Presentación do libro LAREIRA DE SOÑOS na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 8 de maio, ás 19 hrs, preséntase, na Casa-Museo Manuel María, o libro Lareira de soños, de Pastora Veres. A publicación é o testemuño documental da parroquia e das xentes dos Vilares (Guitiriz), lugar natal da escritora. Na presentación, a autora estará acompañada por un veciño do seu concello e residente en Narón, o escritor e crego Xaquín Campo Freire, Xaquín de Roca.

Lareira de Soños condúcenos a lugares que nos nutren, lugares onde temos as primeiras emocións, sensacións e experiencias universais únicas, sitios cos que temos unha conexión emocional profunda e as nosas raíces inalterables.

Lareira de soños son as historias cotiás dun pequeno mundo da Terra Chá. Historias de persoas fundidas coa terra e na terra, como as herbas dos prados nos que paceron os seus animais. Son momentos percorridos polas vidas deste pequeno universo chairego, que teñen en común con outras vidas doutros lugares do mundo, as angueiras e as calamidades coas que afirman que a vida é traballo e loita.

Son tamén relatos sobre a experiencia das persoas máis novas, que viven aquí ou marcharon porque quixeron descubrir algo novo e non seguiron os pasos dos seus pais nin dos seus avós, aínda que a terra lles siga amarrada á pel.

Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Agosto

Autora: Míriam Ferradáns

Editorial: Apiario

Ano de publicación: 2019

Aos poucos días de inaugurarse abril, a poeta catalá Anna Gual publicaba nas redes unha fotografía de tulipáns, que acompañaba cun breve texto, animando a mercar flores de tempada. Polo visto, estes turbantes vexetais nacen de maneira natural despois do frío invernal, xa que os bulbos soamente florecen nestas condicións. Inmediatamente pensei en Agosto de Míriam Ferradáns –saltando dunha poeta a outra- e volvín ás súas páxinas tras varios meses desde o primeiro contacto coa plaquette.

Achegueime ao pétalo da portada e ulino. Pareceume que o olor do papel perdera intensidade e pensei que, quizais, dalgunha maneira, o contido do seu interior non chegaría a afectarme tanto. Mais non foi así. De novo, a fenda íase abrindo coma flor, resistíndose á cicatrización. Porque a fenda está moi presente neste poemario tan breve coma delicadamente fermoso. Composto por unha ducia de poemas curtos, Agosto é violentamente cativador, igual que os tulipáns que atrapan a vida. “Os tulipáns obsérvanme, seguen os meus pasos”.

Así, entre a auga que os conserva e o aire que consomen, vai aflorando unha ausencia que manca. Ausencia que a autora constrúe habilmente a partir do que conta e, sobre todo, do que non conta, aquilo que imaxinamos nas amplas marxes en branco. E con todo, acompáñanos o afecto que compartimos coas cómplices que eliximos, as amizades. Aínda que non nos digamos nada. Aínda que falte unha.

A beleza non é inocente. Ás veces a levidade duns versos poden atravesar varias capas da pel. Por iso, este Agosto chega até límites impensábeis. Así, sen permiso, coma se nada. Flúe. Cómpre deixalo sangrar.

Proxección da película ONS no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da
Deputación de Lugo
e o Concello de Vilalba, dá comezo este ciclo de cine coa proxección da película ONS, do director ALFONSO ZARAUZA, flamante gañadora do Mestre Mateo’2021, e que se levará a cabo no Auditorio Municipal de Vilalba
o vindeiro sábado 1 de maio, ás 19:30 horas.

Velaquí a nota informativa.

SINOPSE
Mariña é unha illa emocional, un ser illado na procura dun faro que a guíe no escuro. Cando non atopa esa luz séntese perdida, chea de baleiro e de medo á soidade. É na relación con Vicente onde Mariña se aferra como única táboa de salvación. Pero de achegarse excesivamente a el podería acabar por encallar e afundir. É o paradoxo do faro. A creba dun naufraxio. O misterio de Ons.

EQUIPO TÉCNICO
Título orixinal: Ons
Ano: 2020
Duración: 87 minutos
Idioma orixinal: Galego
Dirección: Alfonso Zarauza
Guión: Jaione Camborda, Alfonso Zarauza
Elenco: Melania Cruz, Antonio Durán,
Xulio Abonjo, Anaël Snoek, Marta Lado
Montaxe: Fernando Alfonsín
Dirección de arte: Elia Robles Castrillo
Vestiario: Saturna
Son: Sérgio Silva, David Machado, Elba
Fernández, Xavi Font
Música: Elba Fernandez, Xavier Font
Fotografía: Alberte Branco
Produtora: Maruxiña Film Company,
Bando à Parte
Distribuidora: BTeam

A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO POR MOTIVOS DE CONTROL DE AFOROS E OUTRAS MEDIDAS SANITARIAS, HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO BEN DIRECTAMENTE NA CASA DA CULTURA DE VILALBA.

O dúo ACORDEIRETA presenta o seu traballo “Loitar cantando” na Casa-Museo Manuel María

ACORDEIRETA presenta este sábado, 1 de maio, na Casa-Museo Manuel María o seu traballo “Loitar cantando”

Patricia González Iglesias (pandeireta e voz) e Alex Balbuena (acordeón, bombo e voz), ACORDEIRETA, presentan este sábado 1 de maio, ás 19 horas, na horta da Casa-Museo Manuel María (se o tempo climatolóxico acompaña), o seu primeiro traballo “Loitar cantando”.

Estilo e son propios, formado por temas, (tradicionais, de autor e unha gran parte de creación propia) en que mesturan diferentes ritmos para crear un ambiente fresco e contundente, para escoitar e tamén bailar.

Nas súas letras non falta a poesía de Rosalía, Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez, Luz Fandiño….

Imprescindíbel reservar a través de contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete: 5 euros

Mesa redonda “O desmantelamento do rural” na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza a mesa redonda “O DESMANTELAMENTO DO RURAL” coa que quere unirse á reivindicación da veciñanza de Baamonde de que continúe o alumnado as clases no Colexio desa localidade, fronte ao intento de pechalo por parte do Concello de Begonte e máis da Xunta de Galicia.
O acto terá lugar o xoves 29 de abril de 2021, ás 20 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
Intervirán as seguintes persoas:
Paula Iglesia Ares, secretaria da ANPA do Colexio de Baamonde e portavoz deste colectivo.
Isabel Calvete Carrera, presidenta da Federación de ANPAS de centros de Ensino Público da provincia de Lugo (FAPACEL) e vicepresidenta da Confederación Galega de ANPAS.
Xosé Luís González Farelo, presidente da Asociación de Veciños/as de Baamonde.
A entrada será libre ata completar aforo, cumpríndose estrictamente a normativa anti-covid, demostrando unha vez máis que “A cultura é segura”.

Adxúntase nota informativa.