcalde do Concello de Cospeito, Armando Castosa, descubriu un cadro no que aparecía debuxado o rostro do anterior presidente da Asociación Cultural de Pino, Moisés Paz Carral, que falecera en datas recentes, o que supuña un feito de homenaxe colectiva á súa persoa.
Despois da lectura da acta do fallo elaborada polo xurado, procedeuse á entrega de premios, comezando polas gañadoras da Categoría 1 (menores de 18 anos).
A primeira en recoller o seu galardón foi Sandra Rodríguez Macía, de Monforte de Lemos, da man de Ana Mar Fraga Rábade, integrante do xurado.
Despois a Mariña Maceiras Segovia, de Pontevedra, entregoulle o galardón do 1º Premio Inés Lozano Carral, actual presidenta da Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino.
Deseguido, veu a entrega dos galardóns ás persoas gañadoras da Categoría 2 (de 18 anos en diante).
Rematou a entrega de premios na persoa de Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, que recolleu o agasallo de ser o gañador na súa categoría da man de Armando Castosa, alcalde do Concello de Cospeito.
Despois das pertinentes fotografías realizadas entre as persoas premiadas, xurado, entidades convocantes e familiares, pasouse a un momento máis distendido compartindo todos un pequeno ágape, ofrecido polo Concello de Cospeito.
O sábado 14 de decembro ás 18:30 h., na igrexa parroquial de San Xoán de Antas de Ulla, un fermoso templo románico no centro da vila, o IEU organizará un Recital Poético sobre o Pico Sacro no que se presentará o libro “Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda”.
Presentarán o acto o profesor Jaime Rodríguez Ouro e o escritor e filólogo Xulio Pardo de Neyra, e contaremos no recital poético coas intervencións do coordinador do libro e coautor Xosé Manuel Lobato, de Xoán Xosé Fernández Abella, de Charo Golmar e de Henrique Neira.
Con este recital poético o IEU inicia unha liña de actividades que continuará en 2020 con outro acto similar sobre o Monte Farelo que organizará no cume deste monte tan significativo para A Ulloa.
*Información achegada desde o Instituto de Estudos Ulloánshttp://ieu.gal/
Velaquí POEMAN II, o libro manuscrito por distintos/-as autores/-as para conmemorar a data do 25 de novembro, Día Contra a Violencia Machista. Case unha vintena de voces poéticas: Ana Mar Fraga Rábade, Ana Vila Portomeñe, Andrea Fernández Maneiro, Beatriz Dourado, Emilia Martínez Fuentes, José Carlos Ulloa García, Mariña Maceiras, Moncho Bouzas, Paco Ledo, Patricia Torrado Queiruga, Pilar Maseda, Primitivo Oliva Fernández, Teresa Ríos, Toño Núñez, Xess Mondelo, Xesús Trashorras e Ximena Mariño.
Distintas sensibilidades e heteroxéneos modos de describir con verso, e nalgún caso, acompañado de imaxe unha colectánea de emocións arredor do tema arriba mencionado.
O libro, editado polo Instituto de Estudos Ulloáns e por Gadis e coordinado polo noso socio o escritor e filólogo Xulio Pardo de Neyra, consta de 14 relatos de coñecidos escritores/as inspirados na comarca da Ulloa. Con esta presentación escoitarase de novo a voz da Ulloa en Buenos Aires, principal destino dos emigrantes da comarca a finais do século XIX e principios do XX. Ademais da presentación dos Relatos da Ulloa e da distribución gratuíta de exemplares do libro, o noso socio Antonio Jorge Salgado proxectará vídeos sobre A Ulloa, un deles coa intervención da secretaria do IEU, a historiadora e filóloga María José Gómez Alvite, así como o saúdo do director do IEU invitando aos membros das Asociacións Galegas na Arxentina a visitar a nosa comarca.
A primeira presentación do libro Relatos da Ulloa tivo lugar no mes de maio en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego; a segunda en setembro no Centro Galego de Londres; terceira realizarase o 6 de decembro en Buenos Aires, e o IEU ten proxectadas outras presentacións en Barcelona e en Euskadi.
O Concello de Vilalba vén de presentar a súa Programación de actividades para o Nadal 2019-2020. Unha programación que foi presentada pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, xunto coa concelleira de Cultura, Vanesa Siso, e a concelleira de Infancia e Mocidade, Antía Rama, e que conta con preto de 30 citas ao longo do mes de decembro e na primeira semana de xaneiro, subliñando que “intentamos introducir cousas distintas pensando nos gustos e intereses da veciñanza, desde os máis pequenos aos máis maiores, sen lembrarnos da xuventude”.