O Instituto de Estudos Chairegos, co patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputacion de Lugo e a colaboracion do Concello de Vilalba, organiza, dentro dos actos previstos para conmemorar o MES DE ROSALÍA, a exposición ROSALÍA. PROCLAMAR AO MUNDO QUE GALIZA EXISTE, producida por Galiza Cultura e Vía Galega, con textos de Francisco Rodríguez e ilustrada con debuxos de Pepe Carreiro.
A exposicion poderase visitar na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba dende o 6 ata 27 de febreiro de 2026, no horario habitual do Auditorio Municipal.
O próximo sábado, día 7 de febreiro, ás 19 horas desde a Casa-Museo Manuel María organizan unha palestra, de entrada libre, con Fernán Álvarez, autor do libro A torre de Caldaloba e membro das Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego. O autor contará como foi a loita que hai trinta anos protagonizaron as Brigadas pola recuperación da Torre de Caldaloba e da súa memoria.
Aproveitando a celebración da palestra tamén está convidada a participar a deputada de Cultura, Iria Castro, para que informe da situación, a día de hoxe, da torre.
O artista “portugalego” Juan Carballo iniciou no 2026 unha nova xira para celebrar o seu XX aniversario artístico, acompañada da publicación cun novo libro e un espectáculo que combina escena e palabra. Pretende así continuar amosando o seu traballo na Galiza e Portugal, percorrendo as principais cidades, vilas e espazos culturais de referencia.
Carvalhoski – Case, case un poeta (Editorial Medulia)é o nome do novo libro que xa está disponible en todas as librarías da Galiza, e a primeira presentación será o 24 de xaneiro de 2026 ás 20:00 horas no Auditorio de Cangas de Morrazo.
A xira que arranca esta semana no Porto, coincidindo coa edición portuguesa do libro (Editorial Novembro), ten previstas datas nas dúas beiras do Miño ao longo de todo o 2026, atravesando a fronteira da lingua, publicando e actuando igualmente na Galiza e Portugal.
O formato de presentación afástase da lectura convencional para converterse nunha proposta escénica próxima ao monólogo, a medio camiño entre a performance e o recitado dramatizado, que conduce ao público por unha viaxe a través dos últimos vinte anos de creación, cheos de versos e anécdotas.
Juan Carballo é un poeta galego que transita entre o ámbito literario e o musical. Ao longo da súa traxectoria publicou poemarios e discos, ademais de realizar concertos e recitais. Cunha voz propia e recoñecible, suma nove publicacións e doce xiras desenvolvidas durante as dúas últimas décadas na Galiza e Portugal.
Intentamos confiar nos trazos dun rumbo escollido, no xeito do aceno, no sentido profundo do que sucede, no punto do horizonte ao que nos diriximos, na físgoa pola que se coa unha luz que insinúe o camiño. Obrigámonos a crer na man disposta, na acollida agarimosa, no proceso que pecha a ferida.
Pero ben puidera ser que a luz só sexa algo que vive en fuxida. Un animal asustado e perseguido por feras armadas e descoñecidas. Ben puidera ser que a cicatriz non reine e fique só a ferida.
Quizais a vida sexa simplemente a excepción. A anomalía do latexo sostido. E o equilibrio que procuramos quizais estea niso ao que irremediablemente nos achegamos, o non ser. O tempo no que cesa a loita porque nos detemos nós, ou esa versión de nós que insistimos en manter en pé. O momento no que esvaece o conflito e todo o que o alimenta.
Intúo que a violencia que golpea asiduamente forma parte do caos que impera. Un caos sen temoneiros nin capacidade decisoria. Absolutamente accidental. Algo que ocorre aleatoriamente e que deixa de facelo coa mesma impasibilidade. E nesa simpleza diluímos toda posibilidade de comprensión, a propia e a do conxunto.
Un impacto, unha desgraza, unha terrible circunstancia que parecía evitable, e todo muda. Unha metástase incontrolable, un lóstrego anulador. Todo varrido polo proceso de cambio, que só pode levar ao borrado de toda experiencia. Unha sucesión de letras nunha liña ficticia.
Inevitablemente vivimos para dirixirnos á escuridade da que procedemos. E facémolo, acotío, erguéndonos de golpes que non merecemos. Coas mans desfeitas e o aniquilamento na mirada. Mais tamén ulindo as flores que non sementamos. Exercendo o odio en todas as versións e amando de cando en cando torpemente ou arrimados a unha beleza indomable.
Talvez nada importa realmente. Nada se contextualizamos. Somos o efémero protagonizado pola miseria. Somos a miseria que recoñecemos e evitamos, cuns ollos que miran a outro lado. Digo, por exemplo, Palestina. Nada pesa, nada se sostén. Somos grans perdidos, flutuando. Partículas de po a mercé dun vento feroz e baleiro. A mirada ofrecida e rexeitada, a flor solitaria.
Pero, aínda así, déixame collerche a man e asistiremos remexidos e trementes ao amencer que asoma. Que, malia todo, asoma entre un barullo de corazóns atemorizados, entre o desvarío dunha sociedade alienada que intenta devorarnos a nós, os da sentida resistencia con frecuencia incomprendida. Unha manda de feras armadas que nos persegue e que aínda fracasa.
Un ano máis o outono toca ao seu fin. Velaquí na súa lembranza, un poema e catro relatiños.
Pinta o outono unha paleta de cores. Danza o laranxa, danza o vermello, brinca o amarelo dourado, levita o marrón, o gris azulado, e o verde musgo abraza a memoria.
Pinta o outono unha paleta de cores. Resoa a muiñeira da melancolía, as follas mortas de Prèvert acoden a nós, lembrando cando a vida era máis fermosa, cando o sol ardía con máis forza.
Pinta o outono unha paleta de cores. Bailan as follas, mingua o día, íspese o poema de caducos versos, para ser raíz, sostén de acordanzas… Repousa a terra.
A melancolía do outono é como esa parra que, muda e rebuldeira, agatuña polo que un día foi o noso fogar.
Cada novembro os merlos da nenez regresan ao camposanto dos soños.
Na necrópole das lembranzas as flores do esquecemento acompañan o silencio.
MAÑÁ DE OUTONO
Día solleiro de outono. Hai unha mestura de sons no aire que aledan a mañá: ladridos que espertan, corvear que describe círculos, sinfonía de chirlos, cacarexos de liberdade, rinchos que resoan no val, chocas que pacen no verde, campás que anuncian horas. É mediodía. O sol pousa morno nun tapiz de cores: dourados, amarelos, vermellos, marróns… El, sentado e coas mans repousando sobre o colo, os ouvidos e os ollos abertos ao mundo, deixa que o tempo se derrame lento, como as augas do regueiro que ao seu carón debuxan caligramas entre as pedras e as follas caídas. Nun momento dado, pecha os ollos… e sente que todo está en equilibrio, esquecendo por completo o ruído que enzoufa de rancor o mundo. E pensa… Pensa, mentres un lixeiro vento abanea as pólas dos castiñeiros, orfos xa de castañas, que non hai como o outono para sentirse en paz.