VILALE, I Feira do Libro de Vilalba, o 11 e 12 de xuño

Vilalba terá a súa I Feira do Libro os vindeiros 11 e 12 de xuño, en formato reducido e adaptada á situación sanitaria. Así o veñen de anunciar desde as concellerías de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Cultura do Concello de Vilalba.

Participarán da mesma as librarías locais Andel, Pergamino, Paperix e Carlín, así como Trama de Lugo, especializados en literatura infantil, xuvenil e novela negra, que farán un desconto do 5%. Ademais, o Instituto de Estudos Chairegos, promulgadores de distintas obras publicadas por autores e autoras da comarca, tamén terán un posto dentro da feira. 

Nesta mesma aposta por poñer en valor o local, sucederanse unha serie de sinaturas de libros distribuídas nos dous días de feira, a meirande parte de autores e autoras vilalbesas, como a historiadora e xestora cultural Miriam Fernández, da Asociación de Mulleres de Insua, a filóloga e escritora Cecilia F. Santomé, a tradutora Antía Veres, ou o ilustrador Eduardo Baamonde. Tamén estarán presentes Xosé Miguel Barrera, XLV Premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba, e Antía Yáñez, III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa Infantil e Xuvenil pola igualdade, organizado polo IESCHA, o Concello de Vilalba e a editorial Xerais.

A música e a normalización lingüística da primeira infancia tamén acompañará esta cita literaria. O venres 11 de xuño terá lugar a “Festa das primeiras letras”, unha proposta que se enmarca dentro da Feira do Libro para promover a socialización en galego de nenas e nenos de 0 a 6 anos. Así, haberá un obradoiro de arrolos da man de Mamá Cabra, narración oral con Bichocas, de Xarope tulú, e un espectáculo musical nomeado Catuxo, de Magín blanco. No que atinxe ao sábado 12 de xuño, haberá obradoiros para pequenos/as cada media hora no posto habilitado na propia praza, de 11 a 14h e de 17 a 20h. A asociación cultural Entre Lusco e Fusco ambientará a feira con música tradicional a partir das 12 horas, e unha pequena representación da Banda de Música de Vilalba realizará un concerto ás 13 horas.

O alumnado da Biblioteca Agustín Fernández Paz, do Instituto de secundaria Santiago Basanta Silva de Vilalba fará unha lectura de textos na tarde do 12 de xuño, e finalizarase a feira cun sorteo de dous lotes de libros infantís e xuvenís e outros dous xenéricos entre todas as persoas que adquiran libros ao longo destes dous días,  poñendo o colofón final co concerto musical de Migallas, “merenda con pan de millo”.

As concelleiras Antía Rama e Vanesa Siso quixeron agradecer a boa disposición de librarías, autores e autoras e grupos e colectivos locais para poñer en marcha esta feira despois dun ano moi complicado.

“Pensamos que é unha boa forma de contribuír á normalización e recuperación de sectores moi afectados pola crise económica e sanitaria, neste caso co sector do comercio do libro, sacando parte da súa mercancía á rúa e facendo un desconto para fomentar a compra”, explicou Rama.

“Apostamos polo recoñecemento, apoio e posta en valor das nosas librarías, do traballo literario de persoas con raíces vilalbesas, ou ben premiadas nalgún dos certames impulsados polo Concello xunto con outras entidades, e tamén dos grupos e colectivos locais que dun xeito ou outro manteñen vida a cultura do pobo”, afirmou Siso.

A concelleira de Infancia e Mocidade tamén aseverou que “neste primeiro ano organizamos unha feira reducida por mor da situación sanitaria, que agardemos sexa o primeiro chanzo dunha cita con arelas de crecemento ano tras ano, vencellada nesta primeira edición a todos os tipos de literatura, pero especialmente á infantil e xuvenil”.

Pola súa banda, a edil de Cultura manifestou “a importancia de desenvolver unha oferta cultural e de lecer de calidade, pensando nas próximas xeracións e situando a cultura como un dereito fundamental, con iniciativas que normalicen e apoian a nosa lingua e identidade propia desde idades temperás”.

Ámbalas dúas animan a toda a veciñanza a achegarse á feira para desfrutar de todas as actividades e descubrir mundos novos a través dos libros, respectando sempre todas as medidas de seguridade.

*Información recollida da web do Concello de Vilalba

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Ella pisó la Luna. Ellas pisaron la Luna

Autora: Belén Gopegui

Editorial: Literatura Random House

Ano de publicación: 2019

É a primeira vez que leo a Belén Gopegui e sei que non será a última. Descúbroa grazas a unha mención que Irene Vallejo realiza nun dos seus libros. Nos últimos meses, sen pretendelo, esta vén sendo unha práctica habitual en min: pasar dunha escritora a outra por recomendación dunha primeira. E así vou tecendo, cal Penélope, unha rede de lecturas sororal.

O texto obedece a unha conferencia impartida pola autora en marzo de 2019 no ciclo titulado Ni ellas musas ni ellos genios. Mais poderiamos dicir que o contido desta conferencia é, de entrada, inesperado. A protagonista destas páxinas é, nin máis nin menos, que Margarita Durán, unha grande anónima (coma tantas outras) que merece ocupar, tan sequera, un pouco do noso prezado tempo.

Gustaríame advertir que a voz que conduce esta historia non é a dunha filla. Aínda que achega información de primeira man, á que accede, precisamente, na súa condición filial, este relato transcende o ámbito privado da familia. E, asemade, o relato extrapólase a outras moitas vidas tapadas por algún dedo Sol.

A medida que vou sabendo máis sobre Margarita Durán, vou tirando, simultaneamente, do fío da propia xenealoxía feminina. Atopo demasiados nexos entre a protagonista do libro e algunhas das mulleres que me precederon. A lectura acaba por converterse nun exercicio de introspección e agradezo que me coloque nese terreo pantanoso dos interrogantes.

Que foi dese talento que non puideron desenvolver (elas)? Que camiños seguirían as súas vidas de teren a oportunidade de exercelo? Por que atopo tantos obstáculos para dedicar o meu tempo ao que realmente desexo? Quen me pasou este testemuño? Quen me di “cala nena, cala”?

O persoal segue sendo político e Belén Gopegui lémbrao, cunha escrita honesta e comprometida, nestas páxinas. Non por casualidade recolle esta cita de Adrienne Rich, que hoxe copio nun post- it: “Nadie nos dijo nunca (a las mujeres) que tendríamos que estudiar nuestras vidas (…) como si fueran historia natural o música”.

Fallo do III Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2021

O xurado vén de emitir o fallo do III Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2021, organizado polo Concello de Vilalba en colaboración con Culturalia GZ.

Categoría INFANTIL
🥇Mencía Naz Martín, “Onde estou” (Vigo)
🥈Paula Pérez Cendán, “Océano” (Vilalba)
🥉Deserto

Categoría XUVENIL
🥇Abril Viqueira Pose, “Vía de escape” (Ordes)
🥈Lucía Martínez Lago, “Normal” (Vigo)
🥉Mariña Maceiras Segovia, “Xurista” (Pontevedra)

Categoría Persoas ADULTAS
🥇 Jose Ángel Corral Suárez, “Crescendo” (Bertamiráns)
🥈José Manuel Souto Lema, “Uns polos outros” (Coristanco)
🥉Patricia Torrado Queiruga, “En carne viva” (Porto do Son)

XURADO
🔸Mercedes Queixas, profesora e escritora
🔸Ánxela Gracián, tradutora e escritora
🔸Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario

En canto aos microrrelatos premiados e finalistas, o xurado quixo destacar a alta calidade dos traballos na categoría de persoas adultas, con propostas de moi diversa natureza, valorando o nivel de esixencia nun formato moi reducido que ten unha dificultade engadida para condensar unha historia imbuida no mundo referencial ao que remite a palabra libro. En canto ás categorías infantil e xuvenil, o xurado anima a unha maior participación en edicións futuras.

️Parabéns a todas as persoas premiadas, e moitas grazas por participar a todas e todos!!!

Presentación do libro O PAU DE FERRO, de Xosé Manuel Felpeto Carballeira, o vindeiro venres 4 de xuño na Casa da Cultura de Vilalba

 O vindeiro venres 4 de xuño de 2021, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba presentarase o libro O PAU DE FERRO, de Xosé Manuel Felpeto Carballeira.

Intervirá no acto o autor do libro Xosé Manuel Felpeto, que será presentado pola presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro.

Velaquí a nota informativa.

DESCONCERTO, espectáculo cómico sobre a música clásica, este sábado 5 de xuño na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 5 de xuño, ás 17 hrs, DESCONCERTO, espectáculo cómico para as nenas/os e familias, con Félix Rodríguez e Fran Rei, na Casa-Museo Manuel María.

DESCONCERTO é un espectáculo cómico sobre a música clásica de Culturactiva Producións, posto en escena por Félix Rodríguez e Fran Rei e dirixido por Marcos Orsi.

Os nosos protagonistas chegan tarde ao recital. Coa orquestra a piques de comezar e o público preparado para gozar, vense na obriga de improvisar para saíren da situación. A partir deste aloucado punto de partida, o espectáculo vai avanzando e o programa previsto vaise executando con algún que outro atranco cómico.

DESCONCERTO é, en definitiva, un divertimento que mestura temas en directo con rigorosos play-backs sobre a música culta, un achegamento á música clásica a través do humor. Montaxe cómica que combina música, teatro, humor e moito ritmo para ofrecer unha imaxe amena e atractiva da música clásica.

Ao longo dos seus 60 minutos de duración, neste espectáculo conviven pezas musicais clásicas de compositores como Leroy Anderson, Bach, Khachaturian, Mozart, Beethoven ou Rossini, e rutinas teatrais cómicas protagonizadas polo director da orquestra, diversos solistas, cancións a dúo, unha conferencia condensada sobre a música clásica e até un número de ballet.

Billete 2 euros. Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
Se o tempo acompañar, a actividade levarémola a cabo na horta da Casa-Museo Manuel María.