O Festival
Atlántica vai celebrar a súa oitava edición do 11 ao 20 de marzo con
actuacións en toda Galicia. O programa inclúe a participación de narradores
nacionais e internacionais. Máis información na rolda de prensa:
DATA E HORA:
martes 18 de febreiro do 2020 ás 11:30 h
LUGAR: Sala
de Prensa do Concello de Santiago de Compostela, Pazo de Raxoi
PARTICIPAN:
· Anxo Lorenzo Suárez, Director Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e
Turismo da Xunta de Galicia.
· Mercedes Rosón Ferreiro, Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira
Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do
Concello de Santiago de Compostela.
· Xurxo Couto,
deputado de Cultura da Deputación da Coruña.
· Mayte Argibay Silva, Concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo, e Lucía
Mosquera Miramontes, técnica de xestión cultural.
· Antonio Golpe Díaz, Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro Delegado da Area de
Cultura, Educación, Universidade, Deportes e Festas do Concello de Ferrol.
· Soledad Felloza | Directora do Festival Atlántica.
O domingo 23 de febreiro, ás 12 h. na Praza da Constitución de Vilalba, celebrarase o Día de Rosalía mediante a lectura pública de textos rosalianos. Un acto está organizado polo Concello de Vilalba, a Asociación Cultural CALDALOBA e Culturalia GZ.
As persoas que desexen participar deberán anotarse no seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com, indicando os seguintes datos: o seu nome completo e o poema que desexen ler, ben sexa da autora homenaxeada, de autoría propia ou doutra autoría, pero que teñan como referencia a Rosalía de Castro.
A data límite para inscribirse remata o venres 21 de febreiro ás 23:59 horas.
O sábado, 22 de febreiro, ás 20:30 h. no Círculo Recreativo e Cultural de Chantada terá lugar a presentación Lendas e Versos, de Emilia Martínez Fuentes.
Acto organizado pola Irmandade Poética e Artística Galaico-Lusa.
ESTE SÁBADO, ÁS 19 HRS, PROXECCIÓN DO FILME “CONTOU ROSALÍA”
A Casa-Museo Manuel María vai programar para as vindeiras datas unha serie de actividades coas que lembrar a figura de Rosalía e o valor e a vixencia da súa obra literaria. A primeira delas, de entrada libre, será este sábado, día 15 de febreiro, ás 19 horas, coa proxección do filme de Zaza Ceballos, protagonizada por Melania Cruz (Rosalía de Castro) e Fran Lareu (Manuel Murguía), Contou Rosalía, e co posterior coloquio co seu guionista, Raúl Veiga.
A fita, estreada o 18 de maio de 2018, baséase na vida de Rosalía en Madrid, a mediados do século XIX. Nesta cidade fai vida social, escribe e reencóntrase co historiador Manuel Murguía. Na preocupación por Galiza, as súas xentes e a súa cultura, nace entre eles unha paixón que a escritora non quere ver morrer nas cadeas con que a sociedade da época aferrolla as mulleres. O amor da escritora, desafiando limitacións de todo tipo, desenvólvese no ambiente conspiratorio do final da era absolutista.
Após a proxección, Raúl Veiga, guionista de Contou Rosalía, comentará co público asistente o filme. Director e guionista de cinema, deuse a coñecer escribindo o célebre vídeo Veneno puro (1984, gañador de varios premios internacionais) e pasou á pantalla grande co guión da longametraxe Continental (1989). Fixo de axudante de dirección en 1990 e 1991 e dedicouse xa en exclusiva a dirixir os seus propios guións a partir de A metade da vida (1994), única longametraxe rodada en galego nos anos 90. Arde amor (1999) foi a súa segunda longametraxe e mereceu múltiples premios. Tamén ten practicado a crítica cinematográfica, a análise de filmes –da que resultou o libro Esta noite no cinema (2005), finalista do premio de ensaio da AELG– e foi membro do xurado en varios festivais internacionais. O documentario El médico atento (2014) é a súa última longametraxe. Tamén escribiu e dirixiu a curtametraxe El médico seriamente enfermo (2014). Para alén disto, Raúl Veiga, Manuel Castelao Mexuto fóra do ámbito do cinema, desenvolveu unha longa actividade pedagóxica como catedrático de lingua e literatura galegas no ensino secundario e escribiu distintos libros e artigos sobre literatura galega do século XX, como o recentemente reeditado sobre o teatro de Carvalho Calero, Elucidacións na sombra. A entrada é libre até completar o aforo. Pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal
O vindeiro venres 14 de febreiro de 2020, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan a presentación do libro “TRES BICHICOMAS, DÚAS ILLAS E UNHA SEREA”, de ROSA ANEIROS, editado por Edicións Xerais de Galicia, publicación gañadora do II Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade que convocaran no ano 2018 as tres entidades antes mencionadas. No acto intervirán: a propia autora do libro, Rosa Aneiros; o director de Edicións Xerais de Galicia, Fran Alonso; a alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro, e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
Velaquí o cartaz e a nota informando de dito acto.
Este sábado, 8 de febreiro, ás 18 hrs, o narrador oral Caxoto vai contar ás crianzas que se acheguen á Casa-Museo Manuel María un CONTO PARA ESCOITAR MENTRES BAILAMOS UN VALSE. A través do manexo dos máis insólitos intrumentos musicais, descubriranos a orixe da paixón pola música dunha nena chamada Sabela.
A actividade vai dirixida para nenas entre 4 e 7 anos. O billete ten un prezo de 2 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal